O outono parece que entra con forza. O día preséntase baixo unha néboa intensa, aínda que pola tarde din que estará soleado. Nos cristais que están ó norte, detecto por primeira vez a condensación típica dun día de inverno. E fai algo de frío.
Almorzando, escoito na radio a noticia sobre un experimento que podería poñer en dúbida un dos postulados da teoría da relatividade especial de Einstein, aquel que di que a velocidade da luz é un máximo, e que o seu valor é independente do sistema de referencia: un dos piares da física moderna. Era o que nos faltaba! ... Acudo a internet e, en efecto, o denominado experimento OPERA fixo públicos onte uns resultados, relativos á medida da velocidade duns feixes de neutrinos de alta enerxía, que demostrarían que tales partículas terían viaxado a unha velocidade superior á da luz. Segundo eses resultados, os neutrinos, no seu desprazamento entre o CERN de Xenebra, lugar onde foron producidos, e un laboratorio subterráneo no Gran Sasso, en Italia, a 730 km do CERN, terían realizado o percorrido en 60 nanosegundos menos cá luz (que tardaría 2,4 milisegundos): «..si el resultado anunciado fuera cierto. Sería uno de los mayores descubrimientos desde 1898, cuando Michelson y Morley establecieron que la velocidad de la luz es la misma para todo observador en movimiento no acelerado…», opina Álvaro de Rújula, un dos físicos españois de máis prestixio internacional, nun interesante artigo (Más rápido que su sombra) que publica no diario El País, no que, por certo, se amosa máis ben escéptico con respecto a estes resultados: « En mi opinión, la reacción más razonable al resultado de OPERA es preguntarse dónde está el sutil error. En estas ocasiones hay que hacer más experimentos antes de vender la piel del oso. Y mojarse. Si el resultado se comprueba me corto la tiza, como los samuráis quiebran su sable.». Ben… Eu, na miña ignorancia, non apostaría algo tan valioso: resístome a crer que na Física –coma en calquera outra disciplina- estea escrita a última palabra. Paréceme que, do mesmo xeito que os resultados do experimento de Michelson e Morley deron lugar a unha Física baseada en novos postulados, nalgún momento os resultados doutros experimentos obrigarán a revisar estes nos que agora creemos. Por que o OPERA non podería ser un deles? Máis prudente me parece a postura de Hawking: «É pronto para sacar consecuencias». Tamén resulta importante darse conta de que eses novos postulados, no caso de que se establecesen, non van enterrar ós actuais, simplemente serán os que se deberán aplicar nuns contextos determinados. Do mesmo xeito, os postulados de Einstein non me eximiron a min nin ós meus alumnos de estudar as leis de Newton, perfectamente válidas en tódolos sistemas nos que resultan insignificantes os efectos relativistas –por certo, a maioría dos sistemas que coñecemos o común dos mortais-. Claro que, resulta comprensible que nunha sociedade tan desexosa de acontecementos espectaculares –por algo se ten denominado a sociedade do espectáculo- coma a nosa, unha postura de calma e normalidade tal vez non sexa a que mellor se venda.
O que me asombra de verdade é a revolución que supuxo INTERNET. Onte fixéronse públicos estes resultados, e onte mesmo calquera individuo tan insignificante coma min, en calquera parte do mundo, puido ter acceso á roda de prensa que deron os membros do equipo que realizou o experimento e ó texto integro do propio traballo: esta si que é unha verdadeira revolución, impensable hai tan só vinte anos. Polo demais, quedareime cunha gran verdade que aparece no artigo de Álvaro de Rújula: “a luz viaxa máis rápida có son, de aí que, en xeral, todos parezamos máis intelixentes antes de falar” (e máis guapos, segundo xa se sabía).
Agora, está saíndo o sol. Comprobo que permanece aí e que nós seguimos xirando ó seu derredor segundo o establecía a Lei de Gravitación Universal de Newton. É unha grande, fermosa e tranquilizadora noticia. Vou a celebrala.
O Carballiño, 24 de setembro do 2011
Adenda de 10 de xuño de 2012
Einstein tiña razón. Catro experimentos desmontan o erro dos neutrinos máis rápidos cá luz.
Máis información no artigo "Zanjado: Einstein tenía razón" do mesmo diario de 09/06/2112. Tamén resulta moi interesante a opinión sobre este asunto de Cayetano López, físico e director do Ciemat: "Un resultado incómodo".