Mostrando entradas con la etiqueta Pla. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Pla. Mostrar todas las entradas

sábado, 2 de junio de 2018

Libros



Este pasado luns, 23 de abril, foi o día internacional do libro, celebración instituída pola UNESCO co fin de fomentar a lectura e a industria editorial. Conmemora o pasamento de Cervantes e o de Shakespeare, que faleceron o mesmo día do calendario do ano 1616, pero en días distintos. Esta aparente adiviña explícase considerando que nesa época España e Inglaterra tiñan calendarios diferentes. España usaba o gregoriano desde 1582, mentres  Inglaterra mantivo o antigo xuliano ata 1752. En España, ó xoves 4 de outubro de 1582 seguiulle o venres 15 de outubro, de xeito que aquel ano só tivo 355 días. En Inglaterra, en 1752, despois do mércores 2 de setembro veu o xoves 14, e os ingleses, con gran enfado, perderon 11 días dese ano. En consecuencia, o 23 de abril de 1616, cando en  Madrid falecía Cervantes, en Inglaterra aínda era día 12, e Shakespeare estaba vivo. Morreu once días despois, o 23 de abril, cando aquí xa era o 3 de maio, o día da Santa Cruz.
Pero do que quería escribir era dos libros e da lectura, e da súa importancia. Nesta cuestión, coma en case todas, aparecen dúas posicións extremas: a dos que pensan que os libros son a fonte máis importante de sabedoría e que todo aquel que non os le é un ignorante, e a dos que consideran que apenas se precisan libros para aprender o fundamental da vida... Que penso eu? Pois que cos libros pasa coma cos alimentos: que a algúns conviríalle comer máis e a outros menos; que o que  a un lle senta ben a outro pode sentarlle mal; que os padais son distintos e cambian co tempo e coas circunstancias, e que  non só de pan vive o home.
O padre Sarmiento, como é sabido, pasou a vida entre libros. Nunha carta que escribía en 1745 declaraba que todo o que sabía era grazas ós libros. Non obstante, anos despois, en 1760, logo dalgunhas saídas do convento e de certas viaxes, coma as que fixo por Galicia en 1745 e 1754, escribía: «O pouco que sei de substancia, non o sei polos seis mil libros que teño, senón polo pouco que andei fora da miña cela». Referíase Sarmiento ó que aprendera no gran libro da vida e da natureza. O mesmo libro do que nos fala Diderot en Jacques o Fatalista, cando o amo, asombrado pola precisión dos razoamentos do seu criado Jacques, exclama: «Pero, onde diaños aprendiches ti todo iso?», e o servente  responde: «No gran libro. Ah, meu amo! Xa pode un reflexionar, meditar e estudar todos os libros deste mundo, que non pasará de modesto escolante se non é capaz de ler no gran libro».
Xusto nese gran libro sen follas era onde máis lía o meu admirado Josep Pla, que non por iso deixaba de ser un magnífico lector de libros con follas, pero que advertía contra o exceso de afección libresca sentenciando algo que resulta obvio: «O home non veu ó mundo para ler libros». E que, convencido da superioridade do mundo real fronte ó imaxinario, chegara a lanzar contra  os adultos que len novelas este sonoro exabrupto: «O  que a partir dos trinta e cinco anos le novelas é un cretino». Desmitificador dos libros onde os houbera, Pla deixou escrito no Caderno Gris: «Os libros dinnos que existe o amor, a gloria, a grandeza [...] A vida dinos que no hai nada diso [...] Non hai nada do que poñen os libros.». Esaxeraba, claro está, pero non perciben un gran fondo de razón  en todo iso que escribía?
Por certo, Pla tamén finou un 23 de abril. De 1981. En Llofriu.

Artigo publicado no diario La Región o domingo 29 de abril do 2018.


domingo, 24 de diciembre de 2017

O home común


Dicía Pla que os homes somos animais climáticos, pero eu engadiría que tamén estacionais. É dicir, o clima participa de forma fundamental no noso xeito de ser,  pero o transcurso das estacións tamén vai marcando de forma cíclica o cambio da nosa sensibilidade e dos nosos estados de ánimo. Isto nótase ben cando se escribe con certa periodicidade, pois vese como certos temas de reflexión resultan ser característicos de cada tempo.
A min pásame, por exemplo, co asunto da importancia das tabernas, que sempre me vén ó maxín coincidindo coa invernía. De feito, hai catro anos escribín nestas mesmas páxinas un eloxio das mesmas. E quixo o azar que este ano coincidisen eses pensamentos tabernarios con dúas lecturas de Chesterton: “A tasca errante” (1914), unha novela, e “O home común” (1936), unha colección de ensaios. Tales libros viñeron a demostrarme algo que xa sabía: que entre as principais utilidades da lectura está a de facernos conscientes dunha das máis grandes verdades bíblicas: que «nada hai  novo baixo o sol», nin sequera no espazo das ideas. En palabras do propio Chesterton: «todas as ideas novas poden atoparse nos libros vellos». En consecuencia, e como non podía ser doutro xeito, resultou que o eloxio das tabernas xa estaba escrito, e moito mellor do que eu xamais o faría. Pero non deixa de producir satisfacción atopar nun gran autor ideas semellantes ás que a un lle circulan pola testa, aínda que non posúa o talento necesario para expoñelas coa mesma graza e  claridade.
“A tasca errante” é un conto extenso, que narra unha historia tan divertida coma incrible: a de dous amigos proscritos por decidir converter a taberna dun deles, “O vello navío”, en establecemento móbil e fuxitivo por toda Inglaterra, logo de que un fanático primeiro ministro decretara o peche de tódalas tabernas en nome do “entendemento ecuménico das culturas”. Trátase dunha metáfora do que pode suceder cando se proscribe algo que resulta común e tradicional para a xente común, caso das tabernas. Para Chesterton está moi claro: na persecución do home común e da súa cultura, así coma na busca do home excepcional e dunha cultura exclusiva, está o xerme de todos os fundamentalismos e de todas as seitas.
Chesterton amaba as tabernas, a cervexa, as costeletas, as cantigas e contos populares, as discusións tabernarias cos amigotes..., todo o que desprezaban os homes refinados. E detestaba ós abstemios, ós vexetarianos, e a calquera tipo de aristocracia, tanto económica coma cultural. A súa tese fundamental era que a suposta emancipación moderna da sociedade centrárase especialmente en perseguir ó home común e en proscribir a súa cultura, mentres a economía liberal tan só se ocupara de darlle ós ricos a liberdade para ser máis ricos, e ós pobres o permiso para ser máis pobres. Pero se algo incomodaba a Chesterton eran os denominados “homes da cultura”, que «se alimentan só de libros» e que na súa «común ignorancia» entenden que a liberdade consiste en ir pola vida organizando seitas e en  ir sacrificando todo o que nos une cos demais... Ai! Me parece que seguimos nas mesmas!
Machado e Chesterton, aínda que eran dun tempo, raramente chegarían a lerse. Non obstante, uns dez anos antes de que Chesterton publicara “A tasca errante”, Machado escribira  un famoso poema no que se compara a eses «pedantones al paño/ que miran, callan y piensan/ que saben, porque no beben/ el  vino de las tabernas», coa xentiña do común,  que «donde hay vino, beben vino;/ donde no hay vino, agua fresca/.../buenas gentes que viven,/laboran, pasan y sueñan/ y en un día como tantos,/ descansan bajo la tierra.». Si: «todas as ideas...

Artigo publicado no diario La Región o domingo 10 de decembro do 2017.

lunes, 9 de octubre de 2017

Josep Pla

Ninguén sabe o que vai pasar este xa fatídico 1-O da historia de España e de Cataluña, pero o que desexamos case todos é que pase en paz. Mentres, resulta  case imposible situarse á marxe do gran problema no que nos meteron. Porque, tal como di o historiador Álvarez Junco, isto nace dun conflito entre as elites políticas, basicamente barcelonesas e madrileñas, competindo por apropiarse de competencias e recursos. Foron elas as que encirraron ó pobo, e agora estamos onde estamos. O pobo, en xeral, salvo catro exaltados, o que quere é tranquilidade e benestar, pero as elites son conscientes de que tampouco é tan difícil mobilizalo apelando a sentimentos e paixóns enquistadas. Os políticos responsables, que saben que non todo está permitido para tombar ó contrario, abstéñense de tocar certos rexistros. Pero cando medra a irresponsabilidade da clase política, como ten medrado en España, abandónase ese principio e calquera cousa pode suceder. Dito isto, subliño que a responsabilidade principal do que está pasando correspóndelle ó goberno da Generalitat.
E nestes días de voraxe informativa, cando escoitaba as opinións dalgúns dos  manifestantes que tomaron as rúas de Cataluña, lembreime de Josep Pla (1897-1981), un dos máis grandes escritores que ten dado Cataluña e referencia intelectual permanente para min.
Aparte da admiración mutua por Montaigne, Proust, Baroja ou Machado, comparto moitas das ideas do Pla maduro e experimentado -menos do Pla mozo-, pero a máis importante talvez sexa a do escepticismo respecto dos homes. «Non creo moito nos seres humanos» e  «Este mundo resulta incompatible coas persoas honradas» son dúas sentencias de Pla que subscribo totalmente. E asombroume ver como estudantes universitarios que apenas entraran na primavera da xuventude xa tiñan totalmente claras as raíces e as saídas do irresoluble problema de Cataluña, o mesmo cós adultos consultados. Pla, lembrando a súa xuventude, escribira: «Ós vinte anos tense unha visión moi simplista das cousas»; e sobre Barcelona e os barceloneses apuntara algo que agora resulta común en calquera sitio: «Esta é unha cidade na que todo o mundo o sabe todo». Mal o ten entón a razón traballada (non hai outra) nesta contenda.
Entusiasmados, os entrevistados falaban da república ideal que van crear: democracia perfecta, traballo para todos, servizos sociais inmellorables, corrupción cero, ...: unha Arcadia feliz. E outra vez Pla, nesta ocasión contestando a alguén que lle falaba mal da monarquía: «Se vostede me di que a monarquía é unha merda eu contéstolle con obxectividade total que a república tamén o é. As obras dos homes son o que son, e non poden ser outra cousa».
Tamén saía o tema do inxusto trato económico a Cataluña. E Pla, que coñecía moi ben a historia do seu país, xa tiña resposta para esta vella cuestión e para a asociada en favor da independencia: «A riqueza catalá parte de Joan Güell y Ferrer, impulsor do proteccionismo en España; desde entón Cataluña é un país inmensamente rico, groseiro e espantoso»; «O  catalanismo non debería prescindir de España: os cataláns fabrican moitos calzoncillos, pero non teñen suficientes cus».
Pla sabía moito da política e dos políticos cataláns, pasara polo nacionalismo e incluso polo independentismo, pero despois dos sucesos da II República e da total falta de lealdade de Esquerra con España, acabou repudiando o catalanismo político (que non o cultural) e posicionándose en contra de calquera variante do irredentismo e do vitimismo catalán.
Apunte final: desde 1969 entrégase en Cataluña o Premio de Honor das Letras Catalás. A Josep Pla, o seu escritor máis universal, nunca se lle concedeu.

Artigo publicado no diario La Región o domingo 1 de outubro do 2107.

viernes, 28 de julio de 2017

Vagabundear

Permítanme que titule o último artigo desta temporada coma unha canción de Serrat: Vagabundear, aquela que con aire de zamba arxentina comezaba: «Harto ya de estar harto, ya me cansé/ De preguntar al mundo por qué y por qué/ La rosa de los vientos me ha de ayudar/  Desde ahora vais a verme vagabundear/ Entre el cielo y el mar, vagabundear...». Porque estamos de vacacións, e tomo un descanso. A escritura crea adición, e na práctica do columnismo, aínda que sexa como diletante, un corre o perigo de acabar vendo a vida en forma de artigos, o que non desexo en absoluto.
E chegadas as vacacións parece obrigado exercer de turista, pero xa saben o que penso do “homo turisticus et peregrinator”, así que trato de practicar ese oficio o menos posible. Porque, a pesar de que tal cousa poida considerarse herexía na Galicia actual, declaro a miña escasa simpatía polo turismo de masas. Non obstante, considero positivo o cambio de aires, e gústame viaxar e que a xente viaxe, sobre todo cando é nova; porque a viaxe é unha das formas principais de descubrimento e aprendizaxe. Moitos pensan que viaxe e turismo son sinónimos, pero voulles lembrar algo que dicía o meu admirado Josep Pla, coñecedor de medio mundo: «He viajado muchísimo, pero nunca fui un turista». Ata tal punto fuxía Pla dos turistas que o seu medio de transporte preferido eran os petroleiros, e iso que apenas o deixaban fumar neles.
Tamén hai quen pensa que a calidade dunha viaxe ten que ver coa distancia percorrida. Contra isto escribiu Pla dous libros deliciosos nos anos corenta: Viaje a pie e Viaje en autobús. En ámbolos dous recolle  impresións de viaxes a voo de galiña polo seu Empordà natal, e conclúe que ningunha viaxe pode ofrecer tanto interese coma a que leva a descubrir o país propio. E como autobuses locais apenas quedan, centrareime no primeiro libro, que  vén a dicirnos que se un quere coñecer o seu país, unha curta viaxe a pe por algunha das súas comarcas pode ser unha das formas máis doadas e eficaces de logralo. Trataríase simplemente de ir paseando de lugar en lugar e de ir falando coa xente. A pausada velocidade do camiñante resulta óptima para descubrir a fermosura das paisaxes, e na charla coa xente desvélase a maneira de ser máis auténtica e real dun pobo. Evidentemente, as impresións de Pla, tanto no retrato das paisaxes coma no da xente, refírense ó Empordà, e xusto a aqueles difíciles anos da posguerra marcados pola escaseza. Pero sorprende ver como a idiosincrasia do payés catalán pode resultar tan  semellante á do campesiño galego, e o retrato social ben podería reflectir unha realidade moi parecida á nosa dos anos cincuenta, e incluso de principios dos sesenta.
Pero o motivo principal de contarlles todo isto era que talvez esta opción da viaxe a pe, tan barata coma formativa, puidera ter certo interese de última hora para algún lector despistado que aínda non sabe que vai facer no seu tempo de vacacións. Claro que é probable que este tipo de viaxe non se adapte a todo tipo de persoas. En concreto, penso que non é viaxe para mozos, senón para «cuando uno ya está curado de la petulancia de creer que sabe algo de las cosas y busca en los demás lo que le falta y necesita». Ademais, convén advertir que esta viaxe non lle vai facer gañar ningún prestixio entre familiares e amigos, máis ben é probable que comecen a catalogalo coma un tipo raro.
En fin. Deixo aquí a idea e voume como comecei, co Vagabundear de Serrat. «Como un cometa de caña y de papel/ me iré tras una nube pa´ serle fiel/ A los montes, los ríos, el sol y el mar/ A ellos que me enseñaron el verbo amar...»: que ben está todo isto!   

Sexan felices: vagabundeen libremente. 

Artigo publicado no diario La Región o domingo 23 de xullo do 2017.







lunes, 16 de enero de 2017

Gran Cañón


Gústanme as películas escritas e dirixidas por Lawrence Kasdan, desde aquela primeira e magnífica Fuego en el cuerpo (1981), con William Hurt e Kathlen Turner. Logo virían outras notables coma Silverado (1985) ou El turista accidental (1988), pero a que se considera a súa obra mestra é Gran Cañón (1991), aínda que o guión talvez dese para algo máis.
Lembrei estes días esa película, que trata do azaroso que resulta sobrevivir por enriba do fondo violento e deshumanizado da sociedade. Sobre ese fondo, exemplificado na cidade de Los Ángeles a principios dos noventa, media ducia de protagonistas de diversas clases sociais, desde un rico produtor de cine ata un humilde condutor de camión, pasando por un avogado de clase media, tratan darlle sentido ás súas vidas. Kasdan vainos mostrando como debaixo da superficie aparentemente segura da sociedade da opulencia, existen diversas e ameazantes faias que as clases medias e altas, instaladas no seu cómodo benestar, prefiren ignorar; ata que un día un feito traumático lles ensina o milagroso que resulta seguir vivo ó remate do día. Kasdan non propón solucións, simplemente convida por boca do máis humilde dos protagonistas, o camioneiro, a ir a ver o Gran Cañón, a gran rachadura, pois como di: «cando estás alí dáste conta da merda que somos e do absurdo que resulta darlle tanta importancia á maioría das cousas». 
E foi unha visita ó meu “Gran Cañón” a que me fixo lembrar a película: porque todos podemos ter o noso “Gran Cañón” particular. O meu está aquí, moi cerca de onde vivo, na lomba dos montes da Madanela, que separa as terras do Irixo das do Carballiño. Desde alí tense unha das mellores vistas da vila do Carballiño, e máis ó lonxe divísanse case tódalas serras de Ourense, desde a Martiñá ó Suído, pasando por Meda, Manzaneda, San Mamede, Larouco, Leboreiro,... É un exercicio moi formativo subir ós montes, sen ningún espírito de conquista, tan só para mirar, observar e meditar. E estes días,  de néboa nos vales, o espectáculo resultaba grandioso. Era coma se o mar océano se houbera elevado uns douscentos metros sobre o seu nivel e tivese  penetrado polo Miño arriba ata convertelo nunha enorme ría. Mirando, fixábame eu, tomando como referencia o xeitoso e inconfundible picacho do Coto de Novelle, onde estaría situado o Ribeiro de Avia, e Leiro, e a miña nativa parroquia de San Clodio.  E todo iso resultaba ser apenas nada naquel mar de néboa mesta. Resultaba incrible que tantos séculos de historia, tantas xentiñas e tantos traballos, tantas alegrías e tantas xenreiras, tantos éxitos e tantos fracasos, ocupasen aquel nada asolagados no océano da néboa... Josep Pla, unha das miñas amizades intelectuais máis firmes, dicía que unha das poucas conviccións que tiña era a da enorme magnitude da nosa ignorancia, e que non se cansaba de ler os Ensaios de Montaigne, porque tiña o gran humanista francés unha idea moi precisa da insignificante posición do home sobre a terra. E xusto iso é o que percibe un cando observa o mundo desde calquera “Gran Cañón”.
Comeza un novo ano. Pasará o inverno e coa primavera iranse disipando as néboas, despois chegará a plenitude do verán, e máis tarde retornarán as douradas luces do outono, preludio dunha nova invernía. E dentro dese decorado cíclico e climático seguirá transcorrendo a oscilante, azarosa e fuxidía vida dos homes; no medio da máis absoluta indiferenza cósmica. Por iso nunca convén inchar moito o peito.


Artigo publicado no diario La Región o domingo 8 de xaneiro do 2017

martes, 10 de mayo de 2016

Paxaros


Os habitantes do campo temos moitas desvantaxes respecto dos da cidade, pero mantemos algunhas vantaxes. Unha das máis importantes, ó meu ver, é a conservación do contacto coa natureza, mestra fundamental da vida. E isto tamén se nota na creación literaria, porque os autores dos que máis se aprende case nunca perderon a relación co medio natural. Pensemos por exemplo en Pla, en Delibes ou en Otero Pedrayo: a obra do primeiro non se explicaría sen a súa vivencia do Ampurdán; tampouco a do segundo sen o seu íntimo contacto co rural de Castela, e menos a de Otero se ignoramos que o centro da súa mirada sobre Galicia estaba no pazo de Trasalba. Ademais, en épocas convulsas, unha ollada á natureza axuda a recompoñer equilibrios perdidos.
  E pola entrada da primavera sempre hai un elemento da paisaxe que chama a miña atención especialmente: os paxaros. Talvez porque tanto a casa petrucial de San Clodio coma a familiar do Carballiño constitúen observatorios privilexiados sobre as amenas ribeiras do Avia e do Arenteiro, que son lugares predilectos para estas aves; pero tamén porque neste tempo é cando máis se fan notar cos seus cantos e recantos.
Compráceme observar os paxaros. E paréceme que, con respecto a hai corenta ou cincuenta anos, diminuíron moito os gorrións, que antes tiñan a maioría absoluta neste reino, e case desapareceron os verderolos, tan abundantes antano. Tamén minguou a poboación de cirrios –un ceo azul non acada a máxima fermosura sen cirrios voando-, e a de rulas. E hai anos que non vexo vichelocregos, que tanto nos gustaban ós nenos, polo seu áxil voo e pola vistosa cor amarela do seu corpo. Non obstante, aumentaron moito os merlos, corvos e miñatos, e digo isto sen segundas. Pero dun lugar a outro hai diferenzas: no Carballiño abundan as pegas, e en San Clodio (a nove quilómetros) apenas se ven, cando antes eran moi comúns (os herbicidas?); pero o contrario sucede coas anduriñas. Nas beiras do Avia e do Arenteiro é fácil ver a lavandeira real, o merlo rieiro e ata o fermosísimo martín peixeiro, especies todas propias de augas limpas. E pola miña finca pasan a miúdo pombos, tordos, estorniños, lavandeiras, xílgaros, piscos, petos reais e ata algún gaio, amén doutras especies que non identifico. Tamén me visita con frecuencia o meu preferido, que é o ferreiro rabirrubio, un paxariño solitario do que me namora o xeito tan elegante que ten de mover o seu rabo arpado. O ano pasado incluso tiven pousado nunha claudieira ó esquivo cuco, ó que este ano oín cantar tarde, xa entrado abril, e con menos forza ca outros anos.
  Pero, por que merecen tanta atención os paxaros? Porque neles compleméntanse dúas poéticas esenciais: a do voo e a do canto. Na primeira, o paxaro representa o voo da nosa imaxinación; e a verdadeira atracción, apunta Bachelard, non vén tanto da fermosura dos paxaros coma da beleza intrínseca do voo. Aspiramos  atravesar o espazo coa lixeireza do paxaro, e dese xeito o voo pasa a ser un centro dos nosos soños. O voo onírico convértese así nun estado de felicidade, de voluptuosidade do puro, que descoñece a traxedia; por iso, só se voa en soños cando se é feliz. A segunda poética, a do canto, vén de que todas as efusións cantoras que esperta a primavera nacen do amor na súa forma máis primitiva e pura, co fin principal da conservación da especie. Como di Pla, “a conservar a especie vaise cantando”… E o caso é que agora cántase pouco, e a demografía vai como vai. Os paxaros sempre foron os máis aplicados niso; por esa razón os cantos melodiosos do reiseñor, do malvís ou do xílgaro, simbolizan a invitación ó amor… Cantemos entón.

Artigo publicado no diario La Región o domingo 8 de maio do 2016.

domingo, 29 de noviembre de 2015

Ó acolleito


Por fin parece que rematou o bo tempo. Os meteorólogos non dan crédito das temperaturas acadadas este mes de santos, de máximas en Galicia ata cinco graos por encima do normal: con terrazas a tope, con xente nas praias, con flores que non terminaban de mucharse… Pero a min, o que acabou de convencerme da realidade do cambio climático foi ver a unha señora abanicándose na misa de once, hai dous domingos,  na igrexa de Longoseiro; unha igrexa de natural fría, coma case todas. Visto o visto, ata penso que podería ter razón Delibes cando xa aventuraba hai anos que un quecemento inusitado na Terra podería selo principal perigo de extinción da civilización: porque se nas igrexas vemos abanicarse ás señoras a mediados de novembro, que non poderemos ver cando cheguen as calores dos próximos veráns? 
E o caso é que eu xa botaba de menos o frío. Porque chega un momento no que un precisa recollerse e abandonar por un tempo esa expansión vital e de portas afora que comeza na primavera e cristaliza no verán. O outono, na realidade, nunca significou unha extensión estival, senón máis  ben unha aclimatación para o recollemento invernal; un recollemento que, lonxe do que se podería pensar, sempre tivo os seus encantos.
Aparecen os primeiros fríos e, do mesmo xeito que dá gusto abrigarse para dar unha volta polas rúas desertas, mentres esa gurriana do norte che arrefría o nariz e che espabila a mente, tamén resulta delicioso recollerse no interior dun sitio cálido e confortable, e ver o frío desde detrás duns cristais abafados. Tampouco hai moitos praceres comparables ó de acender o lume e sentarse ó seu carón para quentarse e contemplar como as lapas de infinitas formas se van facendo e desfacendo no aire, sen ninguén que te apure, mentres o pensamento te leva polo pasado e polo futuro, liberándote do peso do presente. E que dicir desas tardes nas que un se acurruncha cunha manta no sofá, mentres no exterior caen chuzos de punta e pola tele pasan unha película de aventuras con paisaxes nevados?... E que noites mellores cás longas do inverno para gozar da compañía? Antes era nos fiadeiros, nas muiñadas, nos pendellos onde estilaban os augardenteiros, nas tabernas, nas adegas ou nas humildes lareiras aldeás; hoxe é case exclusivamente nos bares, nas cafeterías ou nas casas particulares, porque nisto tamén se perdeu bastante, pero o encanto único do contacto humano é semellante.
Ata no amor resulta máis productivo este tempo de recollemento. Pla aseguraba que era agora, na invernía, cando se producían a maioría das cristalizacións amorosas. Porque, mentres o namorado de verán adoita ser de natureza morosa, lampantina e preguiceira, o de inverno, pola contra, ó fuxir do natural baleiro que lle produce o frío nas súas interioridades, o que tamén exacerba a súa sensación de soidade, resulta tan rápido, eufórico e contundente nas súas actuacións que algún nin pode deixar pasar a seguinte primavera sen escoitar, na compañía do seu amor e diante de familiares e amigos, a  epístola de San Pablo ós Corintios... Claro que hai que recoñecer que este último comportamento, sen eliminar os previos, foi minguando nos últimos anos. 
Por todo iso, antes da entrada en anómalo e irrespectuoso advento electoral, quixera eu lembrarlles, benqueridos lectores, que  non convén deixarse enganar, e menos vencer, por estes días curtos, por estes ceos encapotados, por estes aires húmidos e fríos,  por estas bafaradas de néboa que soben desde os vales;  nin sequera polos fumes azuis e fantasmagóricos que neste tempo adoitan quedar suspendidos sobre a terra. Porque a vida sigue, ó acolleito. 


Artigo publicado no diario La Región o sábado 28 de novembro do 2015