viernes, 28 de julio de 2017

Vagabundear

Permítanme que titule o último artigo desta temporada coma unha canción de Serrat: Vagabundear, aquela que con aire de zamba arxentina comezaba: «Harto ya de estar harto, ya me cansé/ De preguntar al mundo por qué y por qué/ La rosa de los vientos me ha de ayudar/  Desde ahora vais a verme vagabundear/ Entre el cielo y el mar, vagabundear...». Porque estamos de vacacións, e tomo un descanso. A escritura crea adición, e na práctica do columnismo, aínda que sexa como diletante, un corre o perigo de acabar vendo a vida en forma de artigos, o que non desexo en absoluto.
E chegadas as vacacións parece obrigado exercer de turista, pero xa saben o que penso do “homo turisticus et peregrinator”, así que trato de practicar ese oficio o menos posible. Porque, a pesar de que tal cousa poida considerarse herexía na Galicia actual, declaro a miña escasa simpatía polo turismo de masas. Non obstante, considero positivo o cambio de aires, e gústame viaxar e que a xente viaxe, sobre todo cando é nova; porque a viaxe é unha das formas principais de descubrimento e aprendizaxe. Moitos pensan que viaxe e turismo son sinónimos, pero voulles lembrar algo que dicía o meu admirado Josep Pla, coñecedor de medio mundo: «He viajado muchísimo, pero nunca fui un turista». Ata tal punto fuxía Pla dos turistas que o seu medio de transporte preferido eran os petroleiros, e iso que apenas o deixaban fumar neles.
Tamén hai quen pensa que a calidade dunha viaxe ten que ver coa distancia percorrida. Contra isto escribiu Pla dous libros deliciosos nos anos corenta: Viaje a pie e Viaje en autobús. En ámbolos dous recolle  impresións de viaxes a voo de galiña polo seu Empordà natal, e conclúe que ningunha viaxe pode ofrecer tanto interese coma a que leva a descubrir o país propio. E como autobuses locais apenas quedan, centrareime no primeiro libro, que  vén a dicirnos que se un quere coñecer o seu país, unha curta viaxe a pe por algunha das súas comarcas pode ser unha das formas máis doadas e eficaces de logralo. Trataríase simplemente de ir paseando de lugar en lugar e de ir falando coa xente. A pausada velocidade do camiñante resulta óptima para descubrir a fermosura das paisaxes, e na charla coa xente desvélase a maneira de ser máis auténtica e real dun pobo. Evidentemente, as impresións de Pla, tanto no retrato das paisaxes coma no da xente, refírense ó Empordà, e xusto a aqueles difíciles anos da posguerra marcados pola escaseza. Pero sorprende ver como a idiosincrasia do payés catalán pode resultar tan  semellante á do campesiño galego, e o retrato social ben podería reflectir unha realidade moi parecida á nosa dos anos cincuenta, e incluso de principios dos sesenta.
Pero o motivo principal de contarlles todo isto era que talvez esta opción da viaxe a pe, tan barata coma formativa, puidera ter certo interese de última hora para algún lector despistado que aínda non sabe que vai facer no seu tempo de vacacións. Claro que é probable que este tipo de viaxe non se adapte a todo tipo de persoas. En concreto, penso que non é viaxe para mozos, senón para «cuando uno ya está curado de la petulancia de creer que sabe algo de las cosas y busca en los demás lo que le falta y necesita». Ademais, convén advertir que esta viaxe non lle vai facer gañar ningún prestixio entre familiares e amigos, máis ben é probable que comecen a catalogalo coma un tipo raro.
En fin. Deixo aquí a idea e voume como comecei, co Vagabundear de Serrat. «Como un cometa de caña y de papel/ me iré tras una nube pa´ serle fiel/ A los montes, los ríos, el sol y el mar/ A ellos que me enseñaron el verbo amar...»: que ben está todo isto!   

Sexan felices: vagabundeen libremente. 

Artigo publicado no diario La Región o domingo 23 de xullo do 2017.







No hay comentarios: