Sempre foi
difícil escoller carreira, salvo para os afortunados que por vocación ou
pragmatismo xa saben de antemán a que queren facer e obteñen as notas que llo
permiten. E resulta natural a preocupación e o desacougo que embargan ós estudantes
diante dunha decisión tan transcendente e complicada, con frecuencia a primeira
importante que teñen que tomar.
Non coñezo
regra máxica algunha que permita acertar coa carreira axeitada. E entendo que
ninguén mellor có propio estudante para ir descubrindo, nos anos de estudo
previos, onde aniñan as súas potencialidades e talentos e onde as súas
limitacións e torpezas, máis alá incluso das notas obtidas: porque tan enganoso
pode resultar un sobresaínte xeneroso coma un suficiente rigoroso. O que sempre
resulta positivo é que os estudantes dispoñan de información suficiente sobre
as características das diferentes vías que se lle abren ó emprender o
traballoso camiño universitario. Pero dispor desa información nunca foi fácil.
Un podería
pensar que agora, con internet, isto xa non debería ser problema. Non obstante,
sucede xusto o contrario. Así que tratarei de explicar este aparente
contrasentido, con razón de ser nun feito moi concreto: o exceso de oferta de
graos universitarios que se dá en España, fundamentalmente desde a implantación do Plan Bolonia.
Cando eu
comecei a estudar na Universidade (1973) a decisión limitábase a escoller entre
medicina, dereito, farmacia, veterinaria, unhas poucas carreiras de ciencias,
unhas poucas de letras e unhas poucas enxeñerías, coa facilidade engadida de
que o primeiro curso das de ciencias e das enxeñerías era común para todas as
especialidades -de aí o seu nome de “selectivo”-, o que permitía poder afinar
na selección no paso ó segundo curso. Ademais, un traslado resultaba facilísimo
ó ser comúns os plans de estudo nas diferentes universidades españolas. Pero
todo iso foise co vento: do principio de autonomía.
Hoxe existen
cerca de tres mil (si, 3.000) graos universitarios en España e máis de cincocentos
(si, 500) dobres graos. Por poñer un exemplo do que isto supón: un alumno que
teña decidido estudar unha enxeñaría,
aínda debe decidir entre unha oferta duns mil (si, 1.000) graos. E isto
resulta totalmente inabarcable, por moito internet que teñamos. Certo que
bastantes deses graos repítense entre as diferentes universidades, pero hai que saber que agora un mesmo nome
non significa igual plan de estudos, e que un traslado dunha universidade a
outra pode supoñer ter que facer medía carreira máis: porque aquí tamén se
practican as barreiras proteccionistas.
Que se
esconde detrás desta exuberancia flatulenta de graos universitarios? Poderán
ler vostedes tratados sobre todo isto, sobre a complexidade tecnolóxica do
mundo actual, sobre a necesidade de especialización, etcétera, etcétera. Todo fume. Só hai unha razón verdadeira: a
transformación do ensino universitario español nun gran negocio (con beneficiarios
sempre privados: incluso nas universidades públicas) que se alimenta da
desesperación das familias diante do incerto futuro dos fillos. De aí o que xa
se coñece como “burbulla universitaria española”.
Un par de exemplos: primeiro, Francia, con vinte
millóns de habitantes máis ca nós, ten catro facultades de veterinaria, España
ten trece; segundo, unha universidade técnica tan prestixiosa coma a de Múnich
presenta oito portas de entrada, unha equivalente española como a Politécnica
de Barcelona trinta e oito... O de sempre: negocio privado e saqueo do público.
Pero é o que hai e de nada vale queixarse, así que escollan ou axuden a
escoller o mellor que saiban.
Artigo publicado no diario La Región o domingo 9 de xullo do 2017.
No hay comentarios:
Publicar un comentario