Mostrando entradas con la etiqueta Crise. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Crise. Mostrar todas las entradas

sábado, 7 de noviembre de 2015

Principio de Le Chatelier



Ás veces tenme preguntado algún alumno para que estudar física e química se, dada a súa vocación diferente, non lle vai valer para nada. Eu nunca me atrevín a facer o que contan que fixera Sócrates cun discípulo que lle propuxera unha pregunta semellante: déralle unhas moedas para que non dixese que non lle valera de nada escoitalo, e logo convidárao a que non aparecese máis pola clase. Ademais, ese comportamento socrático hoxe sería ilegal, por cuestión da educación obrigatoria, aínda que o mesmo Rousseau avisara da imposibilidade de ensinarlle algo a quen non quere aprender.

O Principio de Le Chatelier é un importante principio que leva o nome do químico francés que o estableceu a comezos do século XX. Refírese a cando un sistema químico ve alteradas as súas condicións de equilibrio e vese obrigado a abandonalo: nese caso, di o principio, o propio sistema reacciona opoñéndose á perturbación, ata que se alcanza un novo equilibrio. E veume á cabeza este principio agora que remata esta lexislatura e o goberno insiste en facer unha análise triunfalista da súa xestión da crise. Porque á economía tamén cabe aplicarlle o  Principio de Le Chatelier: unha crise non é máis ca unha perturbación que empuxa ó sistema económico fóra do equilibrio no que se atopaba. Pero, desde o momento en que a perturbación se produce, tanto na química coma na economía, incluso diante da inacción dos axentes externos, o sistema reacciona e busca un novo equilibrio. Por iso as crises, por definición, son temporais. Agora ben, hai un matiz importante que fai que moitos alumnos non entendan convenientemente o Principio de Le Chatelier, que é o mesmo matiz que leva ó erro a bastantes cidadáns á hora de interpretar a saída das crises económicas; consiste en que o equilibrio que se alcanza despois da crise xa non é o mesmo có que existía. Porque o equilibrio post-perturbación, ou post-crise, é un equilibrio novo, que se adecúa ás novas condicións establecidas. Polo tanto, nunca se debería falar de recuperación á saída dunha crise económica. Ó contrario, o obxectivo debería ser analizar en que medida o novo equilibrio se diferenza do que existía antes. Non obstante, como dicía, tódolos gobernos nestas circunstancias, e o do PP non ía ser menos, adoitan botar man de tres ou catro indicadores económicos favorables -escollidos entre o PIB, a taxa de paro, a renda per cápita, a débeda, o déficit, a prima de risco, etc.-, para tratar de convencernos de que a crise xa pasou, e que estamos a piques de recuperar o estado previo á crise. Mentres, a obriga dos analistas sería descubrir a magnitude de tal mentira. Pero non é fácil.

Fixémonos no paro. Este ano electoral o goberno leva facendo o posible e ata o imposible para que a taxa de paro e o número de parados sexa menor có que había cando gañaron as eleccións do 2011. E hai que dicir que o está conseguindo, pois con datos da EPA, comparando o 3ºT do 2011 co 3ºT do 2015, a taxa de paro baixa nunha décima e o número de desempregados en 147.000 persoas. Non obstante, profundando nos mesmos datos descubrimos que hai catro anos había 436.000 ocupados máis cá agora, un número que case coincide co descenso de poboación activa neste período. E iso, xunto coa precariedade laboral e coa espectacular baixada das retribucións, foi o que fixo que os ingresos dos españois por salarios no ano 2014 fosen 40.000 millóns de euros (!!!) menos ca no 2011: todo un éxito.

E, que pasou con esas catrocentas e pico mil persoas que desapareceron das estatísticas do emprego, e das que máis de cen mil  eran mozos galegos? Pregunten nas fronteiras, apliquen o Principio de Le Chatelier e valoren a acción do goberno.


Artigo publicado no diario La Región o sábado 7 de novembro do 2015

lunes, 20 de julio de 2015

Eloxio da nugalla


Nunca fagas hoxe
o que poidas deixar de facer mañá.
F. Pessoa 

Como resultado da secular combinación da ética cristiá coa capitalista, vivimos nunha sociedade que santifica o traballo e condena a nugalla. Por iso o traballo é considerado un dos dereitos sociais máis clásicos, mentres a preguiza é un dos sete pecados capitais. Pero non sempre foi así; moito antes, os filósofos gregos ensinaran a desprezar o traballo, por ser actividade degradante para o home libre e só propia de escravos; e algúns, coma Epicuro, ata predicaran a preguiza e o desapego como unha das mellores defensas contra calquera tipo de servidume. Despois acabouse impoñendo o de gañarse o pan coa suor da fronte; pero só na teoría, porque na práctica todo o que puido escaqueouse dos traballos suorentos, e os salarios sempre foron inversamente proporcionais ás suoracións.
Unha das primeiras voces que, diante da explotación dos traballadores, se alzou contra o dogma do traballo foi a de Paul Lafargue, xenro de Marx, quen publicaba en 1883 un provocador ensaio titulado O dereito á pereza, que comezaba cunha significativa  cita de Lessing: «Sexamos preguizosos en tódalas cousas, excepto no amar e no beber». Nel, criticaba a sacralización do traballo levada a cabo por curas, economistas e moralistas, á vez que desprezaba aquelas razas que sentían o traballo como necesidade orgánica, razas entre as que, por certo, citaba a dos galegos, xunto a auverneses, escoceses, pomeráns e chinos; e concluía que tódalas miserias individuais e sociais viñan da paixón polo traballo. Pero, ademais, xa avisaba dos perigos da sobreproducción e do paro, chegando a recomendar unha xornada de traballo de non máis de tres horas e unha dedicación plena ó gozo da vida no resto do día. Algo parecido proporía Bertrand Russell, en 1932, no seu famoso Eloxio da ociosidade. Pero despois dos fogos artificiais da II Guerra Mundial, dos millóns de mortos e dos desequilibrios nos mercados de traballo, melloraron as condicións dos traballadores e esquecéronse aquelas advertencias de Lafargue e de Russell sobre a escaseza do traballo nunha sociedade moi mecanizada. 
Non obstante, agora xa non estamos lonxe de que a maioría dos bens sexan producidos polas máquinas, con só calcar un botón; o que confirmaría as pesimistas previsións de Lafargue e de Russell arredor da sobreproducción e do paro. E só hai unha resposta socialmente aceptable para todo isto: á volta ó clásico eloxio da nugalla. Porque potenciar o espírito traballador nunha sociedade onde falta o traballo é coma recomendar comer moito nunha sociedade famenta. Pero hai que saber que os que se fixeron coas máquinas –tamén coas da propaganda- e acumulan os beneficios, utilizarán tódolos medios para opoñerse a estas ideas; por exemplo, chamándolle traballo ó que non é máis ca escravitude… E esta será a loita do futuro inmediato.
Non; estamos nunha época en que, por xustiza social, os “moi traballadores” deberían ser perseguidos por lei, como antes o foran os vagos; entendendo por “moi traballadores” os que acumulan ou pretende acumular traballo retribuído, que é un ben escaso; porque nada hai que opoñer ós que se divirten rozando montes, investigando xenealoxías ou cultivando o seu xardín, cando o fan á súa conta.…Estamos en tempo de vacacións, cando mellor podemos dispoñer do tempo propio, que niso consiste a liberdade. Pero, máis obsesionados polo ter ca polo ser, non é raro que apliquemos a mesma lóxica do traballo e do consumo a este tempo tan valioso, a este kairós. Eu lembraríalles unhas reflexións de Pessoa; cando di que perder o tempo tamén comporta unha estética, e cando insinúa que só temos de verdade aquilo do que nos privamos: porque só así se pode conservar tal como foi soñado, intacto e puro… Felices vacacións. 

Artigo publicado no diario La Región o venres 17 de xullo do 2015.

domingo, 12 de julio de 2015

Anuncios


A maioría da xente achaca gran parte dos males sociais á ruindade dos políticos. A pobreza, a desigualdade, o paro, …, todo sería por causa dos políticos. Pero resulta que nunha sociedade democrática os políticos nin caen do ceo, nin soben do inferno: son elixidos polos mesmos cidadáns que os inxurian. É dicir que, en última instancia, os verdadeiros culpables dos males serían os propios cidadáns, cando elixen ós que non deben. Pero, que leva a unha maioría a tirar pedras contra o seu tellado? Pois moi sinxelo: o elevado nivel medio de ignorancia e estupidez da xente, que se vén mantendo practicamente constante ó longo da historia –incluso é probable que teña aumentado algo nos últimos anos-. E iso para nada contradí o espectacular incremento do coñecemento científico e do desenvolvemento tecnolóxico nos últimos cen ou douscentos anos; porque o saber duns poucos resulta totalmente compatible coa ignorancia duns moitos; e porque un saber moi especializado pode ir acompañado dunha ignorancia bastante xeralizada. 
Polo tanto, estou plenamente de acordo con aquel personaxe de Camus que afirmaba que case todo o mal que existía no mundo viña da ignorancia. E os exemplos desa común burremia e dos seus devastadores efectos preséntanse por centos. Pero quero centrarme nun: na invasión do mundo da publicidade polos famosos. Collamos unha revista ou acendamos o televisor e por diante de nós comezará a pasar un desfile de estrelas, do cine (George Clooney, Nicole Kidman, Brad Pitt ….), da música (Beyoncé, Lady Gaga, Enrique Iglesias…), do deporte (Nadal, C. Ronaldo, Messi,…), todas convertidas en imaxe de desexo das marcas máis coñecidas. Son ídolos que levan un bo pico dos máis de 500.000 millóns de dólares –atención á cifra- que se gastan anualmente en publicidade no mundo. De feito, a maioría desas estrelas cobra moito máis por publicidade ca polo desenvolvemento da súa profesión; coma Nadal, que hai un par de anos gañaba 6 millóns de dólares nas canchas e 21 por dereitos de publicidade.
Que necesidade había de engordar aínda máis os astronómicos ingresos de todos estes archimillonarios? Ningunha. Con eses cartos poderían mellorarse as condicións de vida de centos de miles de traballadores do sector da publicidade, que tantas relacións ten co arte, e incluso aumentar o emprego; por non dicir que mesmo a calidade dos productos se beneficiaría, xa que hai sectores nos que o aumento de gastos publicitarios ten obrigado a recortes e despidos noutros apartados productivos, e non é raro o caso de empresas que gastan máis en publicidade ca na mesma producción. Pero claro, loitar contra iso sería espatelarse contra a parede da estupidez humana. 
Adam Smith, que non foi ningún revolucionario, senón o pai do liberalismo económico, xa se asombraba no século XVIII da cantidade de xente, a maioría pobre, dada a adorar a riqueza. E escribía: «Esta disposición a admirar, e case idolatrar, ós ricos e poderosos, e a desprezar ós pobres e ós humildes […] é a principal causa de corrupción dos nosos sentimentos morais»...
Eu, que creo nos xestos, sigo unha regra: por cada famoso que vexo anunciando algo, unha marca que non merco.  E congratúlame moito que Russell Crowe se negue a facer publicidade: penso se nesa rebeldía non residirá a capacidade que ten este actor para encher a pantalla como só a enchían os grandes e indómitos actores de antes…Que, por certo, tampouco anunciaban capuchinos, nin perfumes nin calzonzillos.

Artigo publicado no diario La Región o sábado 4 de xullo do 2015

miércoles, 1 de julio de 2015

As dúas Españas

Non existe metáfora máis productiva na historia contemporánea de España cá das dúas Españas. Si, a dos versos de Machado: «Españolito que vienes/ al mundo te guarde Dios./ Una de las dos Españas/ ha de helarte el corazón.». Son tan coñecidos eses versos que hai quen pensa que foi Machado o creador da metáfora. Pero non, o relato xa viña de vello: da división política que se producira trala Guerra da Independencia, co regreso de Fernando VII e a súa persecución implacable dos liberais, causa principal da ruptura política do país en dous bandos antagónicos, un tradicional e católico e outro liberal e progresista. Juan Van Halem, un militar liberal represaliado, xa escribía en 1826: «existen dos Españas que solo un gobierno equitativo podría reconciliar». Logo serían Larra, Balmes, Blasco Ibáñez, os que falarían das dúas Españas, antes ca Machado e os outros representantes da Xeración do 98, que foron os que popularizaron a metáfora. De tódolos xeitos, foi Ortega quen máis contribuíu á súa incorporación ó relato metahistórico: «dos Españas, señores, están trabadas en una lucha incesante...». A Guerra Civil sería para moitos a confirmación tráxica  do acertado da metáfora. Pero chegou a Transición, e con ela un novo relato: o da “reconciliación nacional”, un relato ilusionante que parecía ter soterrado o máis tráxico das “dúas Españas”. Non obstante, unha metáfora nunca se pode dar por morta. 
Coa crise foron bastantes os que recuperaron o relato das dúas Españas. Pero é unha equivocación entender unha metáfora coma unha lei inquebrantable: a fórmula pode ser a mesma, pero a realidade é cambiante, e, en consecuencia, a interpretación tamén. Non, xa non existen as dúas Españas de Larra, nin as de Machado, nin as de Ortega; tampouco creo que exista unha España de esquerdas e outra de dereitas, nin unha de nacionalistas e outra de antinacionalistas; nin, como se acaba de ver, unha do PP e outra do PSOE, nin sequera unha do Madrid e outra do Barça… Podemos seguir usando a fórmula, si, pero entendendo que estamos nun contexto totalmente diferente  e que tal uso sempre implica a simplificación dunha realidade máis complexa. 
Con todas esas prevencións, eu si aplicaría a mesma metáfora a dúas Españas que foron emerxendo nos últimos anos. Trataríase da dos achegados ós partidos con poder por unha banda, e da do conxunto do resto dos españois por outra. Os cidadáns da primeira, como cargos de partido ou como “amigantes” –lúcido neoloxismo acuñado recentemente por E. Lledó-, foron os que ata agora gozaron de todo tipo de beneficios: en forma de traballos e cargos para eles e para os seus; en forma de pagas e pensións de diverso tipo; en forma de subvencións ou exencións de pago en actividades varias; en forma de vantaxes ou privilexios dos que carecen os outros, etc., etc. Os da segunda son os que se limitan a pagar os impostos, reciben tarde e mal, e ás veces nunca, as poucas prestacións que lles corresponden, e ata se dan por satisfeitos cando non se senten perseguidos; porque en España a lei nunca deixou de verse como instrumento de castigo para os pouco afectos… E isto obsérvase moi ben nos concellos, e cánto máis pequenos mellor…Por iso sabemos tanto destas cousas os galegos.
As novas corporacións veñen de tomar posesión no medio dun ambiente ilusionado e rexenerador. Traen moitos proxectos, pero non se deberían de esquecer da obriga fundamental: soterrar á maior brevidade o monstro de tres cabezas –clientelismo, nepotismo e sectarismo- que levaba anos alimentando a partitocracia. Porque esa era a verdadeira ameaza da democracia española.

Artigo publicado no diario La Región o venres 19 de xuño do 2015.
.

miércoles, 3 de junio de 2015

Un país que chochea

O acordo máis amplo da campaña electoral que agora remata deuse no rexeitamento ás declaracións de Albert Rivera relativas a que a rexeneración de España só podería vir da man da xeración dos nacidos en democracia. Tales declaracións non só mereceron a reprobacións de tódalas forzas do espectro político, senón tamén a da xeneralidade dos medios de comunicación. E aínda así, na honra do nome desta columna, permítanme discrepar. As unanimidades sempre me resultaron sospeitosas.
Comezarei lembrando algo que ás veces se esquece: que xeración é o contrario de corrupción; xa o consideraba así Aristóteles, para quen xeración era o paso de “non ser” a “ser”, mentres corrupción sería o de “ser” a “non ser”; e todas as criaturas estarían suxeitas os seus respectivos períodos de xeración e corrupción. Polo tanto, filosoficamente, a corrupción só remata cunha nova xeración; apunten iso. Pero o concepto sociolóxico de xeración, como conxunto de individuos coetáneos marcados por intereses comúns, desenvolveuse  entre os séculos XIX e XX, e tivo en Ortega e en Mannheim as referencias fundamentais. Para Mannheim, as xeracións son resultado das descontinuidades históricas, cambios como os que estamos vivindo que rompen a continuidade social e afectan dun xeito especial ós mozos e ó seu futuro. Por iso o concepto de xeración emerxe nas crises, cando racha o conxunto de conviccións sobre o que se viña camiñando; pasou así coa española Xeración do 98, que tanto marcaría o pensamento de Ortega; pasou coa Xeración do 68, que tanto nos marcou a nós, e pasa agora coa malpocada Xeración do Milenio, ou Xeración Y, formada polos nacidos despois dos anos oitenta, que hoxe roldan os trinta anos e lexitimamente piden paso.
Pero sucedeu que en España, a partir de 1982, accedeu ó poder unha nova xeración de autoproclamados herdeiros do 68. E trinta e tantos anos despois, esa xeración, devota dunha das divisas do maio francés, que era o culto á xuventude, négase a envellecer; e como, dun ou doutro xeito, e co apoio da pirámide de poboación, tal xeración segue ostentando o poder, convértese nun tapón, cando non nunha hipoteca, para a xeración posterior. Este é un dos principais dramas da España contemporánea: un país de vellos, sexa en anos, sexa en ideas, que pensan que son novos. Consecuencia disto é o moito que se chochea: escoiten ós políticos, atendan ós medios, saian á praza pública… E así chocheaba un dos comunicadores máis veterano e famoso de España, cando respondía a Rivera cun titular cargado de chulería: “Sin ofender, joven”, deixando claro quen manda aquí. E o caso é que ese comunicador podería selo símbolo dunha chea de millonarios que predican os males da desigualdade e da falta de traballo, mentres eles, instalados no “Star System”, continúan forrándose e son semente da precariedade laboral para os novos… Se esas boas xentes, practicando a exemplaridade pública, se apartasen e gozasen da xubilación, dedicando máis tempo á lectura e menos a amasar millóns e honores, descubrirían que, por moi modernos que se vexan, o tempo é fugaz e heteroxéneo; e que un vello de 70,  por moi novo que se sinta, non pode ver o mesmo mundo ca un adulto de 40, nin ca un mozo de 20. E se lesen máis a Ortega fixaríanse en algo que di: «El descubrimiento de que estamos fatalmente adscritos a un cierto grupo de edad y a un estilo de vida es una de las experiencias melancólicas que, antes o después, todo hombre sensible llega a hacer». Pero sospeito que o poder, a fama e o diñeiro acaban matando a sensibilidade desas boas xentes, que tanto dano fan.

Artigo publicado no diario La Región o venres 22 de maio do 2015.



martes, 12 de mayo de 2015

Maio

Chegou con chuvia e con temporal, pero chegou. Comprobeino en San Clodio, na mañanciña do día da Santa Cruz. Nunha roseira, as rosas, obedientes, xa abriran o seu manto púrpura ó sol, aínda que este se amosase tan soberbio coma fuxidío. E soaron antigos himnos goliardos festexando á natural raíña deste tempo: «Vin a flor máis florida,  entre as flores a máis belida / Vin a rosa de maio, de  todas a  máis garrida». De pronto, un golpe de auga asustou ás rosas; pero a chuvia só quería refrescar o verde escuro dos piñeirais e o máis claro das regatas por onde medran os freixos e os carballos. Logo escampou, e de novo baixo o sol, acompañado polo fino canto dun coro de paxariños, todo aparecía brillante e brunido: espléndido. Era maio, o mes máis feiticeiro do ano.
Maio representa o esplendor da primavera, o trunfo do máis importante na natureza, que é a vida: vístense os agros de flores e as árbores estrean os verdes traxes novos; agroman as cepas e maduran as cereixas; o rechouchío dos xílgaros, merlos e reiseñores inunda as alboradas frescas; o monótono zumbar das abellas faise dono das cálidas sobremesas, e as noitiñas chegan cheas de  susurros do arte de namorar… A festa dos Maios, que con  diversas variantes se celebra en toda Europa desde épocas remotas, representa a celebración de todo isto, é dicir, a celebración do renacer da vida. De aí o tradicional valor metafórico da primavera en xeral e do mes de maio en particular, sempre como símbolos optimistas de renovación e rexurdimento. Por iso calou tanto o “Maio do 68”; a festa do traballo, no “Primeiro de Maio”; o movemento das nais da “Praza de Maio” de Bos Aires, ou as movilizacións do “15-M” en España. En Galicia, a celebración das Letras Galegas o 17 de maio, data que lembra a de publicación da primeira edición dos Cantares Gallegos de Rosalía, símbolo do “Rexurdimento”, no ano  1863, remite á mesma metáfora. E algo semellante se podería dicir da recente “Primavera Árabe” ou da tan lembrada “Revolución dos Caraveis” portuguesa.
Para a maioría, as metáforas son instrumentos retóricos propios da linguaxe poética e das florituras lingüísticas. Lonxe diso, está comprobado que as metáforas están omnipresentes na vida cotiá dos individuos, e non só na linguaxe, senón tamén no pensamento e na acción. Isto é tanto así que se pode dicir que o noso sistema conceptual, tanto para o pensamento como para a acción, é de natureza fundamentalmente metafórica. Sábeno ben os comunicadores da política, que se aproveitan de múltiples metáforas para lograr os seus obxectivos; e no caso concreto da metáfora primaveral, para  lanzar as súas mensaxes de cambio e  rexeneración.
En apenas quince días celebraranse unhas importantes eleccións municipais en España. E non é pouco o que se debería rexenerar e depurar; como tampouco resulta escaso o vello que se debería queimar –o lume é outro elemento fundamental no ciclo festivo dos Maios-. Así que un podería contar con que, nesta ocasión, a metáfora estacional favorecese a renovación e a chegada do desexado tempo novo da política española. Pero maio tamén se caracteriza por ser un mes moi inestable, con frecuentes treboadas capaces de estragar as mellores colleitas imaxinadas. Ademais, os modelos conceptuais básicos non son os mesmos nos diversos tempos nin nas diversas culturas. E temo que a natureza xa pasase de ser obxecto metafórico de aprendizaxe e fermosura a selo de conquista, consumo e explotación, para desgraza das novas xeracións... Porque, por se non se decataron, direilles que houbo unha revolución metafórica, tan sutil coma silenciosa, que a case todos contaminou.

Artigo publicado no diario La Región o venres 8 de maio do 2015.

miércoles, 22 de abril de 2015

Mentiras

«Cando miras un espello pensas que a imaxe reflicte a realidade. Pero móveste un milímetro e a imaxe cambia… Un escritor ás veces ten que romper o espello, porque é do outro lado desde onde nos está mirando a verdade.». Estas palabras forman parte do discurso do escritor británico Harold Pinter na recepción do Nobel de Literatura do ano 2005, un duro alegato contra a utilización masiva da mentira política por parte dos EE UU, exemplificada naquel momento na invasión de Iraq. Non era a primeira vez que se utilizaba a metáfora dos espellos para falar das mentiras políticas e dos seus devastadores efectos. En 1727, nun opúsculo satírico titulado A arte da mentira política, atribuído durante moito tempo a Jonathan Swift (autor das Viaxes de Gulliver) pero na realidade do seu amigo John Arbuthnot, lemos que a alma é coma un espello planoconvexo no que Deus tería feito a parte plana e o Demo a convexa: na parte plana reflíctense os obxectos tal e como son, pero na convexa os obxectos verdadeiros parecen falsos e os falsos verdadeiros; ademais, como a superficie da parte convexa é maior e recibe máis raios luminosos, habería unha maior tendencia nos homes á mentira cá verdade. 
O opúsculo de Arbuthnot resulta de grande actualidade, a pesar de estar escrito hai 300 anos. Define a mentira política como a arte de facerlle crer ó pobo falsidades saudables, arte pola que se decantarían os políticos ó ser moito más fácil cá de facerlle crer verdades, incluso saudables, dado o natural exceso de malicia. Na cuestión de dereitos, di que todo o mundo debería ter dereito á verdade nos asuntos particulares, para saber se a súa parella o engana e cousas polo estilo, pero non existiría o dereito universal á verdade política, que chocaría co do goberno á mentira. O que se podería discutir sería se o pobo tería dereito a crear as súas propias mentiras, un privilexio que, sen dúbida, favorecería a felicidade popular. Na clasificación das mentiras, asombra a cantidade de exemplos que poderíamos sacar para cada caso da circunstancia política española; incluso cando o  autor argumenta sobre cal dos dous partidos, Whigs ou Tories, era máis hábil e estaba máis versado na arte da mentira, chegando á conclusión de que se foran alternando, e que ámbolos dous fracasaran ó tratar de meter moito xénero dun golpe: con moitas miñocas no anzol non é fácil pescar troitas… Imaxinen vostedes o meu interese por esta parte do opúsculo. Pero tampouco carece de interese a parte que relaciona o tipo de mentiras co clima e coa estación do ano: en novembro e decembro fan marabillas as mentiras terroríficas, pero para a primavera (atención) son mellores as fantásticas: de recuperación, de éxito, de rexeneración, pero coidando de non comprometerse no curto prazo e de que os cometas, farois e longanizas teñan un tamaño razoable. E, aínda que os xefes non deben crer nas mentiras propias, na selección de candidatos non se debe esquecer que ninguén conta mentiras con máis graza ca aquel que as cre. Por último, se houbera que defenderse dalgunha mentira do inimigo, apunta o autor, non hai mellor solución ca contestar con outra mentira aínda máis grande.
Estamos en ano electoral. As augas políticas levan tempo baixando alodadas, e as continuas saídas de madre acabaron por ameazar e mesmo derrubar pontes que parecían moi sólidas. Os cidadáns buscan desesperadamente algún piar firme no medio das ruínas que permanecen e das obras novas que se acometen. A mentira é o principal veleno da democaria liberal, porque a verdade é o seu máis firme  puntal. Busquen ese piar. Por detrás dos espellos.

Artigo publicado no diario La Región o sábado 18 de abril do 2015.

martes, 17 de marzo de 2015

Políticos robot

G. Leopardi
Volveu a primavera, de súpeto, coma sempre: «La primavera ha venido. Nadie sabe como ha sido». Da noite para a mañá, reapareceu a fartura de luz, de cores, de trinos de paxariños, de perfumes florais e de perladas augas que caracteriza á alegre primavera. E os homes quixeramos que a vida fose así, cíclica, coma a natureza, que da noite para a mañá se abrise unha primavera que nos restaurase dos males e das penas. Pero é unha crenza vana, tanto no persoal coma no social.
Giacomo Leopardi, talvez o máis grande poeta italiano xunto con Dante, escribiu hai cerca de douscentos anos un opúsculo satírico, Proposta de premios feita pola Academia de Silógrafos, que cadra moi ben coa situación sociopolítica que vivimos, con varias convocatorias electorais á vista. Conta Leopardi nese relato como a maioría dos filósofos dubidaban, como dubidan agora, que algunha vez se puidesen curar os defectos do xénero humano, moi superiores ás virtudes, e como sería máis fácil facer unha nova especie ca arranxar a nosa. Por iso, a suposta Academia de Silógrafos – “silógrafos” son os poetas satíricos, por Timón o Silógrafo (-320, -230 A.C.), chamado así por ser autor dos Silloi, unha colección de poemas dese xénero- convocaba premios para os que inventasen máquinas que suplantasen ós homes en certas ocupacións da vida; coa idea de que tales inventos talvez fosen os únicos capaces de librarnos do egoísmo, do predominio da mediocridade, da próspera fortuna dos insensatos, os corruptos e os malvados, da universal indolencia e da miseria dos sabios, os honestos e os magnánimos.
Moito ten chovido desde que Leopardi escribira tal opúsculo, e moito se ten avanzado na construcción de máquinas capaces de substituír ó home en moitos ámbitos. O mundo está cheo de robots que realizan traballos que antes ocupaban a moita xente. Non obstante, pouco se ten avanzado no seu uso nas “ocupacións da vida” para ás que os silógrafos os demandaban. E, en beneficio da mundial felicidade, talvez non houbera campo máis apropiado para tales robots có da política: imaxinan a primavera dun mundo sen os políticos ó uso?
Non, non se trataría de que a xente abandonase a política, actividade esencial do home libre, nin da morte da democracia. A xente seguiría tendo ideas políticas, discutíndoas e votándoas. Pero, coñecidas as nosas debilidades, quedaría a acción executiva, é dicir, a realización do mandato electoral, na man de robots. Estes, evidentemente, estarían deseñados segundo unhas leis que impedirían meter a man na caixa de todos,  obrigarían a cumprir coas leis, comezando pola observanza dos mandatos constitucionais, imposibilitarían calquera tipo de comportamento clientelar ou favoritismo, darían cumprida conta de cómo se gasta cada euro do presuposto público... E para estas máquinas, ó non ter fillos, nin parentes, nin acólitos que colocar, nin inimigos que perseguir, sería moi fácil tratar a tódolos cidadáns por igual. Encima, dadas as súas escasas necesidades, exclusivamente enerxéticas, os robots non serían ambiciosos: non precisarían grandes mansións, nin coches de luxo, nin tarxetas black... Contentaríanse cunha simple batería; iso si, recargable.
Todo isto parece unha quimera, porque nin os que mandan, nin os que pretenden mandar, teñen interese algún nestes inventos; dirían que sería un perigo para a humanidade, porque reducen a humanidade ó seu partido. Pero eu penso coma un personaxe dunha novela de Asimov, que os robots, a diferencia dos humanos, poderían ser esencialmente honrados. Ademais, como apuntaba Leopardi no Zibaldone, «a imaxinación é a primeira fonte de felicidade humana». Imaxinemos pois.

Artigo publicado no diario La Región o venres 13 de marzo do 2015

sábado, 7 de diciembre de 2013

Algo en que creer

Hay dos tipos de enemigos del pueblo:
 los que vociferan y los que fingen estar asqueados.
Marc Bloch

Américo Castro consideraba a España un país de creyentes más que de pensantes. Pero hoy todo el mundo insiste en el descrédito de nuestras instituciones. Parece que nos hemos vuelto descreídos  sin que conste avance alguno en lo de pensantes. En poco tiempo pasamos de presumir de democracia ejemplar, de organización territorial avanzada y de monarquía moderna, a despotricar de todo ello: la democracia sólo vale para alimentar a políticos corruptos, el régimen de las autonomías fue una gran equivocación, y la monarquía es una antigüalla de la que hay que prescindir en beneficio de la república. Como ya apuntara en 1931 Josep Pla, en España, en cuanto ocurre un colapso económico y la gente deja de ganar el dinero, en lo primero que se piensa es en cambiar de régimen. 
Por otra parte, resulta indignante la forma en que, con evidente sorna e indisimulado desprecio, hablan algunos de instituciones centrales de nuestra democracia, confundiendo a menudo la institución con sus representantes –una confusión siempre perversa-. Lo cierto es que, como señaló el gran escritor italiano Claudio Magris, «el desprecio puede resultar un juego fácil», pero siempre es peligroso. Nunca se debería olvidar que la desafección de las clases medias a la democracia, en la depresión de los años treinta, fue la causa fundamental del triunfo del fascismo en Europa. 
Está demostrado que muchos representantes de nuestras instituciones han sido corrompidos por el dinero. Pero las instituciones son lo más valioso que tenemos. Y pese a todo: los jubilados cobran sus pensiones; muchos parados reciben prestaciones; los colegios, centros de salud y hospitales, donde, en general, somos atendidos de forma gratuita, abren cada mañana, y disponemos de recursos impensables hace tan solo tres décadas. Y todo eso, que antes no existía, descansa sobre nuestras denostadas instituciones. Hay grandes deficiencias, abusos y desigualdades en la democracia española, nadie debería negarlo, pero la arquitectura del estado social y democrático de derecho ha sido la única que ha demostrado ser capaz de corregirlas convenientemente. Hoy, día de la Constitución, conviene recordarlo; lo mismo que lo que escribió Edmund Burke, padre del liberalismo conservador británico, hace dos siglos: «toda sociedad que destruye el tejido de su Estado no tarda en desintegrarse en el polvo y las cenizas de la individualidad.». Y algo de eso está pasando ahora con el  neoindividualismo posesivo y consumista en que vivimos, que convierte al enriquecimiento personal en única ética universal, en perjuicio de lo público, y condena a amplias capas de la población de sociedades intrínsecamente ricas a la miseria. Y esto resulta intolerable. Los jóvenes, principales perjudicados por esa situación, deben manifestar su rebeldía y su disconformidad, pero, como apuntó el malogrado historiador británico Tony Judt, sin perder la fe en las instituciones democráticas, y concretamente en el poder de los votos. «El hombre rebelde» de Camus sabe decir no a ciertas cosas, pero no lo niega todo. 
Y a los insensatos que, usando del chascarrillo y la rechifla institucional, parecen estar predicando el fin de un régimen, sin que se acierte a saber lo que proponen a cambio, recordarles una advertencia de Keynes: «No basta con que el estado de cosas que queremos promover sea mejor que el que le precedió; ha de mejorar lo suficiente como para que compense los males de la transición.». Porque toda transición tiene sus males; y los males, como bien sabe el pueblo, tampoco se distribuyen de forma equitativa.

Artículo publicado en el diario "La Región" el 6 de diciembre de 2013

viernes, 15 de noviembre de 2013

A idea


Dicía Víctor Hugo que as ideas moven o mundo. Pero esquecéuselle apuntar que unhas móveno cara adiante e outras cara atrás. Cando Fraga chegou a Galicia a estrutura agraria tradicional do país xa estaba agonizante, a industria non tiña o mesmo pulo dos anos setenta e oitenta, e a emigración batíase en franca retirada. Entón ocorréuselle recuperar a idea turística, unha idea que manexara con éxito notable, como ministro, na España dos sesenta. A idea consistía en que Galicia tiña no seu patrimonio cultural un tesouro inexplorado que, unha vez recuperado, restaurado e publicitado, sería o asombro do mundo: aquí caerían turistas e cartos coma cando caera o maná do ceo. Como mostra do que se podía facer utilizou o Xacobeo de 1993, e foi tal o éxito daquel evento que ata os incrédulos quedamos engaiolados coa idea de don Manuel. Todo consistiría, xa que logo, en utilizar as moreas de diñeiro que chegaban de Europa en construír infraestruturas, modernizar vilas e cidades, restaurar pazos arruinados, mellorar balnearios, arranxar igrexas, recuperar o esplendor dos mosteiros e das catedrais, promover estudos sobre a singularidade da nosa cultura; en fin, todo o que facilitara a chegada de turistas e do maná estaría ben feito. Ó final ía resultar que non era tan difícil saír do secular atraso de Galicia, bastaba aviala un pouco –“poñela en valor”- e sabela vender. E por fin poderíamos os galegos presumir da Terra e das súas riquezas. 
Ben visto, pareciamos nenos xogando ás tendas: cando poñen sobre un mostrador catro trapalladas que atopan nun baúl vello e soñan con poñerse ricos á conta dunha chea de compradores que soamente existen no seu maxín. Agora, un día si e outro tamén, asistimos ó tráxico derrubo daquela fantasía con cume no faraónico proxecto da Cidade  da Cultura: casas de turismo rural, pousadas e hoteis, nos que se gastaron cantidades inxentes de diñeiro público, pechados; as igrexas, mosteiros e catedrais locen tellados novos, pero poucos turistas se deixan ver, e menos gastan un peso; a aposta polo turismo termal, que non polo termalismo, tamén pasa por grandes dificultades, como soubemos hai un par de semanas; e encima, as grandes infraestruturas serviron máis para dar saída a turistas autóctonos en busca de sol e diversión, ca para que entrasen forasteiros con gusto pola cultura e pola choiva…. E mentres o pobo sofre, en forma de débedas, xuros e paro, os excesos desa época fantasiosa, que aínda non cesou, os beneficiados -constructores, xestores turísticos e culturais, concesionarios de subvencións e contratos, hostaleiros, etc.- gozan dos grandiosos patrimonios que amasaron á conta do peto de todos.
O Xeneral da Rovere é un magnífico relato de Indro Montanelli que foi levado ó cine, de forma maxistral, por Roberto Rossellini. O digno protagonista do relato tiña un lema: “cando te atopes nunha encrucillada e dubides sobre o camiño a seguir, escolle sempre o máis difícil”. A moita da nosa xente, formada nas duras universidades dos eidos e das fábricas, non lle facía falla ler o relato de Montanelli nin ver a película de Rossellini para saber iso: que para os dignos, non hai froito sen traballo. Pero faltoulles confianza nesa idea propia e creron máis na de don Manuel. Logo, como se trataba de presumir, a crenza no turismo como piar do desenvolvemento pasou a ser un dogma unanimemente aceptado pola clase política galega. Galicia, mentres tanto, íase convertendo nun ermo improductivo. E é que, parafraseando a Shakespeare, a forza dunha idea pode ser terrible!

Artigo publicado no diario "La Región" o 15 de novembro do 2013.

martes, 29 de octubre de 2013

La huída


Todo el mundo habla de los emprendedores, hasta el BOE. La palabra es antigua, se documenta en castellano en el siglo XV; sin embargo, su uso como identificador de un colectivo de personas que tienen en común la intención de formar una empresa innovadora aparece en los años noventa. Desde entonces el gobierno pide emprendedores, y los padres, que antes soñaban con un hijo funcionario, sueñan ahora con uno emprendedor. Se diría que esto es algo novedoso, pero no: es la versión actualizada del más genuino American Dream y su inseparable Mr. Selfmade Man. No está clara la diferencia entre empresario y emprendedor –tienen la misma raíz etimológica, y empresa es, en primer lugar, ‘acción o tarea que entraña dificultad’, mientras emprendedor es el “que emprende con resolución acciones dificultosas o azarosas’; de hecho, el francés e inglés entrepreneur, con el mismo étimo, significa las dos cosas-, pero es igual. Con la mundialización de las políticas neoliberales y, sobre todo, desde el estallido de la crisis, el apoyo a los emprendedores se ha convertido en un slogan político muy eficaz. Al fin y al cabo, es más fácil predicar los beneficios que producen los emprendedores que crear puestos de trabajo, y encima sale mucho más barato.
Estamos dentro de una gran crisis, pero vivimos en la sociedad del éxito. Un mensaje se repitió hasta la saciedad: si te esfuerzas, podrás conseguir lo que te propongas. El mensaje, una de las causas principales del aumento de las ventas de libros de autoestima y del negocio de los fabricantes de antidepresivos, siempre fue falso: el porcentaje de los que logran lo que se proponen nunca supera en mucho al de acertantes de la lotería. Sin embargo, hasta hace poco, los que no conseguían lo que se proponían, con algo de paciencia y alguna pastillita, se conformaban con los trabajos que iban encontrando y con  unas remuneraciones que, en general, resultaban proporcionales a su formación. Pero llegó la crisis y esa lógica se rompió. Las empresas fueron cerrando, el tejido industrial se desmoronó y cientos de miles de puestos de trabajo desaparecieron. Ahora, la formación recibida apenas vale nada, cuando no molesta, y millones de jóvenes, sumamente estafados, deambulan sin presente ni futuro por el viejo y polvoriento suelo patrio. Ante tal situación, los últimos gobiernos de España, que bastante tenían con tratar de asalariar, o sobreasalariar, según los casos, a la numerosa parentela de sus partidos, y con tapar toda la corrupción asociada, se sacaron de la manga el último as que les quedaba: ¡Hazte emprendedor! Viene a significar: ¡búscate la vida!, pero la gente ha demostrado estar dispuesta a creer muchas tonterías a lo largo de la historia. Hoy, el negocio montado alrededor de los emprendedores (academias, conferencias, cursos presenciales y online, revistas, subvenciones, desgravaciones, etc.) es uno de los más florecientes del país. En realidad, emprendedores, emprendedores, hay los mismos que antes, o menos… Muchos han comprendido que lo que verdaderamente tenían que “emprender” era la huída.

Artículo publicado en el diario "La Región" el 29 de octubre del 2013. Pincha aquí.

martes, 17 de septiembre de 2013

En busca do tempo presente

Nova York nos anos trinta

Comeza un novo curso. Entran os rapaces nas aulas: alegres, faladores, esperanzados; felizmente ignorantes do tempo. Mentres, o profesor, lembra unhas palabras de Unamuno: «El tiempo: he aquí la tragedia.»; porque o tempo é algo complicado. Para Séneca había tres tempos: presente, pasado e futuro. Deles, o presente era brevísimo, o futuro dubidoso e o pasado o único certo. Antes, para os estoicos,  o presente non era que fose breve: nin sequera existía, non era máis có punto de unión do pasado co futuro. Pero chegou San Agustín e deulle a volta a todo: o presente era a única realidade incuestionable. Non había pasado nin futuro, soamente presente: o presente das cousas pasadas, o presente das cousas presentes e o presente das cousas futuras. Agora ben, o tempo de San Agustín era un tempo psicolóxico e subxectivo, distinto do cosmolóxico, obxectivo e medible, único considerado ata entón. Nos anos trinta do século pasado o filósofo alemán Walter Benjamin engadiría unha terceira clase de tempo: o histórico. Coma San Agustín, Benjamin consideraba o presente como única realidade indiscutible, pero o seu presente xa non era espiritual, tratábase dun presente de coñecemento, dun “tempo do agora” do que partía a percepción do pasado e do futuro. Resulta moi suxestiva a tese de Benjamin: diferencias fundamentais entre individuos e entre colectividades (chámense vilas, cidades, países…) terían moito que ver co distinto peso que lle asignan a cada un dos tres compoñentes temporais do presente. Tense dito case todo sobre os individuos a este respecto, pero moito menos sobre as colectividades e o xeito que teñen de percibir o tempo. Talvez un dos primeiros en intuír a importancia de tal relación fose o periodista galego Julio Camba, que escribía en xaneiro de 1931: «Nueva York…me atrae… por su sacrificio constante del pasado y del porvenir al momento presente... Nueva York es, ante todo, el momento presente... Nos atrae porque uno no puede vivir al margen del tiempo.». Hoxe poderíase escribir o mesmo, coa diferenza de que agora, no mundo global, son moitas as cidades e os países que, xunto con Nova York, se atopan no centro do tempo: Tokio, Amsterdam, Sidney, Shangai... Alemaña, Finlandia, Corea, China... Noutro grupo estarían as cidades e os países ancorados no pasado. Claudio Magris ten reflexionado moito sobre este aspecto do tempo; fala en Danubio da cidade alemana de Regensburg, un centro vital do antigo Sacro Imperio Romano, incapaz de liberarse do eloxio e da nostalxia do pasado, de «una gloria que sólo se puede recordar y nunca poseer, que siempre ha sido y nunca es». Lendo isto e buscando paralelismos, ó xeito de Cunqueiro, resulta imposible non pensar en Ribadavia, en Santiago, en Galicia..., ou mesmo en España. Porque, cargados de pasado, lixeiros de presente e exentos de futuro, levamos séculos vivindo á marxe do tempo, aínda que ás veces nos disfracemos coa máscara da modernidade. Aí radica a verdadeira crise, unha crise perpetua que, con síntomas ou sen eles, sempre está aí, coma o microbio da Peste de Camus. Iso é o que nos leva a ter que coller as maletas a cada pouco, pero non para buscar un futuro, como sempre se dixo, tan só para buscar o presente. Aquí, empeñados no inútil intento de construír futuro sobre o pasado mítico, o presente adoita resultar tan escaso que non dá para todos. Habería que dilatar o presente, e nas aulas antes ca en ningún sitio. O malo é a magnitude das forzas internas que empuxan en contra. A pesar de todo, situar ós novos no tempo presente sería tarefa de gran urxencia; porque, como deixou escrito Vasili Grossman en Vida e destino: «o tempo non amará nunca ós fillos dun tempo pasado».
Os rapaces xa están acomodados. Diante do profesor atópase a principal fonte de riqueza do país: a intelixencia. Desperdiciala é un pecado... Maduran os membrillos. Comeza un novo curso. 

Artigo publicado no diario "La Región" o 16 de setembro do 2013.