Mostrando entradas con la etiqueta Demografía. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Demografía. Mostrar todas las entradas

jueves, 22 de marzo de 2018

Esperanza de vida


Unha das narracións bíblicas máis fascinantes é a do Xuízo Final. Tamén resulta ser das máis icónicas, de aí que na pintura da súa visión se ocupasen algúns dos grandes, coma Miguel Anxo, O Bosco ou O Greco. Segundo a tradición xudaica o Xuízo acontecerá no val de Josafat, preto de Xerusalén, onde comparecerán vivos e mortos diante de Deus para ser xulgados, cada un «segundo as súas obras».
O que máis e o que menos ten imaxinado algunha vez o campo de Josafat. Por iso chamou a miña atención alguén que falaba na radio e dicía que o día do Xuízo no campo de Josafat apenas haberá vellos. E si, causoume certa sorpresa a predición, aínda recoñecendo que dese xeito o espectáculo sería menos deprimente: porque o que parece probable é que todos esteamos espidos nesa circunstancia... Pero, en que se baseaba quen facía este prognóstico? Na esperanza de vida ó nacer: esa magnitude que agora está en 83 anos en España, pero que non chegaba ós 40 en 1900, e que no pasado aínda fora menor. En consecuencia, para quen falaba, morrer de vello sería un fenómeno contemporáneo, e antes a xente morrería maiormente nova. E algo diso houbo, pero a conclusión é falsa. Supoñamos, para demostralo, un ano con dous mortos tan só, un de 1 ano e outro de 80: a esperanza de vida sería de 40,5 anos. Para o prognosticador da radio teríamos dúas persoas de idade media no campo de Josafat: na realidade o que teríamos sería un bebé e un vello... Non, no campo de Josafat haberá xente de tódalas idades, pero a maioría vellos, e unha proporción considerable de nenos pequenos debido ó gran índice de mortalidade infantil no pasado.
Ultimamente fálase moito en España da esperanza de vida, pero non ó nacer, senón ós 65 anos. Calcúlase igual, pero considerando só as defuncións dos que superan esa idade: resulta ser entón de 21 anos, o que conduce a unha idade media de falecemento de 86 anos. E por que interesa tanto este dato? Nada que ver por suposto co Xuízo Final nin co campo de Josafat, tan só se trata que a partir do ano próximo aplicaráselle ás pensións un factor á baixa, chamado de sostibilidade, que considera o incremento desa esperanza de vida (en realidade da correspondente ós 67 anos, que non subministra o INE e que calculará directamente facenda a partir dos datos de defuncións dos pensionistas). Isto conducirá a unha diminución da pensión dos que se xubilen a partir do 2019 que eu estimo nun 0,2-0,8% anual no primeiro quinquenio. Ou sexa: quen se xubile no 2019 cobrará un 0,2-0,8% menos ca quen se xubile no 2018, e así sucesivamente para cada ano do quinquenio 2109-2024. Despois calcularase un novo factor, válido para o seguinte quinquenio.
Esta semana, mentres matinaba nestas cousas, as feministas conseguían un grande éxito na súa convocatoria en favor dos dereitos das mulleres e en contra de múltiples fendas de xénero que convén eliminar: a salarial, a dos teitos de cristal, a do traballo invisible... Pero coidado, tamén as hai que as benefician. Por exemplo, a relativa á esperanza de vida á hora da xubilación, catro anos maior para as mulleres. E ninguén pensou en aplicarlles un factor de sostibilidade diferenciado do dos homes. A pesar de que eses catro anos significan que, a igual pensión, as mulleres cobran en total arredor dun 20% máis cós homes... Ah, niso non convén meterse! Claro.

Artigo publicado no diario La Región o domingo 11 de marzo do 2018.

lunes, 8 de febrero de 2016

Demografía

A demografía é a ciencia que estuda a poboación dun territorio co obxecto de analizar como se formou, como se conserva e como é previsible que evolucione. Calquera medianamente informado sabe que se trata dunha das disciplinas que máis malas noticias leva traído a Ourense no último medio século. E xusto na raíz deste artigo está unha que lía neste periódico hai apenas quince días: a que informaba que a caída de poboación en Ourense xa afectaba ás vilas.
      O concepto de vila como poboación de certa importancia, no que a tamaño se refire, é contemporáneo. Saben cales eran as dúas vilas máis grandes da provincia a mediados do XIX, recén estreado o Estado Liberal cos novos concellos e partidos xudiciais? Allariz, cuns 1700 habitantes, e Ribadavia, cuns 1300; mentres, Carballiño e Verín, agora as dúas máis populosas, andaban polos 700, é dicir, non pasaban do tamaño dunha aldea grande. Mesmo a cidade de Ourense non chegaba ós cinco mil habitantes.  Non obstante, a provincia xa tiña 380.000, mentres Galicia roldaba os 1.5 millóns e España os 14. Hoxe, despois dos dous séculos de maior desenvolvemento da historia da humanidade, cando Galicia anda polos  2.7 millóns de habitantes e España polos 46, Ourense está en 318.000. É dicir, nun tempo en que Galicia –que non é un exemplo de éxito demográfico- case duplicou a poboación, e España máis que a triplicou, Ourense perdeu cerca dun quinto da súa. Talvez non exista compendio máis claro nin máis breve da nosa fracasada historia contemporánea.
      Todo o mundo sabía do despoboamento do rural, das numerosas aldeas e parroquias que quedan sen xente. Pero a maioría pensaban que a cousa quedaría aí, que non chegaría á capitalidade dos concellos e menos ás vilas. Os datos demostran o equivocada que estaba esa maioría; porque non consideraba que o desenvolvemento das capitalidades municipais, o das vilas e, en certa medida, ata o da cidade de Ourense, ocorreu maiormente a conta do declive e éxodo do rural, e non por un desenvolvemento endóxeno da súa capacidade industrial e productiva. Agora comezamos a ver o alto prezo a pagar polo abandono á súa sorte do campo, pola masiva emigración de hai medio século e por non ter sabido establecer un modelo productivo acorde cos novos tempos, o que houbera esixido facer un uso adecuado dos cuantiosos recursos que chegaron, tanto por aforros dos emigrantes coma por vía institucional despois da nosa integración en Europa. 
      En ausencia diso, foron primeiro as aldeas do rural as que comezaron a despoboarse, alá polos anos cincuenta-sesenta, logo veu o declive dos pequenos concellos, arredor dos oitenta, e agora comeza o das vilas, incapaces en xeral de manter a súa poboación actual por tres motivos fundamentais: por converterse en cabeceiras de comarcas semidesertas; por carecer dunha estrutura industrial e productiva, máis alá do comercio e da construcción; e por deixar de recibir gran parte do fluxo de diñeiro que viña dos emigrantes. 
      Foi hai uns mil anos cando de verdade se comezou a formar este pobo que hoxe coñecemos por Galicia. Daquela, os nosos devanceiros comezaron a vencer ó imperio do monte e apareceron as xeometrías dos campos traballados, das aldeas, das parroquias, das vilas…Daquela naceu case todo o que hoxe nos identifica, incluída a lingua. Agora, por primeira vez desde entón, o país do interior corre un serio perigo de quedar outra vez a monte. A terra queda sen pobo, que diría Celso Emilio, e os que mandan semellan querer frear esa ameaza co turismo rural, co termalismo decimonónico, coas festas gastronómicas, cos entroidos ancestrais... Aspirinas contra a pulmonía!

Artigo publicado no diario La Región o domingo 7 de febreiro do 2016.