Unha das
narracións bíblicas máis fascinantes é a do Xuízo Final. Tamén resulta ser das
máis icónicas, de aí que na pintura da súa visión se ocupasen algúns dos grandes,
coma Miguel Anxo, O Bosco ou O Greco. Segundo a tradición xudaica o Xuízo
acontecerá no val de Josafat, preto de Xerusalén, onde comparecerán vivos e
mortos diante de Deus para ser xulgados, cada un «segundo as súas obras».
O que máis e
o que menos ten imaxinado algunha vez o campo de Josafat. Por iso chamou a miña
atención alguén que falaba na radio e dicía que o día do Xuízo no campo de
Josafat apenas haberá vellos. E si, causoume certa sorpresa a predición, aínda
recoñecendo que dese xeito o espectáculo sería menos deprimente: porque o que
parece probable é que todos esteamos espidos nesa circunstancia... Pero, en que
se baseaba quen facía este prognóstico? Na esperanza de vida ó nacer: esa
magnitude que agora está en 83 anos en España, pero que non chegaba ós 40 en
1900, e que no pasado aínda fora menor. En consecuencia, para quen falaba, morrer
de vello sería un fenómeno contemporáneo, e antes a xente morrería maiormente
nova. E algo diso houbo, pero a conclusión é falsa. Supoñamos, para demostralo,
un ano con dous mortos tan só, un de 1 ano e outro de 80: a esperanza de vida
sería de 40,5 anos. Para o prognosticador da radio teríamos dúas persoas de
idade media no campo de Josafat: na realidade o que teríamos sería un bebé e un
vello... Non, no campo de Josafat haberá xente de tódalas idades, pero a maioría
vellos, e unha proporción considerable de nenos pequenos debido ó gran índice
de mortalidade infantil no pasado.
Ultimamente
fálase moito en España da esperanza de vida, pero non ó nacer, senón ós 65
anos. Calcúlase igual, pero considerando só as defuncións dos que superan esa
idade: resulta ser entón de 21 anos, o que conduce a unha idade media de
falecemento de 86 anos. E por que interesa tanto este dato? Nada que ver por
suposto co Xuízo Final nin co campo de Josafat, tan só se trata que a partir do
ano próximo aplicaráselle ás pensións un factor á baixa, chamado de
sostibilidade, que considera o incremento desa esperanza de vida (en realidade da
correspondente ós 67 anos, que non subministra o INE e que calculará
directamente facenda a partir dos datos de defuncións dos pensionistas). Isto
conducirá a unha diminución da pensión dos que se xubilen a partir do 2019 que
eu estimo nun 0,2-0,8% anual no primeiro quinquenio. Ou sexa: quen se xubile no
2019 cobrará un 0,2-0,8% menos ca quen se xubile no 2018, e así sucesivamente
para cada ano do quinquenio 2109-2024. Despois calcularase un novo factor,
válido para o seguinte quinquenio.
Esta semana,
mentres matinaba nestas cousas, as feministas conseguían un grande éxito na súa
convocatoria en favor dos dereitos das mulleres e en contra de múltiples fendas
de xénero que convén eliminar: a salarial, a dos teitos de cristal, a do
traballo invisible... Pero coidado, tamén as hai que as benefician. Por
exemplo, a relativa á esperanza de vida á hora da xubilación, catro anos maior
para as mulleres. E ninguén pensou en aplicarlles un factor de sostibilidade
diferenciado do dos homes. A pesar de que eses catro anos significan que, a
igual pensión, as mulleres cobran en total arredor dun 20% máis cós homes...
Ah, niso non convén meterse! Claro.
Artigo publicado no diario La Región o domingo 11 de marzo do 2018.
No hay comentarios:
Publicar un comentario