A miña
ignorancia sobre a maioría das cousas é supina. Non obstante, hoxe escribirei
sobre un tema no que esa ignorancia non pode ser total: refírome á docencia. En
vinte e catro anos de estudante, repartidos entre unha escola, dous institutos
e tres universidades, e corenta de profesor, nunha universidade e en tres
institutos, algo debín aprender de todo iso. Así que, unha vez anunciada polo
ministro do ramo a próxima posta en marcha dun MIR para profesores, permítanme
que escriba algo sobre o acceso á función docente.
Cando eu rematei os estudos da miña primeira
carreira, hai diso corenta anos, un licenciado podía presentarse ás oposicións para
profesor; o único que se lle pedía a maiores era a realización do chamado CAP (Curso de
Aptitude Pedagóxica), que tiña unha duración de seis meses e consistía nunhas
poucas clases de pedagoxía e nunhas cativas prácticas nun instituto. En xeral, os
opositores considerabamos aquel CAP unha perda de tempo, pero había que facelo
e xa estaba; ademais, apenas roubaba máis tempo có das clases e compaxinábase
facilmente coa preparación da oposición. Desde hai uns sete anos esíxese o
denominado máster do profesorado, dun ano enteiro de duración, moito máis caro
co antigo CAP e cunha esixencia de dedicación
dos alumnos incomparablemente maior. Pero o caso é que a maioría dos profesores
que se incorporan por esta vía á docencia transmítenme a mesma opinión sobre
este máster cá que nós tiñamos do CAP: que se trata dunha absoluta perda de
tempo.
Eu, se queren
que lles diga, xa supoñía algo así. En España, de hai uns vinte e cinco anos
para aquí, o principio do beneficio económico ocupa o centro de tódolos
intereses vitais, incluso en espazos onde non cabe tal principio: caso dos bens
públicos. Deste xeito, cando se fai algunha proposta, sexa do tipo que sexa, e
preséntese como se presente, o que realmente impulsa as decisións, na maior
parte dos casos, son os intereses pecuniarios de determinados grupos de futuros
beneficiados. E todo o resto é secundario.
É falso que
o problema da educación en España radique na formación inicial do profesorado.
O problema está dentro, na propia ordenación do sistema educativo, que semella
unha empresa con traballadores cualificados pero que falla na organización. Por
iso nunca cabe esperar grandes resultados
neste campo, e cando se produce algún é a pesar da deficiente dirección.
Que significará ese novo MIR que agora se anuncia? Deixen
que llo diga: máis exames e penalidades
para quen pretenda ser profesor, maior retraso na idade de incorporación do
profesorado a un traballo estable, un bo
negocio para todos os que participen da nova estrutura e ningunha mellora
substancial do sistema educativo... Unha
pregunta final: por que non se copia o modelo de acceso dos xuíces: primeiro a
oposición, sen necesidade de máster, e logo a formación específica e práctica
nunha escola de profesores semellante á Escola Xudicial; algo parecido, por
certo, ó que se fai en países coma Francia ou Finlandia? Permítanme unha
resposta: non se fai porque iso significaría o remate dun gran negocio para
algúns!
Artigo publicado no diario La Región o domingo 25 de febreiro do 2018.
No hay comentarios:
Publicar un comentario