Mostrando entradas con la etiqueta Camus. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Camus. Mostrar todas las entradas

miércoles, 8 de junio de 2016

Nunca dejes de creer


Por que son do Atlético? Téñome preguntado iso bastantes veces. E non podo concretar unha resposta, porque non gardo memoria exacta de como adquirín esa condición cando tiña cinco ou seis anos. Pero elaborei unha pequena teoría.
Para comezar, convén saber que fun o primeiro afeccionado do Atlético en San Clodio: xa había moitos do Madrid e algúns do Celta, do Barcelona e do Bilbao, pero ningún do Atlético. Polo tanto, a miña afección non veu de familiares ou de amigos, como é bastante común. Tampouco duns resultados espectaculares: os primeiros anos dos sesenta, cando isto sucedía, foron absolutamente merengues; o Real Madrid de Di Stefano, Puskas e Gento gañou tódalas Ligas do 61 ó 65, mentres o Barça gañara a última no 60. Agora ben, o Atlético comezaba  a aparecer neses anos: fora tres veces subcampión de Liga e gañáralle ó Madrid as finais de Copa do 60 e do 61, sendo campión da Recopa de Europa no 62. En consecuencia, eran anos nos que o Atlético se presentaba como alternativa fronte ó todopoderoso Real Madrid. E aí creo que radica a explicación da miña afección e da de moitos “atléticos” da mesma quinta. Algo semellante podería explicar o incremento de seguidores que tivera o Barcelona de Suárez e Kubala uns anos antes.
Porque, na psicoloxía humana aprézanse dous tipos ben diferenciados: o dos que tenden a seguir ós poderosos, que son pragmáticos e adoitan ser maioría, e o de aqueles que non lles gusta que gañen sempre os mesmos, que presentan certo grao de rebeldía, son máis idealistas e adoitan estar en minoría. Como resulta obvio, moitos do Atlético pertencemos ó segundo grupo. Pero claro, non resulta fácil derrotar ó poderoso: por iso este camiño é duro e minoritario, e non serve para os que teñen a victoria como único fin.
A derrota do sábado foi dolorosa, como tódalas derrotas importantes. Pero, a pesar do que dixo Simeone, nada tivo de fracaso: ó contrario, foi unha derrota sumamente honrosa, decidida polo azar, que tamén forma parte do xogo, e da vida. O Atlético leva perdido tres finais da Copa de Europa, certo; pero ningún dos contrincantes, a pesar do seu inmenso poderío, foi quen de vencelo dentro dos noventa minutos de xogo. Tampouco é certo que ninguén se lembre dos perdedores: talvez a selección máis lembrada da historia sexa a holandesa do 74, a “Laranxa Mecánica” de Cruyff e compañía, que perdeu a final dese ano fronte a Alemaña; e a selección máis lembrada no Brasil non é ningunha das que gañou a Copa do Mundo, nin sequera a de México do 70, senón aquela de Zico, Sócrates, Falcao, .., que xogou en España no 82 e perdeu en cuartos contra Italia; e para min, o Atlético máis glorioso é o da final do 74, o que tivo ó mellor Bayern da historia contra as cordas… Non, non se esquece ós vencidos que souberon resistir e nunca claudicaron, nin no fútbol nin en ningunha faceta da vida; ó contrario, as historias máis eternas son as de perdedores dese tipo: Xesús, Antígona, Espartaco, Don Quijote…
Albert Camus, o gran escritor francés, que chegou a afirmar que todo o que sabía sobre os homes o aprendera no fútbol, reflexionou moito sobre o valor das victorias e das derrotas, e era un amante das causas perdidas. Porque non cría na existencia das causas victoriosas nin na dos trunfos absolutos: a vída, esa historia que sempre acaba mal, só sería un conxunto de pequenas victorias e derrotas pasaxeiras que conviña relativizar… María Zambrano, que falara destas cousas con Camus, deixou escrito: «Para ser home é preciso ser vencido […] e todo o vencido está chamado a renacer […] e a vencer, se é que vence, coa sabedoría dos derrotados»… Pero para chegar ata aí é preciso que “nunca deixes de crer”.



Artigo publicado no diario La Región o domingo 5 de xuño do 2016.

lunes, 15 de febrero de 2016

Kindertotenlieder


Tería cinco ou seis anos. Estaba deitadiño sobre unha rocha na beira do mar. As augas aparecían azuis, limpas e transparentes, con esa calma propia das primeiras horas da mañá dun día soleado, cando resulta tan apetecible pasear pola praia aínda deserta. Calquera diría que a súa nai o deixara alí, durmindo tranquilamente; mentres ela, fóra do encadre, estaría tomando o sol ou charlando coas amigas. Ía ben vestido: cunhas deportivas azul mariño, un pantalón da mesma cor e un anorak azul celeste. A cariña, feita e branquísima, brillaba na fronte do sol; e unha man igual de nacarada saía da manga do anorak para descansar semipechada sobre a rocha, talvez suxeitando ese pequeno xoguete preferido que nunca soltan os cativos.
      Non obstante, había dúas cousas que non casaban na fotografía que publicaban os periódicos. A primeira, o descoido da nai por non ter disposto dunha toalla ou de algo semellante para protexer ó neno da rocha áspera e dura. A segunda, unha especie de correas negras que sobresaían por encima da prenda de abrigo… Ó fixarse ben descubríase a realidade: o neno levaba posto un chaleco salvavidas. Comprendíase entón que non fora a súa nai quen o deixara alí, senón a noite e o mar. E que o neno non estaba durmindo: estaba morto.
      “Agora o sol érguese tan radiante/ Coma se a noite non houbera traído a desgraza”. Así comeza un dos 428 poemas do Kindertotenlieder (Cancións ós nenos mortos) que escribiu o poeta alemán Friedrich Rückert en 1833, despois de perder a dous fillos pequenos. É o primeiro dos cinco dese grupo que escolleu e musicou Mahler, entre 1901 e 1904, para compoñer un dos ciclos de cancións máis tristes e emotivos da historia da música. O poema continúa: “A desgraza ocorreume só a min/ Mentres  o sol brilla para todos”.
      Lembran a primeira fotografía dun neno refuxiado morto nunha praia turca? A de Aylan Kurdi, de tres anos, afogado en circunstancias semellantes xunto coa súa nai e co seu irmán cando intentaban chegar á illa grega de Lesbos... Pasaron cinco meses desde entón e, con fotografía ou sen ela, xa van alá catrocentos nenos afogados máis no Mediterráneo; e a eles hai que sumarlles os adultos que correron a mesma sorte… Existe unha proba mellor de que nada serio se ten feito para deter este horror?
      Diante da realidade da xente fuxindo da guerra e dun ceo infestado de avións soltando bombas, escribira MarcBloch, pai de historiadores e heroe nacional de Francia, en plena II Guerra Mundial: “Prego ó ceo que xamais me volva poñer diante dos ollos a visión dos nenos fuxindo das bombas. É atroz que as guerras non poidan perdoar á infancia, non só porque constitúen o noso porvir, senón porque na súa tenra debilidade dirixen unha confiada chamada á nosa protección. A lenda cristián probablemente non houbera sido tan dura con Herodes se só se lle tivera reprochado a morte do Precursor. O seu crime inexpiable foi a Masacre dos Inocentes”. Algo parecido pensaba Albert Camus, testemuña de horrores semellantes, que deixou escrito na Peste: “Non hai nada sobre a terra máis importante có sufrimento dun neno… Estou disposto a negarme ata a morte a amar esta creación onde os nenos son torturados”.
      Vemos, lemos e escoitamos os pavorosos relatos dos refuxiados e comprobamos que para coñecer as grandes traxedias dos homes non é preciso acudir a  Esquilo,  a Sófocles, a Eurípides ou Shakespeare. Traxedias de dimensións nin sequera imaxinadas no pasado suceden cada día ás portas do noso confortable mundo. E apenas facemos nada por detelas… Tiña razón o poeta: a desgraza só ocorre para as vítimas, mentres o sol brilla para o resto.

Artigo publicado no diario La Región o domingo 14 de febreiro do 2016.

domingo, 27 de diciembre de 2015

Nadal



  Tal como aventuraba a semana pasada nesta columna, o resultado do alumeamento político  do domingo resultou incerto, situándonos ós españois  nun labirinto do que non será fácil saír. Non obstante, estamos en navidades e non sería bo deixar que o tempo político, por definición público e conflictivo, seguise invadindo e perturbando o tempo de Nadal, que é o máis familiar do ano, e que sempre se caracterizou por chamar á paz e á concordia entre uns e outros. 
  Pero para quen vai cumprindo anos tampouco o tempo de Nadal é un tempo fácil, non nos enganemos; ningún outro nos sitúa de xeito máis claro diante da fugacidade da vida. Cando nenos e mozos, fixámonos moito na estrofa da panxoliña que nos convida a que «Cantemos con alegría/ Los cánticos de mi tierra…», pero logo, conforme se van ausentando da mesa algúns dos máis queridos e dos que máis nos quixeron, a nosa atención vai pasando á estrofa seguinte: «La Nochebuena se viene/ La Nochebuena se va/ Y nosotros nos iremos/ Y no volveremos más…». Ademais, un gran número de galegos de idade certa, nese ir e vir de noiteboas, non só perdemos a moitas persoas amadas, senón que perdemos ata os mesmos escenarios das celebracións ditosas da infancia e da mocidade, escenarios que agora permanecen no triste estado de ruína e de abandono que caracterizan a un mundo que fenece: o do rural galego.
  Non obstante, o Nadal debe ser fermoso, como corresponde co espírito alegre, positivo e perseverante desta festividade. E para iso non é  preciso prescindir das ausencias nin das lembranzas de cada un; porque tamén o perdido, co seu caudal de historias e de leccións para a vida, contribúe a enriquecer o fondo significado que ten para cada persoa este tempo sagrado. Benvidos sexan entón ó noso carón tódolos que perdemos: amigos, pais, avós, irmáns, fillos… porque en ningún momento deixarán de  estar presentes no noso Nadal, felices e contentos da nosa alegría.
  Contemos os vellos contos, comamos os tradicionais alimentos, cantemos as panxoliñas de sempre; pero lonxe de  calquera filosofía melancólica de decaemento, incompatible co espírito esperanzador deste tempo. Cando eramos nenos, tamén os nosos maiores terían as súas penas, as súas frustracións, as súas ausencias…,  pero esquecíanas sempre por estas datas, en beneficio noso e seu. E iso foi unha gran lección. Porque, como viña a dicir Albert Camus nunha das súas obras máis inmortais, nada hai no mundo máis importante cá alegría dos nenos. E para min, queridos lectores, que ese é o verdadeiro segredo do Nadal; porque un mundo é feliz na medida en que os nenos o son e na medida en que os adultos nos volvemos algo nenos.
  Vaia para todos, como felicitación, este ramiño de versos dunha panxoliña que cantabamos en San Clodio no día de Noiteboa, na misa do galo, cando a había, que a houbo ata haberá uns vinte anos e logo tamén se foi.

Pola media noite
Cando o galo canta
Nunha vila santa
Que se chama Belén

Nunhas pobres pallas
Nun pobriño establo
Naceu malpocado Xesús
Xesús noso ben

  Feliz Nadal.

domingo, 12 de julio de 2015

Anuncios


A maioría da xente achaca gran parte dos males sociais á ruindade dos políticos. A pobreza, a desigualdade, o paro, …, todo sería por causa dos políticos. Pero resulta que nunha sociedade democrática os políticos nin caen do ceo, nin soben do inferno: son elixidos polos mesmos cidadáns que os inxurian. É dicir que, en última instancia, os verdadeiros culpables dos males serían os propios cidadáns, cando elixen ós que non deben. Pero, que leva a unha maioría a tirar pedras contra o seu tellado? Pois moi sinxelo: o elevado nivel medio de ignorancia e estupidez da xente, que se vén mantendo practicamente constante ó longo da historia –incluso é probable que teña aumentado algo nos últimos anos-. E iso para nada contradí o espectacular incremento do coñecemento científico e do desenvolvemento tecnolóxico nos últimos cen ou douscentos anos; porque o saber duns poucos resulta totalmente compatible coa ignorancia duns moitos; e porque un saber moi especializado pode ir acompañado dunha ignorancia bastante xeralizada. 
Polo tanto, estou plenamente de acordo con aquel personaxe de Camus que afirmaba que case todo o mal que existía no mundo viña da ignorancia. E os exemplos desa común burremia e dos seus devastadores efectos preséntanse por centos. Pero quero centrarme nun: na invasión do mundo da publicidade polos famosos. Collamos unha revista ou acendamos o televisor e por diante de nós comezará a pasar un desfile de estrelas, do cine (George Clooney, Nicole Kidman, Brad Pitt ….), da música (Beyoncé, Lady Gaga, Enrique Iglesias…), do deporte (Nadal, C. Ronaldo, Messi,…), todas convertidas en imaxe de desexo das marcas máis coñecidas. Son ídolos que levan un bo pico dos máis de 500.000 millóns de dólares –atención á cifra- que se gastan anualmente en publicidade no mundo. De feito, a maioría desas estrelas cobra moito máis por publicidade ca polo desenvolvemento da súa profesión; coma Nadal, que hai un par de anos gañaba 6 millóns de dólares nas canchas e 21 por dereitos de publicidade.
Que necesidade había de engordar aínda máis os astronómicos ingresos de todos estes archimillonarios? Ningunha. Con eses cartos poderían mellorarse as condicións de vida de centos de miles de traballadores do sector da publicidade, que tantas relacións ten co arte, e incluso aumentar o emprego; por non dicir que mesmo a calidade dos productos se beneficiaría, xa que hai sectores nos que o aumento de gastos publicitarios ten obrigado a recortes e despidos noutros apartados productivos, e non é raro o caso de empresas que gastan máis en publicidade ca na mesma producción. Pero claro, loitar contra iso sería espatelarse contra a parede da estupidez humana. 
Adam Smith, que non foi ningún revolucionario, senón o pai do liberalismo económico, xa se asombraba no século XVIII da cantidade de xente, a maioría pobre, dada a adorar a riqueza. E escribía: «Esta disposición a admirar, e case idolatrar, ós ricos e poderosos, e a desprezar ós pobres e ós humildes […] é a principal causa de corrupción dos nosos sentimentos morais»...
Eu, que creo nos xestos, sigo unha regra: por cada famoso que vexo anunciando algo, unha marca que non merco.  E congratúlame moito que Russell Crowe se negue a facer publicidade: penso se nesa rebeldía non residirá a capacidade que ten este actor para encher a pantalla como só a enchían os grandes e indómitos actores de antes…Que, por certo, tampouco anunciaban capuchinos, nin perfumes nin calzonzillos.

Artigo publicado no diario La Región o sábado 4 de xullo do 2015

sábado, 7 de diciembre de 2013

Algo en que creer

Hay dos tipos de enemigos del pueblo:
 los que vociferan y los que fingen estar asqueados.
Marc Bloch

Américo Castro consideraba a España un país de creyentes más que de pensantes. Pero hoy todo el mundo insiste en el descrédito de nuestras instituciones. Parece que nos hemos vuelto descreídos  sin que conste avance alguno en lo de pensantes. En poco tiempo pasamos de presumir de democracia ejemplar, de organización territorial avanzada y de monarquía moderna, a despotricar de todo ello: la democracia sólo vale para alimentar a políticos corruptos, el régimen de las autonomías fue una gran equivocación, y la monarquía es una antigüalla de la que hay que prescindir en beneficio de la república. Como ya apuntara en 1931 Josep Pla, en España, en cuanto ocurre un colapso económico y la gente deja de ganar el dinero, en lo primero que se piensa es en cambiar de régimen. 
Por otra parte, resulta indignante la forma en que, con evidente sorna e indisimulado desprecio, hablan algunos de instituciones centrales de nuestra democracia, confundiendo a menudo la institución con sus representantes –una confusión siempre perversa-. Lo cierto es que, como señaló el gran escritor italiano Claudio Magris, «el desprecio puede resultar un juego fácil», pero siempre es peligroso. Nunca se debería olvidar que la desafección de las clases medias a la democracia, en la depresión de los años treinta, fue la causa fundamental del triunfo del fascismo en Europa. 
Está demostrado que muchos representantes de nuestras instituciones han sido corrompidos por el dinero. Pero las instituciones son lo más valioso que tenemos. Y pese a todo: los jubilados cobran sus pensiones; muchos parados reciben prestaciones; los colegios, centros de salud y hospitales, donde, en general, somos atendidos de forma gratuita, abren cada mañana, y disponemos de recursos impensables hace tan solo tres décadas. Y todo eso, que antes no existía, descansa sobre nuestras denostadas instituciones. Hay grandes deficiencias, abusos y desigualdades en la democracia española, nadie debería negarlo, pero la arquitectura del estado social y democrático de derecho ha sido la única que ha demostrado ser capaz de corregirlas convenientemente. Hoy, día de la Constitución, conviene recordarlo; lo mismo que lo que escribió Edmund Burke, padre del liberalismo conservador británico, hace dos siglos: «toda sociedad que destruye el tejido de su Estado no tarda en desintegrarse en el polvo y las cenizas de la individualidad.». Y algo de eso está pasando ahora con el  neoindividualismo posesivo y consumista en que vivimos, que convierte al enriquecimiento personal en única ética universal, en perjuicio de lo público, y condena a amplias capas de la población de sociedades intrínsecamente ricas a la miseria. Y esto resulta intolerable. Los jóvenes, principales perjudicados por esa situación, deben manifestar su rebeldía y su disconformidad, pero, como apuntó el malogrado historiador británico Tony Judt, sin perder la fe en las instituciones democráticas, y concretamente en el poder de los votos. «El hombre rebelde» de Camus sabe decir no a ciertas cosas, pero no lo niega todo. 
Y a los insensatos que, usando del chascarrillo y la rechifla institucional, parecen estar predicando el fin de un régimen, sin que se acierte a saber lo que proponen a cambio, recordarles una advertencia de Keynes: «No basta con que el estado de cosas que queremos promover sea mejor que el que le precedió; ha de mejorar lo suficiente como para que compense los males de la transición.». Porque toda transición tiene sus males; y los males, como bien sabe el pueblo, tampoco se distribuyen de forma equitativa.

Artículo publicado en el diario "La Región" el 6 de diciembre de 2013

viernes, 8 de noviembre de 2013

No centenario de Albert Camus


  A quen lle soan os nomes de Saul Bellow, Henrik Pontoppidan ou Wole Soyinka? Pois todos foron Nobel de literatura. Pero sabemos de Proust, Kafka ou Borges, e ningún o foi. Porque nin sequera este premio di gran cousa dun escritor: soamente a permanencia da súa obra di algo. E iso é o que acontece con Albert Camus, o autor do Estranxeiro e un dos Nobel máis lembrados, que onte cumpriría cen anos.
Por que nos sigue atraendo tanto Camus? Coido que hai dúas razóns fundamentais: a primeira, que as cuestións que propón nas súas obras, arredor dos problemas da existencia –a falta de liberdade, a inxustiza, a infelicidade, a morte…- e do xeito de encaralos, son universais e atemporais; a segunda, que coñecía o segredo de como disparar as palabras directamente  ó corazón do lector. Camus talvez non foi un gran contador de historias. Foi máis ben un filósofo humanista, ou viceversa, que utilizou a novela, o teatro, o ensaio e o artigo periodístico, para extraer as súas ideas sobre a existencia e para emocionarnos co seu xeito de comunicárnolas. No que respecta á novela –xénero con centro gravitacional no “sentido da vida”-, el sabía ben o que quería: «os grandes novelistas son novelistas filosóficos». E iso mesmo foi el. Non chegou a onde Tolstoi, Sthendal ou Proust, pero poucas novelas superan á Peste desde o punto de vista filosófico, e menos desde o alegórico. Ou moito me equivoco, ou a súa obra, especialmente A Peste, seguirá xerminando nas mentes das xeracións deste século, e ata pode que con máis forza ca na segunda metade do XX, cando a euforia da última victoria sobre “a besta” aínda estaba viva. Pero a liberdade e a xustiza, cando non a propia vida, sempre están en perigo: o microbio, deixou escrito, sempre está aí; mentres, a saúde, a integridade e a pureza dos individuos e da sociedade son obra da vontade, da rebeldía e da solidariedade. Por iso o pensamento de Camus sempre resultará pertinente e nunca caducará.
Pero son máis as leccións que podemos sacar da vida e da obra de Camus, desde o seu humilde berce en Alxeria -que nunca esqueceu-, ata a súa prematura morte en accidente –pola que sempre se lembrará coma un home novo-, pasando pola importancia que sempre lle concedeu ós mestres –o Nobel dedicoullo a Louis Germain, o seu de primaria- e ó coñecemento -«o mal que existe no mundo case sempre vén da ignorancia»-. Pero a maioría dos grandes valores, pensaba, con ser fundamentais, non son absolutos, deben estar temperados pola dimensión humana das cousas: «amo a xustiza, pero defendería a miña nai antes cá xustiza». Na condición humana, dinos, hai unha absurdeza fundamental, si, pero a miúdo acompañada da máis marabillosa e inexplicable grandeza, polo que non conduce a nada negalo todo. Hai vítimas e verdugos, asegura, pero un debe estar sempre do lado das vítimas. Para o periodismo defendía catro principios fundamentais: lucidez, desobediencia, ironía e obstinación; e nun artigo de 1939 escribía algo que debería merecer gran atención: «O periodismo sempre deberá rexeitar algo que ningunha forza lle pode facer aceptar: o servicio á mentira».
Non se precisan grandes actos nin fanfarras para lembrar a Camus. A mellor homenaxe que se lle pode facer, coma a calquera escritor, redúcese a reler os seus textos. El mesmo apuntaba sobre un dos que máis admiraba: «todo o arte de Kafka consiste en que obriga ó lector a reler». Hai que dicir que Camus tamén deu con ese difícil arte dos elixidos. Por iso, xustamente, xa nunca daremos por rematada a lectura da súa obra.

Artigo publicado no diario "La Región" o 8 de novembro do 2013. Pincha aquí

martes, 17 de septiembre de 2013

En busca do tempo presente

Nova York nos anos trinta

Comeza un novo curso. Entran os rapaces nas aulas: alegres, faladores, esperanzados; felizmente ignorantes do tempo. Mentres, o profesor, lembra unhas palabras de Unamuno: «El tiempo: he aquí la tragedia.»; porque o tempo é algo complicado. Para Séneca había tres tempos: presente, pasado e futuro. Deles, o presente era brevísimo, o futuro dubidoso e o pasado o único certo. Antes, para os estoicos,  o presente non era que fose breve: nin sequera existía, non era máis có punto de unión do pasado co futuro. Pero chegou San Agustín e deulle a volta a todo: o presente era a única realidade incuestionable. Non había pasado nin futuro, soamente presente: o presente das cousas pasadas, o presente das cousas presentes e o presente das cousas futuras. Agora ben, o tempo de San Agustín era un tempo psicolóxico e subxectivo, distinto do cosmolóxico, obxectivo e medible, único considerado ata entón. Nos anos trinta do século pasado o filósofo alemán Walter Benjamin engadiría unha terceira clase de tempo: o histórico. Coma San Agustín, Benjamin consideraba o presente como única realidade indiscutible, pero o seu presente xa non era espiritual, tratábase dun presente de coñecemento, dun “tempo do agora” do que partía a percepción do pasado e do futuro. Resulta moi suxestiva a tese de Benjamin: diferencias fundamentais entre individuos e entre colectividades (chámense vilas, cidades, países…) terían moito que ver co distinto peso que lle asignan a cada un dos tres compoñentes temporais do presente. Tense dito case todo sobre os individuos a este respecto, pero moito menos sobre as colectividades e o xeito que teñen de percibir o tempo. Talvez un dos primeiros en intuír a importancia de tal relación fose o periodista galego Julio Camba, que escribía en xaneiro de 1931: «Nueva York…me atrae… por su sacrificio constante del pasado y del porvenir al momento presente... Nueva York es, ante todo, el momento presente... Nos atrae porque uno no puede vivir al margen del tiempo.». Hoxe poderíase escribir o mesmo, coa diferenza de que agora, no mundo global, son moitas as cidades e os países que, xunto con Nova York, se atopan no centro do tempo: Tokio, Amsterdam, Sidney, Shangai... Alemaña, Finlandia, Corea, China... Noutro grupo estarían as cidades e os países ancorados no pasado. Claudio Magris ten reflexionado moito sobre este aspecto do tempo; fala en Danubio da cidade alemana de Regensburg, un centro vital do antigo Sacro Imperio Romano, incapaz de liberarse do eloxio e da nostalxia do pasado, de «una gloria que sólo se puede recordar y nunca poseer, que siempre ha sido y nunca es». Lendo isto e buscando paralelismos, ó xeito de Cunqueiro, resulta imposible non pensar en Ribadavia, en Santiago, en Galicia..., ou mesmo en España. Porque, cargados de pasado, lixeiros de presente e exentos de futuro, levamos séculos vivindo á marxe do tempo, aínda que ás veces nos disfracemos coa máscara da modernidade. Aí radica a verdadeira crise, unha crise perpetua que, con síntomas ou sen eles, sempre está aí, coma o microbio da Peste de Camus. Iso é o que nos leva a ter que coller as maletas a cada pouco, pero non para buscar un futuro, como sempre se dixo, tan só para buscar o presente. Aquí, empeñados no inútil intento de construír futuro sobre o pasado mítico, o presente adoita resultar tan escaso que non dá para todos. Habería que dilatar o presente, e nas aulas antes ca en ningún sitio. O malo é a magnitude das forzas internas que empuxan en contra. A pesar de todo, situar ós novos no tempo presente sería tarefa de gran urxencia; porque, como deixou escrito Vasili Grossman en Vida e destino: «o tempo non amará nunca ós fillos dun tempo pasado».
Os rapaces xa están acomodados. Diante do profesor atópase a principal fonte de riqueza do país: a intelixencia. Desperdiciala é un pecado... Maduran os membrillos. Comeza un novo curso. 

Artigo publicado no diario "La Región" o 16 de setembro do 2013.