Mostrando entradas con la etiqueta Galicia. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Galicia. Mostrar todas las entradas

domingo, 4 de febrero de 2018

A historia


Visitaba estes días a interesante exposición “In Tempore Suevorum”, e acordeime dun ensaio do Padre Feijóo: “Reflexiones sobre la historia”, porque a contemplación do material exposto o que provocou en min, antes de nada, foron reflexións de tipo histórico.
Para comezar, direi que existe unha común confusión entre pasado e historia, cando son cousas bastante diferentes: o pasado constitúeno o conxunto de feitos e circunstancias que sucederon, infinito e inabordable na súa totalidade; mentres, a historia consiste fundamentalmente na elaboración dun relato dese pasado, que será máis ou menos verídico segundo a súa consistencia co subconxunto de feitos comprobados. Por iso hai un pasado único, pero múltiples historias, e bastantes falsas... Por que falsas? Porque a historia que se acaba impoñendo é a dos vencedores, e os vencedores sempre teñen moitas cousas que torcer e que ocultar; sen contar con que á xente o que lle gusta é saber das vitorias, éxitos e virtudes dos seus antepasados, e menos das súas derrotas, fracasos e crimes, que de todo hai. Pero en fin, se queren profundar algo niso lean ó Padre Feijóo.
Dos suevos sabemos tan pouco que ata carecemos dun relato consistente, por iso, en liña co que expoñía, esta exposición sobre o tempo suevo trata máis do pasado ca da historia. Tampouco se pode dicir que interesase moito construír o relato suévico: a historiografía española asignoulle hai tempo ós godos –como vencedores- o carácter fundacional da nación, e con dedicarlle catro liñas ós perdedores -suevos, vándalos e alanos- era suficiente. Pero claro, coa recuperación da diversidade hispana, unha vez finado o monolítico réxime franquista, renaceron historiografías ocultas, recuperáronse vellos documentos, apareceron novos relatos... E a singularidade galega, que é un feito, tense explorado por diversos camiños: o  céltico, o castrexo, o xacobeo... Talvez agora sexa o momento dos suevos.
A min causoume bastante graza ver ás autoridades presumindo de que aquí se constituíra o primeiro reino medieval de Occidente. Porque habería que explicarlles que non se tratou dun reino establecido polos galegos daquela, os “callaeci” que escribía Idacio, senón do instituído por uns invasores que viñeran a asoballar a aqueles galegos. Porque iso eran os suevos: unha forza guerreira que, aproveitando a debilidade crepuscular dun Imperio Romano inmerso na anarquía e nas loitas internas, chegaba disposta a desaloxar á aristocracia romano-galaica, que daquela dominaba o país, co fin de percibir os seus beneficios.
Claro que o eloxio dos invasores triunfantes é algo relativamente común nos relatos históricos. O que xa non é tan común é o que pasou aquí: que pouco despois das invasións, primeiro dos suevos e logo dos godos, os galegos bautizaron maioritariamente ós seus fillos con nomes xermánicos, é dicir, cos nomes dos invasores que os someteran. Basta fixarse na toponimia... Ai!, a historia.

Artigo publicado no diario La Región o domingo 28 de xaneiro do 2018.

sábado, 23 de diciembre de 2017

Outono


«Quen non vivise en Galicia dificilmente poderá imaxina-la fonda e etérea fermosura da quincena que segue ó Día de Defuntos». Isto escribiuno Otero Pedrayo referíndose ás paisaxes neste tempo singular do “Verán do San Martiño”. E dado que hoxe quero escribir sobre esas paisaxes, pareceume obrigado comezar citando a Otero, que foi o gran mestre da paisaxística galega. Otero aprendera a transcendencia da paisaxe en Chateaubriand, nas “Memorias de Ultratumba”, onde lemos: «as escenas outonizas posúen un inevitable carácter moral: esas follas que caen coma os nosos anos, esas flores que se muchan coma as nosas horas, esas nubes que se esvaecen coma as nosas ilusións, [...] gardan relacións secretas co noso destino.». E en poucos lugares coma en Galicia se podería atopar unha influencia maior do entorno paisaxístico sobre a psicoloxía da xente e, en consecuencia, sobre a cultura do pobo: velaí unha das razóns principais da gran sintonía de Otero co pai do romanticismo francés.
Ás veces discútese sobre a fermosura das diferentes estacións. E hai acordo en que as máis fermosas son a primavera e o outono, pero non o hai sobre cal das dúas o é máis. Delibes, por exemplo, decantábase pola primavera; pero a maioría dos autores preferiron o outono, incluídos os dous mellores paisaxistas galegos: Otero e Cunqueiro. E non é raro, porque o outono é o tempo máis literario do ano, sendo Galicia un país esencialmente outonizo, pola forza desta estación, moi superior aquí á de calquera outra. Por veces tamén, escríbese ou píntase o outono coma se fose un tempo homoxéneo e único. Pero o outono en Galicia é máis ca un tempo: é un discorrer de tempos. Por iso explicaba Otero como o noso outono, que nace na xeórxica das vendimas, se comprace en irse alongando co devalar dos días, alcanza o seu cume na festa do San Martiño e remata en plena invernía.
Este ano quedará marcado negativamente pola seca que tanto nos preocupa, pero as temperaturas suaves e a falta de chuvias posibilitaron a contemplación dun dos cumes de outono máis fermosos e alongados que se recordan. Porque, habitualmente, as chuvias, os ventos e as xeadas rematan de contado co espectáculo grandioso e preñado de cores que a natureza se amosa disposta a brindarnos cada ano por este tempo.
Calquera lugar de Galicia pode ser bo para gozar desta regalía natural, pero a súa máis magnífica expresión está nas ribeiras das viñas: nos Ribeiros, na Ribeira Sacra, en Valdeorras, en Verín, ... As miñas paisaxes outonizas –porque nas paisaxes tamén está a identidade, a través da memoria e da historia- son as do Ribeiro de Avia: de Beade, de Roucos, de Cabanelas, de San Clodio, ..., da capital, Ribadavia, que xa tiña para Cunqueiro cor de outono, coma o seu nome. Neste tempo é unha delicia subir a un outeiro e contemplar, baixo o inmutable verdor dos piñeirais, salteado de ouro vello polas regatas dos soutos e das carballeiras, as virxilianas aldeíñas do Ribeiro no medio dos púrpuras e dourados dos pataus das viñas asocalcadas. E intuír o discorrer do río, alá no fondo do val, seguindo a liña cobriza dos amieiros semiespidos e os cadros amarelos das chantadas de chopos e lamigueiras.
Certo. A visión actual non pode comparase coa de hai algunhas décadas: as aldeíñas despoboáronse e desarranxáronse; os ermos estendéronse coma nunca; o monte no seu estado máis selvático achegouse ás casas; das viñas desapareceron a maioría dos púrpuras máis fermosos, despois da expulsión aldraxante da caste tinta do alicante e da concentración na produción de brancos ... Si, pero como dicía Pessoa: «Se escribo é porque lembro. O outono que teño é o que perdín.». 

Artigo publicado no diario La Región o domingo 19 de novembro do 2017.

miércoles, 28 de junio de 2017

Varia de xuño

Cheo de luz e de claridade xuño é sinónimo de tempo alegre. Por iso deberiamos estar falando das cereixas, das cacharelas do San Xoán, da clase única dos cativos,  do fin de curso, da volta á praia, e se me apuran ata dos premios e galardóns que a esgalla se reparten polo país ó chegar o bo tempo. Pero neste mundo no que nos tocou vivir, a pesar da cantidade de analxésicos que a toda hora se nos dispensan, resulta difícil escapar da tensión, da preocupación e ata do medo que nos transmite a realidade circundante, sempre irrespectuosa con calquera tipo de calendarios.
Neste senso, cando escribía o outro día sobre a importancia dos bancos para sentarse, xa tiña detrás da orella o intranquilizador runrún da probable quebra dun banco do dos outros: o Banco Popular, dono desde non había tanto do Pastor, o derradeiro símbolo do dinamitado sistema financeiro galego. Fagan memoria: Caixa de Aforros Provincial, Caixa Rural, Caixa Galicia, Banco Gallego, Banco do Noroeste, ...  Si, poderían ser nomes para a crónica do fracaso e do saqueo dun país.  Pero non pasa nada: “Vivamos coma galegos”!
Outra nova que nos sobresaltou especialmente foi a do atentado de Londres. E tódolos medios destacaron o comportamento heroico de Ignacio Echeverría, unha das vítimas mortais, que era orixinario das Pontes. A sorpresa negativa veu do comportamento inhumano das autoridades británicas, porque, aparte da inexplicable tardanza na identificación do cadáver de Ignacio, non houbo nin un só xesto público de pésame nin de recoñecemento da heroicidade, o que fai sospeitar que o Reino Unido xa non é a democracia exemplar que noutro tempo foi. Pero, no medio de todo, fixeime noutro detalle: cando ó pouco do atentado os medios comezaron a entrevistar a españois que presenciaran a masacre, o acento fixo facilmente recoñecibles a unha maioría de galegos. Porque, aínda que se evite dicilo, estamos noutra desas fases, tan frecuentes na nosa historia, de expulsión de compatriotas mozos que non poden atopar un traballo na súa Terra: evidencia clara dese fracaso que non cesa. Por certo, agora que tan entusiasmados estamos co inglés, poderiamos sacarlle a Trintxerpe, o barrio obreiro de Pasaia pegado a  Donostia, o centenario título de “Quinta provincia galega”, que xa non lle pertence, e pasarllo en solemne celebración a Londres, como lexítima herdeira do galardón. 
E falando de patrias fracasadas, non podía pasar por alto outra triste nova deste mes: a do pasamento de Juan Goytisolo, un dos máis grandes escritores españois do século XX, que abominaba de calquera patria terreal en favor da ingrávida das letras: «Mi patria es el español y mi nacionalidad la cervantina». Amante da liberdade, foi azoute constante do mundo da cultura oficial española, polo que resulta fácil entender que non tivese moitos amigos nese ámbito. Os seus mestres sempre os atopou entre os perseguidos, os desterrados e os exiliados: Fernando de Rojas, Cervantes, Blanco White, Américo Castro, Machado, Cernuda, ..., Valente. Vello, enfermo e falto de recursos, semella que para poder darlle estudos ós tres  afillados que tiña en Marrocos, a terra na que viviu o seu exilio voluntario, claudicou  e aceptou o Premio Cervantes no 2014. Pero non por iso deixou de alancear, emulando ó Esforzado Cabaleiro, ós actuais esbirros da Santa Irmandade cun incendiario discurso de aceptación, no que tamén deixou este recado para os que escribimos: «Las razones para indignarse son múltiples y el escritor no puede ignorarlas sin traicionarse a si mismo. No se trata de poner la pluma al servicio de una causa, por justa que sea, sino de introducir el fermento contestatario de esta en el ámbito de la escritura».

Artigo publicado no diario La Región o domingo 11 de xuño do 2017.


sábado, 1 de abril de 2017

O Coto de Novelle


Permítanme que lles escriba hoxe dun coto: do Coto de Novelle. Antes quixera lembrarlles que “coto”, ‘prominencia pétrea, monte pequeno de forma cónica, parte máis alta e aguzada dun monte’,  é palabra de orixe prerromano que sobreviviu no latín galaico e no galego, pero nada ten que ver co castelán “coto”, ‘terreo acoutado’, que en galego é “couto”. Sinalar tamén, para os que non o coñezan, que o Coto de Novelle é un monte de 712 metros de altitude, coa característica cima aguzada da definición, situado xusto ó sur do embalse de Castrelo, coincidindo no seu cume a estrema dos concellos de Castrelo de Miño, Cartelle e Arnoia.
Por que escribir hoxe do Coto de Novelle? Pois, seguramente, porque a primavera é un dos tempos que máis convida a gozar das paisaxes. E o Coto de Novelle é un dos elementos paisaxísticos máis importantes e fermosos do Miño centroso ourensán, é dicir, dos ribeiros. Curiosamente, a literatura galega, tan chea de paisaxes, apenas se fixa nos montes con nome propio; talvez porque a tendencia á esfericidade da matriz granítica e gnéisica do noso chan fixo raras as cumes singulares, levando ós nosos escritores a fixarse máis nas serras ó describir horizontes. Tan só Otero Pedrayo, que eu saiba, situou o Coto de Novelle na súa narrativa. Pero claro, que outro mestre das paisaxes galegas tivemos aparte de don Ramón?
Ademais, don Ramón sentía debilidade polo Coto de Novelle, como a sentimos todos os que fomos aprendendo estas paisaxes dos ribeiros. El, que definía as harmónicas composicións destes vales como «o meirande avencellamento da historia coa natureza na nosa Terra»,  pensaba que era o Novelle, «fermoso e rexo», coa súa «xeitosa e grave figura», quen mandaba no conxunto, erixíndose en «expresión rematada de coto ordenador dun tempo de vales e encostas», e no verdadeiro «mestre na composición das paisaxes do Miño ribadaviense».
Outro namorado do Coto de Novelle foi Cuevillas, quen apuntaba: «Pásalle ó Coto de Novelle o que lle pasa ó Pico Sacro, un dos montes máis ilustres de Galicia, i é que se ve desde moi lonxe e desde moitas partes, pese ó modesto das alturas». Algo que calquera pode comprobar cando se achega a Ourense desde Vigo, Pontevedra ou Santiago, pois sempre lle será doado descubrir ó lonxe a figura xeitosa do Coto de Novelle. Aínda así, as mellores vistas do coto son: a que hai desde os fondais de Beade, a de Ventosela e as que se poden ver desde calquera das estradas que soben do val do Miño ás terras do antigo Chao de Castela, por exemplo, desde a que vai de Razamonde ó San Amaro por Eiras.
Impresionaba tanto o Coto do Novelle a Cuevillas que ata lle sorprendía que ningunha fonte literaria grega nin latina falase del nin de ningunha divindade asociada, porque na «figura dun coto tan forte, tan impoñente, ca súa cabeza ergueita e ennegrecida, cuberta ás veces por un veo de néboa, é gustoso matinar nun numen moi antigo e de moito poder». E houbéralle compracido a Cuevillas saber que a súa intuición acertaba; que detrás do nome do Novelle non está o latín “novus”, ‘novo’, como se adoita pensar, senón “Navia”, a deusa precéltica de orixe indoeuropeo vinculada ós ríos e ós vales, de cuxo culto no noroeste hispano e na Europa céltica dan testemuña as fontes epigráficas e toponímicas. Concretamente de Ourense son tres aras votivas dedicadas á deusa e diversos topónimos, coma o do río Navéa ou o da freguesía de Navío. Do Novelle, sabemos por documento de Celanova que o seu nome aínda era “Navia” a finais do século X, o que desvela a verdadeira etimoloxía do topónimo e proba o carácter sagrado do monte  para os antigos habitantes destes vales. Como intuíra Cuevillas.

Artigo publicado no diario La Región o domingo 26 de marzo do 2017

domingo, 12 de marzo de 2017

Pontes


Comezou bravo o mes de febreiro que vén de rematar. Pero logo chegaron eses “barruntos de primavera”, que tanto lle gustaban a Delibes, cargados coa súa luz madura e doce. E a xente, coma cada ano, saíu ós camiños soleados, ó paseo apracible e á parola amigable.
Neses anuncios da primavera é cando máis me comprace achegarme ós ríos para contemplar o paso das augas desde as pontes. Porque non existen augas máis puras, nin máis claras, nin máis cristalinas cás primaverais. A observación do seu curso tamén pode realizarse en paisaxes exentas de pontes, pero non é o mesmo: as pontes introducen un elemento cultural coase imprescindible na boa contemplación.
Temos a sorte inmensa de vivir nun país de fermosos ríos e con fermosas pontes. Cunqueiro, que bautizara a Galicia como o “país dos mil ríos” e que tiña entre as súas aspiracións máis firmes a de ser “pastor de ríos”, tamén era un gran admirador das pontes: «Habrá que hacer en su día el catálogo y elogio de las puentes de nuestros ríos [...] Bajo ellas pasan aprendiendo mesura y geometría»... E eu adoro esta lección cunqueirana das pontes: non basta coa fermosura enxebre do natural, tamén o natural precisa modelarse mediante a aprendizaxe da mesura e da xeometría!  Si; “nuestra vida son los ríos...”, pero a cultura póñena as pontes.
Sabían da importancia das pontes os nosos devanceiros. Na Idade Media, as pontes eran consideradas obras boas e meritorias, sendo moitas as persoas que incluían mandas nos seus testamentos para contribuír con tan loables empresas: «Mando aa ponte de Poul se se fezer, e V aa do Arinteyro, se se fezer [...]. Mando aa ponte d´Ourense XX soldos», rezaba, por exemplo, o testamento dun tal Pedro Peláez de Vilar do ano 1292. E aquí hai que destacar o importante papel que xogou a Igrexa, demostrado tamén polas obras de santos coma Santo Domingo da Calzada ou San Xoán de Ortega, promotores de pontes fundamentais do Camiño de Santiago, ou, máis relacionado con nós, San Pedro Telmo, patrón de Tui, que habitou por un tempo en Ribadavia, a quen a tradición atribúe a construción das pontes de Ribadavia e de Castrelo, o mesmo que, talvez con máis fundamento, a da Ramallosa, sobre o Miñor.
En todo caso, non cabe dúbida do impulso civilizador das pontes: Pontevedra, Ponteareas, Ponteceso, Pontedeume, Pontedeva, Ponterriza, Ponte Barxas, Ponte Mandrás, Ponte Navea, ..., Ponte San Clodio. Medio país naceu a carón delas. Incluso podemos dicir o mesmo da cidade de Ourense, porque, con independencia da existencia de poboamentos anteriores, a cidade como tal, segundo defendía a miúdo Ferro Couselo, debe a súa existencia e posterior crecemento á construción romana da Ponte. Por algo as pontes seguen considerándose paradigma da obra pública. Ás veces ata penso que se alguén quere coñecer un país, pode comezar pola observación e estudo das súas pontes. Nelas atopará  un compendio da súa historia e da evolución do gusto artístico das súas xentes, gusto que, como resulta evidente, non sempre foi a mellor...
 «Habrá que hacer en su día el catálogo y elogio de las puentes de nuestros ríos». E o catálogo pódese dicir que está feito, pero o eloxio non tanto: basta ver o estado de moitas delas. Otero Espasandín, o poeta de Cerdedo que nunca volveu do exilio,  fixo o eloxio poético das pontes do seu Lerez nativo; un eloxio fermosísimo, cargado da lírica melancolía do desterrado: «¡Quezáis un día, pontes da miña infancia,// volva a escoitar o merlo á vosa veira!..».
Case todos en Galicia, país de longos exilios, externos e internos, levamos as pontes da infancia prendidas na memoria... As miñas son as do Avia, pero delas escribirei outro día. 

Artigo publicado no diario La Región o domingo 5 de marzo do 2017

domingo, 27 de noviembre de 2016

A fermosura de Galicia


Hai tempo que perdín o entusiasmo xuvenil polas viaxes. Non é que  defenda a Emerson, cando dicía que viaxar era o paraíso dos parvos, nin tampouco me produce náuseas a idea das viaxes, como lle acontecía a Pessoa. Pero volvinme cómodo, non acredito que o “homo turísticus” vaia perfeccionar ó “homo sapiens”, e aprecio cada vez máis o adaxio latino “domi manere convenit felicibus”: convenlle ós felices quedarse na casa.

Con todo, aproveitei o bo tempo da ponte de Santos para dar unha volta por Galicia. E o periplo fíxome cavilar sobre a veracidade ou non dunha  idea moi común entre os galegos: a de que Galicia é o país máis fermoso do mundo. Castelao, que non admitía disidencia  a este respecto, escribiu no Sempre en Galiza: «non hai galego que non se sinta orgulloso de ser fillo da terra máis fermosa do mundo».  Eu, talvez pola miña formación científica, que dificilmente admite os absolutos, non sería tan categórico coma Castelao. Pero pode que o enclave natural da nosa terra sexa dos máis fermosos do mundo; non obstante, o que non creo é que as nosas cidades e as nosas vilas estean en posesión de tal condición. A maioría ocupan espazos xeográficos privilexiados, é certo, pero a man do home, en vez de contribuír a potenciar esa natural fermosura, como fixeron as culturas máis elevadas, dedicouse nos últimos cincuenta anos a hipotecala, e en moitos casos para sempre. 

Estiven eses días na Coruña, talvez a cidade galega que prefiro e a que mellor coñezo. E todo o mundo fala da súa fermosura: da Torre de Hércules, de Riazor, dos Cantóns, da calle Real... Pero ninguén fala dos caóticos barrios que rodean a cidade antiga: Montealto, Os Mallos, ... Tampouco das últimas actuacións, que deixaron ós xardíns de Méndez Núñez e ós propios Cantóns sen a visión do mar... E cando saín da Coruña para Carballo era tal a cantidade de desmontes, naves industriais e enlaces de estradas, que nin sequera fun capaz de recoñecer paisaxes polas que durante unha década pasara a miúdo. Arteixo pareceume tan horrenda coma sempre; e logo en Carballo, vila na que vivín oito anos, a conclusión foi que se antes era pouco agraciada, cunha maioría de construcións de ínfima calidade, da época do “desarrollismo” dos sesenta e setenta, colocadas sen ningún xeito, ultimamente aínda foi a peor.

E resultou que só cando abandonei as cidades e as vilas e entrei nos espazos rurais as cousas melloraron. Desde logo, nin en Bergantiños nin no Deza se ven os ermos nin o despoboamento da provincia de Ourense; as terras están traballadas, e as casas, aínda que excesivas en tódolos sitios, parecéronme ben arranxadas, e algunhas ata fermosas. No que respecta á costa entre Cee e Noia,  polo Pindo, Carnota, Louro e Muros, ademais de única, talvez sexa a que mellor se conserva de Galicia, ó non sufrir a presión especulativa das Rías Baixas. E as estradas non teñen comparación coas dos anos oitenta. Pero o que máis me compraceu da viaxe foi comprobar que a “Casa Cruz” de Baio sigue aberta: coas mesmas cociñeiras, coa mesma comida tradicional e ata coa mesma torta de améndoas de hai trinta anos.

O miolo de todo isto resulta bastante extrapolable para toda Galicia, e vén ó caso porque me fai moita graza esa fixación que teñen os “urbanitas” de denunciar o “feísmo” do rural galego: que se viron un metálico facendo de cancela, que se viron unha bañeira como bebedoiro dos animais, que se viron un alpendre de ladrillo... Pois direilles que todo iso son minucias comparadas co espantoso e mastodóntico “feísmo” especulativo das cidades e das vilas galegas. Porque o do rural ten fácil arranxo: basta con sacar o metálico ou a bañeira, ou con recebar o galpón. Pero, quen vai arranxar os desastres urbanísticos  das vilas e dos barrios das cidades galegas?


Artigo publicado no diario La Región o venres 25 de novembro do 2016






domingo, 13 de diciembre de 2015

Clima electoral


  Talvez o aspecto máis novidoso das eleccións do día 20, á marxe de que se poida superar o tradicional bipartidismo, sexa o da data de celebración, o 20 de decembro. Teríamos que retroceder a 1920 para atopar o único caso en España dunhas xerais en decembro, daquela un día 19, con trunfo rotundo dos conservadores de Eduardo Dato. Porque durante o réxime actual só uns comicios autonómicos se celebraron en decembro, curiosamente os do Parlamento de Galicia do ano 1989, en día 17, con outro gran trunfo conservador, o primeiro liderado  por Manuel Fraga, que puxo fin ó goberno de coalición presidido polo socialista González Laxe. Non obstante, o que si leva sido este mes de decembro é un mes de referendos: xa no 76, o día 15, o da Lei de Reforma Política; logo, no 78, o da Constitución,  en día 6; e por último, en 1980, o do Estatuto de Autonomía de Galicia, celebrado o día 21.
  A tradicional ausencia de eleccións en decembro segue a mesma lóxica que evita os meses de xaneiro, xullo e agosto, e non é outra cá atención á posibilidade de que neses meses se dean situacións extremas de frío ou de calor, que poderían dificultar notablemente o exercicio do dereito ó voto. Por que entón se salta esa norma non escrita de deixar libre de comicios o mes de decembro? Dirase que por razóns conxunturais, e que decembro é un mes coma outro calquera, pero iso non é toda a verdade.
  A meteoroloxía e a política están máis relacionadas do que parece: un, porque as metodoloxías matemáticas utilizadas para a predicción de resultados son moi semellantes nos dous campos; e dous, o que aquí nos interesa, porque o estado do tempo o día da cita electoral ten demostrado ser unha variable significativa, tanto a efectos de participación coma de resultados.
   Estudos realizados nos EE UU, Holanda, Reino Unido e España demostran que o mal tempo incrementa a abstención, e que esta, en xeral, beneficia ós conservadores. De media, acéptase que 25 mm de chuvia reducen a participación nun 1%, mentres que se esa precipitación fose de neve a reducción sería dun 5%; pola contra, un día soleado vota arredor dun 1,5% máis ca un día nubrado. Menos cuantificada está a influencia do tempo no sentido das votacións, pero hai un acordo xeral en que os votantes de dereitas son máis fieis e desafían mellor o mal estado do tempo; mentres, os de esquerdas son máis cómodos, e bastantes deciden quedar na casa por calquera inclemencia. Tales efectos non son grandes, é certo, pero toman importancia en votacións moi apertadas. Así, hai bastante acordo en que foi un día soleado no estado de Illinois o que realmente lle permitiu gañar as eleccións a J.F. Kennedy fronte a R. Nixon en 1960; mentres, sería un día de chuvia en Florida o que disuadiría a uns centos de demócratas de acercarse ás furnas, posibilitando así o discutido trunfo de G.W. Bush no 2000 fronte a Al Gore. A todo iso sumaríase na cita do 20-D o efecto da proximidade do Nadal, un tempo conservador por excelencia, no que a xente adoita esquecer mentiras,  agravios e ofensas, en beneficio dunha convivencia en paz.
  E a nosa relación histórica coas furnas en inverno non fai máis ca confirmar todos estes extremos da politoloxía. Nin González Laxe acertou convocando as disputadas eleccións galegas do 89 en decembro, nin tampouco Zapatero demorando ata  novembro as do 2011. Non obstante, pola mesma lóxica, é probable que agora acerte Rajoy, aínda que sexa a costa de perturbar o tempo de Nadal. Pero en cousas do tempo nunca se sabe, e, segundo imos, tampouco se pode descartar que este presidente remate sendo vítima do mesmo quecemento global que tanto negou… E dalgunhas cousiñas máis.


Artigo publicado no diario La Región o domingo 13 de decembro do 2015.

sábado, 21 de noviembre de 2015

Soberanía

En setembro do ano pasado escribía nesta mesma columna que o problema catalán tiña tódalas características dun movemento en espiral, unha curva da que non resulta fácil saír cando xa se entra na zona vertixinosa. E en setembro deste ano, antes das eleccións do 27-S, aventuraba que unha declaración secesionista, da que os partidos contrarios non querían nin oír falar, caía dentro dos escenarios posibles. Por desgraza, confirmáronse tódolos prognósticos e agora ninguén sabe moi ben como rematará todo isto. E concluía aquela columna de setembro do 2014: «chegado o caso, non se debe esquecer que todo o que cae dentro da Lei está permitido, incluída a celebración dun referendo consultivo pola vía do art. 92. Non é desexable, porque sería traumático; pero, en última instancia, non se sabe de ninguén que gañase unha batalla finxindo que non había que loitar.». Agora que moitos, incluídos bastantes votantes do PP, ven o referendo como única saída posible deste labirinto, talvez sería conveniente aclarar aquela postura.
  Ortega, a quen algúns consideran anticuado –seguramente porque entenden que o excesivamente claro resulta anticuado-, xa fora á verdadeira raíz do problema, que non é outra cá soberanía. Si, “soberanía”, que nos remite a “soberano” (deriv. de “sobre”) que significa ‘o que está por encima’. E desde Rousseau tal soberanía correspóndelle de xeito lexítimo ó pobo, é dicir, ó conxunto de cidadáns libres e iguais dun Estado; no noso caso ó conxunto de cidadáns do Estado Español, sen posibilidade de partición de acordo coa legalidade. Iso significa que só ese conxunto, en uso da súa soberanía e botando man do seu poder constituínte, podería introducir unha partición do seu poder soberano e o dereito de secesión para certos territorios; é dicir, non nos enganemos: algo inaudito.
  Por iso Ortega lle dixera alto e claro ós cataláns nas cortes da II República: «No nos presentéis vuestro afán en términos de soberanía, porque entonces no nos entenderemos». Pero, entre moitos méritos, un defecto da nosa Transición foi o de non falar claro, o de alimentar esperanzas imposibles. E daqueles barros... Si, podería convocarse un referendo consultivo para os cataláns, pero logo sería preciso realizar outro entre todos os españois para ver se estaban decididos a ceder ás pretensións dos cataláns; e en última instancia, salvados eses dous referendos, habería que abrir un proceso constituínte... Ou é que para que Cataluña se constitúa como Estado débemos renunciar ó noso Estado de Dereito?
  Pero tamén foi gran torpeza argumentar coa ruína de Cataluña en caso de separación. Porque a ruína máis segura sería a do resto de España. Hai que considerar que o noso desenvolvemento durante o século XX foi totalmente asimétrico.  Baste un dato: no ano 1900, Galicia, con algo máis de dous millóns de habitantes, aínda superaba a poboación de Cataluña. Un século máis tarde a poboación de Cataluña triplica a de Galicia, e o PIB, o maior de España, case o cuadriplica... Pero iso non foi debido só ó mérito dos cataláns e á torpeza dos galegos. Parte do desenvolvemento catalán, coma do vasco, ten orixe galego, andaluz, aragonés..., e algúns dos atrasos galegos teñen a súa orixe en Cataluña, no País Vasco, en Madrid. Porque houbo asimétricas distribucións de recursos e importantísimas migracións internas, e de aí a necesaria solidariedade entre territorios, e o inadecuado de levantar calquera tipo de fronteira entre eles. E no caso dunha separación, quen sería o listo que valorase toda esa realidade compartida, económica e histórica? Ou é que pretenden quedarse co mellor solar da herdanza hispana cun  simple Adéu Espanya?...


Artigo publicado no diario La Región o venres 20 de novembro do 2015.

sábado, 24 de octubre de 2015

Tempo de quitas


Non, non se asusten. Contra do que poden estar pensando, non vou falar de quitas de débeda nin de cousas polo estilo. Aínda que nunca debésemos tanto, agora xa non resulta fino falar diso. A superación da crise foi decretada e España volve a ser un pais próspero e solvente. E todo grazas á intelixente acción deste goberno que nos vén de sacar da UCI onde outros nos meteran. Para que falar entón de quitas de débeda, de corrupcións, de desigualdades, de paro? Sexamos optimistas e deixemos a política na man dos que, por experiencia, a entenden.

Así que escribireilles eu das únicas quitas que entendo, que son as que verdadeiramente se corresponden con este tempo dourado e sosegado de outubro. Refírome ás “quitas” do viño. Talvez vostede non saiba de que estou falando, e de nada lle servirá acudir ó dicionario da Real Academia Galega, que non rexistra este substantivo deverbal. Pero no Ribeiro e en boa parte da provincia de Ourense sabemos ben o que é a “quita”: a operación de separar o viño do bagaño cando parou de ferver o mosto. É o que noutros sitios chaman “resacar” o viño. Na vinicultura tradicional a quita comezaba co sangrado da cuba, a noitiña anterior ó comezo da faena. O viño que saía pola canilla, unha vez retirado o villote, íase recollendo nun barcaletón. A gran presión coa que saía ese viño novo e brillante criaba unha fermosísima espuma rosada que inundaba as adegas de aromas florais e agullados. Logo, cunha ola ou cunha bomba manual, íase trasegando o viño a outra cuba preparada a tal efecto. Despois, a cuba sangrada quedaba escorrendo toda a noite, para que o bagaño quedase o máis seco posible antes do prensado. Pola mañanciña, baixábase a cuba, e pola boca, cunha eixada, íase extraendo o bagaño en barcaletas, e con el íase cargando a prensa. Unha vez cargada e armada, comezaba o prensado: unha primeira prensada relativamente rápida e unha segunda máis calma, esta despois do espelicar nun culeiro o bagaño compactado da primeira prensada. Todo o que fixera esta operación do espelicado estará agora rememorando o tacto especial e a agradable fragancia espiritosa dese bagaño medio seco. 

E gustábame o ritmo sosegado e calmo desa segunda prensada; con dous homes a ritmo apertando a prensa, dente a dente: “tin, tin!, ..tin, ..tin!, ….tin, ….tin!”; con descansos para darlle tempo a que afrouxase, e tamén para fumar un pito e botar unha parola sentados nun canteiro, mentres observabas como aquel delgado e irisado fío de viño ía enchendo a barcaleta.… E parecíame, e síguemo parecendo,  que nesa segunda prensada estaba un modelo ideal para o ritmo de vida dun home. Porque poucas cousas hai máis importantes na vida, igual ca na literatura, ca atopar un ritmo axeitado para facer as cousas… Así, lembro que cando un entraba nunha aldea do Ribeiro, nestas tardes calmosas de outubro, cos cas deitados ás portas das casas e cos camiños humedecidos pola primeiras chuvias,  percibía esa música especial da quita que chegaba desde as adegas familiares, formada polos sons dos esforzos acompasados dos homes, “auumm, auumm!”, e polos remates de toque de campaniña, cada vez que as cuñasda prensa avanzaban un dente, “tin, tin!”, e sentía esa paz inmensa que só e capaz de crear a resonancia dos ritmos propios cos ritmos naturais do tempo. 

Un progreso mal entendido case ten  rematado con todo iso. O pequeno e modesto vitivinicultor como modelo típico de ribeirau, despois de mil anos de existencia, está a pasar a mellor vida… Dentro de pouco darémonos conta do valor da cultura que perdemos… Xa non se percibe a música da quita nas aldeas. Na realidade xa non se percibe ningún tipo de música nas aldeas. Só silencios e ausencias….

Artigo publicado no diario La Región o venres 23 de outubro do 2015