Mostrando entradas con la etiqueta San Clodio. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta San Clodio. Mostrar todas las entradas

domingo, 24 de diciembre de 2017

Nosa Señora da Ó


O endiañado panorama político español pode ser unha das causas do abandono de  algúns dos  meus temas favoritos: a historia, a onomástica, a haxioloxía... Ata un amigo, e non obstante lector fiel dos meus artigos, me  lembrou que levaba tempo sen escribir de San Clodio. Así que, se mo permiten, retomarei este domingo esas temáticas tan queridas, non sexa que os acontecementos me obriguen a deixalas de novo. E fareino escribindo sobre unha devoción pouco coñecida: a de Nosa Señora da Ó, cuxa festividade celebra a igrexa tal día coma mañá, 18 de decembro.
Preguntaranse vostedes de onde vén o meu interese por esta singular advocación da Virxe María, e direilles que da lectura dun vello documento. Ata ese momento confeso que a única María de la O que coñecía era a da copla, a que fala daquela xitana “tan desgraciaita” “teniéndolo tó”... Por iso, cando lin nese documento, de 1565, que miles de romeiros baixaban a San Clodio ós días 17 e 18 á “romeria e fiesta de Nuestra Señora de la O”, non podía crelo, ata que unha amiga experta en paleografía me confirmou que, en efecto, iso era o que poñía.
O documento, que se atopa no Arquivo do Reino de Galicia, recolle unha querela criminal dos veciños e partido “del Monasterio de San Clodio del Rribero Dabia” –atentos eses deturpadores de nomes que, por ignorancia e/ou mala fe, insisten en chamarlle “Mosteiro de San Clodio de Leiro”- contra os maiordomos dos condes de Ribadavia nas súas terras do Couto de Anllo, do Chao de Amoeiro (non dos Chaos de Amoeiro) e da fortaleza de Roucos, por deter ós romeiros que ían a San Clodio con “muchos puercos cebados, pan e trigo en grano y paños y zapatos e otras muchas mercadorias” e obrigalos a facer feira en Anllo, pretendendo cobrarlles alí a alcabala (tributo sobre as vendas que recadaba o señor xurisdicional) e así prexudicar a feira do mosteiro... Xa ven como as gastaban os condes de Ribadavia, cuxa utilización da forza bruta en contra das xurisdicións monacais, especialmente da de San Clodio, resultou habitual, a pesar das reiteradas sentencias da Real Audiencia dándolle a razón ós mosteiros.
Pero volvendo á Nosa Señora da Ó, hai que dicir que é devoción de orixe hispano. Fora establecida por San Ildefonso de Toledo no século VII co título de Expectación do Parto da Virxe María, pero pronto pasou a coñecerse co nome de Nosa Señora da Ó. A razón para o cambio onomástico estaba no tradicional canto nas vésperas da última semana de Advento (do 17 ó 23 de decembro) das denominadas antífonas maiores, pregarias que comezan coa exclamación Ó!: de aí o nome.
A iconografía de Nosa Señora da Ó, que presenta o ventre embarazado da Virxe, non lle debía de gustar moito á Igrexa da Contrarreforma, e menos á de despois do dogma da Inmaculada Concepción, proclamado a mediados do século XIX. Foi iso o que levou a un relativo silencio sobre a antiga devoción e ata á ocultación de numerosas imaxes de Nosa Señora da Ó. Perdeuse, por exemplo, a que de seguro había en San Clodio, pero consérvanse algunhas: unha por exemplo na Catedral de Ourense, que data do século XVI, obra dun mestre de Portugal, país no que esta Virxe tamén foi moi venerada. Así mesmo, resulta notable que dúas parroquias galegas manteñan a súa advocación: a de Nosa Señora da Ó, en Muxía, e a de Nosa Señora da Ó de Mormentelos, en Vilariño de Conso.
Tal día coma hoxe, na época do documento, escoitaríase en San Clodio o fermosísimo canto gregoriano da primeira antífona maior do Advento, a “Ó Sapientia”. Traducida, comeza dicindo: “Ó sabedoría, que brotaches dos beizos do Altísimo”; e remata: “Vén e amósanos o camiño da prudencia”. Que falta nos vai facer non apartarnos del...

Artigo publicado no diario La Región o domingo 17 de dembro do 2017.

lunes, 25 de septiembre de 2017

25 anos

Gústame o relato memorístico do pasado, pero non confío nel como fonte da  historia. Prefiro as probas documentais, porque a memoria adoita resultar fráxil e enganosa, incluso cando o relator pretende ser verídico. Neste senso, sempre estou atento á sección de hemeroteca dos diarios, que me permite contrastar as realidades de hai vinte e cinco, cincuenta ou cen anos, coas ideas, case sempre distorsionadas, que a xente se vai formando sobre as mesmas.
Como sabe todo o mundo, estase a celebrar o vinte e cinco aniversario dun ano emblemático da historia recente de España: 1992. Un ano que ós máis novos lles parecerá remoto e ós que xa non o somos parécenos que foi noutronte. Foi o ano das Olimpiadas de Barcelona, da Expo de Sevilla, do V Centenario, do segundo Tour de Indurain, da primeira Copa de Europa do Barça ... Talvez o ano no que o optimismo patrio acadou o seu máximo histórico. Parecía que, por fin, España alcanzaba á modernidade democrática e social propia dos países europeos máis avanzados, coas vantaxes engadidas de desfrutar dun clima mellor e dunha superior alegría no xeito de vivir. Logo todo aquilo resultou ser un efémero soño de verán, pero aínda así 1992 segue considerándose un ano de referencia.
Como recordaran, o pasado domingo 27 de agosto caía unha gran treboada con sarabia no Carballiño e no Ribeiro, e ese mesmo día no “Hai 25 anos” deste periódico lembrábase como, en idéntica data do 92, un grupo de viticultores do Ribeiro increparan a Fraga e a Baltar no Carballiño, aproveitando  a súa presenza na inauguración dunha fábrica de madeira. O que non recollía a noticia era que unha das razóns da protesta dos viticultores fora a falta de axudas por outro gran pedrazo que caera xusto o domingo 17 de maio daquel ano 92, con especial incidencia na parroquia de San Clodio e en parte do concello de Cenlle, lugares onde se perdera o total da colleita. Lembro moi ben aquela treboada, porque a vivira e porque participara na posterior redacción das declaracións de perdas dos afectados de San Clodio. Logo viaxei a Santiago en compañía do daquela alcalde de Leiro, Abelardo Reinoso, para facerlle entrega das declaracións de danos e da correspondente solicitude de axudas ó entonces Conselleiro de Agricultura, Tomás Pérez Vidal. Tamén debo dicir que as axudas concedidas foran nulas, e que o único resultado de todos aqueles tramites fora o asfaltado dunha pista.
Pero esa azarosa coincidencia dos dous pedrazos empuxoume a botarlle unha ollada ás copias daquela toda documentación que aínda conservo. E vin como na parroquia de San Clodio os danos afectaran á 32 Ha e a 55 viticultores. Pasados 25 anos, comprobo con pena como as terras de 40 daqueles produtores declarantes están agora totalmente ermas, e como 31 deles xa pasaron a mellor vida, sen que ninguén viñese a reemprazalos, nin como veciños nin como viticultores. Na actualidade cultivaranse na parroquia unhas 15 Ha de viña, que se reparten entre dúas empresas e tres ou catro colleiteiros xubilados. E coido que a situación é semellante na maioría das parroquias do Ribeiro de Avia.
En suma, nos últimos 25 anos, propiciado pola desidia dos sucesivos gobernos,  produciuse un feito sen precedentes no Ribeiro de Avia: a desaparición dos pequenos agricultores, que viñeran traballando estas incomparables terras, talvez as de máis antigo monocultivo vitivinícola da Península Ibérica, de forma continuada durante coase mil anos, primeiro como foreiros e logo como propietarios, e que crearan, ademais, unha das culturas máis xenuínas de Galicia.
Tratouse dunha extinción en toda regra, pero os beneficiarios prefiren chamarlle reconversión do sector. E iso que poucos leron a Orwell.

Artigo publicado no diario La Región o domingo 17 de setembro do 2017


sábado, 22 de julio de 2017

O tío Serafín


Na publicación de homenaxe a Alonso Montero editada polo Instituto de Estudios Carballiñeses no 2015 figuraba un artigo do latinista Ferro Ruibal, académico da Galega, no que definía un interesante concepto: o dos “mestres gratuítos”.  Corresponderíalle tal título a aqueles que, sen formar parte dos claustros de profesores que nos deron aulas, tiveron non obstante unha influencia determinante na nosa formación intelectual e humana. Explicaba Ferro Ruibal que o concepto non era seu, que o aprendera de Filgueira Valverde, quen tamén tería acuñado un nome para os discípulos de tales profesores: o de “alumnos ventureiros”.
Fagan memoria e verán como pronto se lembrarán de algúns dos seus mestres gratuítos. Reflexionen e decataranse de como parte do que que realmente son deriva da influencia de tales mestres. Pero non é obrigado que fosen catedráticos nin titulados universitarios, tan só persoas coa suficiente xenerosidade como para regalarnos parte do seu tempo e facernos beneficiarios dalgún maxisterio seu que nos resultou atractivo. Porque non sempre o apego por determinadas disciplinas nace dos profesores oficiais; ademais, na vida hai materias importantísimas que non figuran nos plans de estudos e nas que os profesores máis influentes adoitan carecer de diplomas acreditativos.
No meu caso, o mestre gratuíto máis importante que tiven foi Serafín González Díaz: o tío Serafín. Os seus estudos reducíanse ós primarios en San Clodio e a uns de comercio en Salvador da Baía, no Brasil, a onde emigrara para atoparse cun irmán e de onde regresara ó pouco por cuestións de saúde, a principios dos  anos trinta e con dúas maletas cargadas de libros como única fortuna.
No silencio dunha xordeira prematura o tío Serafín fórase convertendo en lector exquisito e profundo, e foi el quen me fixo descubrir e amar desde rapaz a literatura e a historia, incluídas aquelas partes das dúas que no franquismo permanecían ocultas para a maioría dos españois. Por el, con apenas dezaoito anos, xa tiña lido eu cousas de Américo Castro, de Sánchez Albornoz, de Azaña, de Castelao, de Aranguren, de Ortega, de Julián Marías ou de Jorge Amado, por citar só algúns dos seus autores favoritos. E nos enormes petos do seu barojiano abrigo sempre había recortes de periódico gardados para min: de García Sabell, de Augusto Assía, de Chao Rego, de Haro Tecglen, de Miret Magdalena, de Ruíz Giménez.
O tío Serafín fora un dos moitos españois que padecera a historia, simplemente por amar o coñecemento, a xustiza e a liberdade. Acusado de ter organizado unha asociación cultural en San Clodio, tachada de esquerdista polas forzas reaccionarias, foi encarcerado ó pouco de estalar o Movemento. Despois de percorrer as prisións de media España, de Ribadavia a Tolosa, pasando por  Oseira e Ourense, un intercambio entre presos dos dous bandos levouno a Cataluña, onde viviría toda a segunda parte da guerra ata a definitiva derrota da República. Logo virían as penurias do exilio e dos campos de concentración en Francia. E por último, o regreso a España.
O tío Serafín finou hai agora trinta e un anos, e sempre me lembro del por este tempo. Contábame que fora o vinte de xullo do 36, día da Santa Margarita en Berán, cando os mozos falanxistas xa non se xuntaran co resto da mocidade na festa. Uns días despois asaltaran a súa casa de noite e levárano preso. Cando volvera, no verán do 40, a acollida oficial consistira nunha salvaxe malleira no cuartel da garda civil de Leiro.
Si, contra o anxo da desmemoria, convén lembrar que España non sempre foi o país liberal e democrático que agora parece ser. 

Artigo publicado no diario La Región o domingo 16 de xullo do 2017.

sábado, 29 de abril de 2017

En bicicleta


Hai tempo que desexaba escribir un eloxio da bicicleta, e van alá varios intentos. O último no pasado outono, cando os fríos de novembro recomendaban o inicio do tradicional paréntese invernal do pedaleo. Agora regresou o bo tempo, volveron as bicicletas ás estradas e  retornou a idea do texto pendente.  
Foi Marc Augé, antropólogo francés autor dun libro sobre este tema, quen escribiu que ninguén podía facer un eloxio da bicicleta sen falar de si mesmo. E tiña razón, porque basta pensar niso para que se acugulen na mente centos de imaxes de vivencias nas que a bicicleta foi protagonista das nosas vidas. Talvez nos suceda máis iso ós que temos certa idade, e menos ós novos; porque a bicicleta, por desgraza, perdeu parte da importancia cultural que tivo.
Ninguén esquece como aprendeu a montar en bicicleta, nin as viaxes iniciáticas que fixo montado nela cos seus amigos. Tampouco aquel verán no que  levou sentada no cadro á bonita rapaza que tanto lle gustaba. Son lembranzas comúns que explican o xeral aprecio que sentimos polas bicicletas. Pero se houbera que resumir nunha palabra o que simboliza este velocípede, eu diría liberdade. Non sei no que soñan os rapaces de agora, nin sequera sei se soñan tanto como soñabamos; pero o que sei é que a bicicleta foi para nós unha máxica máquina de soños e de evasións que nos abría a posibilidade de descubrir novos mundos. E en certa medida, pasados os anos, cada vez que un  monta na bicicleta recupera sensacións daquel tempo perdido e feliz que foi o da infancia e da adolescencia.
Como amante do cine, escribindo disto, non me esquezo de Día de Festa de J. Tati nin de Ladrón de bicicletas de V. de Sica, pero hai dúas secuencias noutras dúas películas que, ó meu ver, reflicten coma ningunhas o carácter liberador da bicicleta: a primeira está en A Gran Evasión, cando un protagonista (James Coburn), despois da fuga, atravesa os verdes campos de Francia en bicicleta e consegue ser un dos poucos evadidos que alcanza a liberdade; a segunda, das mellores da historia do cine, está en E.T., cando os rapaces levantan o voo montados nas súas bicis. A primeira simbolizaría a viaxe que todos soñamos algunha vez, pero que poucos teñen o valor de realizar: a do home que para ser libre sae a coñecer o mundo, pedalada a pedalada, lixeiro de equipaxe e montado na bicicleta da mocidade. A segunda remite a algo profundo e alegórico: á ansia do home por voar, tanto física coma espiritual, na que a bicicleta parece ser paso intermedio e necesario: “Yo sé que tiene alas./ Que volando me lleva/ por prados que no acaban/ y mares que no empiezan”, cantáballe o poeta no exilio á súa bicicleta ultramarina.
Eu aprendín a andar en bicicleta nunha de piñón fixo, na desaparecida fábrica de madeira do señor Arsenio; conseguín sosterme costa abaixo durante uns vinte metros para logo espetarme contra a parede do secadeiro das táboas. Despois, a primeira viaxe iniciática fíxena con catro amigos; para iso tivemos que requisar medio parque móbil da parroquia, pois non eran tantos os veciños con bicicleta; teríamos once ou doce anos; subimos polo Carballiño, baixamos por Barbantes e regresamos a San Clodio por Ribadavia: aínda hoxe penso que foi unha das viaxes máis fermosas das nosas vidas.
Pouco se parece a bicicleta de hoxe a aquela vetusta Orbea que mercara meu pai como medio de locomoción familiar; noto a falta, sobre todo, do timbre e da botelliña da dinamo co seu foco. Non obstante, cando me lanzo costa abaixo polas estradas da infancia e xogo a cambiar a posición da cabeza, para experimentar os distintos xeitos que ten de zoar o vento, por veces, non estou seguro se quen vai na bicicleta é este home maduro que agora escribe ou aquel neno no que agora pensa.

Artigo publicado no diario La Región o domingo 23 de abril do 2017.

miércoles, 7 de diciembre de 2016

Historias da tele


Cúmprense agora sesenta anos de televisión en España. Na infancia  da miña xeración aínda era o aparato de  radio o que presidía boa parte da vida familiar, desde a cima dun aparador ou dunha repisa, na cociña ou no comedor. Pero a principios dos sesenta, entre a infancia e a adolescencia, descubrimos a televisión, o invento que acabaría expulsando á radio do seus domésticos altares.

A televisión chegaba oficialmente a Galicia no 61, pero iso foi nas cidades; á maioría da vilas non chegou ata  un par de anos despois. Lembro moi ben a primeira vez que a vin. Foi un domingo, calculo que do 63, no que tódolos rapaces de San Clodio, acompañados por padre Pedro, o frade do mosteiro que exercía de párroco, subimos ata a casa de don  José,  o cura da veciña parroquia de San Lourenzo da Pena. A reitoral de San Lourenzo, hoxe arruinada, era fermosa, e estaba situada xusto por debaixo da igrexa parroquial, dominando coa vista boa parte daquel traballado Ribeiro de Avia. Naquela casa, sentados no chan de madeira dunha sala grande, e vixiados  pola criada do señor abade, non fose que se nos ocorrese tocarlle ó valioso aparello, contemplamos o primeiro programa de televisión das nosas vidas. Chamábase “Escala en Hifi”, e era un programa musical, que nos gustara; pero aínda nos gustaran máis os anuncios, principalmente os de electrodomésticos: estufas “Corberó”, neveiras “Kelvinator”, televisores “Werner”, ..., enxeños todos moi desexados pero que aínda ninguén posuía nas aldeas.

Os cafés de Leiro deberon de poñer a televisión no ano 65, porque no 64, cando a final de España con Rusia, aínda non a tiñan. Aproveitando aquel evento, o Sr. Bernardino “O Camba”, dono do cine, colocara unha antena no piñeiro máis alto do Coto de Gaio e trouxera un televisor para poñer o partido. Creo que a entrada custara unha peseta, non me lembro ben, pero o que si lembro é que na pantalla víase máis a neve da pésima sinal que chegaba ó fondo do val cós xogadores dos equipos. Pero a xente saíra contenta: gañara España.

Onde xa daquela se vía ben a televisión era nos pobos altos: en Lebosende, en Cenlle, no Carballiño; porque collían mellor a sinal de Santiago. Por entón, eu ía andando tódolos sábados a Lebosende á tenda de meu tío Eduardo, para ver “El Virginiano”, “Cesta y Puntos” e “Perdidos en el Espacio”, esta última a miña serie favorita. O malo era que acabada de noite, e despois pasaba bastante medo baixando ás escuras pola verea de volta á casa. Desde mediados dos sesenta tamén se podía ver a televisión no cámping de Leiro, pero o barullo da cafetería facía imposible seguir calquera serie ou película, salvo cando pasaban “Viaje al fondo del mar”, ós domingos pola tarde; esa serie conseguía algo milagroso: que todo o mundo quedase atento e calado, incluso os xogantíns do subastado. Teño cavilado nese misterio, e creo que se debía ó característico ping.., ping.., ping... do sonar do submarino da serie, que nunca deixaba de soar.  Alá polo 68, a miña tía Irene mercou a terceira televisión de San Clodio (a primeira trouxéraa de Estados Unidos don Pepe “O comandante”, e a segunda mercárana os frades do convento). Era a época de “Galas del Sábado”, pero o que eu quería ver eran as series que poñían ó rematar as galas: “Ladron sin destino”, “El hombre del maletín”, “Los intocables”; non obstante, poucas veces estaban meus tíos dispostos a permanecer erguidos ata tan tarde, e menos a seguir gastando butano na catalítica...

A principios dos setenta, por fin, chegou a televisión á nosa casa. Pero eu xa comezaba a mocear, e, en consecuencia, xa perdera gran parte do meu interese pola tele.

Artigo publicado no diario La Región o domingo 4 de decembro do 2016


sábado, 4 de junio de 2016

De peixes e pescantíns


Escribía o outro día de paxaros, pero este tamén é tempo de peixes e de pescantíns. En Galicia, e máis na Galicia interior, todos os que temos unha certa idade estamos asociados a un río; pode ser un humilde regatiño ou un río de maior entidade, pero un río ó fin e ó cabo, con todas as filosofías e todas as  poéticas que lle son propias. E con ese río, onde botamos os primeiros barcos de xoguete, onde aprendemos a nadar e onde fixemos algunhas das  primeiras aventuras exploratorias, sentímonos identificados de por vida. Pero esta identificación falta nos novos, porque se perdeu o contacto íntimo cos ríos, e coido que iso é unha gran perda.
O meu río da infancia e da adolescencia, e polo tanto o meu verdadeiro río, é o Avia. Gardo memoria de cada un dos seus recunchos. Por iso cando leo ou escoito a palabra “río”  vexo o Avia, o mesmo que cando a palabra é “nai” teño a feliz imaxinación da miña. Daquel río da infancia e da adolescencia lembro a maxia das viaxes en piragua; en especial cando, no medio da verde soidade dos amieiros e entre os trilos dos paxariños, un deixaba de remar e aproximaba a cara á pel da auga, ata chegar a rozala, para así poder observar mellor o enigmático transcorrer da vida asolagada: das troitas, das bogas, dos peixes, das anguías, que se movían por tódolos lados. Tamén lembro tardes soleadas de abril e maio en Ribadavia, na época do Instituto, cando íamos a tumbarnos á beira do río para observar o grandioso espectáculo da loita heroica de miles de troitas contra a lei da gravidade, tratando de superar a presa da Beronza. Daquela, o primeiro exercicio de pesca para os nenos adoitaba consistir en atrapar unha anguía cunha fisga feita dunha estaca cun garfo atado na punta; e logo viñan as primeiras experiencias, tamén obrigadas, con cana, sedal e anzol. Pero non facía falta ir nunha lancha nin ir de pesca para observar a numerosa poboación de peixes e anguías que daquela tiña o río. Bastaba pararse ó cruzar unha ponte ou unha pontella e mirar para as augas, nese acto case instintivo ó que o reformador español Juan de Valdés asignaba grande importancia definitoria, pois opinaba  que os ríos e os seus habitantes foran feitos para que os contemplaran os sabios e para que non reparasen neles os imbéciles… Hoxe case nada queda de todo aquilo. Cruzo con frecuencia o Arenteiro e o Avia, e ás veces, no rutineiro exercicio observatorio, non son capaz de divisar nin un só peixe, aínda permanecendo catro ou cinco minutos na vela.
Que pasou? Que entremedias viñeron os embalses e a contaminación das augas: acabáronse os sábalos (que subían polo Miño ata Francelos, lexítima capital histórica da pesca de Ourense), as lampreas (que eu aínda vin pescar na Ponte San Clodio) e as anguías, e diminuíron unha barbaridade as troitas e os peixes… Así que os efectos do “progreso” foron especialmente perversos cos ríos. Curiosamente, os índices de calidade das augas en xeral non son malos: pero os embalses alteraron equilibrios e comportamentos das especies acuáticas que nada teñen que ver cos parámetros que se miden.
Nunca me afeccionei á pesca, talvez pola pouca maña que demostrei nas primeiras tentativas; pero sempre admirei ós pescadores, que tanto practican a virtude da paciencia como exercitan a sabedoría da contemplación. E gústame escoitar os seus relatos, igual cós dos cazadores, paradigmas os dous do arte da narración. Por iso me pesa non ser pescantín, sobre todo despois de lerlle a Cunqueiro que de haber existido en Galicia un Isaac Walton, aquel “perfecto pescador de cana” inglés, coetáneo de Shakespeare, seguramente houbera escollido o Avia para pescar…

Artigo publicado no diario La Región o domingo 29 de maio do 2016.

martes, 10 de mayo de 2016

Paxaros


Os habitantes do campo temos moitas desvantaxes respecto dos da cidade, pero mantemos algunhas vantaxes. Unha das máis importantes, ó meu ver, é a conservación do contacto coa natureza, mestra fundamental da vida. E isto tamén se nota na creación literaria, porque os autores dos que máis se aprende case nunca perderon a relación co medio natural. Pensemos por exemplo en Pla, en Delibes ou en Otero Pedrayo: a obra do primeiro non se explicaría sen a súa vivencia do Ampurdán; tampouco a do segundo sen o seu íntimo contacto co rural de Castela, e menos a de Otero se ignoramos que o centro da súa mirada sobre Galicia estaba no pazo de Trasalba. Ademais, en épocas convulsas, unha ollada á natureza axuda a recompoñer equilibrios perdidos.
  E pola entrada da primavera sempre hai un elemento da paisaxe que chama a miña atención especialmente: os paxaros. Talvez porque tanto a casa petrucial de San Clodio coma a familiar do Carballiño constitúen observatorios privilexiados sobre as amenas ribeiras do Avia e do Arenteiro, que son lugares predilectos para estas aves; pero tamén porque neste tempo é cando máis se fan notar cos seus cantos e recantos.
Compráceme observar os paxaros. E paréceme que, con respecto a hai corenta ou cincuenta anos, diminuíron moito os gorrións, que antes tiñan a maioría absoluta neste reino, e case desapareceron os verderolos, tan abundantes antano. Tamén minguou a poboación de cirrios –un ceo azul non acada a máxima fermosura sen cirrios voando-, e a de rulas. E hai anos que non vexo vichelocregos, que tanto nos gustaban ós nenos, polo seu áxil voo e pola vistosa cor amarela do seu corpo. Non obstante, aumentaron moito os merlos, corvos e miñatos, e digo isto sen segundas. Pero dun lugar a outro hai diferenzas: no Carballiño abundan as pegas, e en San Clodio (a nove quilómetros) apenas se ven, cando antes eran moi comúns (os herbicidas?); pero o contrario sucede coas anduriñas. Nas beiras do Avia e do Arenteiro é fácil ver a lavandeira real, o merlo rieiro e ata o fermosísimo martín peixeiro, especies todas propias de augas limpas. E pola miña finca pasan a miúdo pombos, tordos, estorniños, lavandeiras, xílgaros, piscos, petos reais e ata algún gaio, amén doutras especies que non identifico. Tamén me visita con frecuencia o meu preferido, que é o ferreiro rabirrubio, un paxariño solitario do que me namora o xeito tan elegante que ten de mover o seu rabo arpado. O ano pasado incluso tiven pousado nunha claudieira ó esquivo cuco, ó que este ano oín cantar tarde, xa entrado abril, e con menos forza ca outros anos.
  Pero, por que merecen tanta atención os paxaros? Porque neles compleméntanse dúas poéticas esenciais: a do voo e a do canto. Na primeira, o paxaro representa o voo da nosa imaxinación; e a verdadeira atracción, apunta Bachelard, non vén tanto da fermosura dos paxaros coma da beleza intrínseca do voo. Aspiramos  atravesar o espazo coa lixeireza do paxaro, e dese xeito o voo pasa a ser un centro dos nosos soños. O voo onírico convértese así nun estado de felicidade, de voluptuosidade do puro, que descoñece a traxedia; por iso, só se voa en soños cando se é feliz. A segunda poética, a do canto, vén de que todas as efusións cantoras que esperta a primavera nacen do amor na súa forma máis primitiva e pura, co fin principal da conservación da especie. Como di Pla, “a conservar a especie vaise cantando”… E o caso é que agora cántase pouco, e a demografía vai como vai. Os paxaros sempre foron os máis aplicados niso; por esa razón os cantos melodiosos do reiseñor, do malvís ou do xílgaro, simbolizan a invitación ó amor… Cantemos entón.

Artigo publicado no diario La Región o domingo 8 de maio do 2016.

jueves, 31 de marzo de 2016

Do cine e dos soños


Escribo recén estreada a primavera. O día aparece fermoso e soleado; os paxariños alegran con infinitos rechouchíos as ribeiras do Arenteiro; as claudieiras e os prexegueiros poñen notas de cor nas paisaxes coas súas copas floridas; fumegan os eidos onde se traballaron as primeiras sementeiras… E diante de toda esta beleza regalada un quixera esquecerse, alomenos por uns días, de todas as tribulacións que perturban a súa tranquilidade, sexan estas domésticas, locais, estatais ou universais. Así que non escribirei da nada diso e falarei do cine.
  Na miña infancia, nos anos sesenta, en Leiro existía o Cine Principal, ou Cine do Camba, polo apelido do propietario, un home bo e simpático que tamén exercía de agricultor a diario, de taberneiro ás noitiñas, e de xuíz de paz, sen soldo, cando era preceptivo. A Semana Santa era daquela a verdadeira semana do cine, porque a diferenza do resto do ano, en que só había sesións ós domingos, nestas datas habías xoves, venres, sábado e domingo. Eran os días das películas relixiosas – “Fray Escoba”, “Molokai”, “Marcelino, pan y vino”…-, pero tamén das de terror, xénero no que as mexicanas en branco e negro do “Santo: El Enmascarado de Plata” eran as que máis éxito tiñan. Logo, o resto dos domingos, nunca fallábamos á sesión das catro, reclamados polos altavoces exteriores que a todo volume repetían cancións dos Bravos –“Black is black”, “Bring a little lovin´”- e rancheiras de Antonio Aguilar – “Tu retratito”, “Sonaron cuatro balazos”-. En xeral,  as películas, a maioría westerns, igual cós NODOs, chegaban a Leiro con bastante atraso, e os que se ían facendo mozos e tiñan bicicleta desprazábanse a Ribadavia ou ó Carballiño –había tres cines en cada vila- para ver os filmes máis recentes. O resto tiñamos que contentarnos coas estreas de setembro, nas festas de Ribadavia e do Carballiño, festas nas que había anos que se vían ata tres películas no mesmo día, unha en cada cine.  Algún gran título dos sesenta, coma “55 días en Pekín” ou “La caída del Imperio Romano”, nunca chegaron a Leiro, pero eu e os meus amigos sabiámolas enteiriñas grazas os relatos que debaixo das solainas de San Clodio nos contaba o Suso da Petanasa, que subía tódolos domingos en bicicleta ó cine ó Carballiño: «Suso, cóntanos outra vez “55 días en Pekín”»… E alí estabamos todos caladiños escoitando ó Suso e imaxinando a valentía de Charlton Heston e a fermosura de Ava Gadner… Resulta sorprendente e marabillosa esa necesidade innata que temos os  humanos de que nos conten historias.
  O domingo pasado estiven no cine en Leiro, no Novocine, ou Cine do Ernesto. Abriu hai trinta e tantos anos, uns dez despois de que pechara o Camba, con quen comezara o Ernesto a súa carreira de axudante de maquinista, sendo apenas un neno, coma o Totó de “Cinema Paradiso”. Despois foi maquinista titular en cines da empresa Fraga, en Vigo, e logo regresou para cumprir o seu soño: volver abrir un cine en Leiro. Cando veu era xusto a época na que os cines pechaban en tódolos lados, e poucos lle auguraban moita vida á súa empresa. E se el só pensase no diñeiro, no único que se pensa agora, o seu cine houbera pechado ó pouco de abrir. Pero o caso é que ultimamente, coas estreas case simultáneas, asiste moita xente ó cine de Leiro. O domingo, mentres el recollía as entradas e falabamos dos vellos tempos, foron pasando por diante cantidade de amigos e coñecidos do Carballiño e de Ribadavia –sen cines desde hai anos- que agora veñen con gusto ó cine de Leiro. Quen nolo ía dicir hai algún tempo!... Pois todo é grazas ó Ernesto, un exemplo vivo deses homes que tanto alababa Emerson: aqueles que nunca abandonan o camiño dos seus soños.

Artigo publicado no diario La Región o domingo 27 de marzo do 2016.

sábado, 9 de enero de 2016

Cartas e carteiros



Este ano, por primeira vez desde non sei cando, non recibín ningunha felicitación de Nadal por carta; chegaron bastantes por e-mail e por whatsapp, pero por correo ordinario ningunha. Tamén debo confesar que haberá cousa de dez anos que deixei de escribir postais de Nadal. Pero a crise do correo ordinario é xeral, nin me afecta só a min, nin ás felicitacións de Nadal exclusivamente. O certo é que apenas escribimos cartas, e que en xusta “correspondencia” apenas nos las escriben. Si, xa sei que aínda así o buzón adoita estar cheo, pero non son cartas: son misivas do banco, recibos da electricidade e da auga, folletos publicitarios, … E cada vez que o carteiro nos reclama invádenos tal angustia que só pensamos en cal será o infortunio para a que se solicita o noso acuse de recibo: multa de tráfico, revisión de facenda, citación do xulgado, … E non obstante, houbo un tempo no que cando o carteiro chamaba á porta o que sentiamos era un sobresalto de felicidade. Era aquel tempo no que a xente escribía cartas.
Se o pensamos ben, o cambio fundamental que leva transformando a sociedade nos últimos dous séculos é o do incremento da velocidade; pero non só na producción e distribución de bens, tamén na transmisión e comunicación de ideas, coñecementos e emocións. E a carta persoal adoitaba transmitir emocións e sentimentos de especial interese para o correspondente, de aí o seu inconmensurable valor. Non obstante, pola súa natureza, a carta precisa tempo: de quen a escribe, para a reflexión; de quen a transporta, para o desprazamento; e de quen a recibe, para a lectura. Pero agora, a pesar do tedio que nos consume, ninguén parece dispor de tempo.
Hai unha marabillosa película de Jacques Tatí, Día de festa (1948), que é unha sátira da obsesión pola velocidade: retrata a Françoise, un carteiro rural francés que, despois de ver nun NODO as novas técnicas dos carteiros dos EE UU, comeza a emulalos coa súa bicicleta. E eu vivín o mesmo cambio en San Clodio, nos anos sesenta: cando pasamos do Antonio “O Salgado”, carteiro peonil e paroleiro, ó motorizado José “O Charrapas”, calcado do Françoise de Tatí, que primeiro substituíu as pernas por unha bicicleta Orbea, logo a bicicleta por unha moto Guzzi, e máis tarde a moto por unha Citroneta 2CV do mesmo modelo ca unha que me trouxeran a min os reis. Pero o José non só presumía da velocidade mecanizada na súa cartería, senón que ata nos desafiaba ós máis novos, na súa taberna de Leiro, a ver se algún conseguía seguilo correndo costa arriba pola verea de Riobó a Osmo. E non se chegou a ir á verea de Osmo, pero algunhas noites de verán celebráronse carreiras de varias voltas á Praza do Cruceiro de Leiro, nas que o Charrapas  sempre saíu victorioso fronte ós mais asiduos clientes da súa taberna; e don Alfonso, daquela xefe de correos en Leiro e agora asiduo lector desta columna, pode dar fe de tan gloriosas e festivas olimpíadas …
Hoxe, a comunicación vía e-mail e whatsapp é instantánea, e case de balde: un gran adianto, sen dúbida. Pero xa ninguén volverá experimentar a fonda emoción que significaba recibir unha carta, no internado, na mili, na emigracíón,…, da familia, dun amor, dun amigo... A profesión de carteiro tamén está ameazada de extinción, co que tampouco haberá máis Françoises, nin máis Charrapas... Sucede, querido lector, que detrás dos grandes avances agóchanse ás veces grandes perdas. E esta das cartas non vai ser menor: unha, porque as cartas sempre foron importantes fontes de literatura; e dúas, porque literatura e vida non deixan de ser sinónimos.

Artigo publicado no diario La Región o venres 8 de xaneiro do 2016.

domingo, 27 de diciembre de 2015

Nadal



  Tal como aventuraba a semana pasada nesta columna, o resultado do alumeamento político  do domingo resultou incerto, situándonos ós españois  nun labirinto do que non será fácil saír. Non obstante, estamos en navidades e non sería bo deixar que o tempo político, por definición público e conflictivo, seguise invadindo e perturbando o tempo de Nadal, que é o máis familiar do ano, e que sempre se caracterizou por chamar á paz e á concordia entre uns e outros. 
  Pero para quen vai cumprindo anos tampouco o tempo de Nadal é un tempo fácil, non nos enganemos; ningún outro nos sitúa de xeito máis claro diante da fugacidade da vida. Cando nenos e mozos, fixámonos moito na estrofa da panxoliña que nos convida a que «Cantemos con alegría/ Los cánticos de mi tierra…», pero logo, conforme se van ausentando da mesa algúns dos máis queridos e dos que máis nos quixeron, a nosa atención vai pasando á estrofa seguinte: «La Nochebuena se viene/ La Nochebuena se va/ Y nosotros nos iremos/ Y no volveremos más…». Ademais, un gran número de galegos de idade certa, nese ir e vir de noiteboas, non só perdemos a moitas persoas amadas, senón que perdemos ata os mesmos escenarios das celebracións ditosas da infancia e da mocidade, escenarios que agora permanecen no triste estado de ruína e de abandono que caracterizan a un mundo que fenece: o do rural galego.
  Non obstante, o Nadal debe ser fermoso, como corresponde co espírito alegre, positivo e perseverante desta festividade. E para iso non é  preciso prescindir das ausencias nin das lembranzas de cada un; porque tamén o perdido, co seu caudal de historias e de leccións para a vida, contribúe a enriquecer o fondo significado que ten para cada persoa este tempo sagrado. Benvidos sexan entón ó noso carón tódolos que perdemos: amigos, pais, avós, irmáns, fillos… porque en ningún momento deixarán de  estar presentes no noso Nadal, felices e contentos da nosa alegría.
  Contemos os vellos contos, comamos os tradicionais alimentos, cantemos as panxoliñas de sempre; pero lonxe de  calquera filosofía melancólica de decaemento, incompatible co espírito esperanzador deste tempo. Cando eramos nenos, tamén os nosos maiores terían as súas penas, as súas frustracións, as súas ausencias…,  pero esquecíanas sempre por estas datas, en beneficio noso e seu. E iso foi unha gran lección. Porque, como viña a dicir Albert Camus nunha das súas obras máis inmortais, nada hai no mundo máis importante cá alegría dos nenos. E para min, queridos lectores, que ese é o verdadeiro segredo do Nadal; porque un mundo é feliz na medida en que os nenos o son e na medida en que os adultos nos volvemos algo nenos.
  Vaia para todos, como felicitación, este ramiño de versos dunha panxoliña que cantabamos en San Clodio no día de Noiteboa, na misa do galo, cando a había, que a houbo ata haberá uns vinte anos e logo tamén se foi.

Pola media noite
Cando o galo canta
Nunha vila santa
Que se chama Belén

Nunhas pobres pallas
Nun pobriño establo
Naceu malpocado Xesús
Xesús noso ben

  Feliz Nadal.

viernes, 11 de septiembre de 2015

O sol do membrillo


Para un natural do Ribeiro, setembro debería selo tempo das uvas e das vendimas, como o fora para os revolucionarios franceses, cuxo calendario comezaba no equinoccio de outono e tiña por primeiro mes o vendémiaire ‘vendimeiro’. Non obstante, a apreciación do tempo é relativa: depende do estado do observador. E para min, desde hai anos, setembro pasou de ser un tempo de vendimas –paradigma do tempo feliz- a ser un tempo de membrillos. Nas froitas, coma en todo, hai un grao de complexidade diverso: as cereixas e as uvas poderíamos dicir que son froitas evidentes, e por iso están entre as preferidas dos nenos; pero outras, coma as peras, as mazás, ou as pavías, xa son máis complexas. E é moi raro que un cativo ou mesmo un mozo sintan interese polos membrillos, que é froita demasiado sutil para esas idades.
No enxido da casa de San Clodio había un membrilleiro. No seu tempo, miña nai repartía un membrillo por cada caixón dos armarios e das cómodas da casa, para que a roupa ulise ben; e meu pai sempre gardaba unha ducia deles para ferver co viño branco, que melloraba así en aroma e clarificación. Os membrillos collíanse con bo tempo, no minguante, sen madurar de todo, pois pronto podrecen na árbore se o tempo humedece; logo, antes de gardalos, limpábanse coidadosamente cun pano. Penso que foi cando tiven que realizar esa labor cando comecei a aprezar os membrillos: unha vez eliminada a súa superficie velosa, o que aparecía diante dos ollos parecíase pouco ó froito que estaba pendurado da árbore, para semellar máis ben unha mazá de ouro. Pasados os anos, o máis perfecto dos membrillos da colleita sempre ía parar á miña mesa de traballo. E nas fonduras do inverno gustábame coller ese membrillo para cheiralo e acaricialo; porque a súa lisura, a súa cor e o seu aroma devolvíanme ós días máis luminosos… E cando comezaba a podrecer, xa se ventaba unha nova primavera. Debeu ser nesa época cando comecei a entrar no tempo dos membrillos, un tempo no que un descubre estar inmerso cando un día, de repente, se dá conta que o seu sol xa non quenta coma antes,  e que xa non pasa de ser un doce, e mentirán, sol de setembro. É o «sol del membrillo», o que reza nun verso dun dos máis celebrados poemas de Claudio Rodríguez, “Incidente en los Jerónimos”; sol de fermosísima luz, pero tan fuxidía coma traidora; a mesma luz que trataron de capturar eses dous grandes artistas eremitas que son Antonio López e Víctor Erice, o primeiro co pincel e o segundo coa cámara de cine.
Pero talvez ninguén coma Cunqueiro teña penetrado nos segredos dos membrillos e dos seus tempos; nin Plutarco, cando relata como as noivas gregas mordían un para perfumar os primeiros bicos; nin al-Mushafi, o poeta cordobés do século X que lle dedica un fermoso poema, no que di dos membrillos que teñen a dozura dunha amada; nin sequera Shakespeare, cando pensa en poñer doces de membrillo nas vodas de Xulieta. Cunqueiro, nas “Mocedades de Ulises”, converte ó membrillo nin máis nin menos ca no símbolo de Ítaca. Euriclea, a nai de Ulises, metera un membrillo da horta familiar nas alforxas do heroe antes de que este partira; e aquel membrillo, cuxo aroma non aprezara Ulises en Ítaca, comeza a recender magnífica e milagrosamente para el cando se ve separado da terra e vai cumprindo anos... 
Os grandes temas da literatura e das artes en xeral, que son os propios da vida, contra o que se acostuma pensar, son apenas uns poucos. É un deles, como sabía ben Cunqueiro, ten que ver con este doce sol de setembro, con este sol do membrillo.

Artigo publicado no diario La Región o venres 11 de setembro do 2015

martes, 23 de junio de 2015

Os Gozos


Refuxiado entre libros, canso de observar indecencias e de escoitar falsidades, cavilo en tempo de Gozos. Algún pensará no título da novela de Torrente Ballester e dirá que estamos en tempo de sombras máis ca de gozos, pero non se trata diso. Porque “gozos” son as sensacións agradables experimentadas polos sentidos, pero tamén certas composicións poéticas na honra da Virxe e dalgúns santos, razón pola que as novenas onde se len tamén reciben o nome de Gozos.  
Na miña parroquia natal, ata hai cincuenta anos, non había un tempo máis alegre ca este dos Gozos de San Antonio, celebrados na Ponte San Clodio. Arrastrar o cu por unha laxa antes, ir ás cereixas durante, ou correr a torroazos ás parellas de noivos extraviadas na escuridade despois, da novena, eran das diversións máis esperadas do ano. A ermida do santo é moi humilde, pero singular por ter o piso en costa, suponse que para facilitar o desaugue cando as enchentas do Avia. Así, ó non caber bancos, sentadiños nas pedras e co pescozo revirado cara ó altar, escoitabamos con gran atención aqueles fabulosos milagres do glorioso San Antonio, ano tras ano, cura tras cura e xeración tras xeración. E penso eu se a inclinación á fantasía dos galegos non nos virá da gran afección ás novenas dos nosos santiños, verdadeiras aulas de literatura fantástica, na variante haxiográfica, que tan sinxela coma encantadora resulta. Lembro que daquela os milagres viámolos coma a cousa máis natural; e se San Antonio fora capaz de facerse escoitar polos peixes, tamén o Sr. Amando lograra á atención das súas ovellas ós concertos de corda cos que as obsequiaba, con violín e todo, á hora da pastoril cea a carón do Cruceiro; e que unha mula reverenciase á hostia consagrada non sorprendía a ninguén, porque todos sabiamos do cadelo que aparecera un domingo na misa grande e se puxera na fila dos comulgantes, aparentemente coa mesma pretensión da mula do herexe Guialdo, aínda que o can non conseguise máis có couce dun veciño… Pero despois as cousas foron cambiando… Un ano, segundo me contaron, a novena ía polas canles normais, ata que tocou o milagre da muller que se lle picara o viño, accidente moi común neste tempo de tronadas. Coñecedora a muller dos poderes do santo, foi á bodega e encheu un garrafonciño co morapio enfermo para levarllo a San Antonio; pero coas presas esqueceuse de poñer a billa na cuba. Aínda non chegara xunto ó santo, cando unha veciña a alertou do sucedido. Avisado San Antonio da desgraza, foi á casa da muller e mandoulle que sacase a canilla da cuba. A pobriña resistíase, por medo a perder o pouco viño que lle quedara, pero ó final obedeceu. E o viño derramado non só volveu á cuba, senón que encima pasáralle o pique… O cura daquela (q.e.p.d.), que era un limiá moi campechán reconvertido a ribeirao, talvez con algunha experiencia non confesada en piques e fiados, cando rematou a lectura, pensou en voz alta: «Pero, haberá quen crea semellantes trapalladas?»... E foron varias as mulleres que alzaron a voz contra o crego, preguntándolle se quería que perdesen a pouca fe que lles quedaba….


Mañá é San Antonio. Hai anos que non vou á festa, porque me pesan moito as ausencias. Pero non me esquecerei do santiño, nin dos pétalos das rosas voando sobre a súa imaxe en procesión… Mañá tamén se constitúen os novos concellos. Nun arranque de carraxe, moita xente o 24-M negouse a seguir crendo nas trapalladas que lles contaban. Unhas trapalladas, por certo, moito máis incribles, prosaicas e danosas cós inocentes, poéticos e gozosos milagres do glorioso San Antonio.

Artigo publicado no diario La Región o venres 12 de xuño do 2015.

jueves, 4 de junio de 2015

Fin de curso


non obstante, sostiña Pessoa, a condición suprema dun home consistiría en non saber quen era o xefe do Estado de seu país, nin se vivía baixo unha monarquía ou unha república. Parece difícil de alcanzar ese estado, pero sei que existe: na infancia. Despois, en paralelo co aumento dos coñecementos, transcorre o natural devalar da condición humana… E xa na adolescencia, coa desculpa de que son fundamentais, tratan de ensinarnos cousas que sería mellor ignorar. Por sorte, por moito que se empeñen os profesores, a maioría dos rapaces danlle a mesma importancia a tales coñecementos cá saber que a capital de Afganistán é Kabul. Na realidade, os alumnos intelixentes xa saben que o concepto máis interesante dun curso é o concepto do fin de curso; por iso temos unha memoria tan clara deles, das súas festas e das súas viaxes; e polo mesmo, cando celebramos unha xuntanza cos vellos compañeiros, eliximos as datas de fin de curso e nunca as do comezo. 
Lembro moi ben os fins de curso no instituto de Ribadavia, alá polos anos sesenta. Estaban suxeitos, ademais, a unha liturxia inamovible,  circunstancia que favorece a memoria das cousas. O último día de curso era sempre o trinta de maio, festividade de San Fernando; repito, o trinta de maio, para que se enteren os que din que agora hai moitas vacacións. Ese era un día de festa, de competicións deportivas, ben no campo do instituto, ben no daquela renovado campo do Xestal; todo supervisado por don Gerardo, un home bo, no bo sentido da palabra bo, que era o secretario do instituto e profesor de educación física e da famosa formación do espírito nacional. E entre competición e competición, era un día para permitirse unha extra na cantina: un vaso de “revoltosa” de laranxa e unha “risa”, que era unha galletiña cuberta de chocolate. 
As notas recollíanse o 10 de xuño, un día completamente azul na miña memoria. Sempre íamos ata Ribadavia  en bicicleta, xuntos os de San Clodio cos de Leiro, nunha etapa que tiña como única dificultade o desaparecido alto do Sarralleiro, a medio quilómetro da meta. No instituto, nunha mesa a cargo do señor Mosquera, estaban as papeletas coas notas; unha papeleta por materia, asinada polo profesor correspondente. Non lembro que ninguén levase todos sobresaíntes, e suspender algunha era unha circunstancia bastante habitual, sobre todo para os da vila e naquelas materias cuxos profesores daban pasantías no verán. Pero tampouco lembro a ninguén que chorase por un suspenso. Logo da recollida das notas, antes de emprendela viaxe de regreso, era obrigada unha partida de futbolín no taller de bicicletas do “Refugio”. Á volta sempre tiraba algo de norte, e eran normais os abanicos polos fondais de Beade. Na entrada de Bieite faciamos unha parada de avituallamento, nas cerdeiras de Portapazos, aproveitando que xa era a hora do xantar e que os donos descoñecían o calendario escolar… E entre cereixa e cereixa, desde o alto das cerdeiras, divisabamos o mundo e inspeccionabamos como se presentaba a colleita de pavías… 
A mediados de xullo volvíamos ó instituto, a recoller as prendas para o campamento. Unha herba media seca xa invadira o patio: semellaba que pasaran varios anos desde a última vez que estiveramos alí e que faltaban outros tantos para o inicio do curso…Despois abandonamos o instituto. Secaron as cerdeiras. E o tempo xa nunca deixou de acelerarse.

Artigo publicado no diario La Región o venres 29 de maio do 2015

*Fotografía fin de curso 1966-67 no Instituto de Ribadavia 
 http://www.iribeiro.es/fotos196601.htm

domingo, 1 de diciembre de 2013

O Padrón de San Clodio de 1580


Desde a páxina da Asociación Galega de Onomástica (AGON) pódese baixar o meu libro O Padrón de San Clodio de 1580. Estudo histórico e onomástico (2008), libro número tres da Biblioteca Galega de Onomástica.

martes, 8 de octubre de 2013

Tempo de vendima

Vendima no Ribeiro (1945) de galiciaunica.es

Otero Pedrayo consideraba a vendima como paradigma do tempo feliz. Pensaba, ademais, que era tempo  propicio para ler a Teócrito e a Virxilio. Porque o conxunto de traballos e rituais da vendima xa están nos clásicos: Homero, Hesiodo, Anacreonte, Teócrito, Virxilio…, todos lle cantan á vendima o canto do tempo feliz. Cando un le: «os mozos e as doncelas/ en cestas acuguladas/ van as vendimadas uvas / levando para as tinallas /../ ao nume da vendima/ coros alegres cantan», podería pensar en calquera vendima de hai algúns anos, pero estes versos da “Oda ó viño” foron escritos por Anacreonte seis séculos antes de Cristo. Logo, o cristianismo, ó recoller boa parte do antigo e riquísimo simbolismo das vides e do viño, común a diversas culturas, e converter en dogma a transformación eucarística do viño en sangue de Cristo, achegaría á xente moitas metáforas e parábolas relacionadas con este tema, destacando sempre o carácter alegre e festivo da vendima: «e saíndo ó campo, vendimaron as viñas, pisaron as uvas e fixeron unha festa» (Xuíces; 9,26). As escenas de vendima que se representan no mosaico do mausoleo de Santa Constanza, en Roma, unha obra do século IV, en pouco se diferencian das tradicionais vendimas de Galicia: as vendimadoras cortando os acios con ganchelas ou coitelas, os carrexóns levando ó lombo os cestos culeiros acugulados, o carro de bois coa súa tinalla de madeira para o transporte das uvas, os pisóns exercendo o seu oficio no lagar… Asombra esa constancia milenaria das labores e dos símbolos, pero son os “canteiros” (‘pedras prismáticas sobre as que se colocan as cubas’) nos que asentaron as liturxias da vendima, por esa razón perdurables co decorrer do tempo. Por todo iso, coma os clásicos, os nosos poetas celebraron o tempo feliz da vendima: «Arde en bulla o Ribeiro/…/É o tempo da colleita/…/Nos eidos, ¡qué alegría!/ Nas adegas, ¡qué bullas e que afáns!/ Nos lagares, ¡qué louca algarabía!/ ¡Qué sana toleiría/ nas horas dos seráns!», cantaba don Eladio no seu poema “A Vindima”; e Samuel Eiján, nos traballados versos de “Vida Sanclodiana”, definía aquelas vendimas do pobo: « La vendimia es…la calma regalada/ de pueblo humilde, manso, agradecido/.../ Es…el júbilo grato, placentero,// Es…la gran solución, firme, brillante,/ del problema peor de la existencia,/ que asegura al hogar pan abundante/…/ y promete al vivir tiempos mejores/». E así lembro eu as vendimas no Ribeiro.

Pero, pasemos ó tempo de hoxe. Estou en San Clodio, parroquia natal don Eladio e do padre Eiján, e tamén miña. Leo a Cunqueiro á sombra dunha parra. Ó meu alcance está un acio de dourada treixadura de vagos diamantinos. É tempo de vendima: estamos na forza dela! Todo semella fermosísimo: o aire é de seda, o ceo dun azul intenso; nas follas, os verdes comezan a deixarlle paso ós amarelos; zoan as avespas arredor dunha cepa albilla, e uns xilgaros comen con fruición as sementes dunhas caléndulas; recende a pexegos e a membrillos… Pero, onde vai aquela bulla e aquelas trafegas dun pobo na vendima? A maioría das casas aparecen pechadas; as vellas cubas, os embudos da pisa, os culeiros e as barcaletas van cedendo ós ataques dos vermes na escuridade das bodegas baldías. Non se escoitan ataruxos, nin pasa ningún grupo de vendimotas pola Praza. As mimosas, os piñeiros e os carballos continúan derrotando, nos socalcos, ós antano ordenados e poderosos exércitos das viñas, e pronto atacarán ó nobre casarío. Un tractor cargado de uvas, con destino nunha bodega circunstancial, racha o silencio e a soidade da tarde. Insensible ó acontecer, a maioría da veciñanza descansa na paz do cimiterio parroquial, libre das preocupacións deste tempo decadente… Resoan uns versos do poeta amado roubado na flor da existencia: ¡Sacras terras do noso impar Ribeiro/…/ antonte berce e hoxe cemiterio!

Artigo publicado no diario La Región o 8 de outubro do 2013. Pincha aquí.

jueves, 3 de febrero de 2011

40 suspiros



O San Blas significa para min, ademais dunha cita obrigada co santiño, en San Cibrán de Lás, o remate do inverno. Escribía o ano pasado por este tempo, falando de gurrianas, que a luz destes días, cando están despexados, é para min das máis fermosas do ano. E este ano confirmouse, xa que hoxe foi, sen dúbida, o primeiro anuncio da primaveira que há de vir; onte e noutronte estiveron días claros e luminosos, pero corría gurriana e molestaba; hoxe foi outra cousa. San Blas, que non é amigo de choivas, regalounos un dos mellores días destes últimos anos.

En marzo pasado, apenas un mes despois de publicar o meu texto sobre as gurrianas, falecía Miguel Delibes. Repasei aqueles días algún dos seus textos e emocionoume especialmente atopar unha reflexión súa sobre a luz destes días:

«1 de Febrero de 1971: El primer día de febrero nos trae barruntos de primavera (casi todos los años advierto esto por estas fechas). Y no es que las temperaturas se suavicen (hace frío y hiela), ni tampoco que los crepúsculos vespertinos sean menos abruptos: es la luz. Diríase que los rayos del sol se enderezan de pronto, pierden oblicuidad, y la luz se hace más madura y dulce, hecho especialmente notorio cuando las nubes del atardecer se tiñen de tono salmón que va acentuándose hasta el anaranjado y el rojo conforme se aproximan a poniente. Cuando yo era joven, el otoño era mi estación predilecta; ahora que yo otoñeo, me agrada la estación más joven, la primavera (y también la sazón del verano).».

Tiña Delibes cincuenta anos cando iso escribía, xusto o ano no que eu, rapazote, descubría Castela. Teño eu agora algún máis de cincuenta, e tamén prefiro agardar primaveiras antes ca outonos. E penso que as emocións riman coas comunións.

Polo demais, como xa teño escrito, gústame especialmente este San Blas de Lás, nos antigos Chaos de Castela, que os do Ribeiro, non sei por que razón, dicimos de Eiras (parroquia limítrofe coa de Lás). E agrádame non só porque a miña nai me ofrecese a el cando era neno; é que recoñezo no modelo para a imaxe do santiño a un humilde paisano calquera dos nósos pobos: a un dos nósos. Iso debe ser o que mo fai parecer tan próximo ás xentes. A verdade é que este ano vino un pouco máis vello, coma se a reuma o fixese andar algo máis dobrado ca de costume; pareceume que máis ca soster o báculo pastoral, era este quen sostiña ó santo. Tamén vin algo máis vella á señora Lola de Bieite, a rosquilleira; díxome que estivera mal no verán, pero que agora se ía recuperando; mandoume saúdos para miña nai e lembroume que aprendera a coser coa miña avoa Eulalia. En fin, probablemente todos estemos algo máis vellos e cansados este ano, santos incluídos. Por sorte, quédanos a luz.


O 20 de xuño daquel 1971, xa en pleno verán, mentres nós seguramente suspirábamos polas festas que habían de vir, escribía Delibes: « Un año, un suspiro. Abruma pensar que en veinte suspiros un niño se hace hombre, en otros veinte madura y en veinte más envejece.». Corenta suspiros hai daquelo.

3 de febreiro do 2011



lunes, 28 de diciembre de 2009

Hai hoxe dous, e máis, anos

Se tivera que escoller entre tódolos días do calendario algúns dos que me traen máis lembranzas, un deles sería este: o día dos santos inocentes.

O primeiro que sempre me ven á cabeza, tal día coma hoxe, é a memoria dunha muller que vivía soa nunha casa dos Loureiros, un barrio de San Clodio situado por tras do convento e que agora está deshabitado. A muller en cuestión, velliña e solteira, chamábase Mercedes, a Mercedes dos Loureiros. Non sei por que razón esta mulleriña sempre era o obxecto dalgunha das nosas bromas de nenos no día dos santos inocentes. En concreto, con ela, tratábase dunha trasnada que repetíamos ano tras ano. Preparábamos un paquetiño con figos pasos –a lambiscada de nadal máis popular naquela época, por ser a máis barata-, pero tales figos abríamolos antes, con moito coidado, e enchíamolos de pemento picante. Logo, co paquetiño moi ben feito, con selo e todo, íamos ata a casa da señora Mercedes para entregarllo de parte do carteiro. Penso agora que aquela misteriosa muller -a penas botaba o pe fóra da casa-, obxecto das nosas inocentadas, debía ser moi paciente e xenerosa, pois non lembro que nunca nos recibise con malas palabras. A maiores, unha semana despois, sempre lle íamos cantalos reises e sempre nos daba algo, sen que xamais se queixaxe do picante dos figos. Non hai un día de santos inocentes que non me lembre da boa da señora Mercedes dos Loureiros, e estou por asegurar que o mesmo lle pasa a tódolos que foron nenos en San Clodio por aqueles anos. Sospeito que, cando os cativos aínda pensabamos que o zucre era comida de reis, había unha señora Mercedes en cada freguesía galega.


a cara oculta do Ribeiro
"A degradación soamente é visible para quen coñeceu o pasado"

Outra lembranza que nunca falla nesta data é a da gran crecida do río Avia do ano 1978. Lembro ben aquela tarde de vacacións de Nadal. Chovía a diola dar e estábamos na cafetería do cámping de Leiro xogando ás cartas –¡que ambiente había nas festas de Nadal naquela cafetería e naquela sala de festas do cámping de Leiro!; resulta case imposible que os que ven agora esas instalacións tristemente abandonadas, e non coñeceron aqueles tempos, adiviñen o que era o cámping de Leiro-. Entre partida e partida, á vista do que chovía e da auga que traía o río, saíamos para clavar paus na súa beira e observar como crecía. De supeto, alguén decatouse que o río comezaba a pasar por detrás de nós, polo camiño vello da Esperela á Ponte San Clodio, e tivemos que sair pitando do lugar, antes de quedar completamente rodeados polas augas. De noite, a crecida chegou ata a mesma pasarela que une o campo da Esperela con Leiro, uns seis metros por encima do nivel normal do río, as roulottes que invernaban no cámping apareceron nas viñas do San Martiño, na cafetería a auga alcanzou os tres metros de altura, o edificio da recepción cedeu diante do empuxe das augas...por falar soamente dalgún dos estragos que causou nestas instalacións do cámping e no seu entorno. Foi unha noite pavorosa e de moita angustia para tódolos veciños de Leiro e dos pobos ribeiraos máis próximos ó río. Lembro desa noite, sobre todo, a escuridade –fórase a luz- e o tenebroso bruar do río. Para rematala, sobre as seis da mañá, espertounos a todos un sobrecolledor trono, forte e seco, que moitos cremos que fora o ruído producido polo derrube da presa de Albarellos, un temor que estivera moi vivo aquela noite entre a veciñanza. Por sorte non fora iso, pero non foron poucos os que se levantaron e buscaron cotas máis altas do val.... Foi un día inesquencible, de santos inocentes, de hai trinta e un anos.

A noticia na "Vanguardia"

Podería contar moitas máis cousas relacionadas con días 28 de decembro de anos pasados, a maioría sobre bromas que me gastaron, e que eu, inocente, case sempre cría. Pero, o que me leva a escribir o post de hoxe é outra cousa: a conmemoración da presentación do meu libro Nomes do Ribeiro, outro 28 de decembro, neste caso de hai dous anos. Dado que do acto en si xa hai información suficiente no apartado correspondente da miña web, pensei que unha forma de conmemoralo sería publicando o texto da presentación do libro en Ribadavia; un texto que me teñen pedido algúns dos asistentes, pero que aínda permanecía inédito.

A presentación, na que me acompañou o amigo Manuel Vilanova, o poeta de Barbantes, e Anxo Collarte, concelleiro de cultura, celebrouse o día 14 de xuño do 2008, na casa do concello de Ribadavia. Era unha abafante tarde de sábado. Toda a poboación da Vila estaba pendente, non da presentación do libro, evidentemente, senón do televisor, para ver o segundo partido de España na Eurocopa, contra Suecia, que gañamos 2-1. O mesmo fixemos Manolo e mais eu nun bar da Praza Maior. Por iso chegamos algo tarde ó acto. Aínda así, creo lembrar que fomos os primeiros. E este foi o texto que lin:
Os nomes de Ribadavia
Un ten ás veces a tentación de dicilo todo, sen caer na conta que resulta imposible. Pasoume a min algo diso cando souben que ía presentar o meu libro aquí en Ribadavia e me puxen a anotar ideas para esta presentación. Non era o problema resumir o contido do libro, que, coa idea de que o que os libros queren dicir está escrito, non acostumo a facelo. Ademais, neste caso, seis meses despois da saída do libro á rúa, sei que a maioría dos presentes xa o coñecen e xa saben o fundamental: que é un libro de toponimia e que en, aproximadamente, trescentos artigos dá algún tipo de explicación duns 1200 topónimos ribeiráns, a totalidade da toponimia maior rexistrada, algunha non rexistrada e outra de lugares xa desaparecidos. Daquela, aproveitarei o meu tempo para facer algunhas reflexións sobre Ribadavia e O Ribeiro. Serán reflexións ó estilo das que contén o libro, tratando de non perder o fío das etimoloxías toponímicas e do seu contexto histórico.

Ribadavia: A Vila

Nin que dicir ten que é unha honra presentar o meu libro Nomes do Ribeiro en Ribadavia, a capital do Ribeiro. Unha capitalidade que, no seu aspecto onomástico, recoñecemos os ribeiráns de idade certa baixo o nome da Vila. Ribadavia é para nós a Vila do Ribeiro, ou simplemente A Vila. Como sabedes, vila ven do latín clásico villa ‘casa de campo ou granxa agrícola’, e por iso comezou dando nome a pequenos pobos. Eses pequenos pobos nacían case sempre arredor dunha fundación familiar e acostumaban levar por nome o do seu antigo posesor ou fundador: unha vila Leovesindi, é dicir de Leovesindus, está detrás do nome de Lebosende; unha vila Benedicti, de Benedictus, detrás do de Bieite; unha vila Spanosindi, de Spanosindus, detrás do de Esposende; unha vila Saturnini, de Saturninus, detrás do de Sadurnín, etc. Quedou o nome do posesor e foise o de vila pero permaneceu o rastro nos numerosos lugares que se chaman Cima de Vila, Fondo de Vila ou Cabo de Vila. Co tempo foi variando o campo semántico da palabra, e na idade moderna unha vila xa era unha poboación de certa entidade, unha poboación que tiña algún tipo de xurisdicción e capacidade para poñer unha picota –o monumento onde se expoñía ós reos, verdadeiro símbolo do poder xurisdiccional-. Así, no antigo réxime, foi vila Ribadavia, pero tamén San Clodio ou Beade, cabezas de sendas xurisdiccións, por poñer soamente dous exemplos. Non obstante, coa desaparición das antigas xurisdiccións, a instauración do novo estado liberal e a conseguinte creación dos novos partidos xudiciais, na primeira metade do século XIX, Ribadavia pasou a ser, en exclusiva, a vila do Ribeiro, condición que mantén. Pronto haberá quen queira darlle o título de cidade, como ocorre con outras vilas galegas. Na miña vila de acollida, que é O Carballiño, xa hai indicadores que sinalan cara ó centro da cidade. Sempre abundaron as mentes que consideran que todo é unha cuestión de tamaño, aqueles que sempre prefiren burro grande ande non ande. Non obstante, a min compráceme este concepto de vila, que dalgún xeito combina os dereitos cidadáns e as raíces rurais; é un concepto moi axeitado para todas as vilas galegas, pero especialmente para Ribadavia. Poucas poderían presentar unha estampa mellor para reflectir esa unión dos dereitos cidadáns coa cultura labrega cá daquela IV Asemblea Agraria de Acción Galega celebrada en 1912 aquí en Ribadavia. Aquela asemblea onde a Lira, dirixida polo mestre don Adolfo Campos, estreaba o himno de Acción Galega que leva por letra os famosos versos de Cabanillas:

¡Irmáns! ¡Irmáns galegos!
¡Dende Ortegal ó Miño
a folla do fouciño
fagamos rebrilar!

Si, aínda que Ribadavia medre moito, ¡que Dio-lo queira!, eu seguirei chamándolle a Vila. Ó fin e ó cabo, a cidade, do latín civitas, representa nunha das súas acepcións, segundo nos lembra o diccionario da Real Academia, “o urbano como oposición ó rural”. Por algo Madrid segue a presumir de ser vila, sen deixar de ser unha gran cidade, e en Francia, ese país onde tanto se respecta o rural, tódalas cidades seguen sendo villes, incluída París.



a cousa ía seria.....


Cando nace O Ribeiro
Ás veces considérase á toponimia un simple divertimento erudito. Non obstante, lonxe diso, a toponimia permítenos a cotío confirmar e precisar algúns datos sobre a nosa historia que dificilmente poderíamos concretar por outros camiños. Convértese así a toponimia en verdadeira fonte da historia.

Agora ben, para acadar ese importante lugar hai que despoxar á toponimia de toda unha serie de mitos. Considero fundamental neste senso un principio que enunciara o insigne romanista e arabista don Álvaro Galmés de Fuentes. Dicía: «Ó estudar e analizar a etimoloxía de calquera topónimo debemos ter en conta, ante todo, a racionalidade da súa nomenclatura. O verdadeiro creador da toponimia, que é o falante, é moito máis racional có que dan a entender as explicacións de moitos etimólogos, e do mesmo xeito que lle chama ó pan pan e ó viño viño, chámalle ó monte monte, á pena pena ó val val e ó río río...». Logo, para distinguir entre varios montes hai que adxectivalos, un é Montealto, outro Monteagudo; para distinguir entre as penas unha pode ser a Pena Corneira e outra a Pena Moura; nos vales un pode ser Valongo e outro Valfrío e, en fin, nos ríos un poderá ser Riobó mentres outro será Rio Mao, porque na toponimia, queridos amigos, tamén hai bos e malos.

Parecería así a toponimia ciencia moi sinxela. Pero ocorre que os topónimos son moi estables e permanecen, mentres as falas van cambiando. Pasado o tempo, o desuso dos idiomas nos que os topónimos foron creados fan que moitos deles se volvan opacos na lingua actual. A proximidade dalgunhas desas voces toponímicas antigas con voces vivas, conduce moitas veces á reinterpretacións toponímicas fantasiosas ou pequenas historias que tratan de explicar o significado de certos topónimos. Acostuman coñecerse estas historias como etimoloxías populares, pero moitas das interpretacións dos eruditos están tan lonxe da verdade coma elas mesmas. Non, nin Lebosende é unha senda de lobos, nin Eira de Mouros ou A Man da Moura aluden ós mouros, nin Sandulces era un santo lambisqueiro...

Tiven hai pouco tempo noticia dunha asociación toponímica que me resultou moi interesante, e que paso a contarvos. Creo que se nos pedisen que pensásemos na palabra máis característica do galego, case todos coincidiriamos na elección. Pois ben, teño que dicirvos que por antigüidade documental, alomenos, non nos pertence a exclusiva de tal palabra: correspóndelle ós cataláns. En efecto, nun diploma do ano 982 o rei Lotario dóalle ó mosteiro de Sant Pere de Roda, na provincia de Huesca e diocese de Lérida, unha herdade que lindaba cun montis qui vocatur Caralio. Curiosamente, uns anos antes, concretamente no 974, outro escribán, supoño eu que relixioso, referíndose ó mesmo monte, nin sequera se atrevía a nomealo e escribía: montis qui habet inhonestum et incompositum nomen. Asociaba o bo do escribán o nome do monte co común do membro viril, de orixe latino, carall. Non obstante, o nome era totalmente honesto, tratábase dun topónimo latinizado que presentaba a coñecida raíz preindoeuropea, kar ‘pedra, rocha’, moi abundante en Cataluña nos numerosos Caral, Caralt e Carant da súa toponimia. Pero non só en Cataluña, nos Picos de Europa está a famosa garganta do Cares, o exemplo paisaxístico máis fermoso sobre o significado desta raíz, unha paisaxe que combina pedra, auga e fortes pendentes. Aquí e agora bastaría achegarnos á ermida de San Lázaro para divisar enfronte os montes da Carixa, documentados como montem carisis no século X, montes que lle dan nome ó pobo homónimo da freguesía de Ponte Castrelo e onde, a outra escala, se repiten as mesmas paisaxes do Cares. Preguntaranse agora que foi daquel monte catalán do Carallo, con perdón: pois segue a existir; infrinxindo tódalas leis da evolución fonética, ten agora o púdico nome de Mont Cavall ‘monte do cabalo’... Non temos, que eu saiba, carallos documentados en Galicia anteriores ó século XIII. Os primeiros, que nada teñen que ver coa toponimia, aparecen na lírica profana galego portuguesa. Famoso debeu ser aquel caralho arreyte dos versos do trobador Fernán Esquío, cando relatan o prodixio de que de resultas dunha das actividades que lle son propias tres mulleres pariron o mesmo día. Interesoume a min iso do carallo arreyte e atopei a etimoloxía indubidable nun diccionario portugués, idioma no que aínda existe o verbo arreitar, derivado do latín vulgar adrectáre, derivado ad+ rectus, textualmente ‘endereitar, levantar, erguer’, cun significado evidente. Non deixa de resultar curioso que o último carallo documental medieval galego que rexistro non sexa humano, senón dun mulo, o dun mulo dun cóengo da Catedral de Ourense ó que o fillo dunha tal Catalina Touciña de Niñodaguia, e leo textualmente no diploma notarial, lle corta o carrallo con un coytelo podadoyro, no ano do señor de 1466.

pero foise animando....

Do mesmo xeito que os galegos non posuímos a exclusiva da palabra que acabamos de estudar, tampouco o Ribeiro como topónimo é exclusivamente noso, dos ribeiráns. Como sabemos Ribeiro é un derivado do latín ripa, substantivo feminino que fai alusión á orela dun río, e que como sabedes aparece detrás do nome desta vila, Ribadavia, antiga Ripa d´Avia. Pero, o que tal vez non saibades é que o mesmo Avia nace na cima de Ripás, textualmente a cima da ribeira, por encima do Casar de Nabo, na serra do Suído. A pesar da claridade do topónimo Ribadavia, un erudito do século XVIII, concretamente Juan Antonio de Estrada, escribía nun dos tres tomos da súa Población General de España unha disparatada e pouco coñecida interpretación toponímica: «Fundáronla Griegos, compañeros de Diomedes, quando Tuy. Después los Hebreos llamaron Avia al río, interpretado Voluntad del Señor; y como está en sus corrientes y Rivera, juntándose voces se dixo Ribadavia» (II, 324-325). Pois ben, do latín ripa deriva riparia 'ribeira'. Non obstante o riparius masculino, riparium no acusativo, preciso para ribeiro non existía no latín clásico co significado de ribeira. O riparium de ribeiro é palabra do latín medieval e ten, creo eu, unha connotación de tamaño con respecto a ribeira igual ca cesta/cesto, leira/leiro ou poza/pozo.
O outro día lía no diario La Región un artigo sobre os viños do Ribeiro onde o autor afirmaba que no século XII xa eran moi apreciados. Tratarei de demostrarvos que isto, falando stricto sensu, non é correcto. A razón é sinxela, no século XII aínda non existía o Ribeiro. Escribía Américo Castro: Pongamos fin a la farsa de llamar españoles al emperador Trajano, al filósofo Séneca y a San Isidoro de Híspalis. Ninguno de los cuales es español, porque entonces no los había; por el mismo motivo no son italianos Augusto y Marco Aurelio, ni francés Carlomagno… Sobre estas reflexións descansa nin máis nin menos que a tese do eminente historiador que considera que en España non houbo españoles, ata o século XIII. Efectivamente, español é vocábulo foráneo, concretamente provenzal, segundo demostrou o suízo Paul Aebischer en 1948. A palabra español, probablemente, chegou do sur de Francia no século XIII. Utilizábana os francos para aludir ó conxunto de habitantes da península ibérica, que se coñecían entre eles como Galegos, Astures, Vascos ou Casteláns. Traio isto a colación porque un erro semellante, aínda que menos transcendental para a historia, comenten aqueles que falan dos viños do Ribeiro antes de que nacese o Ribeiro. Por que, cando nace o Ribeiro?
A Terra do Ribeiro de Avia comeza a aparecer na documentación ó fin do primeiro cuarto do século XIV. A primeira referencia que coñezo é do ano 1325; trátase dun documento de San Clodio que asina «..Afonso Rodriges notario jurado en terra do Ribeyro da Auia..». Esta Terra do Ribeiro de Avia era unha das xurisdicións baixomedievais resultantes da escisión da antiga Terra de Castela e tivo unha vida duns cento cincuenta anos. A última noticia sobre a Terra do Ribeiro de Avia aparece nun documento en galego do libro de notas do concello de Ourense do ano 1467, un ano moi importante na historia de Galicia. Foi o ano no que o pobo cha ó grito de ¡Deus fratresque Galletiae! arremeteu contra dos señores e das súas fortalezas na denominada revolta Inmardiña ou revolta das Irmandades. A iso se refire o documento, onde lemos: «... Os do Ribeyro da Ávea e dos ditos partidos tomaran e querían tomar en sí as ditas fortalesas e derribaron Roucos e Formygeiro e Pena Corneyra e querian derribar a Peroja e Cabadoso e Juuencos...». Era o ano 1467, o ano no que ¡Os gorrións venceran ós falcóns! Como é ben sabido, a alegría dura pouco na casa dos probes, e dous anos máis tarde regresarían os falcóns. Esta vez para quedarse. Non obstante, coa posterior derrota de Pedro Álvarez de Sotomayor fronte ó arcebispo Fonseca, apoiado polos Reis Católicos, iniciaríase unha nova época onde aquela nobreza, incluída a do Conde de Ribadavia, quedaría definitivamente suxeita á autoridade do novo Estado. Unha das víctimas desas revoltas foi a Terra do Ribeiro de Avia que desapareceu como institución administrativa. Nos novos señoríos xurisdiccionais que se configuran no século XVI xa non figura o Ribeiro de Avia, soamente a nova xurisdicción de San Clodio do Ribeiro de Avia mantería o rastro toponímico da antiga terra. O resto do antigo territorio repartiríase entre diversas xurisdiccións, a maioría de señorío do Conde de Ribadavia. Eran as xurisdiccións de Castro Cavadoso, Roucos, Veiga e Carballeda e Ribadavia, distintas pero que se recoñecían na práctica como O Condado de Ribadavia. Coincide esa época do século XVI coa de maior prestixio dos nosos viños, e esta é a razón pola que maioritariamente se coñecen, neses anos, e sobre todo fóra de Galicia, como vinos de Ribadavia. Aínda así, a desaparición do Ribeiro de Avia como entidade xurisdiccional non foi capaz de eliminar o concepto cultural e xeográfico do Ribeiro, tan axeitado que xa quedou definitivamente incorporado ó espírito do pobo galego, a través da fala. Desde entón a palabra Ribeiro expresa esa confluencia secular e ambivalente dun viño e dunha terra cun País. Por iso non dubido eu que Ribeiro é un dos nomes que máis se asocia con Galicia e co galego.

E os nomes de Ribadavia

Falaba na presentación do meu libro en Vigo da importancia dos nomes compartidos. A unión de cada un de nós cunha terra e coas súas xentes ten unha medida bastante precisa no número de nomes compartidos con ela: nomes de persoas, nomes de lugares, de tendas, de tabernas, de librerías... Multitude son os nomes de Ribadavia que se acumulan na miña memoria desde a infancia, e sobre todo desde aqueles cinco anos do bacharelato que pasei no seu instituto. Dicía Max Aub, nun libro imprescindible que se titula La Gallina Ciega, que un é de onde fixo o bacharelato. Non lle faltaba razón: eu, sen renunciar á miña patria máis esencial que é San Clodio, considero a Ribadavia a miña vila lexítima. Xa non vou a falar dos nomes de persoa, sería unha longa lista de compañeiros de instituto, profesores e amigos que non vou a citar por non cansarvos, aínda que son nomes que sempre teño moi presentes. Os nomes de lugar, que é o tema que nos ocupa, tamén son moi abundantes: A Vichita, San Francisco, A Oliveira, A Costa do Sarralleiro, Regato de Maquiás, A Cuenga, A Foz, O Xestal, A Barca -que aínda cruzaban os rapaces que viñan da Arnoia ó Instituto-, O Castelo -que eu lembro cunha piscina e unha pista de baloncesto, onde acostumábamos perder nos campionatos escolares, porque o noso forte era o fútbol-... Pero eu teño debilidade por dous nomes de de Ribadavia. O primeiro é A Fonte da Plata; tan gustosa me parecía a súa auga cando viña ó instituto que unha vez estando enfermo e con moita febre, convencín a miña nai para que me levasen a San Clodio unha botella da súa auga coa idea de que me sanaría: e sanoume. O outro nome que sempre teño presente é A Beronza. O Campo da Beronza era o lugar ideal para latar as clases nas soleadas tardes de primavera. Moitas veces íamos alí simplemente para tombarnos na herba e observar a heroica loita das troitas no seu intento por subir a presa na busca de augas máis puras e frías. Esa lembranza de soleadas tardes, na primaveira da mocidade, deitados alí na Beronza e vendo saltar as troitas, creo que é o que máis se aproxima ó meu mito da felicidade.

Tamén son nomes de Ribadavia o Cine Río, o Cine España e o Cine Principal; algunhas festas do Portal fun capaz de ver ata tres películas no mesmo día, unha en cada un. Bar Caracas: parada do Cabanelas e do Rodríguez. Taller de bicicletas Refugio: partidas de futbolín. Confitería Muradás: pasteis sobrantes á metade de prezo. Tenda do Torejas: galletas de coco. Imprenta Ribadaviense e Librería Valeiras: arumes de libros novos e doces perfumes das gomas de borrar de nata. Bar Evencio, enfronte da Banca Nogueira: bocadillos de xamón e racións de empanada, os días de festa. Bar Alfonso: partidos televisados do mundial de Inglaterra de 1966. Bazar Che: primeira cociña de butano, Corberó, e primeiro disco, Poetas andaluces de Aguaviva. Foto Chao, A Lira, os curas ye-ye, Abrente –que fermoso nome-, O Papuxas.... Nomes e mais nomes compartidos con Ribadavia, nomes que permanecen indelebles na miña memoria; na mesma que se amosa débil e insegura para tantos outros.

Non, a min non me trouxo a Ribadavia nin a súa historia fidalga, nin os seus monumentos, nin a fama dos seus viños; iso atrae ós turistas, e eu non son un turista. A min tróuxome a Ribadavia, o mesmo que a San Clodio e ó Ribeiro, a vida mesma. O azar cósmico que nos coloca a cada un nunha familia e nun lugar do espacio e do tempo foi o que me colocou a min no Ribeiro. Non precisan, polo tanto, nin San Clodio, nin Ribadavia nin o Ribeiro de máis méritos ca esa casualidade cósmica para que eu os teña no centro do meu corazón. É por iso polo que me interesan os seus nomes, como me interesa todo o seu. Tampouco chegaron como turistas a Ribadavia outros dous sanclodiáns coma min, sanclodiáns ós que sería inxusto non citar aquí. Refírome ó Padre Eiján e a don Eladio Rodríguez. O primeiro, superior do mosteiro de San Francisco entre 1915 e 1920, e responsable máximo do reinicio da vida fraciscana nesta vila, deixounos ós ribeiráns ese regalo sen prezo que é a Historia de Ribadavia y Sus Alrededores, o segundo, don Eladio, tamén nos deixou ós galegos agasallos de gran valor, sobre todo o seu Diccionario Enciclopédico; pero ós ribeiráns deixounos ademais o himno poético por excelencia destas terras, que non é outro que o poema Meu Ribeiro, un dos poemas máis toponímicos da literatura universal, o que fala das aldeas virxilianas do Ribeiro e desta vila de estreitas calexas e recunchos meiguiceiros. Ningún dos dous, nin o Padre Eiján nin don Eladio, cobraron un céntimo polos seus traballos, o mesmo ca don Leopoldo Meruéndano ou Rubén Álvarez, ós que Ribadavia lles debe tanto. Moito leva chovido desde que os egrexios ribeiráns que acabo de citar publicaron as súas obras, pero en moitos aspectos seguen sen ser superadas. Si, a pesar de subvencións, proxectos, xornadas, universidades, publicacións con todo luxo de cores, etc..., esas seguen a ser as referencias fundamentais para quen queira coñecer O Ribeiro. Non obstante, resulta curioso que nin un só centro educativo destas terras faga honra ós seus nomes. O mesmo lles pasa, queridos amigos, a moitos dos nomes de lugar que recolle o meu libro, a pesar de ser parte fundamental do noso patrimonio e da nosa identidade, unha boa parte deles non gozan nin dun triste carteliño que os conmemore, e outros, simplemente, van perdéndose entre o mesmo mato do que emerxeran cando foran bautizados polo home.

Remato, que tiñan en común o Padre Eiján, Don Eladio, Leopoldo Meruéndano e Rubén Álvarez? Direivos que tiñan o mesmo có chorado Xosé Carlos Gómez Alfaro, o poeta que ven de pousar, definitivamente, a súa saudade no Ribeiro. Todos eran ribeiráns e todos sentían esta terra coma súa. Iso foi o que os empuxou a traballar por ela, e por iso o mellor vennos deles. Ningunha comparación admite esta miña humildísima obra, que hoxe vos presento, coa dos autores que acabo de citar, pero vale a súa lembranza para dicirvos que eles foron a miña guía. Tamén para lembrar algo que moitas veces esquecemos os galegos en tódolos ámbitos: que é preciso querer a todos, pero hai que comezar polos nosos.
Moitas grazas


comentarios:

Maeloc dijo...
Si, nas illas Medas ou Medes do mediterráneo catalán existe unha pedra mariña con forma de carallo, chamada El Carall Bernat,transformada eufemisticamente en Cavall Bernat.
30 de diciembre de 2009 14:55

Maeloc dijo...
Cavall Bernat non é eufemismo pleno, pois a palabra bernat en determinados rexistros do idioma catalán seica significa erecto; de aí que o topónimo EL Carall Bernat signifique carallo ou falo erecto, de acordo coa forma deste illote
31 de diciembre de 2009 21:49

Amigo Maeloc, grazas polos teus comentarios, que inserto aquí para poder exemplificar con varias fotografías o tema de Cavall Bernat. É un topónimo que se repite por toda Cataluña, Valencia e Baleares, dando nome a rochas de forma fálica.

Cavall Bernat de Monserrat




Cavall Bernat de Matadepera
Illote Carallot

Hai acordo unánime en canto a que Cavall é forma eufemística de Carall, non obstante dubídase de Bernat. Para Joan Amades podería vir de vernat ‘illado’ (polo feminino da expresión sol-i-ver ‘só e abandonado’); Enric Moreu-Rey supón un carall armat e Joan Coromines (voz carall, DEcat.) un antigo carall *baranat, derivado de barana, á súa vez de BARANDA. Rafael Chacón, pola súa banda, nun interesante artigo, que leva por título "Carajo, carallo/caralho, carall” (http://www.tallerediciones.com/cuza/modules.php?name=News&file=article&sid=290), escribe: «Bernat en origen es una barra de ferro amb la punta torçuda en angle recte que, penjada per l´altra en una anella clavada en el gruix de la obertura d´una porta, en un peu dret, etc., serveix per a assegurar la fulla d ela porta, una peça plegadissa, etc., ingroducint-ne la punta ena anella o baga qui ha en aquesta según el Dicionari de la Enciclopedia Catalana. Bernat está pues en la expresión de carall bernat por erecto...». Ou sexa que o tan repetido Cavall Bernat podería rematar sendo un Carallo Arreite. ¡Alabado!
A foto, “o carallo 29”, que encabeza o artigo de Rafael Chacón, non ten perda:



Outro enigma para min: o 29 da tan coñecida expresión.

De tódolos xeitos non estou moi convencido de todo o escrito arredor dos cavall bernat, habería que coñecer, sobre todo, os nomes que aparecen na documentación antiga: sospeito da repetición do eufemismo Cavall, da repetición de Bernat, dunha serra do Cavall Bernat en Mallorca, na que eu aprecio forma de cabalo saíndo da auga. Aí tedes a foto:







E dunha rocha de la Verna rexistrada en Cataluña... ¡Cheirame a tautoloxía! Pero, en fin, bastantes inseguridades teño eu na toponimia galega para meterme coa catalana.