viernes, 24 de febrero de 2017

Mimosas


Ata hai corenta ou cincuenta anos, a maioría pensaba que todos os hábitos culturais nos que se desenvolvía a súa vida eran moi antigos. O motivo fundamental era que case ninguén tiña memoria do comezo de tales tradicións, e daquela os eruditos andaban escasos. Pasaba algo parecido coas paisaxes: un nacía entre viñas, socalcos e piñeirais e pensaba que alí sempre houbera viñas, socalcos e piñeirais; e o mesmo lle pasaba ó que nacera noutro tipo de paisaxe. Ata sucedía o mesmo coas institucións, pois raramente se cavilaba en que noutro tempo foran diferentes. Agora o mundo é máis cambiante e hai internet; en consecuencia, esta forma de pensar mudou algo.
En liña con isto, cría eu de rapaz que as mimosas sempre habitaran no Ribeiro: que nos outonos os ribeiraos sempre foran ós mimosais para facer a madeira das viñas; que as rosquilleiras sempre engarzaran as rosquillas que levaban ás festas en pauciños de mimosa; que as uvas do tostado sempre se colgaran do fallado en gallas de mimosa,  e que os mozos e as mozas sempre adornaran os seus sombreiros de entroido cos ramos amarelos e recendentes das flores das mimosas.
Pero lembro ben o día no que, sendo rapazote, descubrín a falsidade de todas esas crenzas: as mimosas viñeran de fóra e levaban pouco máis de medio século no Ribeiro. Foi un veciño, ó señor Luís ‘O Abeledo’ -que morreu  con cerca de cen anos haberá quince-,  quen me contou o  que seu pai lle dixera: que cando era mozo –no último cuarto do XIX- aínda non había mimosas na contorna de Leiro, e que as primeiras plantáranse en Berán, a onde ían a mercalas os dos pobos veciños. Pouco despois plantáronse por todo o Ribeiro. Contoume tamén que as estacas de antes das mimosas eran case todas de castaño, e que se lles queimaba a punta para que durasen máis, por iso lles chamaban “latizas”; pero que a enfermidade da “tinta” trouxera moita escaseza desta madeira. Sospeito que un relato semellante se escoitou por tódolos vales de Ourense, pois en todos se cultivaba o viño e se precisaban estacas.
Esa historia fixo que sempre estivese eu atento ós datos sobre as  mimosas. E se algún estudo retrasa a súa chegada ata despois de 1930, a maioría coinciden en que foron plantadas por primeira vez cando a chegada do tren a Galicia, nos terrapléns da vía férrea, para aseguralos. Para demostrar a falsidade da primeira data basta un verso dun poema de Samuel Eiján dedicado ó pombal da súa casa de San Clodio, publicado en 1913. Di: «Tiña por detrás mimosas para lle formar cortexo»; e alí continúan, o pombal e as mimosas. E con respecto á segunda data, vexan o que dicía esta cantiga popular: «Na túa horta, meniña, hai un pé de malva rosa; dáme del unha poliña, que eu cha darei de mimosa». Foi recollida por Marcial Valladares en 1867, cando aínda non asubiara ningún tren en Galicia... Si, por veces, a poesía tamén é unha arma cargada de pasado!
Estamos en tempo de mimosas. Tamén de desmemorias e desagradecementos. A mimosa, que en Francia ou en Italia é cultivada e a súa flor constitúe un bo negocio,  pasou aquí de ser cantada a ser aldraxada. Con frecuencia é tratada de inimiga e de invasora, e ata no dicionario da RAG figura este exemplo de uso: «as mismosas inzan tanto que constitúen unha verdadeira praga». Mentres, ninguén se acorda dos servizos que prestou nin da nota de alegría paisaxística e cultural que lle puxo ó  tempo do entroido. É certo que ultimamente se expandiu nalgúns lugares de xeito descontrolado. Pero non é culpa dela. Pensar iso é confundir os síntomas coa enfermidade. Porque a verdadeira enfermidade, sabémolo ben, é o abandono do campo e a extinción da sociedade rural galega.

Artigo publicado no diario La Región o domingo 19 de febreiro do 2017

martes, 21 de febrero de 2017

Preocupación



Apenas houbo que esperar. A primeira declaración de guerra de Donald Trump como presidente dos EE UU produciuse tan só un día despois da investidura, e foi contra os medios de comunicación. Bastou a publicación dun par de fotografías constatando que a asistencia á súa toma de posesión fora inferior á de Obama do 2009 para que dixese que estaba en guerra cos medios e que entre os periodistas estaban «algunhas  das persoas máis deshonestas do planeta». Logo, o seu secretario de prensa Sean Spicer,  emulando ó Groucho Marx de «a quen vai vostede crer, a min ou ós seus ollos?», afirmaba que a cerimonia fora «a de maior audiencia nunca vista nunha toma de posesión. Tanto en asistentes ó acto coma a distancia.». Pero o máis comentado foi o dito pola conselleira Kellyanne Conway cando saíu en defensa de Spicer: «El o que fixo foi presentar feitos alternativos». Un concepto, este dos “feitos alternativos”, que trouxo á memoria de moitos a totalitaria e represiva sociedade orwelliana de “1984”, a súa “neolingua” e aquel sinistro  “Ministerio da Verdade” encargado da difusión masiva de mentiras. De feito, “1984”, a novela publicada por Orwell en 1949, que sempre fora lectura minoritaria, excepto cando a adaptación ó cine por Michael Radford, pasou nestas últimas semanas  a situarse entre os libros máis vendidos por Amazon. E xa acontecera algo parecido en Francia despois dos atentados do 2015 contra a redacción de Charlie Hebdo, cando ós poucos días se  esgotaran tódolos exemplares do “Tratado sobre a tolerancia” de Voltaire.
Este refuxio literario fronte ás ameazas totalitarias fíxome recordar un ensaio de Paul Valery: “A liberdade de espírito”, publicado en 1939 –atención á data-. Nese magnífico ensaio, apunta Valerý que é moi raro que pensemos en que somos libres cando nada nos demostra que non o somos ou que poderíamos non selo. Para el, a consciencia da liberdade só aparece por efecto dun contraste. Sería algo similar ó que ocorre coa saúde, que pouco pensamos nela cando a gozamos, pero que se converte en preocupación permanente cando a perdemos ou a vemos en perigo, momento ese no que todas as nosas forzas se concentran en tentar restablecela.
Pero se a sensibilidade diante dos males do corpo é bastante parecida en tódolos individuos, a sensibilidade fronte ós males que impiden o desenvolvemento das liberdades do espírito aparece moi diversa. E non resulta nada estraño que a imposición de obstáculos ó tránsito desas liberdades produza moita menos resistencias das que nun principio prevén os homes cultivados. Velaí unha das causas do frecuente trunfo dos tiranos na historia da humanidade. «Vostedes saben o que está pasando moi cerca de nós: observen os efectos desta presión sobre o espírito e observen ó mesmo tempo a pouca reacción que provoca», escribía  Valery referíndose ó que daquela estaba pasando en Alemaña, sen citala. A preocupación de Valery estaba ben xustificada: ós poucos meses de escribir iso xa sabemos o que pasou.
Non se trata de situacións comparables, é certo. Por sorte, se EE UU perdura como a democracia contemporánea máis antiga do mundo é porque non só conta con mecanismos de control e contrapeso suficientes para resistir ameazas totalitarias, conta ademais cunha opinión pública e cuns medios de comunicación que, como estamos vendo, non permanecen calados diante das arremetidas do novo presidente. 
O que talvez se bote en falta é unha maior reacción de Europa, unha das principais damnificadas polo discurso de Trump. Din moitos que convén esperar, que de momento case todo foron palabras. Pero eu quixeralles recordar algo: que no principio sempre foi o verbo.


Artigo publicado no diario La Región o domingo 10 de febreiro do 2017.

domingo, 12 de febrero de 2017

Non é país para mozos

O país imaxinario do verso de Yeats que inspirou o título da novela de Corman McCarthy adaptada ó cine polos irmáns Coen non era país para vellos:  España non é país para mozos.
Isto xa o  sabiamos, pero a recente publicación da Enquisa financieira das familias realizada polo Banco de España lembróunolo outra vez. Tampouco nesta columna o tema do mal trato que se lle dá os mozos en España resulta novo. Pero eu, talvez pola profesión que exerzo, sempre teño presente algo que deixou escrito Proust na súa Busca do Tempo Perdido: «hai que repetir, porque son poucos os que queren escoitar».
Nese senso, o citado informe do Banco de España dinos moitas cousas interesantes. Por exemplo, que a riqueza neta dos españois reduciuse nada menos que nun 22% entre 2011 e 2014.  Pero houbo dous grupos que se salvaron da desfeita patrimonial. Saben cales? O  do 10% que tiñan as rendas máis altas e o dos que estaban entre 65 e 74 anos. Eses dous grupos non só non perderon patrimonio senón que o  aumentaron, nun 6 e nun 4% respectivamente. Da riqueza neta dos fogares con rendas máis baixas ou co cabeza de familia menor de 35 anos mellor non falar, simplemente carecen de tal riqueza: en xeral, as súas débedas superan ó capital, é dicir, deben máis do que teñen. Son datos que axudan a comprender certas cousas: por exemplo, que cada día do ano pasado houbese en España vinte millonarios máis (en euros, claro está), mentres un de cada cinco fogares e un de cada tres nenos vivían na pobreza.
 En cánto á renda anual, o informe indica que experimentou unha diminución media do 10% no trienio 2011-2014. Pero as medias xa se sabe: un fártase comendo un polo enteiro, outro mira para el cunha langrina que mete medo, e a media di que o da langrina comeu a metade do pito... Así, do mesmo xeito, mentres a renda dos mozos caía un 20%  nese período, a dos maiores de 64 subía o 10%. Que curioso!
Pero claro, é que aquí os mozos páganas todas: a metade dos menores de 25 anos está en paro, e entre os que atopan traballo a maioría está con contratos temporais e en precario, con salarios que nin sequera lles permiten emanciparse e vivir pola súa conta. Talvez este dato lles aclare algo: entre o 1985 e o 2000, en España, o gasto en políticas para a terceira idade foi 34 veces superior ó dedicado ás da infancia e xuventude, cousa que non pasou en ningún outro país da OCDE, onde ese factor só pasou de 10 no noso caso... Con este panorama, pode sorprenderse alguén da fuxida da mocidade? Unha fuxida, por certo, da que nunca coñeceremos a magnitude exacta: un, porque a maioría vaise sen deixar recado; e dous, porque as instancias oficiais non teñen ningún interese en que se coñeza ese dato, ó fin e ó cabo a fuxida contribúe a diminuír o paro. Por se lles vale de indicativo: en 2011 constituíronse en España 254.000 novos fogares, en 2014 apenas 76.000.
Si. Hai que repetir e repetir... Lembran aquel vello apunte tomado da novela Diario de la guerra del cerdo (1969) de Bioy Casares?: «La juventud es presa de desesperación. En un futuro próximo, si el régimen democrático se mantiene, el hombre viejo es el amo. Por simple matemática, entiéndanme. Mayoría de votos… La muerte hoy no llega a los cincuenta sino a los ochenta años, y mañana vendrá a los cien…conciban el número de viejos que de este modo se acumulan y el peso muerto de su opinión en el manejo de la cosa pública… Se acabó la dictadura del proletariado, para dar paso a la dictadura de los viejos.». Resultaron ser palabras proféticas, e deberían terse en conta... Maltratar ós mozos é destruír o futuro. É coma tirar flores frescas ó cubo do lixo.

Artigo publicado no diario La Región o domingo 5 de febreiro do 2017

sábado, 4 de febrero de 2017

Vidas paralelas



Ó primeiro protagonista desta historia podemos chamarlle Pepe. Coñecino en Londres no ano 82, tería uns corenta e cinco anos. Era natural da terra de Ortegal e fora para Inglaterra a principios dos sesenta, ó licenciarse da mili: aquí non había máis ca miseria. Marchara sabendo as catro regras e sen ter idea de inglés. Os primeiros anos traballara na hostalaría, pero pasado algún tempo conseguira colocarse no aeroporto de Heathrow, que era onde estaba de técnico de mantemento cando eu o coñecín. Casárase a principios dos setenta, coa moza que deixara aquí en Galicia, a mesma que xa como muller súa fora residir con el e a traballar limpando casas.
O Pepe, a muller e a filla que tiveran vivían nunha casa unifamiliar, non moi lonxe do centro. Era unha das típicas casas que tantas veces temos visto nas películas. Un pequeno xardín á entrada, unha escaleira exterior central que daba acceso á planta baixa, onde estaba a cociña, un amplo salón e un baño, e unha planta superior onde había tres ou catro habitacións e outro baño. E ademais estaba o semisoto co garaxe, onde o Pepe gardaba un flamante Ford Cortina. A casa, orixinariamente de propiedade municipal, tivérana alugada durante uns anos, pero logo déranlle a opción de mercala e xa era súa en propiedade.  Lembro ben a fartura que se respiraba naquela casa, e como a idea que trouxemos, tanto eu coma os dous amigos que me acompañaran naquela primeira viaxe a Londres, era que o Pepe e a súa familia vivían coma verdadeiros señores.
Ó segundo protagonista chamémoslle Pablo. Pola idade podería ser neto do primeiro, pero non existe lazo familiar entre eles. Coñecino porque foi alumno meu haberá uns  quince anos; e teño que dicir que dos mellores. Cando rematou o bacharelato púxose a estudar  unha das carreiras máis difíciles: arquitectura, na Escola da Coruña; e como adoita ocorrer cos alumnos máis brillantes, nada tivo que ver na escolla o prestixio do título nin os cartos que pensaba gañar, tan só a súa vocación pola arquitectura. Por desgraza, acabou a carreira cando o estalido da burbulla inmobiliaria, e iso fixo imposible que atopase traballo no seu aquí en España... Coma boa parte dos intelixentes e esforzados compañeiros de promoción, acabou en Londres, o mesmo lugar a onde chegara o Pepe había cincuenta anos. Pero claro, a diferenza deste, o Pablo chegaba co seu título universitario e cun meritorio nivel B2 en inglés.
Aínda así, o arquitecto  Pablo pasou un par de anos  explotado nos peores traballos antes de atopar algo da súa especialidade. Porque tamén no Reino Unido houbo crise no sector inmobiliario, e foron moitos, e de todo o mundo, os que chegaron buscando o mesmo. Agora, por fin, conseguiu traballo nun estudo de arquitectura de Londres, e está contento. Vive nun piso de aluguer con outros tres españois, tan preparados coma el, e todos van sobrevivindo: que non é pouco. Pagan polo piso 3000 libras ó mes (cerca de 4000 euros!), o que significa unhas 800 libras cada un tan só polo aloxamento. E os soldos andan entre as 1500 e as 2000 libras. Iso e os altos prezos do transporte e da alimentación en Londres fan que nin pensen en poder aforrar algo.
Onte, nun bar, nunha mesa próxima á miña, un grupo de  xubilados que pasara pola emigración, e que semellaban ter boas pensións, cartos no banco e múltiples propiedades, botaban pestes contra os novos de agora: que se eran uns vagos, que se só tiñan vicio no corpo, que se traballaran coma eles... Tomei pronto o café e marchei. Pola rúa, fun reflexionando sobre a común tendencia a confundir a sorte propia co mérito e a ignorar os esforzos e os méritos alleos. Logo, ó chegar á casa,  escribín esta historia.

Artigo publicado no diario La Región o domingo 29 de xaneiro do 2017