O país
imaxinario do verso de Yeats que inspirou o título da novela de Corman McCarthy
adaptada ó cine polos irmáns Coen non era país para vellos: España non é país para mozos.
Isto xa
o sabiamos, pero a recente publicación
da Enquisa financieira das familias realizada polo Banco de España lembróunolo
outra vez. Tampouco nesta columna o tema do mal trato que se lle dá os mozos en
España resulta novo. Pero eu, talvez pola profesión que exerzo, sempre teño
presente algo que deixou escrito Proust na súa Busca do Tempo Perdido: «hai que repetir, porque son poucos os que
queren escoitar».
Nese senso,
o citado informe do Banco de España dinos moitas cousas interesantes. Por
exemplo, que a riqueza neta dos españois reduciuse nada menos que nun 22% entre
2011 e 2014. Pero houbo dous grupos que
se salvaron da desfeita patrimonial. Saben cales? O do 10% que tiñan as rendas máis altas e o dos
que estaban entre 65 e 74 anos. Eses dous grupos non só non perderon patrimonio
senón que o aumentaron, nun 6 e nun 4%
respectivamente. Da riqueza neta dos fogares con rendas máis baixas ou co
cabeza de familia menor de 35 anos mellor non falar, simplemente carecen de tal
riqueza: en xeral, as súas débedas superan ó capital, é dicir, deben máis do
que teñen. Son datos que axudan a comprender certas cousas: por exemplo, que cada
día do ano pasado houbese en España vinte millonarios máis (en euros, claro
está), mentres un de cada cinco fogares e un de cada tres nenos vivían na
pobreza.
En cánto á renda anual, o informe indica que
experimentou unha diminución media do 10% no trienio 2011-2014. Pero as medias
xa se sabe: un fártase comendo un polo enteiro, outro mira para el cunha
langrina que mete medo, e a media di que o da langrina comeu a metade do pito...
Así, do mesmo xeito, mentres a renda dos mozos caía un 20% nese período, a dos maiores de 64 subía o 10%.
Que curioso!
Pero claro,
é que aquí os mozos páganas todas: a metade dos menores de 25 anos está en
paro, e entre os que atopan traballo a maioría está con contratos temporais e en
precario, con salarios que nin sequera lles permiten emanciparse e vivir pola
súa conta. Talvez este dato lles aclare algo: entre o 1985 e o 2000, en España,
o gasto en políticas para a terceira idade foi 34 veces superior ó dedicado ás
da infancia e xuventude, cousa que non pasou en ningún outro país da OCDE, onde
ese factor só pasou de 10 no noso caso... Con este panorama, pode sorprenderse
alguén da fuxida da mocidade? Unha fuxida, por certo, da que nunca coñeceremos
a magnitude exacta: un, porque a maioría vaise sen deixar recado; e dous,
porque as instancias oficiais non teñen ningún interese en que se coñeza ese
dato, ó fin e ó cabo a fuxida contribúe a diminuír o paro. Por se lles vale de
indicativo: en 2011 constituíronse en España 254.000 novos fogares, en 2014
apenas 76.000.
Si. Hai que
repetir e repetir... Lembran aquel vello apunte tomado da novela Diario de la guerra del cerdo (1969) de
Bioy Casares?: «La juventud es presa de desesperación. En un futuro próximo, si
el régimen democrático se mantiene, el hombre viejo es el amo. Por simple
matemática, entiéndanme. Mayoría de votos… La muerte hoy no llega a los
cincuenta sino a los ochenta años, y mañana vendrá a los cien…conciban el
número de viejos que de este modo se acumulan y el peso muerto de su opinión en
el manejo de la cosa pública… Se acabó la dictadura del proletariado, para dar
paso a la dictadura de los viejos.». Resultaron ser palabras proféticas, e
deberían terse en conta... Maltratar ós mozos é destruír o futuro. É coma tirar
flores frescas ó cubo do lixo.
Artigo publicado no diario La Región o domingo 5 de febreiro do 2017
No hay comentarios:
Publicar un comentario