sábado, 4 de febrero de 2017

Vidas paralelas



Ó primeiro protagonista desta historia podemos chamarlle Pepe. Coñecino en Londres no ano 82, tería uns corenta e cinco anos. Era natural da terra de Ortegal e fora para Inglaterra a principios dos sesenta, ó licenciarse da mili: aquí non había máis ca miseria. Marchara sabendo as catro regras e sen ter idea de inglés. Os primeiros anos traballara na hostalaría, pero pasado algún tempo conseguira colocarse no aeroporto de Heathrow, que era onde estaba de técnico de mantemento cando eu o coñecín. Casárase a principios dos setenta, coa moza que deixara aquí en Galicia, a mesma que xa como muller súa fora residir con el e a traballar limpando casas.
O Pepe, a muller e a filla que tiveran vivían nunha casa unifamiliar, non moi lonxe do centro. Era unha das típicas casas que tantas veces temos visto nas películas. Un pequeno xardín á entrada, unha escaleira exterior central que daba acceso á planta baixa, onde estaba a cociña, un amplo salón e un baño, e unha planta superior onde había tres ou catro habitacións e outro baño. E ademais estaba o semisoto co garaxe, onde o Pepe gardaba un flamante Ford Cortina. A casa, orixinariamente de propiedade municipal, tivérana alugada durante uns anos, pero logo déranlle a opción de mercala e xa era súa en propiedade.  Lembro ben a fartura que se respiraba naquela casa, e como a idea que trouxemos, tanto eu coma os dous amigos que me acompañaran naquela primeira viaxe a Londres, era que o Pepe e a súa familia vivían coma verdadeiros señores.
Ó segundo protagonista chamémoslle Pablo. Pola idade podería ser neto do primeiro, pero non existe lazo familiar entre eles. Coñecino porque foi alumno meu haberá uns  quince anos; e teño que dicir que dos mellores. Cando rematou o bacharelato púxose a estudar  unha das carreiras máis difíciles: arquitectura, na Escola da Coruña; e como adoita ocorrer cos alumnos máis brillantes, nada tivo que ver na escolla o prestixio do título nin os cartos que pensaba gañar, tan só a súa vocación pola arquitectura. Por desgraza, acabou a carreira cando o estalido da burbulla inmobiliaria, e iso fixo imposible que atopase traballo no seu aquí en España... Coma boa parte dos intelixentes e esforzados compañeiros de promoción, acabou en Londres, o mesmo lugar a onde chegara o Pepe había cincuenta anos. Pero claro, a diferenza deste, o Pablo chegaba co seu título universitario e cun meritorio nivel B2 en inglés.
Aínda así, o arquitecto  Pablo pasou un par de anos  explotado nos peores traballos antes de atopar algo da súa especialidade. Porque tamén no Reino Unido houbo crise no sector inmobiliario, e foron moitos, e de todo o mundo, os que chegaron buscando o mesmo. Agora, por fin, conseguiu traballo nun estudo de arquitectura de Londres, e está contento. Vive nun piso de aluguer con outros tres españois, tan preparados coma el, e todos van sobrevivindo: que non é pouco. Pagan polo piso 3000 libras ó mes (cerca de 4000 euros!), o que significa unhas 800 libras cada un tan só polo aloxamento. E os soldos andan entre as 1500 e as 2000 libras. Iso e os altos prezos do transporte e da alimentación en Londres fan que nin pensen en poder aforrar algo.
Onte, nun bar, nunha mesa próxima á miña, un grupo de  xubilados que pasara pola emigración, e que semellaban ter boas pensións, cartos no banco e múltiples propiedades, botaban pestes contra os novos de agora: que se eran uns vagos, que se só tiñan vicio no corpo, que se traballaran coma eles... Tomei pronto o café e marchei. Pola rúa, fun reflexionando sobre a común tendencia a confundir a sorte propia co mérito e a ignorar os esforzos e os méritos alleos. Logo, ó chegar á casa,  escribín esta historia.

Artigo publicado no diario La Región o domingo 29 de xaneiro do 2017

No hay comentarios: