domingo, 29 de junio de 2014

A espiral

Relacionado talvez coa importante presencia da súa forma xeométrica na natureza, desde nas teas das arañas ata nos brazos das galaxias, a espiral é un dos símbolos máis antigos en diversas culturas. Pero a idea da espiral non adoita ser estática, asóciase na maioría dos casos con movementos desa traxectoria, coma os dos remuíños na auga ou no vento. A fascinación que produce a espiral ten que ver coa elegancia da curva, relacionada coa proporción áurea, e a súa metáfora co movemento asociado, por como se vai volvendo vertixinoso segundo avanza. A física dos movementos en espiral, estudada por mentes tan lúcidas coma as de Arquímedes, Descartes ou Bernoulli, non resulta sinxela, pero hai unha propiedade que destaca polo seu carácter paradoxal: no movemento cara ó vórtice o número de voltas  resulta infinito, pero o tempo de impacto mantense finito. Mutatis mutandis, un pensaría que as situacións enfrontadas, nas que uns din “arre” e  outros “xo”, poderían manterse ad infinitum en círculos viciosos; pero non, adoitan derivar en espirais case sempre tráxicas: de odio, de ira, de violencia… 
O problema catalán ten tódalas características dun movemento espiral. A curva comezou  a debuxarse hai trescentos anos, en 1714, coa capitulación de Barcelona, defensora da causa do Archiduque Carlos na Guerra de Sucesión, e coa disolución das institucións de goberno de Cataluña, daquela das máis avanzadas de Europa, substituídas polas centralistas da monarquía absoluta, impostas mediante o Decreto de Nova Planta de Felipe V. Daquela afronta nunca curada e do intento de castelanización cultural de Cataluña veñen a maioría dos problemas da vertebración de España que tanto preocupaban a Ortega. Agora estamos a piques de afrontar o maior desafío para a estrutura territorial peninsular do Estado  dos tres últimos séculos; e non é fácil saír dunha espiral cando xa se entrou na zona vertixinosa.
Equivócanse os que argumentan contra a secesión apelando a que sería un desastre económico para Cataluña: aínda o sería maior para o resto de España. Tamén se equivocan os nacionalistas que apelan á identidade nacional e histórica para pedir un estado propio: ignoran os efectos do camiño que percorremos xuntos e que nos tempos que corren, de identidades múltiples, tal vez non exista un concepto político máis anticuado co de  “unha nación, un estado”. Non, o problema non é de viabilidade senón de conveniencia: viable sería a independencia de California ou a de Baviera, pero non son convenientes. O debate debe centrarse en valorar os proles e os contras de tan grave decisión. E nun debate limpo, racional e intelixente os contras gañarían por goleada. De darse tal debate –imposible neste momento en Cataluña e difícil no resto de España- emerxerían os erros que fixeron aumentar o desapego dos cataláns e facilitaron a conversión do seu tradicional nacionalismo, de corte rexeneracionista, en claramente independentista; pero tamén se aclararía como as teses nacionalistas se converteron en discurso único en Cataluña e se foi minando a necesaria idea de España como proxecto común. 
Diante deste panorama o inmobilismo non é solución: precísase un diálogo franco na busca dun gran pacto que, con xenerosas entregas e xenerosas renuncias, como xa dicía Américo Castro, inaugure outro xeito de entender o camiño común. E este tempo novo pode axudar. Pero, chegado o caso, non se debe de esquecer que todo o que cae dentro da Lei está permitido, incluída a celebración dun referendo consultivo pola vía do art. 92. Non é desexable, porque sería traumático; pero, en última instancia, non se sabe de ninguén que gañase unha batalla finxindo que non había que loitar.

Artigo publicado no diario "La Región" o venres 27 de xuño do 2014

sábado, 21 de junio de 2014

Amigos do P. Feijoo


Entre todos os autores ourensáns hai dous ós que considero máis próximos, trátase de Albino Núñez e do P. Feijoo. O primeiro era gran admirador do segundo e nos anos sesenta dedicoulle unha serie de artigos periodísticos de notable mérito. Dicía por alí don Albino que  o P. Feijoo tivera poucos amigos en vida, e poucos despois de morto, porque para selo precisábase unha mentalidade crítica, racional e científica que poucas veces se daba en España. E parece moi certo iso. Pero o importante non é ter moitos amigos, circunstancia sumamente rara, senón que sexan verdadeiros. E nese senso o P. Feijoo tivo e ten dos mellores: Que amigo o lector!, exclamaba Zola; e, que amigos os autores dos libros que un ama!, exclamo eu. 
O luns da semana pasada o Arquivo Histórico Provincial celebraba o día de portas abertas cunha  pequena exposición dedicada ó P. Feijoo. E, aínda que a mellor homenaxe que se lle pode facer a un autor é ler a súa obra, considero a iniciativa un grande acerto: un,  porque pode traer novos socios ó minoritario club de amigos do P. Feijoo, algo que sempre redundará en beneficio do país; dous, porque é preciso lembrar o destacado papel de Ourense na recuperación da figura do polígrafo de Casdemiro, esquecida en España durante boa parte do XIX, ó promover, en 1876, a celebración do bicentenario do seu nacemento. Protagonistas fundamentais daquela efeméride recuperadora foron Emilia Pardo Bazán e Concepción Arenal, que concorreron con senllos traballos ó certame literario convocado a tal efecto, e que finalmente gañou a primeira; non en balde fora o P. Feijoo un dos primeiros defensores dos dereitos das mulleres.
Celebramos agora o 250 aniversario do pasamento do mestre e a súa obra e o seu pensamento seguen gozando de boa saúde, proba inequívoca de que nos atopamos diante dun gran clásico das letras hispanas. Pero a perenne actualidade da obra de Feijoo non se apoia en ningún descubrimento esencial nas artes ou nas ciencias, tan só na súa actitude diante do coñecemento, no seu anhelo de eliminar erros comúns, de depurar costumes e de mellorar a vida dos cidadáns. E para iso só hai un camiño: o da busca da verdade para derrotar a impunidade da mentira. Trátase dun camiño duro, cheo de trampas e perigos; en consecuencia, moi pouco transitado. A divisa de Feijoo era a mesma da Ilustración: sapere aude, ‘atreverse a saber’ nun mundo no que a maioría prefire ser conducida dentro da comodidade dos rabaños. Tal atrevemento precisa de valentía e liberdade de espírito, pero, sobre todo, obriga a poñer en dúbida os argumentos ad verecundiam, é dicir, os unicamente baseados na autoridade de quen os defende. Por isto se acusou ó P. Feijoo: de ter pouca fe, de ser un mal patriota, de ser volteriano, de ser superficial, de carecer de estilo e de bastantes cousas máis. Pero, quen se lembra hoxe dos acusadores?
Sei ben que, de entrada, os nove tomos do Teatro Crítico ou os cinco das Cartas eruditas asustan. Pero é unha impresión falsa: poucos autores resultan tan amenos, sinxelos e claros coma o P. Feijoo. Quen comece polo prólogo do Teatro Crítico dificilmente resistirá a chamada do autor. Logo, a forma de ensaio e a variedade dos temas tratados –era un home de curiosidade universal- permiten unha lectura fragmentaria e ó gusto de cada un. Anímese entón, prezado lector, e súmese a este club de amigos do P. Feijoo. Bastará con que repita comigo este xuramento escrito polo propio mestre: “Yo, ciudadano de la república literaria, ni esclavo de Aristóteles ni aliado de sus enemigos, escucharé siempre con preferencia a toda autoridad privada, lo que me dictare la experiencia y la razón.”. Vale.

Artigo publicado no diario "La Región" o xoves 19 de xuño do 2014

viernes, 13 de junio de 2014

O traballo no século XXI

A etimoloxía de “traballo”, do latín trepalium ‘instrumento de tortura formado por tres paus’, acércanos ó significado orixinal da palabra: o traballo era un xeito de tortura dos homes. E iso foi durante case toda a historia da humanidade. Aínda así, en España, contra do que pode parecer estes días, a xente demanda traballo antes ca nada. Noutros países prefiren pedir emploi, job, lavoro; e ser ouvriers, workers, lavoratori, antes ca traballadores. E non resultan banais esas preferencias léxicas; porque a maioría da xente, máis ca traballo, o que quere é un emprego cómodo cun salario digno. Postos a escoller, todos preferiríamos cobrar sen traballar a traballar sen cobrar; proba de que, por moito que se diga, o traballo non é un anhelo natural dos homes. Así, diante do panorama de desemprego que nos afoga, eu non centraría a demanda en máis traballo. Algo diso fíxose xa no XIX, «e as penas do traballo forzado abatéronse sobre o proletariado en maior cantidade cás langostas da Biblia», en palabras de P. Lafargue; e o mesmo nos anos trinta do XX,  cando a petición rematou cuns carteis colocados á entrada dos campos de concentración nazis nos que rezaba: «O traballo faravos libres»... Logo Orwell debuxaría a sociedade totalitaria do futuro, pero nela o traballo, proporcional á miseria, sobraba. Un dos lemas daquela sociedade era: «A liberdade é a escravitude»; e algo  diso xa se ve: basta analizar o groso dos postos de traballo que se crean.
 Eu estou con Montaigne, cando pensaba que de traballo «basta co suficiente para manterse vigorosos e libres das incomodidades dos que caen no extremo dunha ociosidade covarde e adormecida». E Voltaire, cando retrataba ó home máis feliz do seu Cándido, facíao na figura dun ancián que, ignorante das intrigas dos poderosos, se limitaba a cultivar unha pequena horta coa axuda dos seus fillos, «e o traballo líbranos de tres das máis insufribles calamidades do home: o aburrimento, o vicio e a necesidade»; é dicir, que nin o ocio absoluto nin o traballo excesivo son bos para o home. Pero talvez o ensaio máis lúcido sobre esta cuestión fose o Eloxio da ociosidade de Bertrand Russell, escrito en 1932, en plena Gran Depresión. Nel lemos: «Con que cada asalariado traballase catro horas ó día, habería para todos e non habería paro.». Porque xa daquela a técnica fixera innecesaria moita man de obra; pero mentres a metade da poboación ía ó paro, o resto traballaba en exceso por salarios miserables: coma agora. Dirase que despois arranxáronse as cousas; si, pero antes houbo que sementar de mortos e de ruínas medio mundo, como predixera o propio B. Russell, que coñecía ben o entusiasmo dos humanos polos fogos artificiais.
Os avances tecnolóxicos da primeira metade do século XX semellan ridículos comparados cos que se están dando agora, coa revolución informática e a robotización. C. B. Frey e M.A. Osborne, da Universidade de Oxford, nunha minuciosa investigación, estiman que en dúas décadas os ordenadores e os robots eliminarán arredor do 45% dos empregos de EE UU.  Confírmase así o enterro da Lei de Say, piar da economía neoclásica que establecía que a oferta xeraba a súa propia demanda, mercado de traballo incluído. Agora, nin os aumentos de productividade nin os baixos salarios tiran o necesario da demanda de emprego. Solución? A mesma que propoñía Russell: reparto do traballo e aumento  do tempo libre da xente. Hai riqueza máis que suficiente para iso. Cal é o problema? O de sempre: a cobiza dos que nunca se ven fartos, que agora dispoñen dunha capacidade de dominación nunca antes imaxinada. Por iso non cabe descartar que todo isto remate noutra gran sesión universal de fogos artificiais. 

Artigo publicado no diario "La Región" o mércores 11 de xuño do 2014

viernes, 6 de junio de 2014

Un tempo novo

Colleume de sorpresa o anuncio de abdicación do rei Juan Carlos. O momento elixido, logo do castigo inflixido nas urnas ós dous grandes partidos, principais apoios da Monarquía no Parlamento, fíxome lembrar a caída de Alfonso XIII; porque daquela foron os resultados dunhas municipais os que precipitaron os acontecementos que remataron na proclamación da II República. Máis tarde sóubose que, na realidade, foran os monárquicos os que gañaran as eleccións -23.000 concelleiros fronte a 3.500, segundo Pla-, pero os republicanos gañaran nas cidades! Agora, as forzas emerxentes que poñen en dúbida a lexitimidade democrática da Coroa e se decantan pola República tamén medraron, especialmente nas cidades: pero tampouco gañaron.
Hai un libro que nunca abandono desde que comezou esta crise: trátase de Algo vai mal, do malogrado historiador británico Tony Judt, libro que ben merecería ser de cabeceira dos nosos políticos e dos nosos xoves. Cando fala do lamentable espectáculo que ofrecen os partidos políticos e da necesaria rebeldía dos mozos, escribe: «Non obstante, as eleccións seguen sendo o único medio de converter a opinión pública en acción colectiva dentro da lei. Así que os mozos non deben de perder a fe nas nosas institucións políticas... A desconformidade debe permanecer dentro da lei.».
Non é fácil de explicar en poucas liñas como, nestes tempos, a forma de xefatura do estado, monárquica ou republicana, pouco engade ó principio democrático. Limitareime a lembrar algo que escribía Torres del Moral nun texto de Teoría do Estado: «después de la evolución experimentada por la monarquía, es insostenible la sinonimia democracia=república». E sobre a lexitimidade da institución monárquica en España téñense pronunciado voces tan autorizadas coma a de Santos Juliá: «El Rey, que heredaba un poder ilegítimo, conquistó para la Monarquía la legitimidad, porque en el ejercicio de su función institucional llevó a la práctica lo que del jefe del Estado esperaban las fuerzas de oposición a la dictadura».
Preguntáronlle non hai moito a Paul Preston,  hispanista inglés e biógrafo do Rei, cal era a súa opinión sobre a monarquía española: «Eu non son monárquico, pero coido que a monarquía constitucional xoga un papel primordial na democracia española... Igual me trabuco, pero penso que se agora mesmo houbera unha república en España, cos odios e as crispacións que existen... Quen sería o presidente? Aznar, Felipe... Imaxine o que iso suporía...». Un inferno. E creo que é opinión compartida por moitos españois.
Non, a forma de xefatura de estado pouco ten que ver cos serios problemas que afronta España, máis relacionados coa incapacidade dos dous grandes partidos para abordar as reformas que a situación esixe. Un país non pode desfacerse e reinventarse cada vez que aparece unha crise seria; ó contrario, encarala desde a estabilidade constitucional é a máis clara sinal dunha democracia avanzada. A mensaxe de renovación da Coroa, que, estou seguro, non se reducirá ó cambio na figura do monarca, debe chegar nítida a todas as outras institucións do Estado, porque os tempos de boa parte dos seus representantes son pasados, e faríanlle un enorme servicio ó país iniciando a súa retirada á honrosa condición de cidadáns de a pé. Seralles duro, porque duro é saber que o tempo dun xa pasou; pero, se así sucedese, estaríamos no transo de xerar as novas ilusións precisas para saír  definitivamente desta maldita crise.
Vin as bandeiras da nostalxia na Porta do Sol, pero o pasado é un país imaxinario. Vin ó Rei na despedida. Todas as despedidas son tristes. Lembrei unhas palabras de Vida e Destino: «Onte mesmo confiabas en ti, nas túas forzas, alegre, fillo do tempo. Pero hoxe chegou un tempo novo...».

Artigo publicado no diario “La Región” o 5 de xuño do 2014