Mostrando entradas con la etiqueta Economía. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Economía. Mostrar todas las entradas

martes, 4 de julio de 2017

Adiós ríos, adiós fontes


É ben sabido que a época do “desarrollismo español” comezou coa entrada dos chamados tecnócratas nos gobernos de Franco, a finais dos cincuenta. Desa época quedoume na cabeza unha definición de tecnócrata: “Home capaz de demostrar que importar area no deserto pode ser un bo negocio”. Vista desde a perspectiva do tempo, a definición correspondíase mellor coa de economicista, pero hai que considerar que a tecnocracia franquista foi en gran medida unha adaptación das ideas economicistas que comezaran a imperar despois de 1945. E pensara eu nunha versión galega da definición: “Home capaz de demostrar que importar auga en Galicia pode ser un bo negocio”. Porque se algunha cousa sobraba en Galicia, aparte de necesidades, era auga. Ninguén no seu xuízo pensaba nos anos sesenta ou setenta, incluso nos oitenta, que nun prazo relativamente curto a maioría dos galegos terían que mercar a auga para beber. Había, si, augas embotelladas, coma as de Fontenova ou as de Mondariz, pero entendíase que eran máis ben para quen tiña algún tipo de doenza. Porque a xente, maiormente, bebía a auga das numerosas e marabillosas fontes que había repartidas por tódalas parroquias, vilas e cidades de Galicia; un patrimonio riquísimo cuxa conservación, xunto coa dos camiños, sempre figurara como primeira obriga das autoridades públicas. Pero, comproben o que queda de todo aquilo pasados apenas trinta anos.  Case nada.
Abandonáronse os mananciais, e entre as fontes: unhas desapareceron, outras secaron,  bastantes amosan o ameazador cartel de “auga sen control sanitario”  e as poucas das que aínda se pode beber adoitan estar  conectadas á traída pública, cuxa auga, aínda cumprindo cos mínimos de potabilidade, poucas veces lembra á saborosa e fresca que se podía beber en calquera fonte do país de antano.
Son bastantes os que pensan que beber auga embotellada é un signo de progreso e de salubridade. Pero non é nada diso, tan só unha sinal máis do éxito do novo paradigma do culto do privado e do descoido e privatización do público. Porque poucas actividades hai menos racionais en relación co respecto ó medio ambiente cá venda e consumo de auga embotellada, tanto pola contaminación que supón o seu envasado en materiais plásticos coma pola cantidade de combustible que se gasta no seu transporte. Con moito menos gasto poderiamos ter conservado as nosas fontes e os nosos mananciais, e as redes públicas de captación e distribución da auga poderían estar en bastante mellor estado. Pero iso atentaría contra un gran negocio privado, que tamén axuda a sustentar o paradigma. E agora, ademais da perda da auga para beber, chegan os efectos das secas, consecuencia da diminución de precipitacións, si, pero tamén dunha xestión defectuosa dos nosos recursos hídricos, que seguen sendo moi abundantes.
A ningún elemento aristotélico debe máis a nosa natureza de galegos cá auga. Somos un país de auga. Por iso a nosa filosofía e a nosa poética son acuosas. Aínda sen ter lido  a Heráclito ou a Manrrique, calquera galego sabe que a vida é o río que nos leva, e que o destino do home é o da auga que corre. E cando soñamos, soñamos cunha casiña no medio dun val ameno que mira para un regatiño que corre alegre á sombra dos amieiros, coa fonte limpa que nos cura de tódolos males ou co baño purificador nas augas transparentes da infancia... Como escribira unha vez Cunqueiro, tendo diante o libro de Otero sobre o Padre Feijóo e pensando na vista que o sabio tivera do Miño desde a súa casa natal de Casdemiro: «a presenza da auga, sor pura e casta, é unha caricia perfecta para a mente do home feliz. E tamén para a do grave, coma Feijóo». Amor de auga.

Artigo publicado no diario La Región o domingo 25 de xuño do 2017.

domingo, 12 de febrero de 2017

Non é país para mozos

O país imaxinario do verso de Yeats que inspirou o título da novela de Corman McCarthy adaptada ó cine polos irmáns Coen non era país para vellos:  España non é país para mozos.
Isto xa o  sabiamos, pero a recente publicación da Enquisa financieira das familias realizada polo Banco de España lembróunolo outra vez. Tampouco nesta columna o tema do mal trato que se lle dá os mozos en España resulta novo. Pero eu, talvez pola profesión que exerzo, sempre teño presente algo que deixou escrito Proust na súa Busca do Tempo Perdido: «hai que repetir, porque son poucos os que queren escoitar».
Nese senso, o citado informe do Banco de España dinos moitas cousas interesantes. Por exemplo, que a riqueza neta dos españois reduciuse nada menos que nun 22% entre 2011 e 2014.  Pero houbo dous grupos que se salvaron da desfeita patrimonial. Saben cales? O  do 10% que tiñan as rendas máis altas e o dos que estaban entre 65 e 74 anos. Eses dous grupos non só non perderon patrimonio senón que o  aumentaron, nun 6 e nun 4% respectivamente. Da riqueza neta dos fogares con rendas máis baixas ou co cabeza de familia menor de 35 anos mellor non falar, simplemente carecen de tal riqueza: en xeral, as súas débedas superan ó capital, é dicir, deben máis do que teñen. Son datos que axudan a comprender certas cousas: por exemplo, que cada día do ano pasado houbese en España vinte millonarios máis (en euros, claro está), mentres un de cada cinco fogares e un de cada tres nenos vivían na pobreza.
 En cánto á renda anual, o informe indica que experimentou unha diminución media do 10% no trienio 2011-2014. Pero as medias xa se sabe: un fártase comendo un polo enteiro, outro mira para el cunha langrina que mete medo, e a media di que o da langrina comeu a metade do pito... Así, do mesmo xeito, mentres a renda dos mozos caía un 20%  nese período, a dos maiores de 64 subía o 10%. Que curioso!
Pero claro, é que aquí os mozos páganas todas: a metade dos menores de 25 anos está en paro, e entre os que atopan traballo a maioría está con contratos temporais e en precario, con salarios que nin sequera lles permiten emanciparse e vivir pola súa conta. Talvez este dato lles aclare algo: entre o 1985 e o 2000, en España, o gasto en políticas para a terceira idade foi 34 veces superior ó dedicado ás da infancia e xuventude, cousa que non pasou en ningún outro país da OCDE, onde ese factor só pasou de 10 no noso caso... Con este panorama, pode sorprenderse alguén da fuxida da mocidade? Unha fuxida, por certo, da que nunca coñeceremos a magnitude exacta: un, porque a maioría vaise sen deixar recado; e dous, porque as instancias oficiais non teñen ningún interese en que se coñeza ese dato, ó fin e ó cabo a fuxida contribúe a diminuír o paro. Por se lles vale de indicativo: en 2011 constituíronse en España 254.000 novos fogares, en 2014 apenas 76.000.
Si. Hai que repetir e repetir... Lembran aquel vello apunte tomado da novela Diario de la guerra del cerdo (1969) de Bioy Casares?: «La juventud es presa de desesperación. En un futuro próximo, si el régimen democrático se mantiene, el hombre viejo es el amo. Por simple matemática, entiéndanme. Mayoría de votos… La muerte hoy no llega a los cincuenta sino a los ochenta años, y mañana vendrá a los cien…conciban el número de viejos que de este modo se acumulan y el peso muerto de su opinión en el manejo de la cosa pública… Se acabó la dictadura del proletariado, para dar paso a la dictadura de los viejos.». Resultaron ser palabras proféticas, e deberían terse en conta... Maltratar ós mozos é destruír o futuro. É coma tirar flores frescas ó cubo do lixo.

Artigo publicado no diario La Región o domingo 5 de febreiro do 2017

martes, 12 de abril de 2016

Estado Clientelar


Hai libros que resultan fundamentais para entender a situación do país. “España Estancada. Por qué somos poco eficientes”, de Carlos Sebastián, é un deles. Debería ser lectura obrigada para calquera cargo público, pero xa se sabe da pouca afección dos nosos políticos á lectura.

A tese que defende o autor, catedrático de teoría económica con experiencia na xestión pública e na privada, consiste en que o marco no que se desenvolve a actividade económica en España limita de xeito importante a eficiencia e o emprendemento, o que constitúe a causa principal do estancamento da productividade e da falta de converxencia cos países máis avanzados. Ese marco defectuoso sería consecuencia do progresivo deterioro institucional acaecido desde principios dos noventa, que podería sintetizarse en tres factores: ocupación das institucións por parte dos partidos maioritarios, tinte marcadamente clientelar da acción política e profunda devaluación lexislativa. Todo iso estaría relacionado coa forma de exercer o poder, caracterizada polo principio tácito de que os que obteñen a maioría suficiente de votos están lexitimados para levar a cabo calquera acción sen apenas restriccións. Así se manifesta nos máis diversos ámbitos: frecuente violación da división de poderes, eliminación de mecanismos compensatorios do poder, colonización da Administración Pública polos partidos, connivencia dos gobernos con empresas de múltiples sectores (enerxético, financieiro, construcción, …), etc. Deste xeito, o máis grave do caso español non serían os “malos gobernos” –practicantes de políticas erradas que fracasan nos seus obxectivos- senón o “desgoberno do público”, con políticas que, lonxe dos confesados obxectivos do interese xeral, o que perseguen son beneficios privados, centrados na conservación do poder por parte de certas elites e no trato de favor a grupos determinados de cidadáns e de empresas. É o que se chama o Estado Clientelar, fonte de gran parte da corrupción e freo principal para o establecemento dunha sociedade meritocrática e competitiva.

No libro de Sebastián analízase o caso de España, dentro dun marco bastante semellante ó establecido por F. Fukuyama nos dous volumes da súa última e monumental obra sobre a orixe das institucións políticas e as causas da súa decadencia: “The Origins of Political Order” (2011) e “Political Order and Political Decay” (2014) -os dous volumes acaban de publicarse en castelán-. Fukuyama cre que na orixe de todo orden político ben estruturado está a derrota da tendencia natural nos grupos humanos á preferencia pola familia e polos amigos, e a consecuente separación dos servidores públicos dos seus clans e das súas estirpes para evitar a patrimonialización do poder; e que só un Estado forte, capaz de promover un goberno impersoal e unha administración independente, pode defenderse da presión das elites en favor das súas redes clientelares, evitando así a decadencia política. O estudo de Sebastián demostra, con profusión de datos, ata que punto estamos lonxe de conseguir eses obxectivos en España. Aínda máis, considerando a enorme capacidade de bloqueo que acumulan os beneficiados polo sistema, e un panorama político dominado por unha dereita maiormente antiliberal e por unha esquerda tendente ó adanismo, nin sequera confía en que sexamos capaces de saír algunha vez do círculo vizoso no que nos atopamos…

En fin, se queren coñecer un diagnóstico claro sobre as causas do noso estancamento e de como volvemos caer na “selección inversa” que xa denunciaba Ortega, lean este libro. Pero abstéñanse os depresivos.


Artigo publicado no diario La Región o domingo 10 de abril do 2016.

martes, 2 de febrero de 2016

Desigualdade



O 24 de xaneiro do 2014 publicaba nesta columna un artigo titulado “85 ricos”. O título facía referencia a un informe de Oxfam sobre a desigualdade no que se subliñaba que 85 ricos acumulaban tanta riqueza coma a metade máis pobre da poboación mundial, é dicir, coma 3.600 millóns de persoas. Pois asómbrense máis: no informe deste ano constátase que agora xa é suficiente cos 62 máis ricos para obter o mesmo resultado. É dicir, a desigualdade, lonxe de diminuír, segue medrando; ata tal punto que, de seguir así, a civilización do Gran Irmán xa está á volta da esquina…
      A algúns pareceranlle aburridos e repetitivos estes informes que, ano tras ano, Oxfam publica e os medios de comunicación divulgan. Pois direilles que para min resultan esenciais e oportunísimos: un, porque, segundo ten sinalado o Papa Francisco, “a desigualdade está na raíz de tódolos males sociais”; dous, porque resulta de todo punto inadmisible que nunha sociedade rica coma a nosa, cada día se deiten con fame máis de 800 millóns de persoas; e tres, porque, como deixou escrito Proust, “hai que repetir, por ser poucos os que queren escoitar”.
      O informe Oxfam deste ano titúlase “Unha economía ó servizo do 1%”, porque quere denunciar como o sistema económico mundial está manipulado en favor do 1% máis rico, que xa posúe máis riqueza có 99% restante, cousa nunca vista. E a manipulación consiste, básicamente, en centrar a carga tributaria no traballo e no consumo, mentres se alixeira impúdicamente sobre a riqueza e o capital, e en permitir a evasión a través dos paraísos fiscais.
      Para España o informe non pode ser máis demoledor, ó presentala como campiona en desigualdade: por ser o segundo país da OCDE onde máis medrou a desigualdade desde que comezou a crise; por pasar no mesmo período dunha situación intermedia a estar entre os cinco primeiros países máis desiguais, xunto a Portugal, Italia, Grecia e EE UU; e por ter a máis de 13 millóns de persoas en risco de pobreza ou exclusión social, 2,3 millóns máis ca no 2008. Detrás disto están, entre outras realidades: que 9 de cada 10 euros recadados saen dos petos dos traballadores e só 1 dos rendementos do capital; que 17 das 35 empresas do IBEX35 non pagan nada por imposto de sociedades en España, ou que a “inversión” española en paraísos fiscais aumentou un 2000% no 2014, mentres cara a UE, por exemplo, caía un 15%: só para as Illas Caimán fóronse ese ano 1969 millón de euros, 64 veces máis cós que foron a Alemaña…
      Hai inocentes que pensan, e malintencionados que defenden, que esta esaxerada desigualdade é un efecto da crise, que sempre golpea máis ós débiles, pero que unha vez se recupere o crecemento o estado social volverá a ser o que era. É a mensaxe que se envía desde o poder; pero a historia ensina outras cousas. Lean a T. Judt, a T. Piketty, a P. Krugman, a J. Fontana…Daranse conta entón que a “gran diverxencia” da desigualdade leva corenta anos configurándose, que as épocas de crise son aproveitadas para apertarlle as porcas á parte débil, e que as conquistas sociais nunca foron concesións humanitarias dos ricos nin viñeron da man do crecemento económico, tan só da loita social e política dos traballadores organizados. 
      Agora están a suceder cousas no país que nos preocupan. Xa vai alá máis dun mes das eleccións e o panorama político en vez de aclararse semella cada vez máis confuso. E talvez este cronista semanal debería atender a eses acontecementos… Aínda que, pensándoo ben, se cadra xa está atendendo: reflexionen senón sobre as palabras que citaba do Papa Francisco.

Artigo publicado no diario La Región o domingo 31 de xaneiro do 2016



sábado, 7 de noviembre de 2015

Principio de Le Chatelier



Ás veces tenme preguntado algún alumno para que estudar física e química se, dada a súa vocación diferente, non lle vai valer para nada. Eu nunca me atrevín a facer o que contan que fixera Sócrates cun discípulo que lle propuxera unha pregunta semellante: déralle unhas moedas para que non dixese que non lle valera de nada escoitalo, e logo convidárao a que non aparecese máis pola clase. Ademais, ese comportamento socrático hoxe sería ilegal, por cuestión da educación obrigatoria, aínda que o mesmo Rousseau avisara da imposibilidade de ensinarlle algo a quen non quere aprender.

O Principio de Le Chatelier é un importante principio que leva o nome do químico francés que o estableceu a comezos do século XX. Refírese a cando un sistema químico ve alteradas as súas condicións de equilibrio e vese obrigado a abandonalo: nese caso, di o principio, o propio sistema reacciona opoñéndose á perturbación, ata que se alcanza un novo equilibrio. E veume á cabeza este principio agora que remata esta lexislatura e o goberno insiste en facer unha análise triunfalista da súa xestión da crise. Porque á economía tamén cabe aplicarlle o  Principio de Le Chatelier: unha crise non é máis ca unha perturbación que empuxa ó sistema económico fóra do equilibrio no que se atopaba. Pero, desde o momento en que a perturbación se produce, tanto na química coma na economía, incluso diante da inacción dos axentes externos, o sistema reacciona e busca un novo equilibrio. Por iso as crises, por definición, son temporais. Agora ben, hai un matiz importante que fai que moitos alumnos non entendan convenientemente o Principio de Le Chatelier, que é o mesmo matiz que leva ó erro a bastantes cidadáns á hora de interpretar a saída das crises económicas; consiste en que o equilibrio que se alcanza despois da crise xa non é o mesmo có que existía. Porque o equilibrio post-perturbación, ou post-crise, é un equilibrio novo, que se adecúa ás novas condicións establecidas. Polo tanto, nunca se debería falar de recuperación á saída dunha crise económica. Ó contrario, o obxectivo debería ser analizar en que medida o novo equilibrio se diferenza do que existía antes. Non obstante, como dicía, tódolos gobernos nestas circunstancias, e o do PP non ía ser menos, adoitan botar man de tres ou catro indicadores económicos favorables -escollidos entre o PIB, a taxa de paro, a renda per cápita, a débeda, o déficit, a prima de risco, etc.-, para tratar de convencernos de que a crise xa pasou, e que estamos a piques de recuperar o estado previo á crise. Mentres, a obriga dos analistas sería descubrir a magnitude de tal mentira. Pero non é fácil.

Fixémonos no paro. Este ano electoral o goberno leva facendo o posible e ata o imposible para que a taxa de paro e o número de parados sexa menor có que había cando gañaron as eleccións do 2011. E hai que dicir que o está conseguindo, pois con datos da EPA, comparando o 3ºT do 2011 co 3ºT do 2015, a taxa de paro baixa nunha décima e o número de desempregados en 147.000 persoas. Non obstante, profundando nos mesmos datos descubrimos que hai catro anos había 436.000 ocupados máis cá agora, un número que case coincide co descenso de poboación activa neste período. E iso, xunto coa precariedade laboral e coa espectacular baixada das retribucións, foi o que fixo que os ingresos dos españois por salarios no ano 2014 fosen 40.000 millóns de euros (!!!) menos ca no 2011: todo un éxito.

E, que pasou con esas catrocentas e pico mil persoas que desapareceron das estatísticas do emprego, e das que máis de cen mil  eran mozos galegos? Pregunten nas fronteiras, apliquen o Principio de Le Chatelier e valoren a acción do goberno.


Artigo publicado no diario La Región o sábado 7 de novembro do 2015

viernes, 15 de noviembre de 2013

A idea


Dicía Víctor Hugo que as ideas moven o mundo. Pero esquecéuselle apuntar que unhas móveno cara adiante e outras cara atrás. Cando Fraga chegou a Galicia a estrutura agraria tradicional do país xa estaba agonizante, a industria non tiña o mesmo pulo dos anos setenta e oitenta, e a emigración batíase en franca retirada. Entón ocorréuselle recuperar a idea turística, unha idea que manexara con éxito notable, como ministro, na España dos sesenta. A idea consistía en que Galicia tiña no seu patrimonio cultural un tesouro inexplorado que, unha vez recuperado, restaurado e publicitado, sería o asombro do mundo: aquí caerían turistas e cartos coma cando caera o maná do ceo. Como mostra do que se podía facer utilizou o Xacobeo de 1993, e foi tal o éxito daquel evento que ata os incrédulos quedamos engaiolados coa idea de don Manuel. Todo consistiría, xa que logo, en utilizar as moreas de diñeiro que chegaban de Europa en construír infraestruturas, modernizar vilas e cidades, restaurar pazos arruinados, mellorar balnearios, arranxar igrexas, recuperar o esplendor dos mosteiros e das catedrais, promover estudos sobre a singularidade da nosa cultura; en fin, todo o que facilitara a chegada de turistas e do maná estaría ben feito. Ó final ía resultar que non era tan difícil saír do secular atraso de Galicia, bastaba aviala un pouco –“poñela en valor”- e sabela vender. E por fin poderíamos os galegos presumir da Terra e das súas riquezas. 
Ben visto, pareciamos nenos xogando ás tendas: cando poñen sobre un mostrador catro trapalladas que atopan nun baúl vello e soñan con poñerse ricos á conta dunha chea de compradores que soamente existen no seu maxín. Agora, un día si e outro tamén, asistimos ó tráxico derrubo daquela fantasía con cume no faraónico proxecto da Cidade  da Cultura: casas de turismo rural, pousadas e hoteis, nos que se gastaron cantidades inxentes de diñeiro público, pechados; as igrexas, mosteiros e catedrais locen tellados novos, pero poucos turistas se deixan ver, e menos gastan un peso; a aposta polo turismo termal, que non polo termalismo, tamén pasa por grandes dificultades, como soubemos hai un par de semanas; e encima, as grandes infraestruturas serviron máis para dar saída a turistas autóctonos en busca de sol e diversión, ca para que entrasen forasteiros con gusto pola cultura e pola choiva…. E mentres o pobo sofre, en forma de débedas, xuros e paro, os excesos desa época fantasiosa, que aínda non cesou, os beneficiados -constructores, xestores turísticos e culturais, concesionarios de subvencións e contratos, hostaleiros, etc.- gozan dos grandiosos patrimonios que amasaron á conta do peto de todos.
O Xeneral da Rovere é un magnífico relato de Indro Montanelli que foi levado ó cine, de forma maxistral, por Roberto Rossellini. O digno protagonista do relato tiña un lema: “cando te atopes nunha encrucillada e dubides sobre o camiño a seguir, escolle sempre o máis difícil”. A moita da nosa xente, formada nas duras universidades dos eidos e das fábricas, non lle facía falla ler o relato de Montanelli nin ver a película de Rossellini para saber iso: que para os dignos, non hai froito sen traballo. Pero faltoulles confianza nesa idea propia e creron máis na de don Manuel. Logo, como se trataba de presumir, a crenza no turismo como piar do desenvolvemento pasou a ser un dogma unanimemente aceptado pola clase política galega. Galicia, mentres tanto, íase convertendo nun ermo improductivo. E é que, parafraseando a Shakespeare, a forza dunha idea pode ser terrible!

Artigo publicado no diario "La Región" o 15 de novembro do 2013.

martes, 29 de octubre de 2013

La huída


Todo el mundo habla de los emprendedores, hasta el BOE. La palabra es antigua, se documenta en castellano en el siglo XV; sin embargo, su uso como identificador de un colectivo de personas que tienen en común la intención de formar una empresa innovadora aparece en los años noventa. Desde entonces el gobierno pide emprendedores, y los padres, que antes soñaban con un hijo funcionario, sueñan ahora con uno emprendedor. Se diría que esto es algo novedoso, pero no: es la versión actualizada del más genuino American Dream y su inseparable Mr. Selfmade Man. No está clara la diferencia entre empresario y emprendedor –tienen la misma raíz etimológica, y empresa es, en primer lugar, ‘acción o tarea que entraña dificultad’, mientras emprendedor es el “que emprende con resolución acciones dificultosas o azarosas’; de hecho, el francés e inglés entrepreneur, con el mismo étimo, significa las dos cosas-, pero es igual. Con la mundialización de las políticas neoliberales y, sobre todo, desde el estallido de la crisis, el apoyo a los emprendedores se ha convertido en un slogan político muy eficaz. Al fin y al cabo, es más fácil predicar los beneficios que producen los emprendedores que crear puestos de trabajo, y encima sale mucho más barato.
Estamos dentro de una gran crisis, pero vivimos en la sociedad del éxito. Un mensaje se repitió hasta la saciedad: si te esfuerzas, podrás conseguir lo que te propongas. El mensaje, una de las causas principales del aumento de las ventas de libros de autoestima y del negocio de los fabricantes de antidepresivos, siempre fue falso: el porcentaje de los que logran lo que se proponen nunca supera en mucho al de acertantes de la lotería. Sin embargo, hasta hace poco, los que no conseguían lo que se proponían, con algo de paciencia y alguna pastillita, se conformaban con los trabajos que iban encontrando y con  unas remuneraciones que, en general, resultaban proporcionales a su formación. Pero llegó la crisis y esa lógica se rompió. Las empresas fueron cerrando, el tejido industrial se desmoronó y cientos de miles de puestos de trabajo desaparecieron. Ahora, la formación recibida apenas vale nada, cuando no molesta, y millones de jóvenes, sumamente estafados, deambulan sin presente ni futuro por el viejo y polvoriento suelo patrio. Ante tal situación, los últimos gobiernos de España, que bastante tenían con tratar de asalariar, o sobreasalariar, según los casos, a la numerosa parentela de sus partidos, y con tapar toda la corrupción asociada, se sacaron de la manga el último as que les quedaba: ¡Hazte emprendedor! Viene a significar: ¡búscate la vida!, pero la gente ha demostrado estar dispuesta a creer muchas tonterías a lo largo de la historia. Hoy, el negocio montado alrededor de los emprendedores (academias, conferencias, cursos presenciales y online, revistas, subvenciones, desgravaciones, etc.) es uno de los más florecientes del país. En realidad, emprendedores, emprendedores, hay los mismos que antes, o menos… Muchos han comprendido que lo que verdaderamente tenían que “emprender” era la huída.

Artículo publicado en el diario "La Región" el 29 de octubre del 2013. Pincha aquí.