Mostrando entradas con la etiqueta Toponimia. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Toponimia. Mostrar todas las entradas

jueves, 15 de febrero de 2018

Nomes xermánicos


O outro día daba este periódico unha noticia excepcional: os veciños de Vilavidal, no concello de Ramirás, celebraban os cen anos do nacemento do lugar. E digo excepcional porque coñecer con exactitude cando se formou un lugar non é habitual. Pero neste caso consérvase documentación da primeira casa construída pola familia que lle dá nome ó lugar.
Convén saber que en Galicia a maioría dos núcleos habitados formáronse na Idade Media, hai arredor de mil anos, en consecuencia raramente se documenta o seu nacemento. O que si sabemos, grazas ás coleccións diplomáticas de mosteiros e catedrais, é cando comezaron a documentarse. E un dos xeitos tradicionais de nomear os núcleos sempre foi a utilización  do nome, persoal ou familiar, do primeiro posesor, é dicir do que fixo a primeira casa. É o que en toponimia se chaman “antrotopónimos”, topónimos que reflicten o nome dun antigo dono. Vilavidal, en concreto, podía ser sen problema un topónimo medieval, o mesmo que o son  Vilamarín, Vilamartín ou Vilamoure, porque Vitalis (>Vidal), foi un nome latino bastante común na Idade Media, de aí a frecuencia do apelido. Nalgúns destes topónimos “vila” ou “casa” preceden ó nome do posesor, coma no caso de Vilavidal, pero na maioría o nome aparece só. E aquí enlazo co remate do meu artigo do domingo pasado, cando dicía que entre os galegos da Alta Idade Media puxéranse de moda os nomes dos invasores xermánicos; porque pretendo indicarlles como identificar bastantes na toponimia.
Comezarei sinalando que os nomes dos suevos eran idénticos ós dos godos e ós dos demais invasores bárbaros; por iso falo de nomes xermánicos. Tratábase en xeral de nomes compostos, bitemáticos, sendo xustamente a repetición dalgún deses temas o que os fai recoñecibles en moitos casos, pois a cada tema final correspóndelle unha terminación característica do topónimo.
Así, do tema –ricus, de rik ‘poderoso’, veñen os topónimos rematados en –iz, coma Allariz, Trasariz ou Gomariz, de posesores de nome Aliaricus, Trasaricus e Gomaricus respectivamente. Do tema –mirus, de mer ‘famoso’, veñen os rematados en –mir, -mil, coma Ansemil, Castromil ou Baldemir, de Ansemirus, Vistremirus e Baldemirus. Do tema –ulfus, de wulf ‘lobo’, os rematados en -ufe, –ulfe, coma Froufe, Arnufe ou Borulfe, de Fradulfus, Arnulfus e Berulfus.  Do tema –sindus, de swinth ‘fortaleza’, os rematados en –sende, coma Lebosende, Cristosende ou Ardesende, de Leovesindus,  Vistrasindus e Ardesindus. Do tema mundus, de mund ‘protección’, os rematados en –monde, coma Salamonde, Razamonde ou Baamonde, de Salamundus, Recemundus e Badamundus. Do tema –arius, de hari ‘exército’, os rematados en –ar, coma Baltar, Belesar ou Baldomar, de Baltarius, Belisarius e Baldemarus. Mención aparte merece un numeroso grupo de antrotopónimos rematados en –as, dun xenitivo en –anis, coma Godás, Sandiás ou Requiás, de Gudila, Sandila e Requila, este último, por certo, nome do segundo rei suevo de Galicia.
Cando usaron estes nomes os galegos? Desde o século V ata o XII, aproximadamente, e chegaron a ser predominantes. Logo foron cedendo polo empuxe dos nomes dos santos da Igrexa, conforme se ía estendendo a organización parroquial de Galicia. Pero quedou a pegada toponímica.

Artigo publicado no diario La Región o domingo 4 de febreiro do 2018.

miércoles, 31 de mayo de 2017

Vilanova dos Infantes


A raíz do artigo que escribín sobre o Leboreiro, preguntábame un amigo lector polo nome de Vilanova dos Infantes. Contábame que un coñecido seu, natural das terras de Celanova, dixéralle que o nome verdadeiro era Vilanova das Infantas e quería saber a miña opinión ó respecto. E foi o caso que a celebración da Romaría Raigame nesa fermosísima vila fíxome lembrar a cuestión, e pensar que podía  telo suficiente interese para dedicarlle esta columna.
Non serán moitos os que saiban deste dilema toponímico, pero coido que entre as xentes da comarca de Celanova son maioría os que leron ou escoitaron que o nome propio da vila é Vilanova das Infantas, e non o oficial Vilanova dos Infantes. Non obstante, talvez sexan menos os que se pararon a pensar como foi posible un cambio de tal magnitude. Porque, alguén imaxina que Vilar de Rei pasase a ser Vilar da Raíña ou que Arcos da Condesa rematase sendo Arcos do Conde? Non parece fácil.
Como é sabido, San Rosendo, fundador do Mosteiro de Celanova, era fillo dun matrimonio da alta nobreza galaica, o formado polo condes don Gutier e dona Ilduara, que tiñan o pazo familiar en “Vilanova”, sen complemento de ningún tipo: así consta na escritura de doazón que, no ano 927, lle fai o rei de Galicia, Sancho Ordóñez, da veciña vila de Vilar, que sería onde Rosendo fundaría poucos anos despois o celebre Mosteiro. Polo tanto, Vilanova é o nome orixinal da vila, e así aparece de forma repetida na documentación medieval.  Pero, desde principios do século XV, o nome comeza a figurar cun complemento que, curiosamente, non sempre é o mesmo, pois atopamos: “das Infantas”, “das Infantes” e “dos Infantes”, cun claro predominio dos dous primeiros. Esta rara confusión tería a súa orixe, ó meu parecer, nunha cuestión puramente gramatical.
Vexamos. O latín “infans, infantis” era común para o masculino e o feminino, e así pasou ó galego e ó castelán, linguas nas que “infante” valía  para os dous xéneros, sendo “a infante” o feminino e “o infante” o masculino. O mesmo pasa, por exemplo, con “conserxe”. Pero  moitas destas palabras acabaron contando con voz propia para o feminino, algunhas desde hai moitos séculos, coma “infanta”, e outras tan recentemente coma “xuíza”, que se incorporou hai menos de trinta anos. Para o  que nos ocupa, resulta moi instrutivo o que escribía Nebrija na súa Gramática de 1492, cando se refería ós distintos  xéneros: «Común de dos es aquel con que se ayuntan estos dos artículos “el”, “la”, como “el infante”, “la infante” [...].». É dicir, a finais do século XV Nebrija aínda non recoñecía a forma feminina “infanta” para o castelán, a pesar de que xa se  viña documentando desde bastante antes no caso concreto de fillas de Rei, pero debía consideralo unha incorrección. E o mesmo pasaría no galego; de feito, as “Infantas” do complemento de Vilanova están entre os primeiros rexistros da forma feminina en galego. En resumo, a maioría dos autores que escribiron sobre isto afirman que o nome xenuíno da vila é “Vilanova das Infantas”, pero eu matizaría e diría “Vilanova das Infantes”. Pero sen quitarlle lexitimidade a “Vilanova dos Infantes”, un nome que resultaría da posterior evolución por apreciación popular dunha aparente falta de concordancia entre o artigo e o nome. Mentres, polo xa dito, dubido que algunha vez estivera implantado na fala o nome de “Vilanova das Infantas”. 
Agora preguntaranse algúns pola identidade desas Infantes. A historia certifica un mosteiro feminino na propia Vilanova, fundado pola Condesa Ilduara. E a tradición conta que no tal mosteiro estiveron dúas fillas de Afonso X “O Sabio”, que serían as “Infantes” do nome...  Pero eu aí xa non me meto.

Artigo publicado no diario La Región o domingo 21 de maio do 2017.

domingo, 16 de abril de 2017

O Leboreiro


O domingo 26 de marzo viaxaba do Carballiño a Celanova, pero non por Ourense, senón por Ribadavia e por Cortegada. Antes podía levar medio día este traxecto, pero agora a estrada  é estupenda e en menos dunha hora ponse un en Celanova. E as paisaxes son excepcionais.
Despois de Cortegada, subindo para Ramirás, divísase á dereita todo o val do Deva, coa súa miríade de graciosas aldeíñas  repartidas entre os verdes claros das hortas e os máis escuros dos tupidos piñeirais, sendo coma quen ve un grandioso nacemento. E ó fondo, ordenando e presidindo estas paisaxes, está o impoñente macizo do Leboreiro, que ese día aparecía completamente nevado, co que a beleza da postal resultaba inenarrable.  Para gozar desta regalía parei no Viso, do concello de Gomesende, que resulta ser un perfecto merecedor do topónimo, xa que significa xusto o que é o lugar: un ‘emprazamento elevado con amplas panorámicas’. 
As magníficas e inesquecibles vistas do Leboreiro nevado trouxéronme á cabeza unhas vellas notas que tomara sobre o seu nome. Porque me sorprendera hai anos como se ía impondo a forma “Laboreiro”, fronte a “Leboreiro”, a que sempre lle lera a Otero Pedrayo e a Xoaquín Lorenzo, bos coñecedores destas terras. Agora, a  forma espuria úsase de xeito case unánime; pero non cabe sorprenderse, as malas herbas sempre inzaron mellor cás boas.
A confusión parte do nome que lle acabaron dando os portugueses ó importante castelo de “Castro Laboreiro”, que señorea o “planalto” destes montes, que tanto saben de historia. Pero no caso da cartografía, de onde se toman os nomes a miúdo, foi a decisión de Fontán de chamarlle “Sierra de Laboreiro” no seu famoso mapa a que transmitiu o erro á maior parte da cartografía posterior, mapas da Xunta incluídos. Non obstante, a etimoloxía de “Leboreiro” (do lat. “lepus” ‘lebre’) xa estaba clara para o Padre Sarmiento, aínda que Frei Joaquim de Viterbo, no XVIII, propuxese unha derivación de “lapa” ‘laxa’, ou o Padre Antonio Carvalho, no XIX, de “labor” ‘traballo’, explicacións alternativas que trataban de xustificar a forma portuguesa; pero todas foron desautorizadas por Leite de Vasconcelos, o máis grande filólogo que tivo Portugal,  cando comprobou que o nome do Castro Laboreiro nos documentos antigos era sempre “Crasto Leboreyro” ou “Crasto Liboreiro”, pero nunca “Laboreiro”.
Poden preguntarse algúns se habería no pasado nestes montes a cantidade de lebres necesaria para xustificar tal nome.  Pero teño que dicirlles que non é preciso que as houbera, que basta con saber que foron terras ricas en caza e en pastos. Porque xa o gran polígrafo romano Varrón explicaba no seu Re Rustica que o latín “Leporarium” non significaba exclusivamente lugar poboado de lebres, senón tamén espazos onde había toda clase de animais pacendo, coma corzos, cervos e cabras montesas.
Remato contándolles o que me pasou cando andaba eu con estas cavilacións vocálicas, hai cerca de dez anos. Un domingo fun ata Ponte Barxas e subín pola estrada que vai en dirección a Bande. En Crespos, parei e púxenme a falar cunhas mulleres, co obxectivo de saber se pronunciaban Leboreiro ou Laboreiro. A miña sorpresa foi enorme cando comprobei que nin dicían unha cousa nin outra: dicían “Loboreiro”... Claro, pero esa pronuncia era unha confirmación do “Leboreiro” orixinal. Por semellante motivo “Levada” deu “Lovada” nalgúns casos, “semana” pronúnciase ás veces “somana” e “remedio”, “romedio”. Pero, a que ninguén escoitou nunca “Lavada”, “samana” ou “ramedio”? Verdade que soan  raro? Pois igual me soa a min “Laboreiro” sabendo que a orixe está en “Leboreiro”.

Artigo publicado no diario La Región o domingo 9 de abril do 2017

Fotografía: De Finlaure - Fotos Finalure, 
CC BY-SA 2.0, https://gl.wikipedia.org/w/index.php?curid=65837

sábado, 1 de abril de 2017

O Coto de Novelle


Permítanme que lles escriba hoxe dun coto: do Coto de Novelle. Antes quixera lembrarlles que “coto”, ‘prominencia pétrea, monte pequeno de forma cónica, parte máis alta e aguzada dun monte’,  é palabra de orixe prerromano que sobreviviu no latín galaico e no galego, pero nada ten que ver co castelán “coto”, ‘terreo acoutado’, que en galego é “couto”. Sinalar tamén, para os que non o coñezan, que o Coto de Novelle é un monte de 712 metros de altitude, coa característica cima aguzada da definición, situado xusto ó sur do embalse de Castrelo, coincidindo no seu cume a estrema dos concellos de Castrelo de Miño, Cartelle e Arnoia.
Por que escribir hoxe do Coto de Novelle? Pois, seguramente, porque a primavera é un dos tempos que máis convida a gozar das paisaxes. E o Coto de Novelle é un dos elementos paisaxísticos máis importantes e fermosos do Miño centroso ourensán, é dicir, dos ribeiros. Curiosamente, a literatura galega, tan chea de paisaxes, apenas se fixa nos montes con nome propio; talvez porque a tendencia á esfericidade da matriz granítica e gnéisica do noso chan fixo raras as cumes singulares, levando ós nosos escritores a fixarse máis nas serras ó describir horizontes. Tan só Otero Pedrayo, que eu saiba, situou o Coto de Novelle na súa narrativa. Pero claro, que outro mestre das paisaxes galegas tivemos aparte de don Ramón?
Ademais, don Ramón sentía debilidade polo Coto de Novelle, como a sentimos todos os que fomos aprendendo estas paisaxes dos ribeiros. El, que definía as harmónicas composicións destes vales como «o meirande avencellamento da historia coa natureza na nosa Terra»,  pensaba que era o Novelle, «fermoso e rexo», coa súa «xeitosa e grave figura», quen mandaba no conxunto, erixíndose en «expresión rematada de coto ordenador dun tempo de vales e encostas», e no verdadeiro «mestre na composición das paisaxes do Miño ribadaviense».
Outro namorado do Coto de Novelle foi Cuevillas, quen apuntaba: «Pásalle ó Coto de Novelle o que lle pasa ó Pico Sacro, un dos montes máis ilustres de Galicia, i é que se ve desde moi lonxe e desde moitas partes, pese ó modesto das alturas». Algo que calquera pode comprobar cando se achega a Ourense desde Vigo, Pontevedra ou Santiago, pois sempre lle será doado descubrir ó lonxe a figura xeitosa do Coto de Novelle. Aínda así, as mellores vistas do coto son: a que hai desde os fondais de Beade, a de Ventosela e as que se poden ver desde calquera das estradas que soben do val do Miño ás terras do antigo Chao de Castela, por exemplo, desde a que vai de Razamonde ó San Amaro por Eiras.
Impresionaba tanto o Coto do Novelle a Cuevillas que ata lle sorprendía que ningunha fonte literaria grega nin latina falase del nin de ningunha divindade asociada, porque na «figura dun coto tan forte, tan impoñente, ca súa cabeza ergueita e ennegrecida, cuberta ás veces por un veo de néboa, é gustoso matinar nun numen moi antigo e de moito poder». E houbéralle compracido a Cuevillas saber que a súa intuición acertaba; que detrás do nome do Novelle non está o latín “novus”, ‘novo’, como se adoita pensar, senón “Navia”, a deusa precéltica de orixe indoeuropeo vinculada ós ríos e ós vales, de cuxo culto no noroeste hispano e na Europa céltica dan testemuña as fontes epigráficas e toponímicas. Concretamente de Ourense son tres aras votivas dedicadas á deusa e diversos topónimos, coma o do río Navéa ou o da freguesía de Navío. Do Novelle, sabemos por documento de Celanova que o seu nome aínda era “Navia” a finais do século X, o que desvela a verdadeira etimoloxía do topónimo e proba o carácter sagrado do monte  para os antigos habitantes destes vales. Como intuíra Cuevillas.

Artigo publicado no diario La Región o domingo 26 de marzo do 2017

viernes, 15 de julio de 2016

Avión


Avión está de moda. Talvez sexa o concello da provincia de Ourense que máis aparece nos medios de comunicación forasteiros. Agora foi porque concentrou a maior porcentaxe de voto do PP en todo o Estado. Pero outras veces  teno sido por outros motivos: por ter unha das rendas “per capita” máis altas de Galicia; por ter o maior número de oficinas bancarias en relación ó de habitantes; polos vehículos de alta gama que ten matriculados; polas luxosas mansións que adornan cada unha das súas aldeas, e, sobre todo, polas visitas de veraneo que lle fixo un dos homes máis rico do mundo, o mexicano Carlos Slim. E todo isto ten unha explicación: a afortunada emigración a México de moitos dos seus naturais.
Non obstante, coido que hai outro elemento que suma en favor de Avión: o seu propio nome, dada a súa singularidade. A nós, acostumados a oílo, non nos chama a atención; pero a un forasteiro que unha vila se chame Avión debe de causarlle o mesmo asombro cá nós unha que se chamase Aeroplano. E sobre isto quero escribir.
Para comezar, convén saber que, a pesar do que lean, vexan ou escoiten, non existe ningunha poboación concreta que se chame Avión. Avión é o nome do concello, o mesmo que levaba a antiga xurisdicción de señorío dos condes de Ribadavia, que á súa vez o recibira da terra medieval que lle fora concedida por Enrique II a Pedro R. de Sarmiento, Adiantado Maior de Galicia e Señor de Ribadavia, no último cuarto do século XIV. O nomenclátor oficial de Galicia –que non é un exemplo de traballo ben feito- dálle o nome de Avión á parroquia dos Santos Xusto e Pastor, pero historicamente era a parroquia de San Xusto e Pastor de Avión, igual  cá de Abelenda era a de Abelenda de Avión; e dicir, a parroquia de San Xusto non é nin máis nin menos Avión ca calquera outra do concello. No Catastro de Ensenada (1753) lemos que San Xusto constaba de «cuatro lugares: Veresmo, Zendones, Cernadas y San Vicente, y la Iglesia Parroquial está en la parte de arriba del de Cendones». Ó que agora ás veces se lle chama Avión non é máis có Igrexario, o lugar que se formou no século XIX arredor da igrexa parroquial de San Xusto, e que medrou máis cando a capitalidade do concello se estableceu neste lugar, despois de estar en Amiudal e na Abelenda.
Na realidade o nome de Avión é un hidrónimo, o nome dun río; aínda que neste caso se trate máis ben dun regato, porque Avión é un diminutivo de Avia. Agora pode sorprendernos que o sufixo -on teña carácter diminutivo, e non aumentativo; pero hai que entender que Avia e Avión son nomes prelatinos, reliquias das falas que había antes da chegada dos romanos, con desinencias que teñen pouco o nada que ver coas derivadas do latín que agora usamos. A mesma flexión -a/-on aparece noutros hidrónimos ibéricos: Bara/Barón, Sala/Salón, Urbia/Urbión, etc. Non lonxe de aquí atopamos un exemplo que aclara ben o significado destes binomios toponímicos. Trátase de Deza/Dezón, nome o último que evolucionou a Dozón, e que agora lle corresponde ó concello da provincia de Pontevedra que atravesamos os ourensáns cando imos a Lalín ou a Santiago. Dozón dálle nome ó curso alto do Deza, e por extensión ás terras que baña. Pois o mesmo lle sucede a Avión en relación co Avia.  
Polo tanto entre o Avión ‘topónimo’ e o avión ‘aeroplano’ simplemente hai unha relación de homografía. Como non podía ser doutro xeito, porque o último nome ten pouco máis de cen anos de vida e o topónimo pasa dos dous mil… Por certo, sabían que ós cirrios xa lle chamaban avións antes de inventarse os avións?... Que, para que vale saber esas cousas? Pregúntenllo a B. Russell, que escribiu sobre a importancia do coñecemento inútil.

Artigo publicado no diario La Región o domingo 10 de xullo do 2016

miércoles, 22 de junio de 2016

Ó fío da Dauphiné


O domingo pasado remataba o critérium ciclista da Dauphiné, que este ano gañou o británico Froome. É unha proba de gran prestixio, na que os grandes campións adoitan medir forzas antes do Tour. Das dez victorias españolas, tres son de Ocaña, dúas de Indurain e dúas de Valverde, pero resísteselle a Contador.  A min, como afeccionado ó ciclismo televisado –xa teño escrito sobre iso-, gústame moito esta proba, tanto pola categoría dos corredores que participan coma polas espléndidas paisaxes por onde transcorre, situadas entre o Ródano e os Alpes.
Outra afección miña, como saben algúns, son as etimoloxías: gústame explorar a alma das palabras, simplemente por coñecela, sen pretensións de especialista. Talvez teña certo parecido con aquel cura de Combray de “O tempo perdido” de Proust que publicara un libro sobre os nomes de lugar da súa rexión, con etimoloxías que eran moi criticadas por Brichot, un pedante profesor de lingüística da Sorbona… Iso explica que unha das cousas que primeiro me interesou desta carreira foi o seu nome: “Dauphiné Liberé”, que así se chamou ata o 2010. O nome, que é o do periódico que comezou a organizar a proba en 1947, lembra a liberación da ocupación nazi do Dauphiné, unha provincia do antigo reino de Francia.
Pero, que interese podo ter eu polo Dauphiné? Para entendelo, convén que saiban que cando comecei o instituto, no ano 66, poucos profesores posuían coche. A maioría chegaba ó centro andando, e só dous o facían en auto propio: don Julio, o director, e don Manolo, o de carpintería, que tiñan senllos e flamantes “Renault Dauphine”. Desa circunstancia, aparentemente intranscendente, vén o meu interese.
“Dauphin”, ou sexa, delfín, era o título que levaba o señor feudal do “Viennois”, un  territorio que abranguía as terras de Vienne, Albon e Grenoble, no surleste da actual Francia, alá pola segunda metade do século XIII. A denominación viña do nome dun antigo conde desas terras chamado “Delphinus”, nome persoal latino do que proceden Dauphin (masc.) é Dauphine (fem.), nomes franceses que teñen a súa correspondencia nos nosos Delfín e Delfina. A finais do século XIII, o citado territorio, por estar baixo o señorío do “dauphin”, comezou a cualificarse de “dauphiné”, é dicir, de delfinado, cun significado semellante ó de condado. Co tempo iríase esquecendo o de “Viennois” e só quedaría “Dauphiné” como nome propio do territorio -algo parecido sucedeu en Galicia co territorio do Condado, que xa poucos lembran que era o Condado de Salvaterra-. En 1349, o Dauphiné foi mercado e incorporado ó reino de Francia polo rei Felipe VI, da dinastía dos Valois, quen lle transferiu o título de Dauphin ó seu primoxénito. Desde entón, o príncipe herdeiro de Francia foi coñecido como Dauphin, e a súa muller como Dauphine. Iso explica por que existen tantas rúas Dauphin e Dauphine en Francia, e por que un delfín pode ser, ademais do intelixente cetáceo, o sucesor, designado ou probable, dunha persoa importante.
Polo demais, resulta sumamente curiosa a común etimoloxía de “delfín”(cetáceo piscívoro) e de “golfo” (gran entrante de mar na terra ou enseada). E a mellor proba desa coincidencia está na variante “golfiño” que temos en galego para “delfín”. Porque estas palabras, en última instancia, remítennos a un mesmo proto indoeuropeo *gwelbh- ‘seo, ventre, útero’, que estaría detrás das gregas  “delphís”  e “kólpos”, das que viñeron, latín entremedias, “delfín” e “golfo”... De xeito tardío incorporáronse outros “golfos” (os pillos e truáns) a esta decente familia... Pero hoxe non quero escribir de política. 


Artigo publicado no diario La Región o domingo 19 de xuño do 2016

sábado, 5 de septiembre de 2015

Odonimia hispánica


A odonimia, do grego odós ‘camiño’ e ónoma ‘nome’,  é a parte da toponimia que se ocupa dos nomes das rúas e das vías públicas en xeral. Parece cousa inocente pero non o é, e pode ter certo interese escribir algo sobre ela.
Este verán, xusto cando saía de Galicia en viaxe vacacional, falaban na radio das intencións da alcaldía de Madrid de cambiar os nomes con referencias franquistas de máis dun cento de rúas; logo, en diversas vilas e cidades do solar hispano, comprobei que non son poucos os odónimos que aínda conmemoran a Franco, a José Antonio, á División Azul, etc. Pero, na emisora galega que eu escoitaba, a polémica centrábase en Álvaro Cunqueiro, cuxo nome, xunto co doutros escritores non menos admirados por min, coma Josep Pla ou Julio Camba, aparecía na lista dos das rúas que se deberían rebautizar, e os tertulianos poñían o grito no ceo diante do que consideraban un grave despropósito. E concordo en que sería un despropósito rebautizar tales rúas con nomes doutros “ilustres”. Pero non consideraría tal borrar eses nomes –e moitos máis- do rueiro de Madrid e de outros rueiros; ó contrario, podería ser un grande acerto e ata unha sinal de consideración cos escritores. E talvez agora debería explicarme.
En 1923, Camille Julien, historiador e académico francés, pronunciaba unha conferencia no concello de París con este significativo título: “Ne touchez  pas aux noms des rues”, que eu traduciría por “Deixade en paz o nome das rúas”. C. Julien trataba de defender o respecto pola tradición á hora de nomear as rúas, tradición que consistía, en Francia e en tódolos sitios, en que as rúas tomaban o nome do seu aspecto, dos seus monumentos ou da súa historia, pero «xamais se comprendería antigamente que unha rúa ou unha praza levase o nome dalgún episodio actual ou dalgún personaxe da historia […] Porque a razón do nome sempre era local e topográfica». Pero esa tradición comezou a rachar en Francia no século XVII, primeiro para homenaxear á realeza e logo á nobreza e ó clero; de aí centos de rúas dedicadas ó rei,  ó dauphin, a  condes, duques, bispos, arcebispos… Coa revolución xa foi a hecatombe; a nomenclatura de reis, nobres, santos, bispos, ..., e tamén a tradicional, viuse substituída pola das grandes ideas e a dos grandes homes: Concorde, Revolutión, Esprit des Lois, Voltaire, Montesquieu, … E a cada cambio político, novo nomenclátor e novas controversias. E en España, que sempre tivo en Francia o primeiro referente, pasou exactamente o mesmo; nisto foron máis comedidos os ingleses, máis respectuosos coa tradición –utilizan placas conmemorativas, pero non tocan os nomes das rúas-, e os americanos, defensores en xeral das neutras nomenclaturas sistemáticas –caso de Manhattan-, aínda que as conmemorativas estean gañando peso.
Eu estou cos que consideran que no acto de nomear as rúas hai moito de apropiación do dominio público por parte do poder, e de vontade política para impoñer un determinado relato histórico e ideolóxico; por iso concordo con P. Bordieu, que observaba unha violencia intrínseca no monopolio do estado para lexitimar tales nomes. E vería ben calquera estratexia que tratase de ir reducindo os nomes conmemorativos dos nomenclátores urbanos, limitándoos ós que gardasen relación directa coa historia da rúa. Porque a odonimia conmemorativa é un instrumento de manipulación política moi potente; e o poder, por cada nome que merece unha lembranza, adoita meter un cento de matute… Por iso alguén chegou a escribir, talvez con razón, que se un quere descubrir algún dos máis grandes caciques da historia dun país, deberá comezar por estudar o nomenclátor das rúas das súas cidades.

Artigo publicado no diario La Región o venres 4 de setembro do 2015.

domingo, 1 de diciembre de 2013

O Padrón de San Clodio de 1580


Desde a páxina da Asociación Galega de Onomástica (AGON) pódese baixar o meu libro O Padrón de San Clodio de 1580. Estudo histórico e onomástico (2008), libro número tres da Biblioteca Galega de Onomástica.

sábado, 31 de agosto de 2013

Viana do Bolo vs. Viana


Artigo publicado no diario La Región  (29 agosto 2013, p. 16, sección La  Tribuna)

Estes días os periódicos de Ourense andan que botan lume, non só polos incendios, tamén polo nome de Viana do Bolo. E iso é así desde que a un concelleiro dese municipio se lle ocorreu presentar unha moción para tratar de eliminar do topónimo oficial o complemento “do Bolo”, ou cambialo por “do Bibei”, que lle parece máis lóxico porque a vila está á beira do Bibei, e Viana, segundo el, nada ten que ver co veciño concello do Bolo. Este tema das rivalidades entre veciños lidadas no campo toponímico é  un tema que me interesa: hai pouco escribía no meu blog (jeanfrujo.blogspot.com) sobre un caso semellante, Piñor de Cea, e hai algo máis, no Boletín Avriense, facíao sobre o intruso San Clodio de Leiro, intruso que parece felizmente desactivado (de momento).

Pero, vaiamos por partes. O primeiro que me sorprende é a presentación da noticia que se fai nos xornais. Ó lelos, calquera diría que o pleno do concello, ou mesmo os veciños, son os que teñen a potestade de cambiarlle o nome a unha vila ou a un concello. Pois teño que dicir que non, que a democracia non consiste niso, que estaríamos bos se as maiorías locais puidera cambiar todo o que lle viñese en gana, topónimos incluídos: sería a peor das tiranías! Non, por sorte (tamén de momento) a potestade para fixar a toponimia de Galicia correspóndelle única e exclusivamente á Xunta de Galicia (Decreto 132/1984). O concello pode tomala iniciativa de propoñer un cambio,  pero correspóndelle á Xunta a decisión definitiva, previo o preceptivo ditamen da Comisión de Toponimia. Sobra dicir que non vin en ningún xornal estas necesarias explicacións.

Sigamos entón. Leo que o concelleiro propoñente afirma que o complemento “do Bolo” non lle foi atribuído a Viana ata 1915, que outros entrevistados elevan a antigüidade da forma composta ata o século XIX, e que persoas de idade avanzada apuntan, con bo sentido, que Viana do Bolo é o nome que escoitaron toda a vida e que nunca lle oíron falar doutro ós seus maiores. Comezando polo grupo das persoas maiores, teño que dicir que a súa opinión resulta moi respectable, pero tamén que a vida dunha persoa adoita ser moi breve comparada coa antigüidade dos topónimos; mentres, o grupo dos que retrotraen a forma composta ata o século XIX concreta un pouco máis. Os dous grupos citados céntranse na antigüidade no uso do topónimo, e ese é un dos argumentos fundamentais nestas cuestións, pero non o único. Por último, ó concelleiro hai que dicirlle que manifesta un grave descoñecemento da realidade histórica do topónimo, xa que a forma Viana do Bolo, como vamos ver, é moito máis antiga do que  el pensa; e con respecto ó invento do, para el, “lóxico” complemento “do Bibei”, penso que non pode ser cualificado máis que como unha simple ocorrencia, propia de quen descoñece como se orixinan e consolidan os topónimos.

Centrémonos agora na antigüidade do topónimo. Son tantas as referencias que nos falan dela que resulta imposible citalas todas. Non só figura o nome de Viana del Bollo ( coa consabida deturpación castelanizante) como oficial do partido xudicial cando a súa creación, en 1834, como oficial do concello cando a súa constitución, en 1836, e como oficial da vila e da parroquia por esa mesma época; ademais, aparece o mesmo nome composto en fontes moito máis antigas. Para comezar, o interrogatorio do Catastro de Ensenada (1752), vén encabezado polo título: Villa de Viana del Vollo, e son numerosísimas as referencias que falan da Jurisdicción de Viana del Vollo, entre elas o Nomenclátor de Floridablanca, de 1789. Tamén na famosa Descripción Económica del Reino de Galicia de Lucas Labrada, do ano 1804. se fala do partido de Viana del Bollo. Pero, aínda podemos ir máis atrás, o Padre Felipe de la Gándara, no seu Armas y Triunfos: Hechos Heroicos  de los Hijos de Galicia, de 1662, escribe: «El estado de Viana está dentro de los límites de Galicia, la villa de donde se intitula es la de Viana del Bollo. Son suyas las villas de Allariz (mi Patria), Milmanda, Pereiro y otras jurisdicciones del obispado de Orense...». E pouco posterior é o Espejo cristalino de las aguas de España (1697), obra póstuma dun dos primeiros estudosos das augas medicinais en España, o médico Alfonso Limón Montero; nel cita unha fonte de augas milagrosas, e ó describir a súa situación fai este esclarecedor comentario: «está en Viana, que comunmente llaman del Vollo».  En consecuencia, xa no século XVII era común a forma Viana do Bolo nos distintos ámbitos: de vila, de parroquia, de xurisdición, de concello, de partido... E con catro séculos de convivencia pacífica co topónimo penso eu que sería hora de ilo deixando tranquilo.

Claro que, a algún interesado pola historia poderíalle gustar saber o por que do nome de Viana do Bolo, cando existiron as terras medievais separadas de Viana e do Bolo, e cando, por exemplo, na carta de Privilegios y franquezas concedida á vila por Enrique II de Trastámara, en 1381, se fala do Concejo de Viana. Precisaríase dun estudo minucioso para dar unha resposta fundamentada, que non ten por que ser sinxela; pero, de momento, a min váleme unha referencia do ano 1381, que figura na colección diplomática de San Vicenzo do Pombeiro, onde se fala do «conde... del Bollo et de Viana», referencia que indica dúas circunscricións administrativas diferentes, pero un mesmo administrador. Coido que desa administración conxunta en diferentes etapas históricas podería vir o de Viana do Bolo, nome creado, probablemente, fóra dos límites de Viana, para diferenciar a vila doutras homónimas, pero que acabou callando entre os seus propios habitantes. En todo caso, fose como fose a historia, en nada afectaría ó nome de Viana do Bolo, forma certificada, como dixen, por catro séculos de convivencia pacífica coa xente. Ó fin e ó cabo, á validación definitiva dun topónimo tampouco pode esixírselle a probatio diabolica.

Comentario do 31 de agosto do 2013

O mesmo día que saía publicado o artigo no diario La Región celebrábase o pleno para debatir este asunto en Viana do Bolo. A proposta de cambio, como era previsible, foi rexeitada: só contou co voto a favor do propoñente, o concelleiro do PSOE, señor Salgado. Do debate, o que máis chamou a miña atención foi que o Sr. Salgado insistise no de que ata 1915 non había constancia da presencia do complemento “do Bolo”. Vese que copia ben o malo de moitos políticos deste País: sostenella e non enmendalla.
Porque ser ignorante non é malo: todos ignoramos moitas cousas. O que é malo é ser bobo -carecer da intelixencia mínima para entender cousas sinxelas cando nos las explican-, circunstancia moi pouco frecente entre os racionais, ou terco –negar evidencias que resultan facilmente comprobables-, vicio este moi frecuente, tanto nos racionais coma nos irracionais. Se o Sr. Salgado, cando tomou a palabra, houbera dito: «estaba equivocado, o nome de Viana do Bolo é moito máis antigo do que eu pensaba!... Pero, aínda así defendo … bla, bla, bla, bla, bla, bla...», entón o Sr. Salgado houbera quedado coma un verdadeiro cabaleiro, que seguro que o é!  Pero claro, para iso tiña que haber sido, ademais, un sabio; porque, non o esquezamos, rectificar é de sabios!

Tamén é certo que, como tal sabio, tería moi pouco futuro na política!

viernes, 28 de mayo de 2010

Soirexe

No meu libro Nomes do Ribeiro facía alusión ó lugar de Soirexe, na freguesía de Serantes (Leiro). Apuntaba que ese era o nome correcto e non o Suigrexa que aparece no Nomenclator de Galicia. Teño falado con algún membro da Comisión de Toponimia do importante que sería rexistrar a súa verdadeira e singular forma, pero, coma no caso de Longoseiro, non teño constancia de que nada se leve feito nesa dirección. E a verdade é que nin confío nin me preocupa moito o que se faga, tal é o meu grao de escepticismo con respecto á maioría das institucións deste País.

Victor Campio Pereira

Moito máis importante foi para min descubrir o poema Casal de Soirexe, de Victor Campio. E gran fortuna, ademais, poder falar persoalmente co poeta deste e doutros poemas seus.


Casal de Soirexe
Décimas do neno e do río

I
Luz facareña. Pendello
irto do tempo. Tecida
parede de noite. Espida
carne de sombra no espello.
Casal de Soirexe! Ai, vello
casal! Ai, neno estantío!
Ai, sangue de calofrío,
luz do solpor, bico, mel,
amor! (Ai, dor!). Caramel
soando aínda no río!

II
Caramel: merlo. No río
nace a canción e vén maina
-morna, esvaída- á solaina
onde está o neno estantío.
Chega a voz. Chega o cantío
de lonxe. Ai, neno a luz cega!
De lonxe este río chega
polo areal: tempo, vida.
Ai, neno: carne ferida,
talo de espiga, na sega!

III
Escoita! Escoita a agonía
do solpor! O vento traina
do salgueiral á solaina
no canto da cotovía.
Escoita! Quen asubía
tan lonxe? Quen verque pranto
no areal? Neno, meu santo,
sombra de min, neno antigo!
Ti no meu soño! Eu contigo!
erguendo este chorocanto!

IV
Eu contigo! A noite espalla
sombras en nós: carne núa.
Olla esta flor miña e túa
que a man do tempo traballa.
O tempo! A noite anavalla
en nós a rosa! Segado
estou de ti, seiturado
pola man que sega o trigo!
Eu aquí sen ti, contigo,
e ti no tempo, afogado!

Ningunha autoridade teño eu para valorar poetas, pero estou seguro que Victor Campio será recoñecido, en breve, coma un dos grandes das nosas letras, e que como tal será estudado cando se separe a palla do grao. Falamos do soneto Se chego no solpor que abre a súa Poesía reunida, desas noventa e dúas palabras de ouro da nosa lírica que di Alonso Montero, e tamén doutro poema que a min me estremece, Viñemos ver a terra. Pregunteille entón polo casal de Soirexe, de seguido me confesou que se trataba da casa onde vivira de neno no lugar homónimo da freguesía de Garabás (Maside), freguesía na que a súa nai exercía de mestra. Trátase da aldeíña que aparece co nome de Sueirexa no Nomenclator, pero tampouco: o correcto, igual ca no caso de Serantes, é Soirexe, o nome que lembra o neno estantío, o neno antigo afogado no tempo: a testemuña que nunca minte.


O que queda da solaina do Casal de Soirexe
Levoume a señora Manuela de Soirexe, antiga alumna de doña Amparo, a nai de Victor Campio, ó Casal de Soirexe, a casa onde vivira o neno Victor cos seus pais e irmás, a mesma onde estaba a escola. Faloume Manuela da gran solaina que tiña, toda orientada ó sur, o lugar no que, de nenos, nos recreos, tomaban o sol ou regardábanse da choiva. Hoxe, na casa, dividida entre dous propietarios e moi modificada, soamente os piares e vigas de pedra que sostiñan a gran balconada permiten sospeitar a vella solaina. Daba xenio ver á señora Manuela, cos seus oitenta e dous anos, saltando os valados para buscar unha vista imposible do conxunto da casa.

Estivera unha soia vez no meu Soirexe, no de Serantes. Eu era un cativo. Fora co meu pai, en paz descanse, na vella camioneta Land Rover, buscar unha becerra para o Maxino, o carniceiro de Leiro. Pasaron case cincuenta anos desde aquela viaxe e foi o poema de Victor Campio quen me levou de novo a Soirexe. Recoñecín de seguido a imaxe nítida que permanecía imborrable na miña memoria cando, desde un claro do monte, no camiño que baixa da igrexa de Serantes, tiven a renovada visión do lugar. Un fermoso casar, illado, entre os piñeirais, no medio dun chao de viñas ben traballadas; un ribeiro alto que se abre ó horizonte do nacente, para divisar, ao lonxe, as ladeiras de Cabanelas e de Anllo. Andivo perdido o nome do lugar na miña desordenada memoria durante anos, pero non a imaxe daquela paisaxe idílica que, de novo, tiña diante dos meus ollos.


Soirexe (Serantes, Leiro)
Desde o claro do monte, pareceume que o tempo non pasara. Pero pasara! Cando entrei no pobo comprobei que xa non vivía ninguén en Soirexe. Catro ou cinco casas moi humildes a medio esborrallar, algunhas coas portas abertas e os enseres no seu sitio, coma se os que se marcharan non tivesen conciencia de que xa nunca retornarían, e unha central de moi boa fábrica na que aínda se sospeitaba o coidado dos donos ausentes, tal vez os mesmos que manteñen ben traballadas as viñas que rodean o casarío. Baixei do coche e estiven alí, non sei canto tempo... Cantaban os merlos e, ao lonxe, escoitábase o cuco. Diante de min, meu santo, xogaba o neno estantío: o neno antigo afogado no tempo!

lunes, 1 de febrero de 2010

Desván de los Monjes

Chégame a noticia de que o conselleiro de cultura, promocionando o Camiño de Santiago, en Madrid, falou dos fermosos pobos polos que pasaba a xacobea vía. Entre eles: Toro e Desván de los Monjes. Logo duns segundos de incredulidade, parece ser que os centos de asistentes ó acto decatáronse que se refería a Touro e a Sobrado dos Monxes. Un pouco máis tardaron en convencerse de que quen lles falaba non era a Doña Hermitas do programa Luar, senón don Roberto Varela, O desensimesmador.

Nun principio pensei que a noticia era unha simple broma que me quería gastar o amigo comunicante. Non obstante, o artigo de Iván Fuentes, alcalde de Fene, no xornal A Nosa Terra do 29 de xaneiro (http://www.anosaterra.org/nova/40818/desvan-de-los-monjes-.html), parece eliminar calquera dúbida ao respecto da veracidade do relato.

Vexo, pola maioría dos comentarios que suscitou o artigo, que hai acordo xeral en canto a que se trata dunha pifia do señor conselleiro. Algún incluso deixa caer que don Roberto Varela quería sacarlle o número 1 no Hit Parade das maiores chorradas escoitadas de boca dun conselleiro a outro Varela: a don Jesús Pérez Varela, aquel conselleiro de cultura que nunca esqueceremos por comprometerse a traer á mesmísima Carmina Burana para que cantase noutro xacobeo. Non obstante, nunca hai que subestimar a un home, e moito menos cando se trata dun home que pretende desensimesmar a cultura galega. A cousa pode ser máis profunda do que parece. Tal vez se trate do lanzamento dun globo sonda, ese exercicio co que tanto desfrutan os políticos de tódolos signos, no que o alporizamento dos enxebres resultaría totalmente previsible. Logo viría o diálogo e as explicacións: na realidade non se trataría de eliminar os nomes de Touro ou Sobrado dos Monxes, e outros semellantes, do nomenclator, senón de colocar indicadores bilingües, primeiro nos pobos do Camiño e logo en todo o País. Incluso estarían dispostos a aceptar, nunha segunda fase da negociación, que a versión castelán aparecese debaixo da vernácula. Que mellor maneira de comezar a desensimesmar a nosa cultura ca desensimesmar os topónimos? E, desde logo, nada de quedarse naqueles moxetes de monxa do pasado coma Carballino ou La Estrada. Agora, xa que o queira vai poder seguir dicindo O Carballiño e A Estrada, por que os castelán falantes que o desexen non van facer uso dunha verdadeira liberdade de expresión toponímica dicindo os nomes como lles peta? Pois si, El Roblecito e La Carretera, que son as formas correctas en castelán deses dous topónimos. Máis tarde, poderíase estudar unha consulta, totalmente democrática desde logo -a través de cartas que levarían os nenos ás casas desde os colexios, votando ó facela compra no hiper ou mesmo cando se vai a cubrir a bonoloto-, para ver que topónimo prefería a maioría. Entón podería plantexarse a eliminación definitiva das formas minoritarias, que para o único que valen é para estorbar. En iso consiste a democracia, ou non?

Eu non sei que pensaredes vós, pero voume preparando para remar no encoro de Castrillo del Miño (Castrelo de Miño), tomar as augas en Las Calientes de Partovia (As Caldas de Partovia), beber tinto do Ribero de Cabañillas (Ribeiro de Cabanelas) e falar dos conflictos que houbo nos lindes da xurisdicción de San Claudio del Ribero (San Clodio do Ribeiro) coa de Roncos (Roucos). E dádevos por satisfeitos se as cousas quedan aí. Non sexa que chegue quen todos sabemos co modelo trilingüe: Touro/ Toro/ The Bull. Sobrado dos Monxes/ Desván de los Monjes/ Loft of the Monks.

¡God take us confessed friends!

P.D. Cando estaba rematando de redactar este post, onte pola tarde, chegoume a horrible noticia do pasamento dun amigo da infancia. Cambiaría todo esto que escribo por retomar aquel palco de táboas que montábamos no curral da miña casa, e no que, armados cunhas latas de sardiñas baleiras que facían de bombos e dunhas piñas a modo de micrófonos, o Meluco da Elvira e máis eu, botábamos tardes enteiras cantando o “cocinero, cocinero” de Machín. ¡Ata sempre, querido amigo!

lunes, 28 de diciembre de 2009

Hai hoxe dous, e máis, anos

Se tivera que escoller entre tódolos días do calendario algúns dos que me traen máis lembranzas, un deles sería este: o día dos santos inocentes.

O primeiro que sempre me ven á cabeza, tal día coma hoxe, é a memoria dunha muller que vivía soa nunha casa dos Loureiros, un barrio de San Clodio situado por tras do convento e que agora está deshabitado. A muller en cuestión, velliña e solteira, chamábase Mercedes, a Mercedes dos Loureiros. Non sei por que razón esta mulleriña sempre era o obxecto dalgunha das nosas bromas de nenos no día dos santos inocentes. En concreto, con ela, tratábase dunha trasnada que repetíamos ano tras ano. Preparábamos un paquetiño con figos pasos –a lambiscada de nadal máis popular naquela época, por ser a máis barata-, pero tales figos abríamolos antes, con moito coidado, e enchíamolos de pemento picante. Logo, co paquetiño moi ben feito, con selo e todo, íamos ata a casa da señora Mercedes para entregarllo de parte do carteiro. Penso agora que aquela misteriosa muller -a penas botaba o pe fóra da casa-, obxecto das nosas inocentadas, debía ser moi paciente e xenerosa, pois non lembro que nunca nos recibise con malas palabras. A maiores, unha semana despois, sempre lle íamos cantalos reises e sempre nos daba algo, sen que xamais se queixaxe do picante dos figos. Non hai un día de santos inocentes que non me lembre da boa da señora Mercedes dos Loureiros, e estou por asegurar que o mesmo lle pasa a tódolos que foron nenos en San Clodio por aqueles anos. Sospeito que, cando os cativos aínda pensabamos que o zucre era comida de reis, había unha señora Mercedes en cada freguesía galega.


a cara oculta do Ribeiro
"A degradación soamente é visible para quen coñeceu o pasado"

Outra lembranza que nunca falla nesta data é a da gran crecida do río Avia do ano 1978. Lembro ben aquela tarde de vacacións de Nadal. Chovía a diola dar e estábamos na cafetería do cámping de Leiro xogando ás cartas –¡que ambiente había nas festas de Nadal naquela cafetería e naquela sala de festas do cámping de Leiro!; resulta case imposible que os que ven agora esas instalacións tristemente abandonadas, e non coñeceron aqueles tempos, adiviñen o que era o cámping de Leiro-. Entre partida e partida, á vista do que chovía e da auga que traía o río, saíamos para clavar paus na súa beira e observar como crecía. De supeto, alguén decatouse que o río comezaba a pasar por detrás de nós, polo camiño vello da Esperela á Ponte San Clodio, e tivemos que sair pitando do lugar, antes de quedar completamente rodeados polas augas. De noite, a crecida chegou ata a mesma pasarela que une o campo da Esperela con Leiro, uns seis metros por encima do nivel normal do río, as roulottes que invernaban no cámping apareceron nas viñas do San Martiño, na cafetería a auga alcanzou os tres metros de altura, o edificio da recepción cedeu diante do empuxe das augas...por falar soamente dalgún dos estragos que causou nestas instalacións do cámping e no seu entorno. Foi unha noite pavorosa e de moita angustia para tódolos veciños de Leiro e dos pobos ribeiraos máis próximos ó río. Lembro desa noite, sobre todo, a escuridade –fórase a luz- e o tenebroso bruar do río. Para rematala, sobre as seis da mañá, espertounos a todos un sobrecolledor trono, forte e seco, que moitos cremos que fora o ruído producido polo derrube da presa de Albarellos, un temor que estivera moi vivo aquela noite entre a veciñanza. Por sorte non fora iso, pero non foron poucos os que se levantaron e buscaron cotas máis altas do val.... Foi un día inesquencible, de santos inocentes, de hai trinta e un anos.

A noticia na "Vanguardia"

Podería contar moitas máis cousas relacionadas con días 28 de decembro de anos pasados, a maioría sobre bromas que me gastaron, e que eu, inocente, case sempre cría. Pero, o que me leva a escribir o post de hoxe é outra cousa: a conmemoración da presentación do meu libro Nomes do Ribeiro, outro 28 de decembro, neste caso de hai dous anos. Dado que do acto en si xa hai información suficiente no apartado correspondente da miña web, pensei que unha forma de conmemoralo sería publicando o texto da presentación do libro en Ribadavia; un texto que me teñen pedido algúns dos asistentes, pero que aínda permanecía inédito.

A presentación, na que me acompañou o amigo Manuel Vilanova, o poeta de Barbantes, e Anxo Collarte, concelleiro de cultura, celebrouse o día 14 de xuño do 2008, na casa do concello de Ribadavia. Era unha abafante tarde de sábado. Toda a poboación da Vila estaba pendente, non da presentación do libro, evidentemente, senón do televisor, para ver o segundo partido de España na Eurocopa, contra Suecia, que gañamos 2-1. O mesmo fixemos Manolo e mais eu nun bar da Praza Maior. Por iso chegamos algo tarde ó acto. Aínda así, creo lembrar que fomos os primeiros. E este foi o texto que lin:
Os nomes de Ribadavia
Un ten ás veces a tentación de dicilo todo, sen caer na conta que resulta imposible. Pasoume a min algo diso cando souben que ía presentar o meu libro aquí en Ribadavia e me puxen a anotar ideas para esta presentación. Non era o problema resumir o contido do libro, que, coa idea de que o que os libros queren dicir está escrito, non acostumo a facelo. Ademais, neste caso, seis meses despois da saída do libro á rúa, sei que a maioría dos presentes xa o coñecen e xa saben o fundamental: que é un libro de toponimia e que en, aproximadamente, trescentos artigos dá algún tipo de explicación duns 1200 topónimos ribeiráns, a totalidade da toponimia maior rexistrada, algunha non rexistrada e outra de lugares xa desaparecidos. Daquela, aproveitarei o meu tempo para facer algunhas reflexións sobre Ribadavia e O Ribeiro. Serán reflexións ó estilo das que contén o libro, tratando de non perder o fío das etimoloxías toponímicas e do seu contexto histórico.

Ribadavia: A Vila

Nin que dicir ten que é unha honra presentar o meu libro Nomes do Ribeiro en Ribadavia, a capital do Ribeiro. Unha capitalidade que, no seu aspecto onomástico, recoñecemos os ribeiráns de idade certa baixo o nome da Vila. Ribadavia é para nós a Vila do Ribeiro, ou simplemente A Vila. Como sabedes, vila ven do latín clásico villa ‘casa de campo ou granxa agrícola’, e por iso comezou dando nome a pequenos pobos. Eses pequenos pobos nacían case sempre arredor dunha fundación familiar e acostumaban levar por nome o do seu antigo posesor ou fundador: unha vila Leovesindi, é dicir de Leovesindus, está detrás do nome de Lebosende; unha vila Benedicti, de Benedictus, detrás do de Bieite; unha vila Spanosindi, de Spanosindus, detrás do de Esposende; unha vila Saturnini, de Saturninus, detrás do de Sadurnín, etc. Quedou o nome do posesor e foise o de vila pero permaneceu o rastro nos numerosos lugares que se chaman Cima de Vila, Fondo de Vila ou Cabo de Vila. Co tempo foi variando o campo semántico da palabra, e na idade moderna unha vila xa era unha poboación de certa entidade, unha poboación que tiña algún tipo de xurisdicción e capacidade para poñer unha picota –o monumento onde se expoñía ós reos, verdadeiro símbolo do poder xurisdiccional-. Así, no antigo réxime, foi vila Ribadavia, pero tamén San Clodio ou Beade, cabezas de sendas xurisdiccións, por poñer soamente dous exemplos. Non obstante, coa desaparición das antigas xurisdiccións, a instauración do novo estado liberal e a conseguinte creación dos novos partidos xudiciais, na primeira metade do século XIX, Ribadavia pasou a ser, en exclusiva, a vila do Ribeiro, condición que mantén. Pronto haberá quen queira darlle o título de cidade, como ocorre con outras vilas galegas. Na miña vila de acollida, que é O Carballiño, xa hai indicadores que sinalan cara ó centro da cidade. Sempre abundaron as mentes que consideran que todo é unha cuestión de tamaño, aqueles que sempre prefiren burro grande ande non ande. Non obstante, a min compráceme este concepto de vila, que dalgún xeito combina os dereitos cidadáns e as raíces rurais; é un concepto moi axeitado para todas as vilas galegas, pero especialmente para Ribadavia. Poucas poderían presentar unha estampa mellor para reflectir esa unión dos dereitos cidadáns coa cultura labrega cá daquela IV Asemblea Agraria de Acción Galega celebrada en 1912 aquí en Ribadavia. Aquela asemblea onde a Lira, dirixida polo mestre don Adolfo Campos, estreaba o himno de Acción Galega que leva por letra os famosos versos de Cabanillas:

¡Irmáns! ¡Irmáns galegos!
¡Dende Ortegal ó Miño
a folla do fouciño
fagamos rebrilar!

Si, aínda que Ribadavia medre moito, ¡que Dio-lo queira!, eu seguirei chamándolle a Vila. Ó fin e ó cabo, a cidade, do latín civitas, representa nunha das súas acepcións, segundo nos lembra o diccionario da Real Academia, “o urbano como oposición ó rural”. Por algo Madrid segue a presumir de ser vila, sen deixar de ser unha gran cidade, e en Francia, ese país onde tanto se respecta o rural, tódalas cidades seguen sendo villes, incluída París.



a cousa ía seria.....


Cando nace O Ribeiro
Ás veces considérase á toponimia un simple divertimento erudito. Non obstante, lonxe diso, a toponimia permítenos a cotío confirmar e precisar algúns datos sobre a nosa historia que dificilmente poderíamos concretar por outros camiños. Convértese así a toponimia en verdadeira fonte da historia.

Agora ben, para acadar ese importante lugar hai que despoxar á toponimia de toda unha serie de mitos. Considero fundamental neste senso un principio que enunciara o insigne romanista e arabista don Álvaro Galmés de Fuentes. Dicía: «Ó estudar e analizar a etimoloxía de calquera topónimo debemos ter en conta, ante todo, a racionalidade da súa nomenclatura. O verdadeiro creador da toponimia, que é o falante, é moito máis racional có que dan a entender as explicacións de moitos etimólogos, e do mesmo xeito que lle chama ó pan pan e ó viño viño, chámalle ó monte monte, á pena pena ó val val e ó río río...». Logo, para distinguir entre varios montes hai que adxectivalos, un é Montealto, outro Monteagudo; para distinguir entre as penas unha pode ser a Pena Corneira e outra a Pena Moura; nos vales un pode ser Valongo e outro Valfrío e, en fin, nos ríos un poderá ser Riobó mentres outro será Rio Mao, porque na toponimia, queridos amigos, tamén hai bos e malos.

Parecería así a toponimia ciencia moi sinxela. Pero ocorre que os topónimos son moi estables e permanecen, mentres as falas van cambiando. Pasado o tempo, o desuso dos idiomas nos que os topónimos foron creados fan que moitos deles se volvan opacos na lingua actual. A proximidade dalgunhas desas voces toponímicas antigas con voces vivas, conduce moitas veces á reinterpretacións toponímicas fantasiosas ou pequenas historias que tratan de explicar o significado de certos topónimos. Acostuman coñecerse estas historias como etimoloxías populares, pero moitas das interpretacións dos eruditos están tan lonxe da verdade coma elas mesmas. Non, nin Lebosende é unha senda de lobos, nin Eira de Mouros ou A Man da Moura aluden ós mouros, nin Sandulces era un santo lambisqueiro...

Tiven hai pouco tempo noticia dunha asociación toponímica que me resultou moi interesante, e que paso a contarvos. Creo que se nos pedisen que pensásemos na palabra máis característica do galego, case todos coincidiriamos na elección. Pois ben, teño que dicirvos que por antigüidade documental, alomenos, non nos pertence a exclusiva de tal palabra: correspóndelle ós cataláns. En efecto, nun diploma do ano 982 o rei Lotario dóalle ó mosteiro de Sant Pere de Roda, na provincia de Huesca e diocese de Lérida, unha herdade que lindaba cun montis qui vocatur Caralio. Curiosamente, uns anos antes, concretamente no 974, outro escribán, supoño eu que relixioso, referíndose ó mesmo monte, nin sequera se atrevía a nomealo e escribía: montis qui habet inhonestum et incompositum nomen. Asociaba o bo do escribán o nome do monte co común do membro viril, de orixe latino, carall. Non obstante, o nome era totalmente honesto, tratábase dun topónimo latinizado que presentaba a coñecida raíz preindoeuropea, kar ‘pedra, rocha’, moi abundante en Cataluña nos numerosos Caral, Caralt e Carant da súa toponimia. Pero non só en Cataluña, nos Picos de Europa está a famosa garganta do Cares, o exemplo paisaxístico máis fermoso sobre o significado desta raíz, unha paisaxe que combina pedra, auga e fortes pendentes. Aquí e agora bastaría achegarnos á ermida de San Lázaro para divisar enfronte os montes da Carixa, documentados como montem carisis no século X, montes que lle dan nome ó pobo homónimo da freguesía de Ponte Castrelo e onde, a outra escala, se repiten as mesmas paisaxes do Cares. Preguntaranse agora que foi daquel monte catalán do Carallo, con perdón: pois segue a existir; infrinxindo tódalas leis da evolución fonética, ten agora o púdico nome de Mont Cavall ‘monte do cabalo’... Non temos, que eu saiba, carallos documentados en Galicia anteriores ó século XIII. Os primeiros, que nada teñen que ver coa toponimia, aparecen na lírica profana galego portuguesa. Famoso debeu ser aquel caralho arreyte dos versos do trobador Fernán Esquío, cando relatan o prodixio de que de resultas dunha das actividades que lle son propias tres mulleres pariron o mesmo día. Interesoume a min iso do carallo arreyte e atopei a etimoloxía indubidable nun diccionario portugués, idioma no que aínda existe o verbo arreitar, derivado do latín vulgar adrectáre, derivado ad+ rectus, textualmente ‘endereitar, levantar, erguer’, cun significado evidente. Non deixa de resultar curioso que o último carallo documental medieval galego que rexistro non sexa humano, senón dun mulo, o dun mulo dun cóengo da Catedral de Ourense ó que o fillo dunha tal Catalina Touciña de Niñodaguia, e leo textualmente no diploma notarial, lle corta o carrallo con un coytelo podadoyro, no ano do señor de 1466.

pero foise animando....

Do mesmo xeito que os galegos non posuímos a exclusiva da palabra que acabamos de estudar, tampouco o Ribeiro como topónimo é exclusivamente noso, dos ribeiráns. Como sabemos Ribeiro é un derivado do latín ripa, substantivo feminino que fai alusión á orela dun río, e que como sabedes aparece detrás do nome desta vila, Ribadavia, antiga Ripa d´Avia. Pero, o que tal vez non saibades é que o mesmo Avia nace na cima de Ripás, textualmente a cima da ribeira, por encima do Casar de Nabo, na serra do Suído. A pesar da claridade do topónimo Ribadavia, un erudito do século XVIII, concretamente Juan Antonio de Estrada, escribía nun dos tres tomos da súa Población General de España unha disparatada e pouco coñecida interpretación toponímica: «Fundáronla Griegos, compañeros de Diomedes, quando Tuy. Después los Hebreos llamaron Avia al río, interpretado Voluntad del Señor; y como está en sus corrientes y Rivera, juntándose voces se dixo Ribadavia» (II, 324-325). Pois ben, do latín ripa deriva riparia 'ribeira'. Non obstante o riparius masculino, riparium no acusativo, preciso para ribeiro non existía no latín clásico co significado de ribeira. O riparium de ribeiro é palabra do latín medieval e ten, creo eu, unha connotación de tamaño con respecto a ribeira igual ca cesta/cesto, leira/leiro ou poza/pozo.
O outro día lía no diario La Región un artigo sobre os viños do Ribeiro onde o autor afirmaba que no século XII xa eran moi apreciados. Tratarei de demostrarvos que isto, falando stricto sensu, non é correcto. A razón é sinxela, no século XII aínda non existía o Ribeiro. Escribía Américo Castro: Pongamos fin a la farsa de llamar españoles al emperador Trajano, al filósofo Séneca y a San Isidoro de Híspalis. Ninguno de los cuales es español, porque entonces no los había; por el mismo motivo no son italianos Augusto y Marco Aurelio, ni francés Carlomagno… Sobre estas reflexións descansa nin máis nin menos que a tese do eminente historiador que considera que en España non houbo españoles, ata o século XIII. Efectivamente, español é vocábulo foráneo, concretamente provenzal, segundo demostrou o suízo Paul Aebischer en 1948. A palabra español, probablemente, chegou do sur de Francia no século XIII. Utilizábana os francos para aludir ó conxunto de habitantes da península ibérica, que se coñecían entre eles como Galegos, Astures, Vascos ou Casteláns. Traio isto a colación porque un erro semellante, aínda que menos transcendental para a historia, comenten aqueles que falan dos viños do Ribeiro antes de que nacese o Ribeiro. Por que, cando nace o Ribeiro?
A Terra do Ribeiro de Avia comeza a aparecer na documentación ó fin do primeiro cuarto do século XIV. A primeira referencia que coñezo é do ano 1325; trátase dun documento de San Clodio que asina «..Afonso Rodriges notario jurado en terra do Ribeyro da Auia..». Esta Terra do Ribeiro de Avia era unha das xurisdicións baixomedievais resultantes da escisión da antiga Terra de Castela e tivo unha vida duns cento cincuenta anos. A última noticia sobre a Terra do Ribeiro de Avia aparece nun documento en galego do libro de notas do concello de Ourense do ano 1467, un ano moi importante na historia de Galicia. Foi o ano no que o pobo cha ó grito de ¡Deus fratresque Galletiae! arremeteu contra dos señores e das súas fortalezas na denominada revolta Inmardiña ou revolta das Irmandades. A iso se refire o documento, onde lemos: «... Os do Ribeyro da Ávea e dos ditos partidos tomaran e querían tomar en sí as ditas fortalesas e derribaron Roucos e Formygeiro e Pena Corneyra e querian derribar a Peroja e Cabadoso e Juuencos...». Era o ano 1467, o ano no que ¡Os gorrións venceran ós falcóns! Como é ben sabido, a alegría dura pouco na casa dos probes, e dous anos máis tarde regresarían os falcóns. Esta vez para quedarse. Non obstante, coa posterior derrota de Pedro Álvarez de Sotomayor fronte ó arcebispo Fonseca, apoiado polos Reis Católicos, iniciaríase unha nova época onde aquela nobreza, incluída a do Conde de Ribadavia, quedaría definitivamente suxeita á autoridade do novo Estado. Unha das víctimas desas revoltas foi a Terra do Ribeiro de Avia que desapareceu como institución administrativa. Nos novos señoríos xurisdiccionais que se configuran no século XVI xa non figura o Ribeiro de Avia, soamente a nova xurisdicción de San Clodio do Ribeiro de Avia mantería o rastro toponímico da antiga terra. O resto do antigo territorio repartiríase entre diversas xurisdiccións, a maioría de señorío do Conde de Ribadavia. Eran as xurisdiccións de Castro Cavadoso, Roucos, Veiga e Carballeda e Ribadavia, distintas pero que se recoñecían na práctica como O Condado de Ribadavia. Coincide esa época do século XVI coa de maior prestixio dos nosos viños, e esta é a razón pola que maioritariamente se coñecen, neses anos, e sobre todo fóra de Galicia, como vinos de Ribadavia. Aínda así, a desaparición do Ribeiro de Avia como entidade xurisdiccional non foi capaz de eliminar o concepto cultural e xeográfico do Ribeiro, tan axeitado que xa quedou definitivamente incorporado ó espírito do pobo galego, a través da fala. Desde entón a palabra Ribeiro expresa esa confluencia secular e ambivalente dun viño e dunha terra cun País. Por iso non dubido eu que Ribeiro é un dos nomes que máis se asocia con Galicia e co galego.

E os nomes de Ribadavia

Falaba na presentación do meu libro en Vigo da importancia dos nomes compartidos. A unión de cada un de nós cunha terra e coas súas xentes ten unha medida bastante precisa no número de nomes compartidos con ela: nomes de persoas, nomes de lugares, de tendas, de tabernas, de librerías... Multitude son os nomes de Ribadavia que se acumulan na miña memoria desde a infancia, e sobre todo desde aqueles cinco anos do bacharelato que pasei no seu instituto. Dicía Max Aub, nun libro imprescindible que se titula La Gallina Ciega, que un é de onde fixo o bacharelato. Non lle faltaba razón: eu, sen renunciar á miña patria máis esencial que é San Clodio, considero a Ribadavia a miña vila lexítima. Xa non vou a falar dos nomes de persoa, sería unha longa lista de compañeiros de instituto, profesores e amigos que non vou a citar por non cansarvos, aínda que son nomes que sempre teño moi presentes. Os nomes de lugar, que é o tema que nos ocupa, tamén son moi abundantes: A Vichita, San Francisco, A Oliveira, A Costa do Sarralleiro, Regato de Maquiás, A Cuenga, A Foz, O Xestal, A Barca -que aínda cruzaban os rapaces que viñan da Arnoia ó Instituto-, O Castelo -que eu lembro cunha piscina e unha pista de baloncesto, onde acostumábamos perder nos campionatos escolares, porque o noso forte era o fútbol-... Pero eu teño debilidade por dous nomes de de Ribadavia. O primeiro é A Fonte da Plata; tan gustosa me parecía a súa auga cando viña ó instituto que unha vez estando enfermo e con moita febre, convencín a miña nai para que me levasen a San Clodio unha botella da súa auga coa idea de que me sanaría: e sanoume. O outro nome que sempre teño presente é A Beronza. O Campo da Beronza era o lugar ideal para latar as clases nas soleadas tardes de primavera. Moitas veces íamos alí simplemente para tombarnos na herba e observar a heroica loita das troitas no seu intento por subir a presa na busca de augas máis puras e frías. Esa lembranza de soleadas tardes, na primaveira da mocidade, deitados alí na Beronza e vendo saltar as troitas, creo que é o que máis se aproxima ó meu mito da felicidade.

Tamén son nomes de Ribadavia o Cine Río, o Cine España e o Cine Principal; algunhas festas do Portal fun capaz de ver ata tres películas no mesmo día, unha en cada un. Bar Caracas: parada do Cabanelas e do Rodríguez. Taller de bicicletas Refugio: partidas de futbolín. Confitería Muradás: pasteis sobrantes á metade de prezo. Tenda do Torejas: galletas de coco. Imprenta Ribadaviense e Librería Valeiras: arumes de libros novos e doces perfumes das gomas de borrar de nata. Bar Evencio, enfronte da Banca Nogueira: bocadillos de xamón e racións de empanada, os días de festa. Bar Alfonso: partidos televisados do mundial de Inglaterra de 1966. Bazar Che: primeira cociña de butano, Corberó, e primeiro disco, Poetas andaluces de Aguaviva. Foto Chao, A Lira, os curas ye-ye, Abrente –que fermoso nome-, O Papuxas.... Nomes e mais nomes compartidos con Ribadavia, nomes que permanecen indelebles na miña memoria; na mesma que se amosa débil e insegura para tantos outros.

Non, a min non me trouxo a Ribadavia nin a súa historia fidalga, nin os seus monumentos, nin a fama dos seus viños; iso atrae ós turistas, e eu non son un turista. A min tróuxome a Ribadavia, o mesmo que a San Clodio e ó Ribeiro, a vida mesma. O azar cósmico que nos coloca a cada un nunha familia e nun lugar do espacio e do tempo foi o que me colocou a min no Ribeiro. Non precisan, polo tanto, nin San Clodio, nin Ribadavia nin o Ribeiro de máis méritos ca esa casualidade cósmica para que eu os teña no centro do meu corazón. É por iso polo que me interesan os seus nomes, como me interesa todo o seu. Tampouco chegaron como turistas a Ribadavia outros dous sanclodiáns coma min, sanclodiáns ós que sería inxusto non citar aquí. Refírome ó Padre Eiján e a don Eladio Rodríguez. O primeiro, superior do mosteiro de San Francisco entre 1915 e 1920, e responsable máximo do reinicio da vida fraciscana nesta vila, deixounos ós ribeiráns ese regalo sen prezo que é a Historia de Ribadavia y Sus Alrededores, o segundo, don Eladio, tamén nos deixou ós galegos agasallos de gran valor, sobre todo o seu Diccionario Enciclopédico; pero ós ribeiráns deixounos ademais o himno poético por excelencia destas terras, que non é outro que o poema Meu Ribeiro, un dos poemas máis toponímicos da literatura universal, o que fala das aldeas virxilianas do Ribeiro e desta vila de estreitas calexas e recunchos meiguiceiros. Ningún dos dous, nin o Padre Eiján nin don Eladio, cobraron un céntimo polos seus traballos, o mesmo ca don Leopoldo Meruéndano ou Rubén Álvarez, ós que Ribadavia lles debe tanto. Moito leva chovido desde que os egrexios ribeiráns que acabo de citar publicaron as súas obras, pero en moitos aspectos seguen sen ser superadas. Si, a pesar de subvencións, proxectos, xornadas, universidades, publicacións con todo luxo de cores, etc..., esas seguen a ser as referencias fundamentais para quen queira coñecer O Ribeiro. Non obstante, resulta curioso que nin un só centro educativo destas terras faga honra ós seus nomes. O mesmo lles pasa, queridos amigos, a moitos dos nomes de lugar que recolle o meu libro, a pesar de ser parte fundamental do noso patrimonio e da nosa identidade, unha boa parte deles non gozan nin dun triste carteliño que os conmemore, e outros, simplemente, van perdéndose entre o mesmo mato do que emerxeran cando foran bautizados polo home.

Remato, que tiñan en común o Padre Eiján, Don Eladio, Leopoldo Meruéndano e Rubén Álvarez? Direivos que tiñan o mesmo có chorado Xosé Carlos Gómez Alfaro, o poeta que ven de pousar, definitivamente, a súa saudade no Ribeiro. Todos eran ribeiráns e todos sentían esta terra coma súa. Iso foi o que os empuxou a traballar por ela, e por iso o mellor vennos deles. Ningunha comparación admite esta miña humildísima obra, que hoxe vos presento, coa dos autores que acabo de citar, pero vale a súa lembranza para dicirvos que eles foron a miña guía. Tamén para lembrar algo que moitas veces esquecemos os galegos en tódolos ámbitos: que é preciso querer a todos, pero hai que comezar polos nosos.
Moitas grazas


comentarios:

Maeloc dijo...
Si, nas illas Medas ou Medes do mediterráneo catalán existe unha pedra mariña con forma de carallo, chamada El Carall Bernat,transformada eufemisticamente en Cavall Bernat.
30 de diciembre de 2009 14:55

Maeloc dijo...
Cavall Bernat non é eufemismo pleno, pois a palabra bernat en determinados rexistros do idioma catalán seica significa erecto; de aí que o topónimo EL Carall Bernat signifique carallo ou falo erecto, de acordo coa forma deste illote
31 de diciembre de 2009 21:49

Amigo Maeloc, grazas polos teus comentarios, que inserto aquí para poder exemplificar con varias fotografías o tema de Cavall Bernat. É un topónimo que se repite por toda Cataluña, Valencia e Baleares, dando nome a rochas de forma fálica.

Cavall Bernat de Monserrat




Cavall Bernat de Matadepera
Illote Carallot

Hai acordo unánime en canto a que Cavall é forma eufemística de Carall, non obstante dubídase de Bernat. Para Joan Amades podería vir de vernat ‘illado’ (polo feminino da expresión sol-i-ver ‘só e abandonado’); Enric Moreu-Rey supón un carall armat e Joan Coromines (voz carall, DEcat.) un antigo carall *baranat, derivado de barana, á súa vez de BARANDA. Rafael Chacón, pola súa banda, nun interesante artigo, que leva por título "Carajo, carallo/caralho, carall” (http://www.tallerediciones.com/cuza/modules.php?name=News&file=article&sid=290), escribe: «Bernat en origen es una barra de ferro amb la punta torçuda en angle recte que, penjada per l´altra en una anella clavada en el gruix de la obertura d´una porta, en un peu dret, etc., serveix per a assegurar la fulla d ela porta, una peça plegadissa, etc., ingroducint-ne la punta ena anella o baga qui ha en aquesta según el Dicionari de la Enciclopedia Catalana. Bernat está pues en la expresión de carall bernat por erecto...». Ou sexa que o tan repetido Cavall Bernat podería rematar sendo un Carallo Arreite. ¡Alabado!
A foto, “o carallo 29”, que encabeza o artigo de Rafael Chacón, non ten perda:



Outro enigma para min: o 29 da tan coñecida expresión.

De tódolos xeitos non estou moi convencido de todo o escrito arredor dos cavall bernat, habería que coñecer, sobre todo, os nomes que aparecen na documentación antiga: sospeito da repetición do eufemismo Cavall, da repetición de Bernat, dunha serra do Cavall Bernat en Mallorca, na que eu aprecio forma de cabalo saíndo da auga. Aí tedes a foto:







E dunha rocha de la Verna rexistrada en Cataluña... ¡Cheirame a tautoloxía! Pero, en fin, bastantes inseguridades teño eu na toponimia galega para meterme coa catalana.

jueves, 17 de diciembre de 2009

Hai hoxe un ano

Hai hoxe un ano estaba presentando, no Centro Cultural da Deputación de Ourense, o meu libro O padrón de San Clodio de 1580. Estudo histórico e ononástico. Pode ser un bo momento para volver a manifestar o meu agradecemento máis sincero a tódolos amigos que estiveron naquel sinxelo acto. Especial mención teño que facer de Pablo Sánchez Ferro, director do Arquivo Histórico Provincial de Ourense, e de Gonzalo Navaza Blanco, presidente da Asociación Galega de Onomástica, copresentadores comigo do acto.



Pablo Sánchez Ferro, Gonzalo Navaza e Frutos Fernández


Teño que dicirvos que, en breve, todo aquel que queira poderá baixar este libro da miña web e doutras semellantes, salvando así o problema que representaba o pequeno número de exemplares editados, problema que imposibilitou a posta á venda do libro. Tamén quero comunicarvos que seguimos traballando co padrón. Tal como apuntaba no prólogo e na propia presentación do libro, o padrón de San Clodio de 1580, ademais do valor onomástico, ten un gran valor histórico, que se irá recoñecendo co tempo. En concreto, creo que se trata dunha das fontes máis completas das que se dispón para o estudo da estrutura da familia na Galicia do século XVI. A busca, análise e posterior estudo de padróns semellantes, xunto cos resultados que en breve esperamos presentar arredor deste da xurisdicción de San Clodio, seguro que poden poñer moita luz sobre este tema, aínda escuro, da Historia de Galicia.

Vaia agora, como conmemoración, o texto que escribira para cerrar o acto de presentación do libro. Hai hoxe un ano.




O padrón de San Clodio de 1580: As palabras imprescindibles
Frutos Fernández González

Un podería pensar que o padrón de San Clodio de 1580 é unha lista de nomes e apelidos sen máis, un documento cun interese restrinxido ós investigadores. Non obstante, eu coido que o padrón é moito máis ca iso. A súa lectura pode ser unha oportunidade de achegarse á historia a través dunha fonte directa. Na realidade unha oportunidade de facer historia, porque a historia nace das fontes, pero as fontes non son historia.

A fonte directa, ademais, produce unha emoción, no simple lector ou no estudoso, moi diferente á que pode producir o libro de historia; unha emoción semellante á que produce a lectura dunha vella carta ou a contemplación dunha antiga fotografía. É unha emoción que nace, creo eu, da percepción de algo moi valioso, da percepción do tempo perdido. Porque resulta indubidable que nas fontes documentais, coma nas vellas cartas ou nas antigas fotografías, fica apreixada unha parte do tempo perdido, e niso xustamente reside boa parte do seu atractivo. Ó fin e ó cabo, tal como deixou escrito San Agustín, a nosa experiencia do tempo redúcese ó instante actual: o pasado e o futuro sólo son xeitos de vivir, tamén de dilatar –diría eu-, o tempo presente. E dilatar o tempo presente, para enriquecelo, non deixa de ser un dos principios fundamentais sobre os que se move a nosa existencia.

Teñen ademais os rexistros do padrón, na miña opinión, algo da esencia dos vellos relatos: dos relatos en estado puro. Relatos do tipo daqueles que escoitamos á beira das lareiras, cando eramos nenos, e entre o fume das tabernas, cando xa o eramos menos. Relatos construídos coas palabras imprescindibles e exentos de toda parolada.

Un dos meus rexistros favoritos do padrón é este de Alonso Suárez, veciño de Leiro:

«Alonso Suarez, biudo, que esta sentado por soldado para la guerra de su magestad. Tiene quatro hijas y un hijo, suyos y de Constança Mosqueyra, su muger, difunta. El hijo se llama Rrodrigo y bibe en la ciudad de Santiago, y la primera hija se llama Briolanja y bibe con Costanza Feixoa en la feligresia de San Clodio, y la otra se llama Maria y bibe con Pedro Suarez, y las otras se llaman Mariña y Costanza y una anda por ay perdida y la otra la crian por servicio de Dios. Tienen bienes por parte de su madre en este lugar y no tienen tutor.».

Teño eu maxinado o relato da historia desta familia contada ó pe do lume nas longas e frías noites do inverno. Comezaría coa narración dos amores de Afonso Suárez e Constanza Mosqueira. Afonso, cando mozos, recitáballe de memoria a Constanza estrofas enteiras do poema do Mío Cid, e por iso lle puxeron ó seu primoxénito o nome do heroe: Rodrigo. Na súa casa tiñan un Amadís, que lían mentres arrolaban a Rodrigo. O libro sería testemuña da concepción de Briolanxa, a máis fermosa entre todas as damas do Amadís. Soñaba Afonso con facer fortuna como soldado nas guerras da súa maxestade, e en volver a Leiro convertido en fidalgo titular dalgún señorío. Mais, cando quixo realizar os seus soños, a teimosa e indestructible realidade do sufrimento humano deixouno a el perdido polos campos de batalla e a Constanza convertida en viúva de vivo ó coidado dos cinco fillos. A carga resultaría insoportable para a pobre Constanza, quen finaría chea de penas e necesidades entre o pranto inconsolable dos cinco cativos. Daqueles soños de Afonso e Constanza quedaría a desgracia dos fillos orfos e o relato da súa historia, transmitida e escoitada polas xentes, xeración tras xeración, ó calor das lareiras nas longas e frías noites do inverno...

Andaba eu dándolle voltas á idea do relato e do narrador en estado puro en relación co padrón de San Clodio e outra vez ó pe do lume, onde acostuman suceder cousas importantes, chegoume unha axuda de valor inestimable. Chegou en forma de artigo de Muñoz Molina, ese magnífico ponderador dos efectos da materia invisible sobre o universo dos homes. Falaba o artigo da importancia do peso do non dito, do non escrito, pero que gravita sobre as palabras para darlle esa densidade misteriosa que constitúe a esencia da poesía. No padrón de San Clodio, queridos amigos, síntese ese peso do non escrito, e por iso coido que está cheo de poesía. Escoitade senón este rexistro de Adega Guerra, veciña de Leiro naquel ano do Señor de 1580:

Adega Guerra,
muger soltera y baldia.
No tiene casa ni biña ni hacienda
sino lo que pide por Dios,
y se mantiene dello.

En Ourense, un dezasete de decembro de catrocentos vinteoito anos despois.