Permítanme
que lles escriba hoxe dun coto: do Coto de Novelle. Antes quixera lembrarlles que
“coto”, ‘prominencia pétrea, monte pequeno de forma cónica, parte máis alta e
aguzada dun monte’, é palabra de orixe
prerromano que sobreviviu no latín galaico e no galego, pero nada ten que ver
co castelán “coto”, ‘terreo acoutado’, que en galego é “couto”. Sinalar tamén,
para os que non o coñezan, que o Coto de Novelle é un monte de 712 metros de
altitude, coa característica cima aguzada da definición, situado xusto ó sur do
embalse de Castrelo, coincidindo no seu cume a estrema dos concellos de
Castrelo de Miño, Cartelle e Arnoia.
Por que
escribir hoxe do Coto de Novelle? Pois, seguramente, porque a primavera é un
dos tempos que máis convida a gozar das paisaxes. E o Coto de Novelle é un dos
elementos paisaxísticos máis importantes e fermosos do Miño centroso ourensán,
é dicir, dos ribeiros. Curiosamente, a literatura galega, tan chea de paisaxes,
apenas se fixa nos montes con nome propio; talvez porque a tendencia á
esfericidade da matriz granítica e gnéisica do noso chan fixo raras as cumes
singulares, levando ós nosos escritores a fixarse máis nas serras ó describir
horizontes. Tan só Otero Pedrayo, que eu saiba, situou o Coto de Novelle na súa
narrativa. Pero claro, que outro mestre das paisaxes galegas tivemos aparte de
don Ramón?
Ademais, don
Ramón sentía debilidade polo Coto de Novelle, como a sentimos todos os que
fomos aprendendo estas paisaxes dos ribeiros. El, que definía as harmónicas
composicións destes vales como «o meirande avencellamento da historia coa
natureza na nosa Terra», pensaba que era
o Novelle, «fermoso e rexo», coa súa «xeitosa e grave figura», quen mandaba no
conxunto, erixíndose en «expresión rematada de coto ordenador dun tempo de
vales e encostas», e no verdadeiro «mestre na composición das paisaxes do Miño
ribadaviense».
Outro namorado
do Coto de Novelle foi Cuevillas, quen apuntaba: «Pásalle ó Coto de Novelle o
que lle pasa ó Pico Sacro, un dos montes máis ilustres de Galicia, i é que se
ve desde moi lonxe e desde moitas partes, pese ó modesto das alturas». Algo que
calquera pode comprobar cando se achega a Ourense desde Vigo, Pontevedra ou
Santiago, pois sempre lle será doado descubrir ó lonxe a figura xeitosa do Coto
de Novelle. Aínda así, as mellores vistas do coto son: a que hai desde os
fondais de Beade, a de Ventosela e as que se poden ver desde calquera das
estradas que soben do val do Miño ás terras do antigo Chao de Castela, por
exemplo, desde a que vai de Razamonde ó San Amaro por Eiras.
Impresionaba
tanto o Coto do Novelle a Cuevillas que ata lle sorprendía que ningunha fonte
literaria grega nin latina falase del nin de ningunha divindade asociada,
porque na «figura dun coto tan forte, tan impoñente, ca súa cabeza ergueita e
ennegrecida, cuberta ás veces por un veo de néboa, é gustoso matinar nun numen
moi antigo e de moito poder». E houbéralle compracido a
Cuevillas saber que a súa intuición acertaba; que detrás do nome do Novelle non
está o latín “novus”, ‘novo’, como se adoita pensar, senón “Navia”, a deusa
precéltica de orixe indoeuropeo vinculada ós ríos e ós vales, de cuxo culto no
noroeste hispano e na Europa céltica dan testemuña as fontes epigráficas e
toponímicas. Concretamente de Ourense son tres aras votivas dedicadas á deusa e
diversos topónimos, coma o do río Navéa ou o da freguesía de Navío. Do Novelle,
sabemos por documento de Celanova que o seu nome aínda era “Navia” a finais do
século X, o que desvela a verdadeira etimoloxía do topónimo e proba o carácter
sagrado do monte para os antigos
habitantes destes vales. Como intuíra Cuevillas.
Artigo publicado no diario La Región o domingo 26 de marzo do 2017
1 comentario:
Dá gusto ler sobre un lugar coñecido, inda que pouco recoñecido. E ampliar información, xa que para vistas preciosas non se pode olvidar un do outro lado, das terras do Arnoia: da ollada impresionante dende o val de san Vicente, especialmente Remuíño, na zona do Pireiro, ou as vistas dende Louredo, especialmente dende as terras do Tabolado. Un pracer atopar este texto que, xa mesmo, paso a compartir.
Publicar un comentario