Son moitos
os que se preguntan que lle pasa á esquerda e como explicar os seus pobres
resultados. Pensemos que en 2016 os partidos socialdemócratas perderon 12 das
18 eleccións que se celebraron en Europa. E está o trunfo de Trump en EE UU,
culminando a continua perda de peso do Partido Demócrata –versión “light” de
socialdemocracia- en favor do Republicano, que xa controla tódalas institucións
importantes do país. Esta semana mesmo, en Holanda, o Partido Socialdemócrata,
primeiro ata 2002 e segundo desde entón, acaba de caer a un irrelevante sétimo
posto.
Na prensa resulta
habitual atopar análises locais e simplistas deste complexo proceso, cando debería
saberse que ningún asunto complicado admite explicacións fáciles. Poderíamos
dicir que nos atopamos diante dun problema “de libro” en sentido estrito, e
dicir, dos que, para saber algo, un debe tomarse a molestia de ler algún libro:
non basta con asimilar a opinión do columnista afín. Como consecuencia diso, e
da miña ignorancia, non esperen descubrir aquí as causas da entrada, nin moito
menos as vías de saída do labirinto no que se atopa a esquerda neste momento.
Tan só pretendo, se mo permiten, indagar na raíz do problema, coa idea de que
das ramas e das follas xa sabemos bastante.
E sobre a
natureza desa raíz estou cos que apuntan a algo fundamental: ó cambio no
paradigma socio-político producido nos últimos corenta anos. Porque ata os anos setenta ese paradigma
–entendido como conxunto de ideas dominantes- estivo do lado da esquerda: na
universidade todo o mundo falaba do marxismo e do socialismo, a loita obreira
apoiada nuns sindicatos fortes conseguía grandes avances nas condicións dos traballadores,
a sociedade progresaba na igualdade e as institucións occidentais crían que a
estratexia de potenciar o benestar era a apropiada para conter a utopía
comunista. Mentres, a dereita estaba temerosa e recluída, agardando unha nova
oportunidade. E esta presentóuselle trala crise do petróleo dos setenta e os
problemas que tiveron os países avanzados para manter o estado de benestar.
Foron Thatcher e Reagan os que emprenderon a revolución conservadora: decretaron
a sobredimensión do Estado e, fronte a utopía fracasada da economía planificada,
promoveron a simétrica dos mercados desregulados e o abandono do benestar como
estratexia, pois xa era evidente a descomposición da Unión Soviética. Pero ese
primeiro contraataque resultou rudo, e por iso tivo un alcance limitado. Non
obstante, desde entón ata agora, a dereita soubo suavizar o discurso e adaptalo
ó novo paradigma, consistente na crenza absoluta no progreso persoal ilimitado
e en deixar de lado calquera interese pola liberación política, a xustiza
social ou a acción colectiva. Para iso, a “neodereita” preséntase cunha faciana
amable e moderna, e a través do consumo opulento, da diversión das masas e das
novas tecnoloxías promete benestar e felicidade para todos, aínda que os seus
intereses sexan os mesmos; é o que Rafaelle Simone denomina o “Monstro Amable”.
E fronte a iso, os ideais da esquerda tradicional, nun mundo gastador e
consumista, semellan trasnoitados e carentes de atractivo. Esa é a verdadeira
raíz do problema, e o resto –fragmentacións, divisións internas, liderados
febles, ...- son complicacións provocadas pola debilidade do paciente.
Non obstante,
unha socialdemocracia honesta é contrapeso necesario do liberalismo. Porque,
como dicía Tony Judt, “co tempo, o libre mercado convértese no seu peor
inimigo”. Así o demostra esta crise que non rematou e os seus violentos efectos en forma de inestabilidade,
desigualdade crecente, populismo, nacionalismo e xenofobia.
Artigo publicado no diario La Región o domingo 19 de marzo do 2017
No hay comentarios:
Publicar un comentario