domingo, 5 de marzo de 2017

O Estado Cultural


O Estado Cultural” é o título dun controvertido libro do intelectual francés Marc Fumaroli publicado en 1991 (ed. en castelán, 2007), pero que mantén a día de hoxe o mesmo interese ca cando saíu do prelo. Comeza lembrando algo bastante ignorado: que o primeiro Ministerio de Cultura do mundo democrático non apareceu ata 1959, na Francia de De Gaulle. A carteira fora para André Malraux, figura mítica da cultura francesa do segundo terzo do século XX e gran escritor, quen estableceu por decreto a obriga do Estado de facer a Cultura accesible para todos. A iniciativa resultaba encomiable, pero escondía algúns perigos para a cultura democrática.
Fíxase Fumaroli en que cando o Estado se converte no principal administrador da Cultura prodúcese a súa uniformización –á baixa- e queda sometida ó control público, que aproveita para cargala da ideoloxía oficial e volvela inocua para o poder. A Cultura, di Fumaroli, pasa así a ser «outro nome da propaganda».  En sintonía, deuse unha ampliación do campo semántico da palabra, que foi pasando daquel orixinal da “cultura animi” de Cicerón, referido ás actividades do espírito que procuran a elevación da natureza humana, a outro onde “todo é cultura”, mesmo a barbarie. Mentres, as preferencias do Estado, nese todo cultural, fóronse centrando nas actividades de ocio: na diversión das masas, moito máis rendible politicamente cá promoción do estudo e do traballo serios. Facilitouse así o establecemento do que Adorno e Horkheimer chamaron a “pseudocultura”, que crea a ilusión de ser culto sen apenas esforzo. De aí o neoburgués paradigmático, ó que Fumaroli denomina ironicamente “Homo otiosus et peregrinator”, definíndoo como aquel que «entra docilmente nos itinerarios marcados polas Arcadias do Ocio sabiamente organizadas». «É para eses zombies para quen traballan as máquinas culturais»: imaxinen a que montaron os que vivían de alimentar tales máquinas ó ler estas cousas! Porque outra das características do “Estado Cultural” é a de ser subvencionado: «Fálase da democratización da cultura, pero o que realmente sucede é que privilexia e protexe a un pequeno sector subvencionado no que se confunden funcionarios e artistas».
Todo o ensaio de Fumaroli está referido a Francia, pero o modelo, como calquera pode comprender, resulta plenamente aplicable a outros países, entre eles a España, que sempre seguiu os modelos culturais do país veciño con certo retraso. Aquí, o primeiro Ministerio de Cultura é de 1977, de cando Suárez; e foi o resultado da mutación da antiga “Secretaría General del Movimiento” da ditadura, ministerio do que Suárez fora titular, incorporando funcións de “Educación y Descanso”, a organización do sindicato vertical franquista que se ocupaba da distracción dos traballadores. Ata niso se observa coincidencia co modelo de Fumaroli, que sitúa a raíz do “Estado Cultural”, tan defendido e impulsado logo pola esquerda, na mesmísima “Kulturkampf” da Prusia de Bismarck, precursora dos departamentos de cultura popular da Italia de Mussolini e da Alemaña de Hitler, e tamén da Francia de Petain.
Fumaroli céntrase na política de Estado, pero sinalando que «do mesmo xeito que Galileo postulara a pluralidade de mundos, non hai vila nin rexión de Francia que non teña hoxe o seu propio sistema solar cultural»... Tampouco aquí queda autonomía, nin deputación nin concello, por pequeno que sexa, que non teña o seu sistema cultural administrando a mesma medicina anestesiante... E ningún tempo mellor ca este do Entroido para comprobalo.

Artigo publicado no diario La Región o domingo 26 de febreiro do 2017

No hay comentarios: