Ponte de Pazos
De entre os
exercicios da escola hai un que lembro especialmente. Tratábase da realización
dun debuxo artístico da Ponte San Clodio. Antes de iso, don Lucio, o noso mestre,
acostumaba amosarnos algúns que fixeran alumnos de antano. E sempre recordo o
fermosos que me parecían aqueles debuxos. Talvez desa experiencia veña o meu
especial interese polas pontes. De feito, entre as investigacións históricas
que máis satisfacción me levan dado están as das pontes, sobre todo as relacionadas
coas do Avia: as miñas pontes da infancia.
Tres son as
grandes pontes do Avia: a de Ribadavia, a de San Clodio e a de Pazos; e a todas
lles teño dedicado bastante do meu “ocio estudoso”, dito isto no sentido
“erasmián” da expresión. A de Ribadavia é
a máis antiga: temos noticias dela desde principios do século XII, cando
aparece referida como “Ponte do Burgo”; e a pesar das reformas posteriores,
incluídas as desafortunadas do século XX, é un exemplo precioso de gran ponte
medieval: a súa vista desde augas arriba, co barrio xudeu ó fondo e a torre de
San Francisco á esquerda, continua sendo a postal máis típica de Ribadavia. A
de San Clodio, cos seus tres grandes arcos, foi obra do mosteiro homónimo promovida
polo abade Rodrigo de San Xes, bispo de Laodicea, a finais do século XV, e
segue a considerarse marabilla artística da época. A de Pazos, que se supoñía medieval,
é na realidade unha ponte do século XVIII, impulsada e pagada polos veciños de
Lebosende, que tivo como mestre de obras a Carlos de Rivas, natural de San
Salvador de Xirazga, na Terra de Montes; o seu arco maior, o único que perdura,
é unha das ruínas máis fermosas e evocadoras de Galicia. Estas tres grandes
pontes monumentais, todas anteriores a 1800 e repartidas en pouco máis de dez
quilómetros de conca, constitúen un caso único en Galicia e unha das leccións
máis claras sobre a importancia que acadou o Ribeiro de Avia no Antigo Réxime.
Ponte de Ribadavia
Pero hai
outras dúas pontes importantes no Avia, as dúas do último cuarto do XIX: a
ponte de ferro de Ribadavia, de estilo Eiffel, na liña de ferrocarril Ourense-Vigo,
e a magnífica ponte de pedra da Esperela, construída cando se modificou o
trazado orixinal da estrada Ribadavia-O Carballiño para facilitar o paso desta
vía por Leiro, na que foron mestres canteiros os irmáns Cerviño, José e Pedro,
de Aguasantas (Cotobade), primos do famoso escultor José Cerviño, artífice de
obras tan admiradas como o cruceiro de Hío, a torre da igrexa de Beariz ou
algúns pasos da Semana Santa de Cangas.
Tampouco
podo esquecerme de dúas pontes máis sinxelas pero non exentas de encanto: a
Ponte das Poldras e a Pasarela, as dúas en Leiro. A primeira é unha monumental
ponte de poldras de trece piares que une o Campo da Feira de Leiro co
Salgueiral de San Clodio, nunha paisaxe bucólica de gran beleza; foi construída
arredor de 1850 para enlazar Leiro coa daquela nova estrada Ribadavia-O
Carballiño, que cruzaba o Avia pola Ponte San Clodio e non pasaba por Leiro. A
segunda é unha ponte peonil colgante que foi construída pouco despois do Cámping,
a mediados dos sesenta, para facilitar o paso do centro de Leiro ó propio
Cámping e zona de baños do Misieiro.
Desde os
anos setenta ata agora construíronse seis pontes máis sobre o Avia, aproveitando o invento do
formigón pretensado, pero esquecendo algo fundamental: que nas pontes a
dimensión estética resulta esencial, non basta con atender á funcionalidade.
Como consecuencia, eses novos viaductos resultan vulgares. Tamén hai un par de
pasarelas novas... Pero só as vellas pontes do Avia merecen a dedicatoria dun
dos versos máis sublimes de J. Keats: «A thing of beauty is a joy for ever». Unha
cousa fermosa é un gozo para sempre.
Ponte San Clodio
Artigo publicado no diario La Región o domingo 12 de marzo do 2017
No hay comentarios:
Publicar un comentario