Mostrando entradas con la etiqueta Cataluña. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Cataluña. Mostrar todas las entradas

sábado, 23 de diciembre de 2017

Savater


Parece que este tempo outonizo se me dá polos filósofos: hai quince días escribía de Emilio Lledó e hoxe de Fernando Savater. Talvez por aquilo que dicía Maupaussant de que o outono é a estación máis propicia para a reflexión espiritual, que está no cerne do filosofar.
E creo non esaxerar se digo que Savater é o intelectual máis relevante da España dos últimos anos. Ata tal punto que considero que en ningún estudo serio sobre a actual democracia española se podería prescindir da súa obra. Sería coma tratar de analizar a España do primeiro terzo do século XX esquecéndose de Ortega ou de Unamuno. E digo isto porque  Ortega e Unamuno gardan estreitas semellanzas con Savater. Os tres, como autores, móvense nese campo fronteirizo, tan fecundo coma fermoso, que hai entre a filosofía e a literatura, no que nin sequera os pensamentos máis profundos prescinden da estética literaria. Porque os tres, talvez antes que nada, son grandes escritores. Pero, ademais, os tres se caracterizan polo seu papel de activistas políticos, de pensadores valentes que, defendendo as súas ideas –máis ou menos acertadas-, nunca renuncian ó compromiso cívico e político coa realidade do seu país, na que participan como importantes creadores de opinión. E para comunicarse dun xeito áxil e directo cos concidadáns utilizan o medio periodístico preferentemente. Pero se en Unamuno destaca a faciana narrativa sobre a xornalística, e en Ortega a filosófica, en Savater está nos ensaios e nos artigos periodísticos o máis sobresaínte da súa produción literaria, sen menosprezar, claro está, o resto da súa obra. A min por exemplo, como educador que son, paréceme que “Ética para Amador” e “El valor de educar” son libros imprescindibles en calquera centro educativo, o primeiro para os alumnos e o segundo para os profesores; e que “Despierta y lee” pode ser un gran libro de achegamento ós clásicos da literatura, comparable ós que Calvino, Bloom ou Steiner teñen escrito sobre a mesma temática.
Estes días anda Savater moi atrafegado presentando o seu último libro: “Contra el separatismo”, un “panfleto”, segundo o define el mesmo, que chama á acción da cidadanía contra o nacionalismo separatista que ameaza a integridade do Estado. Nada novo, polo tanto, pois é ben coñecida a súa postura contra os nacionalismos excluíntes: por atentar contra o estado democrático, baseado na igualdade dos cidadáns diante da lei, por encima de calquera consideración étnica, histórica ou territorial. En consecuencia, non precisamos ler o panfleto os que seguimos a Savater, pero sempre resulta interesante estar atento ó que vai dicindo. Así que lles achego catro cousas que entresaquei do que lle escoitei: a primeira sobre a aplicación do artigo 155 en Cataluña: «Nunca debe de preocuparnos que el Estado haga cumplir la ley. Cuando hay que preocuparse es cuando permite que no se cumpla»; a segunda sobre as recorrentes chamadas ó diálogo: «A veces se olvida que la ley, en un estado democrático, es el resultado de un diálogo. Y que nace, sobre todo, para ser aplicada cuando el diálogo no conduce a nada.»; a terceira sobre o silencio de moitos intelectuais diante do desafío: «No todos los intelectuales tienen opiniones dignas de ser escuchadas, la mayoría tienen la inteligencia suficiente para hacer su novelita o su peliculita, pero no van mucho más allá.»; e a cuarta sobre a convocatoria de eleccións para o próximo día 21: «Un error. Son muy precipitadas.», o mesmo que penso eu.
En fin, un poderá estar de acordo ou non coas opinións de Savater, pero do que ninguén  pode acusalo é de non falar clariño. Como devoto que é de Camus, e de Orwell.

Artigo publicado no diario La Región o domingo 26 de novembro do 2017.

Unha noticia boa

Non se fagan ilusións: cando isto escribo (xoves 26), non teño ningunha boa nova que ofrecerlles, nin de Cataluña nin dos incendios; a este respecto, máis ben todas son malas. O único que se me ocorre é unha reflexión: metemos  a un paisano no cárcere polo incendio imprudente dunha hectárea de monte, e mentres, ós que decidiron incendiar todo o país desde Cataluña mantémoslle soldo, coche oficial e escolta. Alguén pode explicar isto? Eu non.
Penso, xa que logo, en escribir algo en positivo. Así que me poño a revisar apuntes das últimas semanas, e, aínda que poucas, algunhas cousas eloxiables atopo.  Talvez a máis importante, a relacionada cun problema medioambiental global que xa vén de lonxe: o burato de ozono.
O problema evidenciouse a principios dos setenta, cando se detectou un anormal adelgazamento da chamada capa de ozono (O3), unha barreira protectora formada por moléculas desta substancia alótropa do osíxeno, causante da absorción na estratosfera de máis do 90% da radiación solar ultravioleta de alta frecuencia, capaz de producir un enorme incremento nas taxas de cancro de pel en humanos e animais, mentres deixa pasar  a de baixa, fundamental para a fotosíntese. As reaccións fotoquímicas de síntese e descomposición do O3 que se dan na estratosfera deben manter un equilibrio moi delicado, e nos setenta constatouse que tal equilibrio se rachara, ó detectar un importante incremento da radiación ultravioleta que chegaba á Terra, sobre todo no hemisferio Sur. E foron dous químicos de California, Molina e Rowland, os que descubriron que a causa principal do problema estaba no uso masivo dos gases clorofluorocarbonados (CFC), utilizados daquela en aerosois e refrixerantes. Tales compostos, unha vez liberados na atmosfera, producen radicais cloro na estratosfera, que son os que eliminan o ozono, transformándoo en osíxeno molecular (O2) e privándonos de paso deste beneficioso e natural escudo protector. Por ese traballo recibiron os citados químicos o premio Nobel en 1995. O descubrimento mobilizou á comunidade internacional nos anos oitenta, asustada ó ver como o burato de ozono continuaba medrando. Así, en 1985, 197 estados asinaron o Convenio de Viena para a protección da capa de ozono. Ó seu abeiro  confeccionouse o Protocolo de Montreal de 1987, documento no que se establecían os prazos de redución e eliminación dos CFC e dalgunhas outras substancias (caso dos HCFC) que se descubriron prexudiciais para a capa de ozono.
Hai aproximadamente un mes, en Bogotá, Megumi Seki, do secretariado da ONU para o tema do ozono, anunciou que o burato sobre a Antártida rexistrara este ano o menor tamaño desde 1988, o que se considerou un gran éxito da política medioambiental global, aínda que tamén avisou que non se pode baixar a garda, xa que aparecen novos desafíos.
O Protocolo de Montreal é utilizado en numerosas ocasións como exemplo do que pode lograr a comunidade internacional cando actúa unida. Os grandes problemas da humanidade son agora globais, e as solucións tamén. Para eles non existen fronteiras. Por iso non pode causar máis ca unha inmensa pena ver  a todos eses cataláns emperrados, en pleno século XXI, en levantar unha fronteira onde ata agora non a  había; e como, cegos por lograr ese fin, non reparan nos inmensos danos que tal conduta  vai traer, para os cataláns mesmos e para o resto dos españois.
Os independentistas cataláns ignoran unha advertencia central que fixera o gran Keynes: non basta con prometer algo teoricamente mellor có que temos, a mellora debe compensar os males que inevitablemente traerá a transición ata o estado prometido.

Artigo publicado no diario La Región o domingo 29 de outubro do 2017.

sábado, 21 de octubre de 2017

Spain is different

Talvez debería escribir sobre outras cousas e deixar o tema de Cataluña. Pero cando algún perigo ameaza debemos enfrontarnos a el: asubiar e mirar para outro lado non serve de nada. De feito, unha boa parte da gravidade do problema que temos vén diso: de que os primeiros obrigados a atallalo miraron para outro lado demasiado tempo. Agora entramos noutra semana crucial, na que ninguén sabe que vai pasar. Confiemos en que, coma ata agora, nada do que suceda sexa irreparable.
E aínda que case todo está dito, quixera insistir na idea do historiador Álvarez Junco que recollía no meu artigo de hai quince días, porque me parece moi importante:  que esta fase aguda do conflito catalán non nace do pobo de Cataluña, como pensa moita xente, senón dun enfrontamento entre as elites políticas, sinaladamente barcelonesas e madrileñas, que, incapaces de resolvelo nas institucións, acabaron transferíndollo á xente.
Hai uns datos que apenas se manexan e que a min me resultan moi significativos. O Centro d´Estudis d´Opinió (CEO), dependente da Generalitát de Cataluña e polo tanto libre de sospeitas de españolismo, publicaba o último barómetro sobre as opinións políticas dos cataláns en xullo deste ano; é dicir, noutronte. E, que nos dicía ese barómetro? Primeiro: un 35% dos cataláns quería que Cataluña fose un Estado independente, un 31% decantábase por que seguise sendo unha Comunidade Autónoma, un 22% por que fose un Estado dentro dunha España Federal e un 8% non sabía ou non contestaba. Segundo: un 39% das persoas entrevistadas sentíanse tan catalás coma españolas, un 23%  exclusivamente catalás, un 22% máis catalás que españolas, un 7% máis españolas ca catalás e un 5% exclusivamente españolas. En suma, que a maioría dos cataláns non estaba pola independencia e que o sentimento dunha nacionalidade  catalá exclusiva tamén era minoritario. Curiosamente, tan só dous meses despois, está moi estendida a crenza contraria: que os independentistas son maioría en Cataluña.  Non obstante, o certo é que seguirán sendo aproximadamente os mesmos. Porque a xente non cambia os seus sentimentos de identidade dun día para outro. Así o demostran todas as análises históricas deste tipo de cuestións. Cando, por exemplo, estudamos  como evolucionou a maioría parcial dos que se senten tan cataláns coma españois, vemos que o 39% actual era un 39,5% hai dez anos, e un 35% hai vinte e cinco; é dicir, que apenas houbo unha variación significativa de tal sentimento en todo un cuarto de século. O que si parece que medrou nos dous últimos meses, en case vinte puntos, foi a proporción dos que pensaban que se debía realizar un referendo. Pero iso non é un sentimento: é un estado de opinión, e as opinións si que varían, rápida e facilmente: hoxe nun sentido e mañá no contrario.
Reclaman os soberanistas, incansables, ese “dereito a decidir” que tan ben soa a oídos incautos, pero que ningunha democracia recoñece do xeito absoluto que o pretenden. E reclamaría eu, se mo permiten, un dereito que tampouco aparece en ningunha constitución, pero que debería figurar en todas: o dereito dos cidadáns a que os deixen tranquilos. Ós políticos elíxense e págaselle, fundamentalmente, para que resolvan problemas, non para que os creen. E á maioría absoluta da cidadanía xa nos chega ben cos contratempos que nos trae o azar da vida... Eu, se queren que lles diga, o que sinto nestes días é  unha profunda envexa. De quen? Dos cidadáns europeos que se levantan cada día sen temor a que ningún político iluminado poña en perigo o marco político e territorial no que se desenvolve a súa existencia. Pero xa se sabe: Spain is different.

Artigo publicado no diario La Región o domingo 15 de outubro do 2017.

lunes, 9 de octubre de 2017

Ignorancia letrada

Na toma das rúas de Cataluña fíxome na abundante presenza de estudantes, dos que bastantes semellan ser  aínda alumnos de instituto. Tamén no perfil dos adultos, entre os que parece sobresaír o das persoas con estudos e de clase media. Todo isto conferiríalle certo plus de credibilidade ás demandas do independentismo, pois parecería quedar eliminada a posibilidade de que se trate de multitudes manipuladas; mentres, axudaría a difundir a crenza de que os fins pretendidos serían o froito dunha reflexión libre, meditada e desapaixonada.
Pero claro, as cousas poucas veces son o que parecen. Para comezar quero recordar algo que escribiu o gran intelectual George Steiner arredor da cultura: «Críamos que a educación aseguraría unha permanente mellora na calidade de vida e que onde florecía a cultura a barbarie só era un pesadelo do pasado. Hoxe sabemos que non é así... Porque as bibliotecas, museos, teatros e universidades prosperaron nas proximidades dos campos de concentración.». Por tanto, nin sequera unha educación exquisita nos vacina contra a barbarie, debendo estar sempre vixiantes.
Analicemos agora a cultura dos mobilizados. Dos rapaces, pola miña profesión, creo coñecer bastante ben como son a esas idades. Adoitan ser francos e honestos, pero tamén inocentes e arroutados. Senten, ademais, unha gran necesidade de admirar  e de mitificar: a un profesor, a un actor, a un deportista, a un equipo de fútbol, a un ideal político ou relixioso, ... Por iso adoitan ser carne de canón para os adoutrinadores, que saben o fácil que resulta atraelos a unha causa e, sobre todo, sacalos á rúa. Con respecto ós adultos, coido que, aparte doutras razóns, existe agora unha común “ilusión de saber” e de sentirse “cheos de razón”. Moita xente, por ter estudado algo e dispor de abundante información ó seu alcance, pensa que xa pode opinar con fundamento sobre calquera cousa, esquecendo que o mundo é complexo e que as opinións fundadas precisan dun esforzado estudo e de certo coñecemento da materia de que se trate. Desde logo, o que non basta é a lectura apurada dos twits e dos guasaps que nos mandan os amigos e a visión das fotos e vídeos adxuntos, que é o que agora se practica, sen cavilar en que son as redes o principal instrumento  de manipulación social.  
En suma, contra o que podería parecer, o que estamos é diante dunha enorme ignorancia política, dominada pola opinión irreflexiva manifestada de forma radical, sen termos medios: “me gusta/ no me gusta”. Hai, polo tanto, unha perigosa preponderancia do visceral e un abandono da razón. Entramos así no marco preferido polo populismo, un dos maiores inimigos da democracia representativa: «un perigo que ameaza con destruír a propia democracia», en palabras de Pierre Bordieu. E nesas estamos en Cataluña, coa CUP (8,2% dos votos) marcando o paso.
Na miña función docente sempre trato de aclarar que non tódolos coñecementos teñen a mesma categoría: a lei de Ohm, con ser moi importante, non se pode comparar coas leis de Newton, que son principios fundamentais da Física Clásica. E iso que ocorre coa estrutura da Física ocorre coa de calquera outra materia, incluída a de estrutura do Estado, onde tamén hai leis e principios de categorías diferentes. Entre as leis, a primeira é a Constitución, e entre os principios, o primeiro é o de legalidade. A fortaleza desa lei e dese principio e a necesidade da súa defensa por parte do Estado resultan indiscutibles.
O que sorprende –talvez non tanto- é descubrir a cantidade de políticos, galegos incluídos, que estarían dispostos a deixar pisar tales principios e a permitir o afundimento do Estado con tal de conseguir os seus obxectivos.

Artigo publicado no diario La Región o domingo 8 de outubro do 2017.

Josep Pla

Ninguén sabe o que vai pasar este xa fatídico 1-O da historia de España e de Cataluña, pero o que desexamos case todos é que pase en paz. Mentres, resulta  case imposible situarse á marxe do gran problema no que nos meteron. Porque, tal como di o historiador Álvarez Junco, isto nace dun conflito entre as elites políticas, basicamente barcelonesas e madrileñas, competindo por apropiarse de competencias e recursos. Foron elas as que encirraron ó pobo, e agora estamos onde estamos. O pobo, en xeral, salvo catro exaltados, o que quere é tranquilidade e benestar, pero as elites son conscientes de que tampouco é tan difícil mobilizalo apelando a sentimentos e paixóns enquistadas. Os políticos responsables, que saben que non todo está permitido para tombar ó contrario, abstéñense de tocar certos rexistros. Pero cando medra a irresponsabilidade da clase política, como ten medrado en España, abandónase ese principio e calquera cousa pode suceder. Dito isto, subliño que a responsabilidade principal do que está pasando correspóndelle ó goberno da Generalitat.
E nestes días de voraxe informativa, cando escoitaba as opinións dalgúns dos  manifestantes que tomaron as rúas de Cataluña, lembreime de Josep Pla (1897-1981), un dos máis grandes escritores que ten dado Cataluña e referencia intelectual permanente para min.
Aparte da admiración mutua por Montaigne, Proust, Baroja ou Machado, comparto moitas das ideas do Pla maduro e experimentado -menos do Pla mozo-, pero a máis importante talvez sexa a do escepticismo respecto dos homes. «Non creo moito nos seres humanos» e  «Este mundo resulta incompatible coas persoas honradas» son dúas sentencias de Pla que subscribo totalmente. E asombroume ver como estudantes universitarios que apenas entraran na primavera da xuventude xa tiñan totalmente claras as raíces e as saídas do irresoluble problema de Cataluña, o mesmo cós adultos consultados. Pla, lembrando a súa xuventude, escribira: «Ós vinte anos tense unha visión moi simplista das cousas»; e sobre Barcelona e os barceloneses apuntara algo que agora resulta común en calquera sitio: «Esta é unha cidade na que todo o mundo o sabe todo». Mal o ten entón a razón traballada (non hai outra) nesta contenda.
Entusiasmados, os entrevistados falaban da república ideal que van crear: democracia perfecta, traballo para todos, servizos sociais inmellorables, corrupción cero, ...: unha Arcadia feliz. E outra vez Pla, nesta ocasión contestando a alguén que lle falaba mal da monarquía: «Se vostede me di que a monarquía é unha merda eu contéstolle con obxectividade total que a república tamén o é. As obras dos homes son o que son, e non poden ser outra cousa».
Tamén saía o tema do inxusto trato económico a Cataluña. E Pla, que coñecía moi ben a historia do seu país, xa tiña resposta para esta vella cuestión e para a asociada en favor da independencia: «A riqueza catalá parte de Joan Güell y Ferrer, impulsor do proteccionismo en España; desde entón Cataluña é un país inmensamente rico, groseiro e espantoso»; «O  catalanismo non debería prescindir de España: os cataláns fabrican moitos calzoncillos, pero non teñen suficientes cus».
Pla sabía moito da política e dos políticos cataláns, pasara polo nacionalismo e incluso polo independentismo, pero despois dos sucesos da II República e da total falta de lealdade de Esquerra con España, acabou repudiando o catalanismo político (que non o cultural) e posicionándose en contra de calquera variante do irredentismo e do vitimismo catalán.
Apunte final: desde 1969 entrégase en Cataluña o Premio de Honor das Letras Catalás. A Josep Pla, o seu escritor máis universal, nunca se lle concedeu.

Artigo publicado no diario La Región o domingo 1 de outubro do 2107.

lunes, 25 de septiembre de 2017

No vórtice

En xuño do 2014 publiquei neste diario unha columna co título de “A espiral”, onde dicía: «O problema catalán ten tódalas características dun movemento en espiral [...]. Agora estamos a piques de afrontar o maior desafío para a estrutura territorial peninsular do Estado  dos tres últimos séculos, e non é fácil saír dunha espiral cando se entrou na zona vertixinosa.». O tempo, por desgraza, veu a darme a razón, porque xusto nos atopamos no vórtice desa espiral.
Vórtice ‘remuíño, centro dun ciclón’ vén do latín vortex, vocábulo que tiña eses significados pero tamén os de abismo e profundidade. Coma vértice ou vertixe, remite ó lat. vertere ‘xirar, dar voltas, derribar’, estando sempre presente nas palabras desta familia léxica a idea dun xiro rápido e “vertixinoso” capaz de producir grandes catástrofes, sexan remuíños reais, coma os da auga ou os do vento, sexan metafóricos, coma os da paixón amorosa ou os da política.
Ata hai pouco, fóra de Cataluña, parecía non interesar o tema catalán. A xente, en xeral, e contra do que se puidera pensar, non quere que lle falen dos problemas realmente graves, ata que o mal se lle presenta con toda a virulencia acumulada: entón é cando se encomenda a tódolos santos. Así, tal como dicía un protagonista da Peste de Camus, «case todas as desgrazas dos homes veñen de non falar claro».
A miña posición sobre o problema catalán quedou exposta no artigo que antes citaba e en dous máis publicados no ano 2015: A decadencia española (25 set.) e Soberanía (20 nov.). Tal posición podería resumirse en tres puntos. Primeiro: total acordo con aquel diagnóstico de Ortega que dicía que o problema catalán non se podían resolver de xeito definitivo, que tan só cabía conlevalo o mellor posible, coma unha enfermidade crónica. Segundo: a progresiva decadencia da idea de España, xunto coa incapacidade de parte dos españois para comprender a natureza diversa e plural do Estado, vén constituíndo o principal alimento dos nacionalismos periféricos e da súa deriva independentista. Terceiro: o problema importante non é o da viabilidade de Cataluña como estado independente, senón o da inviabilidade de España cunha Cataluña independente: xusto aquí radica a insolubilidade da cuestión.
Non obstante,  tralo golpe do parlamento catalán contra a legalidade constitucional española (legalidade que inclúe a Cataluña) vou escribir algo a maiores. En concreto sobre o conto de que o que queren os cataláns é votar, e que votar sempre é unha manifestación de democracia. Falso: só o é cando a votación se inscribe dentro da legalidade democrática establecida. Porque non hai democracia sen respecto do principio de legalidade. No noso caso, ademais, a diferenza do que ocorre noutros países plenamente democráticos, pode cambiarse a legalidade no sentido  que pretenden os promotores do referendo, pero respectando, iso si, as regras de xogo que nos fomos dando nos últimos corenta anos. Fóra das regras de xogo todo desemboca na forza e na violencia, con tódolos males asociados; por iso ningunha desconformidade xustifica o desacato do marco constitucional.
Remitámonos á historia que ninguén quere mentar: 6 de outubro de 1934, declaración unilateral da República Catalana; 7 de outubro de 1934, sufocación da rebelión e volta á legalidade da II República Española; balance: 43 mortos... Dado o curso dos acontecementos, alguén pode asegurar que non vai suceder algo semellante ou incluso peor? Si, xa sei que ninguén quere nin sequera imaxinar tal cousa. O que pasa é que cando os insensatos dispoñen de mando resulta bastante común que sucedan cousas inimaxinables. En fin, cando isto escribo, a cousa non pinta ben.

Artigo publicado no diario La Región o domingo 24 de setembro do 2017.

sábado, 21 de noviembre de 2015

Soberanía

En setembro do ano pasado escribía nesta mesma columna que o problema catalán tiña tódalas características dun movemento en espiral, unha curva da que non resulta fácil saír cando xa se entra na zona vertixinosa. E en setembro deste ano, antes das eleccións do 27-S, aventuraba que unha declaración secesionista, da que os partidos contrarios non querían nin oír falar, caía dentro dos escenarios posibles. Por desgraza, confirmáronse tódolos prognósticos e agora ninguén sabe moi ben como rematará todo isto. E concluía aquela columna de setembro do 2014: «chegado o caso, non se debe esquecer que todo o que cae dentro da Lei está permitido, incluída a celebración dun referendo consultivo pola vía do art. 92. Non é desexable, porque sería traumático; pero, en última instancia, non se sabe de ninguén que gañase unha batalla finxindo que non había que loitar.». Agora que moitos, incluídos bastantes votantes do PP, ven o referendo como única saída posible deste labirinto, talvez sería conveniente aclarar aquela postura.
  Ortega, a quen algúns consideran anticuado –seguramente porque entenden que o excesivamente claro resulta anticuado-, xa fora á verdadeira raíz do problema, que non é outra cá soberanía. Si, “soberanía”, que nos remite a “soberano” (deriv. de “sobre”) que significa ‘o que está por encima’. E desde Rousseau tal soberanía correspóndelle de xeito lexítimo ó pobo, é dicir, ó conxunto de cidadáns libres e iguais dun Estado; no noso caso ó conxunto de cidadáns do Estado Español, sen posibilidade de partición de acordo coa legalidade. Iso significa que só ese conxunto, en uso da súa soberanía e botando man do seu poder constituínte, podería introducir unha partición do seu poder soberano e o dereito de secesión para certos territorios; é dicir, non nos enganemos: algo inaudito.
  Por iso Ortega lle dixera alto e claro ós cataláns nas cortes da II República: «No nos presentéis vuestro afán en términos de soberanía, porque entonces no nos entenderemos». Pero, entre moitos méritos, un defecto da nosa Transición foi o de non falar claro, o de alimentar esperanzas imposibles. E daqueles barros... Si, podería convocarse un referendo consultivo para os cataláns, pero logo sería preciso realizar outro entre todos os españois para ver se estaban decididos a ceder ás pretensións dos cataláns; e en última instancia, salvados eses dous referendos, habería que abrir un proceso constituínte... Ou é que para que Cataluña se constitúa como Estado débemos renunciar ó noso Estado de Dereito?
  Pero tamén foi gran torpeza argumentar coa ruína de Cataluña en caso de separación. Porque a ruína máis segura sería a do resto de España. Hai que considerar que o noso desenvolvemento durante o século XX foi totalmente asimétrico.  Baste un dato: no ano 1900, Galicia, con algo máis de dous millóns de habitantes, aínda superaba a poboación de Cataluña. Un século máis tarde a poboación de Cataluña triplica a de Galicia, e o PIB, o maior de España, case o cuadriplica... Pero iso non foi debido só ó mérito dos cataláns e á torpeza dos galegos. Parte do desenvolvemento catalán, coma do vasco, ten orixe galego, andaluz, aragonés..., e algúns dos atrasos galegos teñen a súa orixe en Cataluña, no País Vasco, en Madrid. Porque houbo asimétricas distribucións de recursos e importantísimas migracións internas, e de aí a necesaria solidariedade entre territorios, e o inadecuado de levantar calquera tipo de fronteira entre eles. E no caso dunha separación, quen sería o listo que valorase toda esa realidade compartida, económica e histórica? Ou é que pretenden quedarse co mellor solar da herdanza hispana cun  simple Adéu Espanya?...


Artigo publicado no diario La Región o venres 20 de novembro do 2015.

sábado, 26 de septiembre de 2015

A decadencia de España



Á pregunta sobre que pasaría ó día seguinte dunha suposta declaración unilateral de independencia por parte de Cataluña, os políticos secesionistas insisten en contestar que non pasaría nada, máis alá do inicio dunhas pacíficas negociacións que levarían á formación do novo estado catalán; mentres, todos os contrarios, aterrorizados por ese buraco negro, suxiren non poñerse en tal tesitura antes da celebración das eleccións do 27-S, confiando en que os independentistas non acaden a maioría. Por desgraza,  a realidade poucas veces se acomoda cos desexos, e nin resulta improbable que os independentistas gañen as eleccións, nin que as pacíficas negociacións que estes imaxinan nunca se celebren; polo que a poucos sorprendería que se producise o tan temido “choque de trens”. Nese senso, os precedentes non axudan, porque falamos de dous convois que xa teñen chocado de xeito estrepitoso en tres ocasións, a saber: 1640, 1714 e 1934. E, aínda que poucos queiran mentalo, nos choques de trens sempre hai vítimas. 

Convén saber, por tanto, que o problema de fondo ó que se enfronta España co desafío catalán non é novo. Pérdese no tempo da súa propia existencia como Estado e está relacionado cun mal crónico: a nunca resolta vertebración dos seus distintos territorios. E aquí a lectura atenta de Ortega, en concreto da “España Invertebrada” e dos discursos sobre o Estatuto Catalán na II República, resulta imprescindible. Porque, coas súas luces e coas súas sombras, Ortega segue a ser a mente que de xeito máis lúcido se ocupou deste problema e da súa relación coa idea de España e coa súa continuada decadencia. Pero claro, os políticos actuais non destacan pola afección á lectura, e moito menos de  Ortega, que nunca foi santo de devoción nin dos nacionalistas españois nin dos nacionalistas periféricos, e moito menos da esquerda. 

Dicía Ortega que o caso catalán era un caso típico de “nacionalismo particularista”,  «tendencia sumamente clara, que se apodera de un pueblo o colectividad y le hace desear ardientemente vivir aparte de los demás pueblos o colectividades». E apuntaba: «los nacionalismos sólo pueden deprimirse cuando se envuelvan en un gran movimiento ascensional de todo un país, cuando se crea un gran Estado, en el que van bien las cosas… Un Estado en decadencia fomenta los nacionalismos.». Pero lonxe de botarlle a culpa ós cataláns e ós vascos, Ortega poñía o punto de mira no poder central, ó que culpaba de querer castelanizar España e de fomentar, xeración tras xeración, o que el chamaba “selección inversa” da raza española, que consistía en preferir sempre «los tontos a los inteligentes y los envilecidos a los irreprochables» e en aproveitarse da inmensa forza do Estado para fins exclusivamente privados, en detrimento do interese público: igualico, igualico...!

E houbo algo desa forza ascensional da que falaba Ortega na Transición, pero a corrupción, a crise, as políticas inxustas e o traballo de minado dos nacionalistas, acabaron por neutralizala. O ataque ós símbolos, o desprezo pola Monarquía, a posta en dúbida dos méritos da Transición ou a xeral mediocridade dos políticos españois non son máis ca síntomas dun máximo de decadencia da idea de España. Basta con ver como un oscarizado director de cine, cebado polo Estado con millóns de euros, saídos en gran parte dos petos de españois que hoxe se debaten na pobreza, se atreve a dicir en público, ó recibir un premio nacional, que el non se sentiu español nin cinco minutos da súa vida... Menos mal que aínda nos queda Gasol.

Artigo publicado no diario La Región o venres 25 de setembro do 2015