En xuño do
2014 publiquei neste diario unha columna co título de “A espiral”, onde dicía:
«O problema catalán ten tódalas características dun movemento en espiral
[...]. Agora estamos a piques de afrontar o maior desafío para a estrutura
territorial peninsular do Estado dos
tres últimos séculos, e non é fácil saír dunha espiral cando se entrou na zona
vertixinosa.». O tempo, por desgraza, veu a darme a razón, porque xusto
nos atopamos no vórtice desa espiral.
Vórtice
‘remuíño, centro dun ciclón’ vén do latín vortex,
vocábulo que tiña eses significados pero tamén os de abismo e profundidade. Coma
vértice ou vertixe, remite ó lat. vertere
‘xirar, dar voltas, derribar’, estando sempre presente nas palabras desta
familia léxica a idea dun xiro rápido e “vertixinoso” capaz de producir grandes
catástrofes, sexan remuíños reais, coma os da auga ou os do vento, sexan
metafóricos, coma os da paixón amorosa ou os da política.
Ata hai
pouco, fóra de Cataluña, parecía non interesar o tema catalán. A xente, en
xeral, e contra do que se puidera pensar, non quere que lle falen dos problemas
realmente graves, ata que o mal se lle presenta con toda a virulencia
acumulada: entón é cando se encomenda a tódolos santos. Así, tal como dicía un
protagonista da Peste de Camus, «case
todas as desgrazas dos homes veñen de non falar claro».
A miña
posición sobre o problema catalán quedou exposta no artigo que antes citaba e
en dous máis publicados no ano 2015: A decadencia española (25 set.) e
Soberanía (20 nov.). Tal posición podería resumirse en tres puntos. Primeiro: total
acordo con aquel diagnóstico de Ortega que dicía que o problema catalán non se
podían resolver de xeito definitivo, que tan só cabía conlevalo o mellor
posible, coma unha enfermidade crónica. Segundo: a progresiva decadencia da
idea de España, xunto coa incapacidade de parte dos españois para comprender a
natureza diversa e plural do Estado, vén constituíndo o principal alimento dos
nacionalismos periféricos e da súa deriva independentista. Terceiro: o problema
importante non é o da viabilidade de Cataluña como estado independente, senón o
da inviabilidade de España cunha Cataluña independente: xusto aquí radica a
insolubilidade da cuestión.
Non
obstante, tralo golpe do parlamento
catalán contra a legalidade constitucional española (legalidade que inclúe a
Cataluña) vou escribir algo a maiores. En concreto sobre o conto de que o que
queren os cataláns é votar, e que votar sempre é unha manifestación de
democracia. Falso: só o é cando a votación se inscribe dentro da legalidade democrática
establecida. Porque non hai democracia sen respecto do principio de legalidade.
No noso caso, ademais, a diferenza do que ocorre noutros países plenamente
democráticos, pode cambiarse a legalidade no sentido que pretenden os promotores do referendo, pero
respectando, iso si, as regras de xogo que nos fomos dando nos últimos corenta
anos. Fóra das regras de xogo todo desemboca na forza e na violencia, con
tódolos males asociados; por iso ningunha desconformidade xustifica o desacato
do marco constitucional.
Remitámonos á historia que ninguén quere mentar: 6 de
outubro de 1934, declaración unilateral da República Catalana; 7 de outubro de
1934, sufocación da rebelión e volta á legalidade da II República Española;
balance: 43 mortos... Dado o curso dos acontecementos, alguén pode asegurar que
non vai suceder algo semellante ou incluso peor? Si, xa sei que ninguén quere
nin sequera imaxinar tal cousa. O que pasa é que cando os insensatos dispoñen
de mando resulta bastante común que sucedan cousas inimaxinables. En fin, cando
isto escribo, a cousa non pinta ben.
Artigo publicado no diario La Región o domingo 24 de setembro do 2017.
No hay comentarios:
Publicar un comentario