Mostrando entradas con la etiqueta Samuel Eiján. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Samuel Eiján. Mostrar todas las entradas

viernes, 24 de febrero de 2017

Mimosas


Ata hai corenta ou cincuenta anos, a maioría pensaba que todos os hábitos culturais nos que se desenvolvía a súa vida eran moi antigos. O motivo fundamental era que case ninguén tiña memoria do comezo de tales tradicións, e daquela os eruditos andaban escasos. Pasaba algo parecido coas paisaxes: un nacía entre viñas, socalcos e piñeirais e pensaba que alí sempre houbera viñas, socalcos e piñeirais; e o mesmo lle pasaba ó que nacera noutro tipo de paisaxe. Ata sucedía o mesmo coas institucións, pois raramente se cavilaba en que noutro tempo foran diferentes. Agora o mundo é máis cambiante e hai internet; en consecuencia, esta forma de pensar mudou algo.
En liña con isto, cría eu de rapaz que as mimosas sempre habitaran no Ribeiro: que nos outonos os ribeiraos sempre foran ós mimosais para facer a madeira das viñas; que as rosquilleiras sempre engarzaran as rosquillas que levaban ás festas en pauciños de mimosa; que as uvas do tostado sempre se colgaran do fallado en gallas de mimosa,  e que os mozos e as mozas sempre adornaran os seus sombreiros de entroido cos ramos amarelos e recendentes das flores das mimosas.
Pero lembro ben o día no que, sendo rapazote, descubrín a falsidade de todas esas crenzas: as mimosas viñeran de fóra e levaban pouco máis de medio século no Ribeiro. Foi un veciño, ó señor Luís ‘O Abeledo’ -que morreu  con cerca de cen anos haberá quince-,  quen me contou o  que seu pai lle dixera: que cando era mozo –no último cuarto do XIX- aínda non había mimosas na contorna de Leiro, e que as primeiras plantáranse en Berán, a onde ían a mercalas os dos pobos veciños. Pouco despois plantáronse por todo o Ribeiro. Contoume tamén que as estacas de antes das mimosas eran case todas de castaño, e que se lles queimaba a punta para que durasen máis, por iso lles chamaban “latizas”; pero que a enfermidade da “tinta” trouxera moita escaseza desta madeira. Sospeito que un relato semellante se escoitou por tódolos vales de Ourense, pois en todos se cultivaba o viño e se precisaban estacas.
Esa historia fixo que sempre estivese eu atento ós datos sobre as  mimosas. E se algún estudo retrasa a súa chegada ata despois de 1930, a maioría coinciden en que foron plantadas por primeira vez cando a chegada do tren a Galicia, nos terrapléns da vía férrea, para aseguralos. Para demostrar a falsidade da primeira data basta un verso dun poema de Samuel Eiján dedicado ó pombal da súa casa de San Clodio, publicado en 1913. Di: «Tiña por detrás mimosas para lle formar cortexo»; e alí continúan, o pombal e as mimosas. E con respecto á segunda data, vexan o que dicía esta cantiga popular: «Na túa horta, meniña, hai un pé de malva rosa; dáme del unha poliña, que eu cha darei de mimosa». Foi recollida por Marcial Valladares en 1867, cando aínda non asubiara ningún tren en Galicia... Si, por veces, a poesía tamén é unha arma cargada de pasado!
Estamos en tempo de mimosas. Tamén de desmemorias e desagradecementos. A mimosa, que en Francia ou en Italia é cultivada e a súa flor constitúe un bo negocio,  pasou aquí de ser cantada a ser aldraxada. Con frecuencia é tratada de inimiga e de invasora, e ata no dicionario da RAG figura este exemplo de uso: «as mismosas inzan tanto que constitúen unha verdadeira praga». Mentres, ninguén se acorda dos servizos que prestou nin da nota de alegría paisaxística e cultural que lle puxo ó  tempo do entroido. É certo que ultimamente se expandiu nalgúns lugares de xeito descontrolado. Pero non é culpa dela. Pensar iso é confundir os síntomas coa enfermidade. Porque a verdadeira enfermidade, sabémolo ben, é o abandono do campo e a extinción da sociedade rural galega.

Artigo publicado no diario La Región o domingo 19 de febreiro do 2017

martes, 8 de octubre de 2013

Tempo de vendima

Vendima no Ribeiro (1945) de galiciaunica.es

Otero Pedrayo consideraba a vendima como paradigma do tempo feliz. Pensaba, ademais, que era tempo  propicio para ler a Teócrito e a Virxilio. Porque o conxunto de traballos e rituais da vendima xa están nos clásicos: Homero, Hesiodo, Anacreonte, Teócrito, Virxilio…, todos lle cantan á vendima o canto do tempo feliz. Cando un le: «os mozos e as doncelas/ en cestas acuguladas/ van as vendimadas uvas / levando para as tinallas /../ ao nume da vendima/ coros alegres cantan», podería pensar en calquera vendima de hai algúns anos, pero estes versos da “Oda ó viño” foron escritos por Anacreonte seis séculos antes de Cristo. Logo, o cristianismo, ó recoller boa parte do antigo e riquísimo simbolismo das vides e do viño, común a diversas culturas, e converter en dogma a transformación eucarística do viño en sangue de Cristo, achegaría á xente moitas metáforas e parábolas relacionadas con este tema, destacando sempre o carácter alegre e festivo da vendima: «e saíndo ó campo, vendimaron as viñas, pisaron as uvas e fixeron unha festa» (Xuíces; 9,26). As escenas de vendima que se representan no mosaico do mausoleo de Santa Constanza, en Roma, unha obra do século IV, en pouco se diferencian das tradicionais vendimas de Galicia: as vendimadoras cortando os acios con ganchelas ou coitelas, os carrexóns levando ó lombo os cestos culeiros acugulados, o carro de bois coa súa tinalla de madeira para o transporte das uvas, os pisóns exercendo o seu oficio no lagar… Asombra esa constancia milenaria das labores e dos símbolos, pero son os “canteiros” (‘pedras prismáticas sobre as que se colocan as cubas’) nos que asentaron as liturxias da vendima, por esa razón perdurables co decorrer do tempo. Por todo iso, coma os clásicos, os nosos poetas celebraron o tempo feliz da vendima: «Arde en bulla o Ribeiro/…/É o tempo da colleita/…/Nos eidos, ¡qué alegría!/ Nas adegas, ¡qué bullas e que afáns!/ Nos lagares, ¡qué louca algarabía!/ ¡Qué sana toleiría/ nas horas dos seráns!», cantaba don Eladio no seu poema “A Vindima”; e Samuel Eiján, nos traballados versos de “Vida Sanclodiana”, definía aquelas vendimas do pobo: « La vendimia es…la calma regalada/ de pueblo humilde, manso, agradecido/.../ Es…el júbilo grato, placentero,// Es…la gran solución, firme, brillante,/ del problema peor de la existencia,/ que asegura al hogar pan abundante/…/ y promete al vivir tiempos mejores/». E así lembro eu as vendimas no Ribeiro.

Pero, pasemos ó tempo de hoxe. Estou en San Clodio, parroquia natal don Eladio e do padre Eiján, e tamén miña. Leo a Cunqueiro á sombra dunha parra. Ó meu alcance está un acio de dourada treixadura de vagos diamantinos. É tempo de vendima: estamos na forza dela! Todo semella fermosísimo: o aire é de seda, o ceo dun azul intenso; nas follas, os verdes comezan a deixarlle paso ós amarelos; zoan as avespas arredor dunha cepa albilla, e uns xilgaros comen con fruición as sementes dunhas caléndulas; recende a pexegos e a membrillos… Pero, onde vai aquela bulla e aquelas trafegas dun pobo na vendima? A maioría das casas aparecen pechadas; as vellas cubas, os embudos da pisa, os culeiros e as barcaletas van cedendo ós ataques dos vermes na escuridade das bodegas baldías. Non se escoitan ataruxos, nin pasa ningún grupo de vendimotas pola Praza. As mimosas, os piñeiros e os carballos continúan derrotando, nos socalcos, ós antano ordenados e poderosos exércitos das viñas, e pronto atacarán ó nobre casarío. Un tractor cargado de uvas, con destino nunha bodega circunstancial, racha o silencio e a soidade da tarde. Insensible ó acontecer, a maioría da veciñanza descansa na paz do cimiterio parroquial, libre das preocupacións deste tempo decadente… Resoan uns versos do poeta amado roubado na flor da existencia: ¡Sacras terras do noso impar Ribeiro/…/ antonte berce e hoxe cemiterio!

Artigo publicado no diario La Región o 8 de outubro do 2013. Pincha aquí.