martes, 8 de octubre de 2013

Tempo de vendima

Vendima no Ribeiro (1945) de galiciaunica.es

Otero Pedrayo consideraba a vendima como paradigma do tempo feliz. Pensaba, ademais, que era tempo  propicio para ler a Teócrito e a Virxilio. Porque o conxunto de traballos e rituais da vendima xa están nos clásicos: Homero, Hesiodo, Anacreonte, Teócrito, Virxilio…, todos lle cantan á vendima o canto do tempo feliz. Cando un le: «os mozos e as doncelas/ en cestas acuguladas/ van as vendimadas uvas / levando para as tinallas /../ ao nume da vendima/ coros alegres cantan», podería pensar en calquera vendima de hai algúns anos, pero estes versos da “Oda ó viño” foron escritos por Anacreonte seis séculos antes de Cristo. Logo, o cristianismo, ó recoller boa parte do antigo e riquísimo simbolismo das vides e do viño, común a diversas culturas, e converter en dogma a transformación eucarística do viño en sangue de Cristo, achegaría á xente moitas metáforas e parábolas relacionadas con este tema, destacando sempre o carácter alegre e festivo da vendima: «e saíndo ó campo, vendimaron as viñas, pisaron as uvas e fixeron unha festa» (Xuíces; 9,26). As escenas de vendima que se representan no mosaico do mausoleo de Santa Constanza, en Roma, unha obra do século IV, en pouco se diferencian das tradicionais vendimas de Galicia: as vendimadoras cortando os acios con ganchelas ou coitelas, os carrexóns levando ó lombo os cestos culeiros acugulados, o carro de bois coa súa tinalla de madeira para o transporte das uvas, os pisóns exercendo o seu oficio no lagar… Asombra esa constancia milenaria das labores e dos símbolos, pero son os “canteiros” (‘pedras prismáticas sobre as que se colocan as cubas’) nos que asentaron as liturxias da vendima, por esa razón perdurables co decorrer do tempo. Por todo iso, coma os clásicos, os nosos poetas celebraron o tempo feliz da vendima: «Arde en bulla o Ribeiro/…/É o tempo da colleita/…/Nos eidos, ¡qué alegría!/ Nas adegas, ¡qué bullas e que afáns!/ Nos lagares, ¡qué louca algarabía!/ ¡Qué sana toleiría/ nas horas dos seráns!», cantaba don Eladio no seu poema “A Vindima”; e Samuel Eiján, nos traballados versos de “Vida Sanclodiana”, definía aquelas vendimas do pobo: « La vendimia es…la calma regalada/ de pueblo humilde, manso, agradecido/.../ Es…el júbilo grato, placentero,// Es…la gran solución, firme, brillante,/ del problema peor de la existencia,/ que asegura al hogar pan abundante/…/ y promete al vivir tiempos mejores/». E así lembro eu as vendimas no Ribeiro.

Pero, pasemos ó tempo de hoxe. Estou en San Clodio, parroquia natal don Eladio e do padre Eiján, e tamén miña. Leo a Cunqueiro á sombra dunha parra. Ó meu alcance está un acio de dourada treixadura de vagos diamantinos. É tempo de vendima: estamos na forza dela! Todo semella fermosísimo: o aire é de seda, o ceo dun azul intenso; nas follas, os verdes comezan a deixarlle paso ós amarelos; zoan as avespas arredor dunha cepa albilla, e uns xilgaros comen con fruición as sementes dunhas caléndulas; recende a pexegos e a membrillos… Pero, onde vai aquela bulla e aquelas trafegas dun pobo na vendima? A maioría das casas aparecen pechadas; as vellas cubas, os embudos da pisa, os culeiros e as barcaletas van cedendo ós ataques dos vermes na escuridade das bodegas baldías. Non se escoitan ataruxos, nin pasa ningún grupo de vendimotas pola Praza. As mimosas, os piñeiros e os carballos continúan derrotando, nos socalcos, ós antano ordenados e poderosos exércitos das viñas, e pronto atacarán ó nobre casarío. Un tractor cargado de uvas, con destino nunha bodega circunstancial, racha o silencio e a soidade da tarde. Insensible ó acontecer, a maioría da veciñanza descansa na paz do cimiterio parroquial, libre das preocupacións deste tempo decadente… Resoan uns versos do poeta amado roubado na flor da existencia: ¡Sacras terras do noso impar Ribeiro/…/ antonte berce e hoxe cemiterio!

Artigo publicado no diario La Región o 8 de outubro do 2013. Pincha aquí.

1 comentario:

Félix dijo...

Precioso, conectando clásicos e experiencias persoais... Paso a compartilo tamén, buscando as poucas fotos e textos que teño publicado sobre a vendima no meu Louredo natal. Graciñas!!