As moscas son criaturas fascinantes. Cada pouco os científicos descobren nelas novas e sorprendentes peculiaridades, a maioría relacionadas cos sofisticados sistemas defensivos que as protexen dos seus múltiples inimigos. Porque, aínda recoñecendo que as moscas realizan funcións moi positivas dentro dos ecosistemas, se algo as caracteriza é a súa capacidade para importunar e para gañar inimizades. Pensaba niso o outro día, cando un par delas se empeñaban en impedirme ler o periódico tranquilo. Mentres unha atacaba sen compaixón as miñas veas tibiais, a outra esforzábase en demostrarme algo que xa apuntara Gómez de la Serna, que elas son os únicos animais que poden ler o periódico. Ataquei con éxito á primeira, pero foi inútil: dúas camaradas ocuparon rapidamente o lugar da defunta. Á outra, a lectora, dado o seu comportamento máis amigable e a que un sabe que espertar pola mañá convertido nun insecto é algo que lle pode pasar a calquera, simplemente tratei de espantala; pero ela, pertinaz, insistía en pousarse nunha folla do xornal, xusto encima dunha noticia na que eu non reparara. Entendín entón, sabedor da gran intelixencia das moscas, que o que quería era que me fixara. A noticia dicía: «Un exdiputado del PSOE, que se había mostrado muy crítico con los procesos de selección de personal en la Diputación de Ourense, es contratado, sin concurso público, por el actual presidente de la misma para que le asesore en prácticas de buen gobierno y transparencia». Ah, pensei, cánta razón tiña o poeta: vosotras, moscas vulgares / me evocáis todas las cosas!
Cando apareceron os primeiros homínidos as moscas xa levaban na Terra corenta millóns de anos, pero no noso entorno sentíronse tan a gusto que xa non nos abandonaron máis. Como resulta evidente, o gusto non foi mutuo, pero a pesar dos continuos intentos por desfacernos delas aí seguen, realidade que constitúe para algúns autores o conflicto bélico máis antigo e importante que ven librando a humanidade, ademais de ser o que máis baixas ten producido nos dous bandos. Dese xeito, ningunha outra especie ten sido observada pola nosa con tanto detalle e proximidade; tampouco con tanta mala leite, porque boa parte das observacións, fosen domésticas ou científicas, sempre coincidiron no fin principal da eliminación. Por esta razón, case evolutiva, cando se presenta alguén que resulta molesto, o primeiro que pensamos é nas moscas e nos métodos de desfacernos delas. Para iso, a intelixencia humana leva desenvolvido multitude de métodos, que, sen conducirnos a victorias definitivas, si teñen logrado importantes trunfos parciais. Así, desde o simple manotazo ó spray insecticida, pasando por todo tipo de trampas, hai centos de métodos á nosa disposición, para que escollamos o que máis conveña segundo as circunstancias. Os políticos poderosos –tradicionalmente de dereitas-, coñecedores da importancia de saber neutralizar axeitadamente ós moscardos, teñen estudado con gran aproveitamento este capítulo da entomoloxía das moscas, un capítulo que, curiosamente, os políticos que carecen de tal poder –tradicionalmente de esquerdas- adoitaron ignorar, en beneficio do estudo doutros insectos coma as formigas e as abellas, cando non as bolboretas. En consecuencia, calquera poderoso sabe que o simple manotazo ou a espátula matamoscas resultan métodos bastos e desaxeitados utilizados en público, aínda que se poida desfrutar deles en privado, e non digamos nada da impopularidade dos insecticidas. Non, non; ós molestos convén buscarlles algo polo que eles soliños se perdan e se autoeliminen. E, por que se perden as moscas? Polo azucre! Igual cós homes… Xa estaba ben escrito na fábula: «A un panal de rica miel / dos mil moscas acudieron / que por golosas murieron /…/los humanos corazones / perecen en las prisiones / del vicio que los domina».
Artigo publicado no diario La Región o 2 de outubro do 2013. Pincha aquí para velo
No hay comentarios:
Publicar un comentario