O noso sistema educativo é malo e caro: aí están os resultados e as estatísticas. Encima é dos máis esixentes, con alumnos saturados de traballo e familias estresadas polas obrigas escolares. Ninguén debería dubidar da necesidade de melloralo. E iso promete a Lei Wert, que se autotitula da “Mellora Educativa”. Pero, realmente vai mellorar algo? Para tratar de dar unha resposta, con independencia do erro que supón a imposición unilateral da norma, propoño un exercicio: comparar o que pretende co que se fai en Finlandia, país europeo de referencia en educación.
Podemos comezar pola relación público-privado. En Finlandia, en sintonía cos países da UE, máis do 90% dos alumnos de primaria e secundaria asisten a colexios públicos: en España non chegan ó 70%. Non parece que a nova Lei, dando máis facilidades á concertación, teña entre os seus obxectivos converxer con Finlandia neste apartado; tampouco no da total gratuidade do ensino obrigatorio, que alí inclúe libros de texto, material escolar e comedor, todo de balde; por certo, cun gasto por alumno inferior ó de España. Outra divisa da Lei Wert é a da implantación de diversas probas de avaliación externas no ensino obrigatorio e no bacharelato. Convén saber que en Finlandia, no ensino obrigatorio, practicamente non hai exames, que os deberes son mínimos e que a única proba externa realízase ó final do bacharelato, e tan só para os que pretenden seguir estudos superiores. Tampouco o adianto da separación por itinerarios ou da entrada en FP nos leva á converxencia con Finlandia; alí, os estudos obrigatorios son comúns ata os 16 anos, sen ningún tipo de itinerario e cunha optatividade reducida, que adoita profundar en materias obrigatorias (inglés, matemáticas, ciencia…). A FP, excelente, faise despois de completado o ensino obrigatorio, en tres anos, igual có bacharelato. E sobre as linguas? En Finlandia existen dúas linguas oficiais, o finés (maioritario, 91,2%) e o sueco (minoritario, 5,4%), e os pais poden escoller entre centros en lingua finlandesa e centros en lingua sueca, sendo o outro idioma oficial materia obrigatoria; trátase dun sistema semellante ó do País Vasco ou Navarra, que non impide a Lei Wert, dirixida neste ámbito contra a inmersión lingüística catalana. E que dicir da financiación de centros privados que segregan por sexo ou da eliminación da Educación para a Cidadanía? En Finlandia non hai segregación e existe unha materia que trata dos temas de educación da cidadanía. Coincídese, iso si, na obrigatoriedade da relixión (ou da ética), aínda que en Finlandia raramente sexa a católica (0,14% da poboacíón).
En suma, o exemplar sistema finlandés e a Lei Wert parécense tanto coma o día e a noite. E hai unha razón fundamental para iso: a sociedade finlandesa, en conxunto, defende un ensino igualitario e colectivista, e dá as costas, con éxito, ás reformas educativas neoliberais de carácter competitivo, xusto a ideoloxía á que se entrega a Lei Wert con dúas únicas condicións: o incremento da participación da igrexa católica e a satisfacción, no posible, das demandas do nacionalismo español. Fronte a isto temos a un PSOE autocompracido coas súas reformas, que pensa que basta con meter ós alumnos nas aulas e formalos nos valores democráticos; e non só é iso, como se podería aprender moi ben de Finlandia.
Existe unha única saída para o labirinto no que nos movemos: un gran pacto polo ensino –como o que intentara o ministro Gabilondo- e unha nova lei consensuada e ilusionante. A Lei Wert simplemente reflicte o clima de polarización e división política que vive España.
Artigo publicado no diario "La Región" o 24 de outubro do 2013. Pincha aquí.
2 comentarios:
Son Julio do Porto. Hai trinte e cinco anos demos xuntos algunhas patadas ao balón en Leiro, cando o equipo aínda non estaba federado. Desde hai dous ou tres anos, sigo o teu blog, ao que cheguei buscando cousas de Ribadavia. Realmente, escribes cousas moi interesantes, polo menos para min. Quéroche dar as grazas por esa forma desprendida de compartir a túa sabiduría e o teu traballo, xa sexa de opinión, ou xa de investigación.
Sobre este artigo, estou de acordo en moitas apreciacións, porque máis que opinións, son feitos; pero quero puntualizar que, por suposto, España non é Finlandia.
Moitas grazas pola túa atención Julio. Lémbrome ben de ti e daquel tempo. Dis ben o de que lle dábamos algunhas patadas ó balón… Pero que gañas lle poñiamos!
Con respecto a Finlandia, xa sabes que no blog xa publicara dúas entradas sobre o seu sistema educativo. Tes razón, Finlandia e España son países moi diferentes, e o seu sistema educativo non resulta directamente trasladable, como o da maioría dos países. Pero iso non quita para que sexa un espello no que mirarse, para recoller o que poida interesarnos. Ademais, como Finlandia sempre se pon como exemplo, incluso aparece no preámbulo da Lei Wert, a xente podía pensar que o que nos presentan ten algo que ver con ese sistema. E nada máis lonxe da realidade.
En fin. Un pracer recibir o teu comentario. Unha boa aperta.
Publicar un comentario