Mostrando entradas con la etiqueta Tatí. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Tatí. Mostrar todas las entradas

sábado, 29 de abril de 2017

En bicicleta


Hai tempo que desexaba escribir un eloxio da bicicleta, e van alá varios intentos. O último no pasado outono, cando os fríos de novembro recomendaban o inicio do tradicional paréntese invernal do pedaleo. Agora regresou o bo tempo, volveron as bicicletas ás estradas e  retornou a idea do texto pendente.  
Foi Marc Augé, antropólogo francés autor dun libro sobre este tema, quen escribiu que ninguén podía facer un eloxio da bicicleta sen falar de si mesmo. E tiña razón, porque basta pensar niso para que se acugulen na mente centos de imaxes de vivencias nas que a bicicleta foi protagonista das nosas vidas. Talvez nos suceda máis iso ós que temos certa idade, e menos ós novos; porque a bicicleta, por desgraza, perdeu parte da importancia cultural que tivo.
Ninguén esquece como aprendeu a montar en bicicleta, nin as viaxes iniciáticas que fixo montado nela cos seus amigos. Tampouco aquel verán no que  levou sentada no cadro á bonita rapaza que tanto lle gustaba. Son lembranzas comúns que explican o xeral aprecio que sentimos polas bicicletas. Pero se houbera que resumir nunha palabra o que simboliza este velocípede, eu diría liberdade. Non sei no que soñan os rapaces de agora, nin sequera sei se soñan tanto como soñabamos; pero o que sei é que a bicicleta foi para nós unha máxica máquina de soños e de evasións que nos abría a posibilidade de descubrir novos mundos. E en certa medida, pasados os anos, cada vez que un  monta na bicicleta recupera sensacións daquel tempo perdido e feliz que foi o da infancia e da adolescencia.
Como amante do cine, escribindo disto, non me esquezo de Día de Festa de J. Tati nin de Ladrón de bicicletas de V. de Sica, pero hai dúas secuencias noutras dúas películas que, ó meu ver, reflicten coma ningunhas o carácter liberador da bicicleta: a primeira está en A Gran Evasión, cando un protagonista (James Coburn), despois da fuga, atravesa os verdes campos de Francia en bicicleta e consegue ser un dos poucos evadidos que alcanza a liberdade; a segunda, das mellores da historia do cine, está en E.T., cando os rapaces levantan o voo montados nas súas bicis. A primeira simbolizaría a viaxe que todos soñamos algunha vez, pero que poucos teñen o valor de realizar: a do home que para ser libre sae a coñecer o mundo, pedalada a pedalada, lixeiro de equipaxe e montado na bicicleta da mocidade. A segunda remite a algo profundo e alegórico: á ansia do home por voar, tanto física coma espiritual, na que a bicicleta parece ser paso intermedio e necesario: “Yo sé que tiene alas./ Que volando me lleva/ por prados que no acaban/ y mares que no empiezan”, cantáballe o poeta no exilio á súa bicicleta ultramarina.
Eu aprendín a andar en bicicleta nunha de piñón fixo, na desaparecida fábrica de madeira do señor Arsenio; conseguín sosterme costa abaixo durante uns vinte metros para logo espetarme contra a parede do secadeiro das táboas. Despois, a primeira viaxe iniciática fíxena con catro amigos; para iso tivemos que requisar medio parque móbil da parroquia, pois non eran tantos os veciños con bicicleta; teríamos once ou doce anos; subimos polo Carballiño, baixamos por Barbantes e regresamos a San Clodio por Ribadavia: aínda hoxe penso que foi unha das viaxes máis fermosas das nosas vidas.
Pouco se parece a bicicleta de hoxe a aquela vetusta Orbea que mercara meu pai como medio de locomoción familiar; noto a falta, sobre todo, do timbre e da botelliña da dinamo co seu foco. Non obstante, cando me lanzo costa abaixo polas estradas da infancia e xogo a cambiar a posición da cabeza, para experimentar os distintos xeitos que ten de zoar o vento, por veces, non estou seguro se quen vai na bicicleta é este home maduro que agora escribe ou aquel neno no que agora pensa.

Artigo publicado no diario La Región o domingo 23 de abril do 2017.

sábado, 9 de enero de 2016

Cartas e carteiros



Este ano, por primeira vez desde non sei cando, non recibín ningunha felicitación de Nadal por carta; chegaron bastantes por e-mail e por whatsapp, pero por correo ordinario ningunha. Tamén debo confesar que haberá cousa de dez anos que deixei de escribir postais de Nadal. Pero a crise do correo ordinario é xeral, nin me afecta só a min, nin ás felicitacións de Nadal exclusivamente. O certo é que apenas escribimos cartas, e que en xusta “correspondencia” apenas nos las escriben. Si, xa sei que aínda así o buzón adoita estar cheo, pero non son cartas: son misivas do banco, recibos da electricidade e da auga, folletos publicitarios, … E cada vez que o carteiro nos reclama invádenos tal angustia que só pensamos en cal será o infortunio para a que se solicita o noso acuse de recibo: multa de tráfico, revisión de facenda, citación do xulgado, … E non obstante, houbo un tempo no que cando o carteiro chamaba á porta o que sentiamos era un sobresalto de felicidade. Era aquel tempo no que a xente escribía cartas.
Se o pensamos ben, o cambio fundamental que leva transformando a sociedade nos últimos dous séculos é o do incremento da velocidade; pero non só na producción e distribución de bens, tamén na transmisión e comunicación de ideas, coñecementos e emocións. E a carta persoal adoitaba transmitir emocións e sentimentos de especial interese para o correspondente, de aí o seu inconmensurable valor. Non obstante, pola súa natureza, a carta precisa tempo: de quen a escribe, para a reflexión; de quen a transporta, para o desprazamento; e de quen a recibe, para a lectura. Pero agora, a pesar do tedio que nos consume, ninguén parece dispor de tempo.
Hai unha marabillosa película de Jacques Tatí, Día de festa (1948), que é unha sátira da obsesión pola velocidade: retrata a Françoise, un carteiro rural francés que, despois de ver nun NODO as novas técnicas dos carteiros dos EE UU, comeza a emulalos coa súa bicicleta. E eu vivín o mesmo cambio en San Clodio, nos anos sesenta: cando pasamos do Antonio “O Salgado”, carteiro peonil e paroleiro, ó motorizado José “O Charrapas”, calcado do Françoise de Tatí, que primeiro substituíu as pernas por unha bicicleta Orbea, logo a bicicleta por unha moto Guzzi, e máis tarde a moto por unha Citroneta 2CV do mesmo modelo ca unha que me trouxeran a min os reis. Pero o José non só presumía da velocidade mecanizada na súa cartería, senón que ata nos desafiaba ós máis novos, na súa taberna de Leiro, a ver se algún conseguía seguilo correndo costa arriba pola verea de Riobó a Osmo. E non se chegou a ir á verea de Osmo, pero algunhas noites de verán celebráronse carreiras de varias voltas á Praza do Cruceiro de Leiro, nas que o Charrapas  sempre saíu victorioso fronte ós mais asiduos clientes da súa taberna; e don Alfonso, daquela xefe de correos en Leiro e agora asiduo lector desta columna, pode dar fe de tan gloriosas e festivas olimpíadas …
Hoxe, a comunicación vía e-mail e whatsapp é instantánea, e case de balde: un gran adianto, sen dúbida. Pero xa ninguén volverá experimentar a fonda emoción que significaba recibir unha carta, no internado, na mili, na emigracíón,…, da familia, dun amor, dun amigo... A profesión de carteiro tamén está ameazada de extinción, co que tampouco haberá máis Françoises, nin máis Charrapas... Sucede, querido lector, que detrás dos grandes avances agóchanse ás veces grandes perdas. E esta das cartas non vai ser menor: unha, porque as cartas sempre foron importantes fontes de literatura; e dúas, porque literatura e vida non deixan de ser sinónimos.

Artigo publicado no diario La Región o venres 8 de xaneiro do 2016.