Mostrando entradas con la etiqueta Paisaxes. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Paisaxes. Mostrar todas las entradas

jueves, 15 de febrero de 2018

Gurriana


As Candelas e o San Blas indican para min o remate do inverno. Xa se sabe que aínda ten que vir moito frío, moita chuvia e, por partes, ata moita neve, pero eu guíome máis pola luz: e a luz xa está de volta.
Este tempo, simétrico astronomicamente do verán de San Martiño, cambia moito duns anos para outros. Hai anos que, por soleado, xa se venta a primavera, mentres outros, coma este ou o pasado, por vir máis cargado de nubes e precipitacións, semella no cerne do inverno. Basta ver o frío que fixo esta semana, e eu sempre lembro que a máis grande nevarada que se recorda nas terras baixas de Ourense, pouco entendidas en neves, sucedeu o día das Candelas de 1963. Porque ocorre que, con sol ou sen el, do que nunca se padece neste tempo é de calor.
Para os ribeiraos este mes de febreiro, e por veces parte do de marzo,  é o tempo da “gurriana” –palabra que se pronuncia sempre con gheada-, que é o vento do norte ou do nordeste, frío, seco e cortante, que acostuma soprar por estas datas. Coincide  co tempo da poda e da rodriga nas viñas, e antano era común ver ós labregos cos dedos das mans cheos de esparadrapos, porque a gurriana cortáballes a pel cando podaban e cando cravaban as estacas e apertaban os vimbios ó rodrigar. Para escapar  deste vento era frecuente buscar as viñas máis agarimadas os días que sopraba e deixar as máis venteadas para os días calmos.
Sorpréndeme comprobar como incluso en zonas limítrofes co Ribeiro xa se descoñece  “gurriana”, e úsase “corisco” ou “viruxe”, cando non o castelán “rasca”. Non obstante “gurriana” foi de uso común  noutras zonas de Ourense, e mesmo segue viva en Asturias, onde tamén se usa a forma “burriana”; de feito, o profesor García Arias, un dos filólogos máis relevantes no estudo da lingua asturiana, supón que a voz podería remontarse a un étimo latino do tipo boreas ‘vento frío e seco do norte’.
Pero, sexa cal sexa a solución etimolóxica de “gurriana”, o caso é que a min gústame moito este tempo, pola súa luz  de especial pureza. As mañás son frías e xeadeiras, con néboas intensas no fondo dos vales nas primeiras horas. Pero o vento favorece os ceos cambiantes, de nubes viaxeiras. E por entre esas nubes, segundo vai avanzando a mañá, vaise filtrando o sol e contrastando a paisaxe: agora ilumina unha casiña no medio duns tarreos escurecidos polas primeiras sementeiras; despois unha venerable igrexa entre os ocres de ouro vello dunha carballeira; e máis tarde unha aldeíña no medio dos verdes piñeirais. Que marabilla ese fascinante xogo do sol e das nubes coas luces e coas sombras!... As tardes neste tempo adoitan ser máis doces e claras, e cando un busca un lugar agarimado, no fondo dun val, nunha galería ou nunhas solainas, resulta imposible non sentir o palpitar xerminal da primavera: na claridade diáfana das augas, nos primeiros cantos dos paxariños, nas xemas inchadas dun salgueiro ou na explosión floral das mimosas e das camelias. Mágoa dun Constable, dun Vermeer ou dun Van Gogh para  inmortalizar co  pincel esta efémera fermosura. Porque todas as fermosuras resultan efémeras, fugaces, delicadas: coma as nubes viaxeiras deste tempo da gurriana.

Artigo publicado no diario La Región o domingo 11 de febreiro de 2018.

sábado, 23 de diciembre de 2017

Outono


«Quen non vivise en Galicia dificilmente poderá imaxina-la fonda e etérea fermosura da quincena que segue ó Día de Defuntos». Isto escribiuno Otero Pedrayo referíndose ás paisaxes neste tempo singular do “Verán do San Martiño”. E dado que hoxe quero escribir sobre esas paisaxes, pareceume obrigado comezar citando a Otero, que foi o gran mestre da paisaxística galega. Otero aprendera a transcendencia da paisaxe en Chateaubriand, nas “Memorias de Ultratumba”, onde lemos: «as escenas outonizas posúen un inevitable carácter moral: esas follas que caen coma os nosos anos, esas flores que se muchan coma as nosas horas, esas nubes que se esvaecen coma as nosas ilusións, [...] gardan relacións secretas co noso destino.». E en poucos lugares coma en Galicia se podería atopar unha influencia maior do entorno paisaxístico sobre a psicoloxía da xente e, en consecuencia, sobre a cultura do pobo: velaí unha das razóns principais da gran sintonía de Otero co pai do romanticismo francés.
Ás veces discútese sobre a fermosura das diferentes estacións. E hai acordo en que as máis fermosas son a primavera e o outono, pero non o hai sobre cal das dúas o é máis. Delibes, por exemplo, decantábase pola primavera; pero a maioría dos autores preferiron o outono, incluídos os dous mellores paisaxistas galegos: Otero e Cunqueiro. E non é raro, porque o outono é o tempo máis literario do ano, sendo Galicia un país esencialmente outonizo, pola forza desta estación, moi superior aquí á de calquera outra. Por veces tamén, escríbese ou píntase o outono coma se fose un tempo homoxéneo e único. Pero o outono en Galicia é máis ca un tempo: é un discorrer de tempos. Por iso explicaba Otero como o noso outono, que nace na xeórxica das vendimas, se comprace en irse alongando co devalar dos días, alcanza o seu cume na festa do San Martiño e remata en plena invernía.
Este ano quedará marcado negativamente pola seca que tanto nos preocupa, pero as temperaturas suaves e a falta de chuvias posibilitaron a contemplación dun dos cumes de outono máis fermosos e alongados que se recordan. Porque, habitualmente, as chuvias, os ventos e as xeadas rematan de contado co espectáculo grandioso e preñado de cores que a natureza se amosa disposta a brindarnos cada ano por este tempo.
Calquera lugar de Galicia pode ser bo para gozar desta regalía natural, pero a súa máis magnífica expresión está nas ribeiras das viñas: nos Ribeiros, na Ribeira Sacra, en Valdeorras, en Verín, ... As miñas paisaxes outonizas –porque nas paisaxes tamén está a identidade, a través da memoria e da historia- son as do Ribeiro de Avia: de Beade, de Roucos, de Cabanelas, de San Clodio, ..., da capital, Ribadavia, que xa tiña para Cunqueiro cor de outono, coma o seu nome. Neste tempo é unha delicia subir a un outeiro e contemplar, baixo o inmutable verdor dos piñeirais, salteado de ouro vello polas regatas dos soutos e das carballeiras, as virxilianas aldeíñas do Ribeiro no medio dos púrpuras e dourados dos pataus das viñas asocalcadas. E intuír o discorrer do río, alá no fondo do val, seguindo a liña cobriza dos amieiros semiespidos e os cadros amarelos das chantadas de chopos e lamigueiras.
Certo. A visión actual non pode comparase coa de hai algunhas décadas: as aldeíñas despoboáronse e desarranxáronse; os ermos estendéronse coma nunca; o monte no seu estado máis selvático achegouse ás casas; das viñas desapareceron a maioría dos púrpuras máis fermosos, despois da expulsión aldraxante da caste tinta do alicante e da concentración na produción de brancos ... Si, pero como dicía Pessoa: «Se escribo é porque lembro. O outono que teño é o que perdín.». 

Artigo publicado no diario La Región o domingo 19 de novembro do 2017.

sábado, 1 de abril de 2017

O Coto de Novelle


Permítanme que lles escriba hoxe dun coto: do Coto de Novelle. Antes quixera lembrarlles que “coto”, ‘prominencia pétrea, monte pequeno de forma cónica, parte máis alta e aguzada dun monte’,  é palabra de orixe prerromano que sobreviviu no latín galaico e no galego, pero nada ten que ver co castelán “coto”, ‘terreo acoutado’, que en galego é “couto”. Sinalar tamén, para os que non o coñezan, que o Coto de Novelle é un monte de 712 metros de altitude, coa característica cima aguzada da definición, situado xusto ó sur do embalse de Castrelo, coincidindo no seu cume a estrema dos concellos de Castrelo de Miño, Cartelle e Arnoia.
Por que escribir hoxe do Coto de Novelle? Pois, seguramente, porque a primavera é un dos tempos que máis convida a gozar das paisaxes. E o Coto de Novelle é un dos elementos paisaxísticos máis importantes e fermosos do Miño centroso ourensán, é dicir, dos ribeiros. Curiosamente, a literatura galega, tan chea de paisaxes, apenas se fixa nos montes con nome propio; talvez porque a tendencia á esfericidade da matriz granítica e gnéisica do noso chan fixo raras as cumes singulares, levando ós nosos escritores a fixarse máis nas serras ó describir horizontes. Tan só Otero Pedrayo, que eu saiba, situou o Coto de Novelle na súa narrativa. Pero claro, que outro mestre das paisaxes galegas tivemos aparte de don Ramón?
Ademais, don Ramón sentía debilidade polo Coto de Novelle, como a sentimos todos os que fomos aprendendo estas paisaxes dos ribeiros. El, que definía as harmónicas composicións destes vales como «o meirande avencellamento da historia coa natureza na nosa Terra»,  pensaba que era o Novelle, «fermoso e rexo», coa súa «xeitosa e grave figura», quen mandaba no conxunto, erixíndose en «expresión rematada de coto ordenador dun tempo de vales e encostas», e no verdadeiro «mestre na composición das paisaxes do Miño ribadaviense».
Outro namorado do Coto de Novelle foi Cuevillas, quen apuntaba: «Pásalle ó Coto de Novelle o que lle pasa ó Pico Sacro, un dos montes máis ilustres de Galicia, i é que se ve desde moi lonxe e desde moitas partes, pese ó modesto das alturas». Algo que calquera pode comprobar cando se achega a Ourense desde Vigo, Pontevedra ou Santiago, pois sempre lle será doado descubrir ó lonxe a figura xeitosa do Coto de Novelle. Aínda así, as mellores vistas do coto son: a que hai desde os fondais de Beade, a de Ventosela e as que se poden ver desde calquera das estradas que soben do val do Miño ás terras do antigo Chao de Castela, por exemplo, desde a que vai de Razamonde ó San Amaro por Eiras.
Impresionaba tanto o Coto do Novelle a Cuevillas que ata lle sorprendía que ningunha fonte literaria grega nin latina falase del nin de ningunha divindade asociada, porque na «figura dun coto tan forte, tan impoñente, ca súa cabeza ergueita e ennegrecida, cuberta ás veces por un veo de néboa, é gustoso matinar nun numen moi antigo e de moito poder». E houbéralle compracido a Cuevillas saber que a súa intuición acertaba; que detrás do nome do Novelle non está o latín “novus”, ‘novo’, como se adoita pensar, senón “Navia”, a deusa precéltica de orixe indoeuropeo vinculada ós ríos e ós vales, de cuxo culto no noroeste hispano e na Europa céltica dan testemuña as fontes epigráficas e toponímicas. Concretamente de Ourense son tres aras votivas dedicadas á deusa e diversos topónimos, coma o do río Navéa ou o da freguesía de Navío. Do Novelle, sabemos por documento de Celanova que o seu nome aínda era “Navia” a finais do século X, o que desvela a verdadeira etimoloxía do topónimo e proba o carácter sagrado do monte  para os antigos habitantes destes vales. Como intuíra Cuevillas.

Artigo publicado no diario La Región o domingo 26 de marzo do 2017

sábado, 18 de marzo de 2017

Pontes do Avia


Ponte de Pazos
De entre os exercicios da escola hai un que lembro especialmente. Tratábase da realización dun debuxo artístico da Ponte San Clodio. Antes de iso, don Lucio, o noso mestre, acostumaba amosarnos algúns que fixeran alumnos de antano. E sempre recordo o fermosos que me parecían aqueles debuxos. Talvez desa experiencia veña o meu especial interese polas pontes. De feito, entre as investigacións históricas que máis satisfacción me levan dado están as das pontes, sobre todo as relacionadas coas do Avia: as miñas pontes da infancia.
Tres son as grandes pontes do Avia: a de Ribadavia, a de San Clodio e a de Pazos; e a todas lles teño dedicado bastante do meu “ocio estudoso”, dito isto no sentido “erasmián”  da expresión. A de Ribadavia é a máis antiga: temos noticias dela desde principios do século XII, cando aparece referida como “Ponte do Burgo”; e a pesar das reformas posteriores, incluídas as desafortunadas do século XX, é un exemplo precioso de gran ponte medieval: a súa vista desde augas arriba, co barrio xudeu ó fondo e a torre de San Francisco á esquerda, continua sendo a postal máis típica de Ribadavia. A de San Clodio, cos seus tres grandes arcos, foi obra do mosteiro homónimo promovida polo abade Rodrigo de San Xes, bispo de Laodicea, a finais do século XV, e segue a considerarse marabilla artística da época. A de Pazos, que se supoñía medieval, é na realidade unha ponte do século XVIII, impulsada e pagada polos veciños de Lebosende, que tivo como mestre de obras a Carlos de Rivas, natural de San Salvador de Xirazga, na Terra de Montes; o seu arco maior, o único que perdura, é unha das ruínas máis fermosas e evocadoras de Galicia. Estas tres grandes pontes monumentais, todas anteriores a 1800 e repartidas en pouco máis de dez quilómetros de conca, constitúen un caso único en Galicia e unha das leccións máis claras sobre a importancia que acadou o Ribeiro de Avia no Antigo Réxime.

Ponte de Ribadavia
Pero hai outras dúas pontes importantes no Avia, as dúas do último cuarto do XIX: a ponte de ferro de Ribadavia, de estilo Eiffel, na liña de ferrocarril Ourense-Vigo, e a magnífica ponte de pedra da Esperela, construída cando se modificou o trazado orixinal da estrada Ribadavia-O Carballiño para facilitar o paso desta vía por Leiro, na que foron mestres canteiros os irmáns Cerviño, José e Pedro, de Aguasantas (Cotobade), primos do famoso escultor José Cerviño, artífice de obras tan admiradas como o cruceiro de Hío, a torre da igrexa de Beariz ou algúns pasos da Semana Santa de Cangas.
Tampouco podo esquecerme de dúas pontes máis sinxelas pero non exentas de encanto: a Ponte das Poldras e a Pasarela, as dúas en Leiro. A primeira é unha monumental ponte de poldras de trece piares que une o Campo da Feira de Leiro co Salgueiral de San Clodio, nunha paisaxe bucólica de gran beleza; foi construída arredor de 1850 para enlazar Leiro coa daquela nova estrada Ribadavia-O Carballiño, que cruzaba o Avia pola Ponte San Clodio e non pasaba por Leiro. A segunda é unha ponte peonil colgante que foi construída pouco despois do Cámping, a mediados dos sesenta, para facilitar o paso do centro de Leiro ó propio Cámping e zona de baños do Misieiro.

Desde os anos setenta ata agora construíronse seis pontes máis  sobre o Avia, aproveitando o invento do formigón pretensado, pero esquecendo algo fundamental: que nas pontes a dimensión estética resulta esencial, non basta con atender á funcionalidade. Como consecuencia, eses novos viaductos resultan vulgares. Tamén hai un par de pasarelas novas... Pero só as vellas pontes do Avia merecen a dedicatoria dun dos versos máis sublimes de J. Keats: «A thing of beauty is a joy for ever». Unha cousa fermosa é un gozo para sempre.

Ponte San Clodio

Artigo publicado no diario La Región o domingo 12 de marzo do 2017