Mostrando entradas con la etiqueta Lledó. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Lledó. Mostrar todas las entradas

sábado, 23 de diciembre de 2017

Emilio Lledó


Somos moi dados a homenaxear ós autores mortos, en liña co negocio da “necrofilia cultural”, pero menos ós vivos. Aínda que tamén pode influír nesta práctica a escaseza de auténticos grandes da cultura vivos. Por iso resulta singular, e meritoria, a coincidencia de moitos medios en celebrar os noventa anos de Emilio Lledó, que son os noventa anos dun filósofo, ou, mellor dito, dun profesor de filosofía, que é como lle gusta que o recoñezan. Porque se fosen os noventa anos dun poeta, dun novelista ou dun músico, non me estrañaría tanto a concorrencia na gabanza. Pero tratándose dun profesor de filosofía... E, non obstante, poucas homenaxes haberá tan merecidas coma esta.
Eu cheguei a Emilio Lledó a través do seu libro “El silencio de la escritura”, que lin pouco despois de “El silencio de los libros” de George Steiner, nunha época na que, interesado polas esencias da linguaxe, descubrín que esa busca debía facerse partindo do silencio. Nese libro analiza Lledó a relación entre escritura e memoria, para concluír que «somos linguaxe e memoria», apenas máis nada, e que «a escritura foi ese gran invento capaz de vencer a claudicación diante do tempo», dadas as limitacións  que impoñía o efémero da vida e a fraqueza da memoria na época de exclusiva comunicación oral. Pero os enfoques de Lledó sempre van acompañados de numerosas  referencias clásicas, especialmente do mundo grego –Platón, Aristóteles, Homero, ...-, perfectamente situadas na base das súas argumentacións. E nótase, ademais, a  formación complementaria de filólogo clásico, así como de tradutor do grego e do latín, na súa excelente prosa e no seu interese por indagar no sentido das palabras, nas etimoloxías, na hermenéutica dos textos. Por iso, para calquera amante da gran cultura, as lecturas de Lledó sempre resultan deliciosas e nutricias.
Pero, máis alá dos seus libros, se algo me cativou de Lledó foi o seu relato vital. Emocióname esa historia que sempre conta de don Francisco, o seu primeiro e amado mestre, en Vicálvaro, cando a República, que lles facía ler unhas páxinas do Quijote cada semana, e logo convidábaos a escribir suxestións sobre a lectura; porque ese relato é común e principal para todos os que tivemos a sorte de ter un mestre semellante a ese don Francisco. E a historia válelle, por unha banda, para defender o cultivo da aprendizaxe da liberdade –esencia de calquera tipo de educación-, e pola outra, para denunciar os grandes defectos do noso sistema educativo, no que apenas se convida ós rapaces a pensar, a discorrer, a entusiasmarse co coñecemento: tan só a chapar apuntes de infinitas materias e a facer exames; tristísima realidade que el contrapón á que atopou en Heidelberg, cidade na que completara a súa formación sendo mozo. E isto é moi grave, porque tal como nos lembra a miúdo: «o ser humano é o que a educación fai del», segundo a coñecida proposición kantiana.
Tampouco lle gustan a Lledó os lugares comúns e as frases feitas: «que son coma grumos que se forman no cerebro, e as neuronas precisan fluír libres». Así, non lle preocupa tanto a “liberdade de expresión”, inútil para quen só é capaz de dicir imbecilidades, coma a “liberdade de pensamento”; e opina que a maior fonte de corrupción está na “corrupción da mente”. Xunto á xusta pretensión do “benestar” persoal, propugna unha maior ansia por alcanzar un virtuoso “benser”. E en vez de concederlle tanta importancia á “lingua materna”, que non deixa de ser un elemento fortuíto da identidade, recomenda fixarse máis na “lingua matriz”, propia e definitoria de cada un.
En fin. Parabéns don Emilio. E grazas por facilitarnos un diálogo enriquecedor. Coma os clásicos. 

Artigo publicado no diario La Región o domingo 12 de novembro do 2017.

miércoles, 1 de julio de 2015

As dúas Españas

Non existe metáfora máis productiva na historia contemporánea de España cá das dúas Españas. Si, a dos versos de Machado: «Españolito que vienes/ al mundo te guarde Dios./ Una de las dos Españas/ ha de helarte el corazón.». Son tan coñecidos eses versos que hai quen pensa que foi Machado o creador da metáfora. Pero non, o relato xa viña de vello: da división política que se producira trala Guerra da Independencia, co regreso de Fernando VII e a súa persecución implacable dos liberais, causa principal da ruptura política do país en dous bandos antagónicos, un tradicional e católico e outro liberal e progresista. Juan Van Halem, un militar liberal represaliado, xa escribía en 1826: «existen dos Españas que solo un gobierno equitativo podría reconciliar». Logo serían Larra, Balmes, Blasco Ibáñez, os que falarían das dúas Españas, antes ca Machado e os outros representantes da Xeración do 98, que foron os que popularizaron a metáfora. De tódolos xeitos, foi Ortega quen máis contribuíu á súa incorporación ó relato metahistórico: «dos Españas, señores, están trabadas en una lucha incesante...». A Guerra Civil sería para moitos a confirmación tráxica  do acertado da metáfora. Pero chegou a Transición, e con ela un novo relato: o da “reconciliación nacional”, un relato ilusionante que parecía ter soterrado o máis tráxico das “dúas Españas”. Non obstante, unha metáfora nunca se pode dar por morta. 
Coa crise foron bastantes os que recuperaron o relato das dúas Españas. Pero é unha equivocación entender unha metáfora coma unha lei inquebrantable: a fórmula pode ser a mesma, pero a realidade é cambiante, e, en consecuencia, a interpretación tamén. Non, xa non existen as dúas Españas de Larra, nin as de Machado, nin as de Ortega; tampouco creo que exista unha España de esquerdas e outra de dereitas, nin unha de nacionalistas e outra de antinacionalistas; nin, como se acaba de ver, unha do PP e outra do PSOE, nin sequera unha do Madrid e outra do Barça… Podemos seguir usando a fórmula, si, pero entendendo que estamos nun contexto totalmente diferente  e que tal uso sempre implica a simplificación dunha realidade máis complexa. 
Con todas esas prevencións, eu si aplicaría a mesma metáfora a dúas Españas que foron emerxendo nos últimos anos. Trataríase da dos achegados ós partidos con poder por unha banda, e da do conxunto do resto dos españois por outra. Os cidadáns da primeira, como cargos de partido ou como “amigantes” –lúcido neoloxismo acuñado recentemente por E. Lledó-, foron os que ata agora gozaron de todo tipo de beneficios: en forma de traballos e cargos para eles e para os seus; en forma de pagas e pensións de diverso tipo; en forma de subvencións ou exencións de pago en actividades varias; en forma de vantaxes ou privilexios dos que carecen os outros, etc., etc. Os da segunda son os que se limitan a pagar os impostos, reciben tarde e mal, e ás veces nunca, as poucas prestacións que lles corresponden, e ata se dan por satisfeitos cando non se senten perseguidos; porque en España a lei nunca deixou de verse como instrumento de castigo para os pouco afectos… E isto obsérvase moi ben nos concellos, e cánto máis pequenos mellor…Por iso sabemos tanto destas cousas os galegos.
As novas corporacións veñen de tomar posesión no medio dun ambiente ilusionado e rexenerador. Traen moitos proxectos, pero non se deberían de esquecer da obriga fundamental: soterrar á maior brevidade o monstro de tres cabezas –clientelismo, nepotismo e sectarismo- que levaba anos alimentando a partitocracia. Porque esa era a verdadeira ameaza da democracia española.

Artigo publicado no diario La Región o venres 19 de xuño do 2015.
.