Mostrando entradas con la etiqueta Ciencia Ensino. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Ciencia Ensino. Mostrar todas las entradas

sábado, 23 de noviembre de 2013

Un congreso importante


Celébrase en Ourense o XXVI Congreso Anual dos Ensinantes de Ciencias de Galicia (ENCIGA). É un congreso moi coñecido no mundo do ensino pero que pasa desapercibido para o sociedade en xeral. Coincidiu un ano con outro de bruxería que se celebraba na Coruña, e mentres os bruxos, sen facer uso das súas mañas, acaparaban as portadas de tódolos medios, os congresistas de ENCIGA apenas apareciamos nos breves das edicións locais. Logo a sociedade sorpréndese dos malos resultados nas probas PISA ou de que Galicia se asocie máis coas meigas ca co coñecemento e a ciencia. Tampouco se pode dicir que a administración educativa lle faga moito caso ós  congresos de ENCIGA: soamente un conselleiro se dignou asistir a un, e foi Aniceto Núñez en 1988, nos tempos do tripartito! Compárese iso coa súa habitual presenza en reunións de tema literario, histórico, artístico... Guste ou non, a ciencia segue considerándose unha intrusa na cultura galega. Cantas veces non teremos escoitado esa mentira absoluta de que no ensino hai un exceso de ciencia e tecnoloxía e un abandono das “humanidades”? Basta botar unha ollada á distribución do profesorado nun instituto para comprobar a mingua do das disciplinas científicas nos últimos anos, especialmente de Física e Química. Aquí, mal que nos pese, segue imperando o desafortunado “¡que inventen ellos!” unamuniano. Resulta inaudito, por exemplo, que os alumnos do bacharelato científico poidan eludir a materia de Física, que vén a ser coma se os alumnos de letras  puidesen eludir a lingua.
ENCIGA segue o modelo das asociacións de profesores do mundo anglosaxón, máis en concreto o da prestixiosa Association for Science Education (ASE) inglesa. Fronte ó sistema de formación permanente do profesorado español, de corte vertical e dirixido pola administración, existe un modelo máis eficaz, de tipo horizontal e independente, no que os profesores de cada nivel educativo se converten nos verdadeiros protagonistas do seu perfeccionamento e mellora profesional. Nos países anglosaxóns ese proceso de formación permanente aparece liderado polas asociacións de profesores, que contan para iso co apoio da administración e coa axuda das empresas de ciencia e tecnoloxía. As asociacións, mediante a edición de revistas, a coordenación de grupos de traballo e a organización de congresos, fomentan un ambiente de investigación, innovación, comunicación e traballo en equipo, consubstancial coa propia ciencia. O progreso no coñecemento científico, para o que un ensino das ciencias de calidade é condición necesaria, non casa ben, en xeral, nin coas tarimas nin coas leccións maxistrais. Un famoso premio Nobel de Física, Richard Feynman, dicía que “ciencia é poñer en dúbida a opinión dos expertos”, e para manifestar esas dúbidas libremente, resulta fundamental un clima de igualdade e camaradería entre  os que participan no proceso.
Os congresos de ENCIGA e os de colectivos semellantes son coma un sopro de aire fresco que osixena as estruturas do sistema educativo. Sería desexable que as autoridades educativas se desen conta diso: os beneficios serían incalculables. Conviría lembrar un dato: dos tres apartados que se valoran nas probas PISA, soamente nun leva destacando Galicia de forma continuada, situándose por encima da media de España e da do conxunto de países da CEOE. Saben en cal?  No de ciencia! Terán algo que ver con iso os  vinteseis anos de ENCIGA, do seu Boletín das Ciencias e dos seus congresos anuais? Eu coido que si. Parabéns.

Artigo publicado no diario La Región o 22 de novembro do 2013. Pincha aquí.

Anexo do 23 de novembro do 2013
Non creo que o meu artigo tivese nada que ver, pero o certo é que o señor Conselleiro de Educación e Cultura clausurou esta mañá o XXVI Congreso de Enciga. Coido que foi un gran acerto pola  súa parte e un broche de ouro para o meritorio congreso. Parabéns xa que logo ó señor Conselleiro, Xesús Vázquez, ó Presidente de Enciga, Paulino Estévez, e a tódolos amigos de tan querida asociación.