Celébrase en Ourense o XXVI Congreso Anual dos Ensinantes de Ciencias de Galicia (ENCIGA). É un congreso moi coñecido no mundo do ensino pero que pasa desapercibido para o sociedade en xeral. Coincidiu un ano con outro de bruxería que se celebraba na Coruña, e mentres os bruxos, sen facer uso das súas mañas, acaparaban as portadas de tódolos medios, os congresistas de ENCIGA apenas apareciamos nos breves das edicións locais. Logo a sociedade sorpréndese dos malos resultados nas probas PISA ou de que Galicia se asocie máis coas meigas ca co coñecemento e a ciencia. Tampouco se pode dicir que a administración educativa lle faga moito caso ós congresos de ENCIGA: soamente un conselleiro se dignou asistir a un, e foi Aniceto Núñez en 1988, nos tempos do tripartito! Compárese iso coa súa habitual presenza en reunións de tema literario, histórico, artístico... Guste ou non, a ciencia segue considerándose unha intrusa na cultura galega. Cantas veces non teremos escoitado esa mentira absoluta de que no ensino hai un exceso de ciencia e tecnoloxía e un abandono das “humanidades”? Basta botar unha ollada á distribución do profesorado nun instituto para comprobar a mingua do das disciplinas científicas nos últimos anos, especialmente de Física e Química. Aquí, mal que nos pese, segue imperando o desafortunado “¡que inventen ellos!” unamuniano. Resulta inaudito, por exemplo, que os alumnos do bacharelato científico poidan eludir a materia de Física, que vén a ser coma se os alumnos de letras puidesen eludir a lingua.
ENCIGA segue o modelo das asociacións de profesores do mundo anglosaxón, máis en concreto o da prestixiosa Association for Science Education (ASE) inglesa. Fronte ó sistema de formación permanente do profesorado español, de corte vertical e dirixido pola administración, existe un modelo máis eficaz, de tipo horizontal e independente, no que os profesores de cada nivel educativo se converten nos verdadeiros protagonistas do seu perfeccionamento e mellora profesional. Nos países anglosaxóns ese proceso de formación permanente aparece liderado polas asociacións de profesores, que contan para iso co apoio da administración e coa axuda das empresas de ciencia e tecnoloxía. As asociacións, mediante a edición de revistas, a coordenación de grupos de traballo e a organización de congresos, fomentan un ambiente de investigación, innovación, comunicación e traballo en equipo, consubstancial coa propia ciencia. O progreso no coñecemento científico, para o que un ensino das ciencias de calidade é condición necesaria, non casa ben, en xeral, nin coas tarimas nin coas leccións maxistrais. Un famoso premio Nobel de Física, Richard Feynman, dicía que “ciencia é poñer en dúbida a opinión dos expertos”, e para manifestar esas dúbidas libremente, resulta fundamental un clima de igualdade e camaradería entre os que participan no proceso.
Os congresos de ENCIGA e os de colectivos semellantes son coma un sopro de aire fresco que osixena as estruturas do sistema educativo. Sería desexable que as autoridades educativas se desen conta diso: os beneficios serían incalculables. Conviría lembrar un dato: dos tres apartados que se valoran nas probas PISA, soamente nun leva destacando Galicia de forma continuada, situándose por encima da media de España e da do conxunto de países da CEOE. Saben en cal? No de ciencia! Terán algo que ver con iso os vinteseis anos de ENCIGA, do seu Boletín das Ciencias e dos seus congresos anuais? Eu coido que si. Parabéns.
Artigo publicado no diario La Región o 22 de novembro do 2013. Pincha aquí.
Anexo do 23 de
novembro do 2013
Non creo que o meu artigo tivese nada que ver, pero o certo é que o señor
Conselleiro de Educación e Cultura clausurou esta mañá o XXVI Congreso de
Enciga. Coido que foi un gran acerto pola súa parte e un broche de ouro para o meritorio
congreso. Parabéns xa que logo ó señor Conselleiro, Xesús Vázquez, ó
Presidente de Enciga, Paulino Estévez, e a tódolos amigos de tan querida
asociación.
No hay comentarios:
Publicar un comentario