sábado, 24 de septiembre de 2011

Neutrinos por OPERA


O outono parece que entra con forza. O día preséntase baixo unha néboa intensa, aínda que pola tarde din que estará soleado. Nos cristais que están ó norte, detecto por primeira vez a condensación típica dun día de inverno. E fai algo de frío.

Almorzando, escoito na radio a noticia sobre un experimento que podería poñer en dúbida un dos postulados da teoría da relatividade especial de Einstein, aquel que di que a velocidade da luz é un máximo, e que o seu valor é independente do sistema de referencia: un dos piares da física moderna. Era o que nos faltaba! ... Acudo a internet e, en efecto, o denominado experimento OPERA fixo públicos onte uns resultados, relativos á medida da velocidade duns feixes de neutrinos de alta enerxía, que demostrarían que tales partículas  terían viaxado a unha velocidade superior á da luz. Segundo eses resultados, os neutrinos,  no seu desprazamento entre o CERN de Xenebra, lugar onde foron producidos, e un laboratorio subterráneo no Gran Sasso, en Italia, a 730 km do CERN, terían realizado o percorrido en 60 nanosegundos menos cá luz (que tardaría 2,4 milisegundos): «..si el resultado anunciado fuera cierto. Sería uno de los mayores descubrimientos desde 1898, cuando Michelson y Morley establecieron que la velocidad de la luz es la misma para todo observador en movimiento no acelerado…», opina Álvaro de Rújula, un dos físicos españois de máis prestixio internacional, nun interesante artigo (Más rápido que su sombra) que publica no diario El País, no que, por certo, se amosa máis ben escéptico con respecto a estes resultados: « En mi opinión, la reacción más razonable al resultado de OPERA es preguntarse dónde está el sutil error. En estas ocasiones hay que hacer más experimentos antes de vender la piel del oso. Y mojarse. Si el resultado se comprueba me corto la tiza, como los samuráis quiebran su sable.». Ben… Eu, na miña ignorancia, non apostaría algo tan valioso: resístome a crer que na Física –coma en calquera outra disciplina- estea escrita a última palabra. Paréceme que, do mesmo xeito que os resultados do experimento de Michelson e Morley deron lugar a unha Física baseada en novos postulados, nalgún momento  os resultados  doutros experimentos obrigarán a revisar estes nos que agora creemos. Por que o OPERA non podería ser un deles? Máis prudente me parece a postura de Hawking: «É pronto para sacar consecuencias». Tamén resulta importante darse conta de que eses novos postulados, no caso de que se establecesen, non van enterrar ós actuais, simplemente serán os que se deberán aplicar nuns contextos determinados. Do mesmo xeito, os postulados de Einstein non me eximiron a min nin ós meus alumnos de estudar as leis de Newton, perfectamente válidas en tódolos sistemas nos que resultan insignificantes os efectos relativistas –por certo, a maioría dos sistemas que coñecemos o común dos mortais-. Claro que, resulta comprensible que nunha sociedade tan desexosa de acontecementos espectaculares –por algo se ten denominado a sociedade do espectáculo- coma a nosa, unha postura de calma e normalidade tal vez non sexa a que mellor se venda.

O que me asombra de verdade é a revolución que supuxo INTERNET. Onte fixéronse públicos estes resultados, e onte mesmo calquera individuo tan insignificante coma min, en calquera parte do mundo, puido ter acceso á roda de prensa que deron os membros do equipo que realizou o experimento e ó texto integro do propio traballo: esta si que é unha verdadeira revolución, impensable hai tan só vinte anos. Polo demais, quedareime cunha gran verdade que aparece no artigo de  Álvaro de Rújula: “a luz viaxa máis rápida có son, de aí que, en xeral, todos parezamos máis intelixentes antes de falar” (e máis guapos, segundo xa se sabía).

Agora, está saíndo o sol. Comprobo que permanece aí e que nós seguimos xirando ó seu derredor segundo o establecía a Lei de Gravitación Universal de Newton. É unha grande, fermosa e tranquilizadora noticia. Vou a celebrala.

O Carballiño, 24 de setembro do 2011


Adenda de 10 de xuño de 2012

Einstein tiña razón. Catro experimentos desmontan o erro dos neutrinos máis rápidos cá luz. 

Máis información no artigo "Zanjado: Einstein tenía razón" do mesmo diario de 09/06/2112. Tamén resulta moi interesante a opinión sobre este asunto de Cayetano López, físico e director do Ciemat: "Un resultado incómodo".

miércoles, 7 de septiembre de 2011

Camiños do exilio 2


Hay un cuadro de Klee que se llama Angelus Novus. En él se representa a un ángel que parece
como si estuviese a punto de alejarse de algo que lo tiene pasmado. Sus ojos están desmesuradamente
abiertos, la boca abierta y extendidas las alas. Y este deberá ser el aspecto del
ángel de la historia. Ha vuelto el rostro hacia el pasado.
W. Benjamin


De Colliure a Portbou a sinuosa estrada D914 continua bordeando a costa. A paisaxe é moi semellante á de Argelés Sur Mer a Coillure. Costa recortada e escabrosa e ladeiras cheas de viñas en pequenos socalcos, á dereita as verdes cumes dos Pirineos e á esquerda o azul inmenso do mar. As terras, esquistosas e abermelladas (Cote Vermeille). De vez en cando algunha aciñeira, algún olivo, algún piñeiro manso. Pásase sobre tres pequenas vilas asentadas en pequenos entrantes do mar, todas co seu porto e a súa praia: Port Vendrés, Banyuls su Mer e Cerbere. Logo, sóbese ó coll dels Balitres, e xusto neste alto atópase a fronteira con España. Dependencias de aduana abandonadas, grafitis nas paredes dos edificios e reixas metálicas con candados nas portas e ventás. Desde pouco antes da fronteira desaparecen as viñas. A entrada en España significa, tamén aquí, a entrada nun territorio de campos abandonados, a entrada nun país que, en xeral, renegou da agricultura: mala cousa. Desde o alto vese, alá ó fondo, noutro angosto entrante da costa,  o pobo de Portbou, apertado, entre a praia e a estación do tren. Semella un pobo pegado a unha estación.



Entramos. Parece un pobo decadente, incluso máis ca La Jonquera. Á dereita da estrada un deses grandes bloques residenciais característico dos anos corenta ou cincuenta, coa pintura das paredes desconchada; semellan vivendas sociais desa época ou tal vez unha antiga casa cuartel. As casas, en xeral, son vellas, e moitas parecen cerradas. A estrada pasa no centro do pobo por xunto á praia: fermosa e recollida. Algunhas cafeterías e restaurantes na rambla que  a bordea. Non se ve a vida das vilas francesas polas que acabamos de pasar. A vila ten algo de misteriosa e inquietante, unha atmosfera coma de trens vixiados, de policías que piden a documentación en calquera esquina, de trampa sen posible escapatoria. Sospeito que por aquí pasan moitos turistas, pero ignoro cantos se deteñen. Por fin,  chego ó meu destino: o cemiterio. Está orientado ó nacente, mirando ó mar. Non ruxe unha alma vivente, pero paréceme o sitio máis alegre e despexado do lugar.

Entre Banyuls Sur Mer e Portbou, en paralelo á estrada que vimos de percorrer, pero a maior altura e polo monte, transcorre unha das múltiples vereas que percorreron miles de exiliados españois na súa fuxida. Trátase da verea Lister, que leva este nome porque, en febreiro do 39, foi a vía de retirada do famoso xeneral republicano e de parte dos homes da súa brigada.  Agora, esta verea é moi coñecida porque foi o camiño que, en dirección contraria, andivo o filósofo alemán Walter Benjamin fuxindo do nazismo en setembro de 1940, apenas un ano despois da saída republicana ó exilio. Resulta curioso, os camiños, que adoitan concibirse como estruturas que facilitan a chegada a algún sitio, revélanse ás veces xusto co sentido contrario, como vías de fuxida.

Walter Benjamin, o pensador de orixe xudeu que foi capaz de transformar a filosofía en poesía, chegou a Portbou o 25 de setembro. O 24 pola tarde saíra de Banyuls formando parte dun pequeno grupo de xudeus que tiña como obxectivo pasar a España polo monte. Era o seu sétimo ano de exilio. Despois do trunfo de Hitler, en 1933, fixara a súa residencia en París. En xuño do 40, trala ocupación nazi, fuxe cara ó sur. Ese verán, en Marsella, conseguiría un visado para poder entrar nos Estados Unidos -onde esperaba reunirse cos seus amigos Adorno e Horkheimer-, pero infórmano de que a única forma de saír de Francia é polos Pirineos e de xeito clandestino. A súa intención, a mesma cá dos xudeus que o acompañaban no camiño a Portbou, era lograr un permiso para atravesar España, e logo embarcar en Portugal con dirección ós Estados Unidos.

Xa en Portbou, Benjamin preséntase na comisaría, pero denégaselle o permiso de entrada no territorio español. Dada a súa mala saúde, a policía consinte en deixalo pasar a noite nunha pensión de Portbou, pero sabendo que será entregado ás autoridades francesas o día seguinte. Benjamin, cansado de fuxir e temendo unha máis que probable deportación e entrega ós nazis, suicídase esa mesma noite cunha sobredose de morfina. Tiña corenta e oito anos. Está enterrado no cemiterio de Portbou.

Diante da entrada do camposanto está o Passagem, a obra que o escultor xudeu Dani Karavan realizou en memoria do autor de Dirección Única e de todos os refuxiados. O nome do monumento, Passagem, fai referencia á inacabada obra de Benjamin Passagemwerk (Libro de los pasajes na traducción castelán). A obra escultórica é un pasadizo de metal oxidado, de sección rectangular, que parte da esplanada que hai diante do cemiterio e fúndese na rocha -«Na antiga Grecia ensinábanse certos lugares que descendían ó submundo. A nosa existencia desperta tamén é unha terra na que por lugares ocultos descéndese ó submundo, unha terra repleta de discretos lugares onde desembocan os soños»-. A través da vertixinosa escaleira que o atravesa, baixamos na busca da luz da saída, mestura do azul do ceo e do azul do mar. Os escalóns pérdense dentro das augas do Mediterráneo, pero non podemos completar o camiño, unha mampara transparente impídenolo. Nesta mampara pódese ler unha cita de Benjamin que ningún historiador debería ignorar: «É tarefa máis ardua honrar a memoria dos seres anónimos cá das persoas célebres. A construcción histórica está consagrada á memoria dos que non teñen nome.».


No Passagem de Karavan, onde soamente botei en falta o buzón -«Diante da entrada do pasaxe, un buzón: unha última oportunidade de enviar unha sinal ó mundo que se abandona»-, revivín unha sensación angustiosa que me levou á infancia. Era a que sentía cando, de neno, xogando a policías e ladróns, escollía como último refuxio o pasadizo, tamén rectangular e escuro, pero de pedra, que conduce ó regueiro de San Clodio por debaixo da estrada de Meín, coa diferencia de que aquela travesía había que facela en absoluto silencio, cos pés na auga e sobre un chan máis irregular, sen escaleiras; ademais, á saída non estaba o Mar Mediterráneo, senón o pozo de lavar de San Clodio. Sempre pensei que os xogos infantís eran moi formativos. Benjamin tamén:

«Tendría que estudiarse... primero: el gato y el ratón (todos los juegos de persecución); segundo: la hembra que defiende la nidada (el arquero de futbol, el tenista); tercero: la pelea entre dos animales por la presa, el hueso, el objeto sexual (la pelota de futbol, de polo...)... Por último, semejante estudio tendría que profundizar en la gran ley que, por encima de todas las reglas y ritmos aislados, rige sobre el conjunto del mundo de los juegos: la ley de la repetición. Sabemos que para el niño esto es el alma del juego, que nada lo hace más feliz que el “otra vez”. El oscuro afán de reiteración no es menos poderoso ni menos astuto en el juego, que el impulso sexual en el amor.».



A viaxe continuou. Pero tampouco se trata de contar todo.

P.D. Mentres escribía este texto lembraba unha fermosa tarde de outono do ano pasado, en Mondariz, charlando con José María Ridao. Estes camiños do exilio débenlle moito ó seu magnífico libro El pasajero de Montauban, unha lectura imprescindible. Foi no seu capítulo X, Aparecer en escena huyendo, onde, hai algúns anos, coñecín a Benjamin.