Mostrando entradas con la etiqueta Unamuno. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Unamuno. Mostrar todas las entradas

miércoles, 15 de julio de 2020

Vacacións


Chegou o desexado tempo das vacacións. Trátase dun tempo antigo  -a voz vén do latín vacatio, do verbo vacare ‘estar vacante, libre, desocupado’-, pero que antes poucos podían gozar. Así, o dicionario de Covarrubias (1611) entendía as vacacións como algo exclusivamente académico: «los días que se dan de recreación a los estudiantes en las universidades». Logo, os dicionarios da RAE mantiveron como definición invariable, desde a primeira edición de 1739 ata a de 1984: «Suspensión de los negocios o estudios por algún tiempo». Só a partir da edición de 1985 se lle engadiu: «Derecho concedido a cualquier persona que trabaja por cuenta ajena, de forma que consiga un descanso periódico sin disminuir evidentemente su retribución». Non obstante, o dereito laboral a vacacións pagadas xa existía. Fora unha conquista do goberno da Fronte Popular de Francia en 1936, que chegou a España en 1944, cando se estableceu ó dereito a sete días de vacacións ó ano, aínda que a maioría das empresas non o concederon ata cerca dos anos setenta. En 1976 a duración pasou a vinte e un días, e só co goberno de Felipe González, en 1983, se estableceron por lei vacacións mínimas de trinta días. Agora ben, naquela España de vacacións raquíticas para os traballadores, os xefes collían dous ou tres meses de “veraneo”, outra voz que resulta curiosa cando examinamos o  primeiro significado que rexistra un dicionario de castelán, en 1803: «Sitio o paraje donde algunos animales pasan el verano».
De tódolos xeitos, ocorreu un cambio fundamental no concepto de vacacións nos últimos cincuenta anos: pasou de ser o tempo de descanso dos veraneantes, nun lugar fixo e determinado, que normalmente se repetía ano tras ano, a ser o tempo do trasfego masivo de turistas, movéndose freneticamente dun lado para outro, con ansias de viaxar, canto más lonxe mellor, e de velo todo: un dos mellores xeitos de “vivila vida”, din, pero que non é máis có resultado da programada transformación das vacacións en obxecto de consumo da sociedade da diversión.
A min, cando chegan estas datas, sempre me veñen á memoria dous grandes, cada un no seu ramo: Miguel Unamuno e Jacques Tati. O primeiro defendía para as vacacións o cambio de aires, e con reparos as viaxes, pero non para contalas e presumir de que estivemos en tal sitio, que iso non pasa de pura vaidade, senón para, máis tarde, recordar e acender con esas lembranzas o apego ás paisaxes da alma, que son fundamentalmente as da terra natal. Preguntábase Unamuno: «¿Hay algo más ridículo, más molesto y más prosaico que un turista?», e acababa convindo con Leopardi que «conocido el mundo, no crece, antes bien, mengua». «Andar y ver, dicen. Mejor acaso sentarse y esperar», concluía.
De Tati o que me vén á memoria é a súa película máis fermosa e máis poética: Las vacances de Monsieur Hulot (1953). As vacacións soñadas posúen para min as imaxes, o son e a música desa película: as olas rompendo mansamente sobre a praíña con farallóns de Saint Marc sur Mer, e o fantástico tema musical de Alain Romans acompañando... Hai  bastantes anos estiven moi cerca desa praia do Loire-Atlantique, en La Baule. Pero non me despracie ata Saint Marc, agora lugar de peregrinación turística polo M. Hulot de Tati. Lembreime de algo que escribira Proust: «Hai persoas que viaxan para ver cos seus propios ollos unha cidade desexada, imaxinando que no real se pode saborear o encanto do soñado».

Artigo publicado no diario La Región o 15 de xullo do 2108 (último da serie A contrafío)



Se queres ver a película enteira pincha aquí. O tema musical principal da película, "Quel temps fait-il à Paris", gústame máis  nesta versión.


lunes, 18 de julio de 2016

Eloxio do silencio


Remataba a última columna lembrando a importancia que Bertrand Russell concedía ó que el denominaba coñecemento inútil; concesión que, por certo, nada tiña de menosprezo para o coñecemento útil, que tamén consideraba imprescindible. Nun ensaio no que o filósofo se ocupaba deste tema escribía: «Cando a actividade consciente se concentra por enteiro nalgún propósito definido, o resultado final, para a maioría da xente, é o desequilibrio, acompañado por algunha forma de alteración nerviosa». Por iso é tan necesario “desconectar” con certa frecuencia das ocupacións e preocupacións que ameazan facerse co control total do noso tempo; e de aí a importancia, persoal e social, de que a xente poida dispor duns tempos xenerosos de descanso e de vacacións, cousa  nada fácil nunha sociedade dominada polo principio do éxito e do máximo beneficio (material). 

Escribir con algún fin distinto do de facer pasar un rato agradable ós parroquianos resulta case sempre inútil. Sabíao ben Cioran cando escribía que «digamos o que digamos todo vai seguir igual»; e creo que Cioran foi optimista nisto. A maiores, escribir algo con certo sentido e “a contrafío”, respectando un principio de Wittgenstein que establece que non todo o que se pode pensar se pode dicir, é traballoso, alomenos para min. Porque ás veces, como escribira Beckett, «ata as palabras nos abandonan», e iso sempre resulta doloroso para quen escribe, aínda que sexa unha sinal inequívoca da misericordia de Deus para algúns dos seus coñecidos ... Pero non debe de preocuparnos o silencio literario; ó contrario, tamén resulta beneficiosa a “desconexión”, sexa temporal ou definitiva, coa escritura, tanto para o propio escritor coma para os seus lectores, que así poden dispor dun tempo extra para a realización de cousas máis interesantes, incluída a lectura dos mellores. Ó fin e ó cabo, nos varios milenios que os home levan pensando e espreméndose os miolos, xa se ten escrito case todo o que se podía escribir, de xeito que a maioría do que agora se publica apenas consiste, no mellor dos casos, na repetición de cousas que xa están ditas, e non ten máis fin có de alimentar o mercado e a fogueira das vaidades.

George Steiner, un dos máis afamados teóricos da literatura comparada e pioneiro explorador das limitacións da linguaxe para expresar a realidade intelectual, é un gran defensor do silencio en xeral, e do literario en particular. Steiner di que só no silencio podemos aprender o esencial. E por iso recomenda unha maior dedicación á vida contemplativa, da que tamén forma parte a lectura, que non é máis ca un xeito, tan obrigado coma incompleto, de contemplar o mundo. Así que, in angello cum libello, ‘nunha esquiniña cun libriño’, que era como lle gustaba pasar o veraneo a Unamuno, lendo un bo libro e ollando para unha paisaxe da alma que nos leve a relembrar os sinuosos camiños da vida... E se lles interesa a literatura do silencio, ata me atrevo a recomendarlles un par de libriños:  o ensaístico “Lenguaje y silencio” de Steiner, e o narrativo “Bartleby y compañía” de Vila-Matas.

Conclúo. Escribindo ou falando pódese ter razón, pero con Kafka apréndese  que «ás veces un ten razón cando cala», e co meu querido W. Benjamin que «o máis importante que hai que dicir non sempre se proclama en alto»… Por iso, boa parte das verdades necesarias terá que buscalas cada un no murmurio dos “sons do silencio”, coma naquela inesquecible canción de Simon and Garfunkel… Felices vacacións e ata outra.

Artigo publicado no diario La Región o domingo 17 de xullo do 2016.



miércoles, 1 de abril de 2015

Bones


Giacomo Leopardi faleceu en Nápoles en 1837, nunha epidemia de cólera. Segundo o relato máis estendido, foi o amigo máis querido, A. Ranieri, quen salvou os seus restos da foxa común e correu cos gastos do enterro e cos dun panteón cunha lápida conmemorativa con texto de  P. Gordani, escritor e amigo do poeta. No texto, destaca unha anotación sobre Leopardi: «Ammirato Fuori D´Italia»; porque a fama que o converteu, anos despois da súa morte, en gloria nacional, veu de fóra. Pero iso non resulta raro; Leopardi xa reflexionara sobre ese tema no ensaio Parini ou a gloria, onde fala das envexas, censuras, calumnias e demais instrumentos que a malignidade humana máis próxima coloca no tortuoso camiño dos que pretenden alcanzar a gloria coa pluma, impedindo a celebridade en vida de moitos grandes escritores.
Un caso paradigmático foi o de Cervantes, que concibiu o Quixote no cárcere e morreu pobremente en Madrid, en 1616, diante da indiferencia oficial e o desdén académico, por ser considerado un autor cómico vulgar. Iso explica o esquecemento no que quedou a súa tumba no convento das Trinitarias e a imposible localización dos seus restos pasados os anos. Porque o aprezo do Quixote como obra clásica veu do estranxeiro, sobre todo de Inglaterra, onde no XVIII comezou a considerarse obra modélica. L. Sterne, o xenio literario da época, no Tristram Shandy, fala do «sen par Fidalgo da Mancha», que «con todas as súas tolerías, admiro máis e desexaría coñecer antes có maior heroe da antigüidade». E S. Johnson, entón o crítico literario máis reputado, cualificaba ó Quixote de «obra inmortal».  Mentres, o Padre Feijóo nin sequera citaba a Cervantes nas Glorias de España, e houbo que esperar á xeración do 98 para que don Miguel, ou máis ben o Quixote, fose valorado como merecía, aínda que fora a costa dunha reductora interpretación da obra magna en clave nacionalista: «Biblia nacional de la religión patriótica de España», lle chamou Unamuno, que, como home que era, tampouco se librou de escribir algunha parvada.
En 1900, cando se abriu o ataúde de Leopardi, só se atoparon uns poucos ósos, nin sequera un cranio, xunto cun zapato de tacón, talvez o único que pertencera ó poeta. O zapato vendeuse ó mellor postor e a caixa cerrouse sen máis investigacións. Ranieiri, o “amigo da alma”, confirmando os peores augurios da teoría do pesimismo leopardiana, resultou ser un mentirán e un aproveitado que organizara todo un simulacro para gañar a súa parte de gloria e para converterse no editor da obra do finado. En 1938, Mussolini trasladaría con gran solemnidade os supostos restos de Leopardi ó Parque Virgilio de Nápoles; mentres, os verdadeiros seguirían na foxa común. Non obstante, por Parque Virgilio aínda pasan moitos turistas para honrar ó poeta…E todo ese turismo contribúe á economía napolitana…
Eu convidaría a todos os que agora andan buscando os ósos de Cervantes a que se pasasen por Nápoles: talvez alí puidesen aprender algo sobre a “posta en valor” dos conxuntos de osos incertos, aínda que aquí tamén saibamos algo diso... Mentres, eu comprázome en escoitar ó sabio académico dar no cravo, cando cualifica o proceso de  “parvada” apoiada na “cultura da chequeira”, e en pensar no tranquilos que estarían Leopardi, Cervantes e tantos outros, proseguindo os seus estudos da xeoloxía dos camposantos, se houberan tido a intelixencia de Shakespeare, que tomou a precaución, no verso final do seu epitafio, de lanzar unha maldición contra calquera que se atrevese a remexer nos seus ósos:  «curst be he that moves my bones», «maldito sexa o que mova os meus ósos». E foi remedio de santo.

Artigo publicado no diario La Región o venres 27 de marzo do 2015.


martes, 17 de septiembre de 2013

En busca do tempo presente

Nova York nos anos trinta

Comeza un novo curso. Entran os rapaces nas aulas: alegres, faladores, esperanzados; felizmente ignorantes do tempo. Mentres, o profesor, lembra unhas palabras de Unamuno: «El tiempo: he aquí la tragedia.»; porque o tempo é algo complicado. Para Séneca había tres tempos: presente, pasado e futuro. Deles, o presente era brevísimo, o futuro dubidoso e o pasado o único certo. Antes, para os estoicos,  o presente non era que fose breve: nin sequera existía, non era máis có punto de unión do pasado co futuro. Pero chegou San Agustín e deulle a volta a todo: o presente era a única realidade incuestionable. Non había pasado nin futuro, soamente presente: o presente das cousas pasadas, o presente das cousas presentes e o presente das cousas futuras. Agora ben, o tempo de San Agustín era un tempo psicolóxico e subxectivo, distinto do cosmolóxico, obxectivo e medible, único considerado ata entón. Nos anos trinta do século pasado o filósofo alemán Walter Benjamin engadiría unha terceira clase de tempo: o histórico. Coma San Agustín, Benjamin consideraba o presente como única realidade indiscutible, pero o seu presente xa non era espiritual, tratábase dun presente de coñecemento, dun “tempo do agora” do que partía a percepción do pasado e do futuro. Resulta moi suxestiva a tese de Benjamin: diferencias fundamentais entre individuos e entre colectividades (chámense vilas, cidades, países…) terían moito que ver co distinto peso que lle asignan a cada un dos tres compoñentes temporais do presente. Tense dito case todo sobre os individuos a este respecto, pero moito menos sobre as colectividades e o xeito que teñen de percibir o tempo. Talvez un dos primeiros en intuír a importancia de tal relación fose o periodista galego Julio Camba, que escribía en xaneiro de 1931: «Nueva York…me atrae… por su sacrificio constante del pasado y del porvenir al momento presente... Nueva York es, ante todo, el momento presente... Nos atrae porque uno no puede vivir al margen del tiempo.». Hoxe poderíase escribir o mesmo, coa diferenza de que agora, no mundo global, son moitas as cidades e os países que, xunto con Nova York, se atopan no centro do tempo: Tokio, Amsterdam, Sidney, Shangai... Alemaña, Finlandia, Corea, China... Noutro grupo estarían as cidades e os países ancorados no pasado. Claudio Magris ten reflexionado moito sobre este aspecto do tempo; fala en Danubio da cidade alemana de Regensburg, un centro vital do antigo Sacro Imperio Romano, incapaz de liberarse do eloxio e da nostalxia do pasado, de «una gloria que sólo se puede recordar y nunca poseer, que siempre ha sido y nunca es». Lendo isto e buscando paralelismos, ó xeito de Cunqueiro, resulta imposible non pensar en Ribadavia, en Santiago, en Galicia..., ou mesmo en España. Porque, cargados de pasado, lixeiros de presente e exentos de futuro, levamos séculos vivindo á marxe do tempo, aínda que ás veces nos disfracemos coa máscara da modernidade. Aí radica a verdadeira crise, unha crise perpetua que, con síntomas ou sen eles, sempre está aí, coma o microbio da Peste de Camus. Iso é o que nos leva a ter que coller as maletas a cada pouco, pero non para buscar un futuro, como sempre se dixo, tan só para buscar o presente. Aquí, empeñados no inútil intento de construír futuro sobre o pasado mítico, o presente adoita resultar tan escaso que non dá para todos. Habería que dilatar o presente, e nas aulas antes ca en ningún sitio. O malo é a magnitude das forzas internas que empuxan en contra. A pesar de todo, situar ós novos no tempo presente sería tarefa de gran urxencia; porque, como deixou escrito Vasili Grossman en Vida e destino: «o tempo non amará nunca ós fillos dun tempo pasado».
Os rapaces xa están acomodados. Diante do profesor atópase a principal fonte de riqueza do país: a intelixencia. Desperdiciala é un pecado... Maduran os membrillos. Comeza un novo curso. 

Artigo publicado no diario "La Región" o 16 de setembro do 2013.