Chegou o
desexado tempo das vacacións. Trátase dun tempo antigo -a voz vén do latín vacatio, do verbo vacare ‘estar
vacante, libre, desocupado’-, pero que antes poucos podían gozar. Así, o
dicionario de Covarrubias (1611) entendía as vacacións como algo exclusivamente
académico: «los
días que se dan de recreación a los estudiantes en las universidades». Logo, os dicionarios da RAE mantiveron como definición
invariable, desde a primeira edición de 1739 ata a de 1984: «Suspensión de los
negocios o estudios por algún tiempo». Só a partir da edición de 1985 se lle
engadiu: «Derecho
concedido a cualquier persona que trabaja por cuenta ajena, de forma que
consiga un descanso periódico sin disminuir evidentemente su retribución». Non obstante, o dereito laboral a vacacións pagadas xa
existía. Fora unha conquista do goberno da Fronte Popular de Francia en 1936,
que chegou a España en 1944, cando se estableceu ó dereito a sete días de vacacións
ó ano, aínda que a maioría das empresas non o concederon ata cerca dos anos
setenta. En 1976 a duración pasou a vinte e un días, e só co goberno de Felipe
González, en 1983, se estableceron por lei vacacións mínimas de trinta días.
Agora ben, naquela España de vacacións raquíticas para os traballadores, os
xefes collían dous ou tres meses de “veraneo”, outra voz que resulta curiosa
cando examinamos o primeiro significado
que rexistra un dicionario de castelán, en 1803: «Sitio o paraje donde algunos
animales pasan el verano».
De tódolos
xeitos, ocorreu un cambio fundamental no concepto de vacacións nos últimos
cincuenta anos: pasou de ser o tempo de descanso dos veraneantes, nun lugar
fixo e determinado, que normalmente se repetía ano tras ano, a ser o tempo do
trasfego masivo de turistas, movéndose freneticamente dun lado para outro, con
ansias de viaxar, canto más lonxe mellor, e de velo todo: un dos mellores xeitos
de “vivila vida”, din, pero que non é máis có resultado da programada
transformación das vacacións en obxecto de consumo da sociedade da diversión.
A min, cando
chegan estas datas, sempre me veñen á memoria dous grandes, cada un no seu
ramo: Miguel Unamuno e Jacques Tati. O primeiro defendía para as vacacións o
cambio de aires, e con reparos as viaxes, pero non para contalas e presumir de
que estivemos en tal sitio, que iso non pasa de pura vaidade, senón para, máis
tarde, recordar e acender con esas lembranzas o apego ás paisaxes da alma, que
son fundamentalmente as da terra natal. Preguntábase Unamuno: «¿Hay algo más
ridículo, más molesto y más prosaico que un turista?», e acababa convindo con Leopardi que «conocido el mundo, no crece,
antes bien, mengua». «Andar y ver,
dicen. Mejor acaso sentarse y esperar», concluía.
De Tati o que me vén á memoria é a súa película máis
fermosa e máis poética: Las vacances de
Monsieur Hulot (1953). As vacacións soñadas posúen para min as imaxes, o son e a
música desa película: as olas rompendo mansamente sobre a praíña con farallóns
de Saint Marc sur Mer, e o fantástico tema musical de Alain Romans
acompañando... Hai bastantes anos
estiven moi cerca desa praia do Loire-Atlantique, en La Baule. Pero non me
despracie ata Saint Marc, agora lugar de peregrinación turística polo M. Hulot de Tati. Lembreime de algo que
escribira Proust: «Hai persoas que viaxan para ver cos seus propios ollos unha
cidade desexada, imaxinando que no real se pode saborear o encanto do soñado».
Artigo publicado no diario La Región o 15 de xullo do 2108 (último da serie A contrafío)
Se queres ver a película enteira pincha aquí. O tema musical principal da película, "Quel temps fait-il à Paris", gústame máis nesta versión.
No hay comentarios:
Publicar un comentario