Comezarei
esta semana outra vez pola etimoloxía. “Chalé” é unha palabra orixinaria da
Romandía Suíza, dun prerromano *cala ‘lugar de abrigo’, o mesmo que está detrás
do galego “cala” ‘pequena enseada’, con igual forma no portugués, no castelán, no
catalán e no italiano, e coa de “cale” en francés. Na Romandía, un chalé era
antigamente a cabana de pedra ou de madeira, situada na montaña, a onde se
mudaban os vaqueiros no verán, para ocuparse do gando e facer queixos. Desde aí
foi evolucionando o seu significado ata o principal actual: ‘casa unifamiliar
de unha ou varias plantas cun terreo circundante dedicado a xardín’. En
castelán a palabra rexístrase desde mediados do XIX, e desde aí pasou ó galego.
A finais do
XIX ter un chalé na montaña, na praia ou na mesma cidade, era unha sinal de
poderío económico, dado que as clases populares rurais non podían aspirar a
soster dúas vivendas, e as urbanas bo era se atopaban un teito baixo o que
acubillarse. Castelao queixábase deste xeito en 1919: «A min faime choutar de
carraxe ese andazo do chamado “chalet”, onde viven os nosos homes de diñeiro
... ¡A tales casas tales homes!»; pero o obxectivo principal do escrito era a
denuncia dun estilo arquitectónico totalmente alleo ó tradicional de Galicia. Porque
Castelao tiña moi claro que dispor dunha casa cun terreíño, lonxe de ser un
luxo era unha aspiración lexítima da xente: «Todo galego quer unha casa de seu,
independente, con catro fachadas e asentada nun outeiro».
Aínda así, a
denominación de “chalé” non se fixo habitual ata os anos 60, en paralelo co
incipiente desenvolvemento económico. Basta ver como nas construcións
anteriores dese tipo o normal é atopar na porta o nome de “vila” e non o de
“chalé”. Foi a partir desa época cando Galicia se comezou a encher de chalés,
especialmente nas franxa costeira, pero tamén en lugares do interior
especialmente favorecidos polos cartos da emigración, con casos paradigmáticos
coma os do Carballiño, Beariz ou Avión. Pero agora hai magníficos chalés por todo
o país. Poderá discutirse o gusto dalgúns deles ou a organización do territorio
onde se asentan, pero se algo non falta en Galicia son chalés. E,
evidentemente, os donos non son sempre millonarios: ó contrario, hai familias
galegas moi humildes que teñen casas excelentes: porque souberon medirse e
aforrar para elas.
Pero do
chalé que agora falan todos –especialmente os que deberían estar calados- é do de Pablo
Iglesias e Irene Montero na Serra de Madrid. E a min lémbrame un caso que se
contaba por Bergantiños nos primeiros oitenta. Sucedera que nas municipais do
79 presentárase á alcaldía de Malpica polo PCE un médico que exercía na vila.
Un día que estaba o médico cun grupo de amigos beneficiándose dunha gran
mariscada no restaurante “O Burato”, o mellor de Malpica daquela, entraron uns
paisanos a tomar un vaso e pronto comezaron a murmurar: «Moito comunismo e
moito falar dos pobres e mira como se poñen!». O médico, que os coñecía, levantouse
e faloulles deste xeito: «Coidadiño, non vos equivoquedes: eu preséntome polos
comunistas para que todos poidades comer marisco coma min, pero non para deixar
de comelo eu!». E aí acababa o conto. Pero claro, Iglesias e Montero xa fixeran
a promesa firme de repudiar o marisco antes de probado... Típico dos rapaces!
Artigo publicado no diario La Región o domingo 27 de maio do 2018.
No hay comentarios:
Publicar un comentario