sábado, 2 de junio de 2018

Big Data


A Biblioteca de Babel é unha ficción de Borges. Trátase dunha especulación tipicamente borgiana sobre unha biblioteca infinita, na que, nun número indefinido de galería, dispostas en vertical e comunicadas por unha gran escaleira central de caracol, estarían depositados todos os libros posibles: non só os que se escribiron e os que se escribirán, senón tamén todos os que se deixaron de escribir e os que nunca serán escritos. O relato era pura fantasía en 1941, cando foi creado,  pero talvez agora non o sexa tanto.
En 1941 a biblioteca con máis información do mundo era a Biblioteca do Congreso dos EE.UU, con máis de cen millóns de documentos. Hoxe, a cantidade de información é tal que os datos almacenados para cada sete persoas equivalen a unha Biblioteca do Congreso dos EE UU. Incrible? Si, pero certo. Se toda esa información acumulada sobre os individuos se plasmase en libros, estes ocuparían da orde de oito mil andeis cunha lonxitude, cada un deles, de cento cincuenta millóns de quilómetros:  a distancia que hai desde aquí ó Sol.
Pero, de onde sae tanta información? Principalmente dámola nós, de balde e sen apenas decatarnos, a través de internet e dos nosos smartphones, que son a plasmación real daquel ollo que todo o vía que imaxinara Orwell. Cos datos dos operadores de telefonía, dos provedores de internet, dos navegadores, das redes sociais,.., pódese saber moito máis de cada un do que o mesmo suxeito sabe. Ademais, a maior parte dos nosos actos resultan bastante máis predicibles do que pensamos. Dous exemplos: cos datos de situación do noso  móbil pódese adiviñar con gran precisión onde imos estar xusto dentro de dous meses, e en cada momento do día; e con que un prema 250 veces “me gusta” en Facebook, un algoritmo determina a súa personalidade moito mellor ca el mesmo.  Que significa iso? Pois, por exemplo, que tanto vostede coma min é probable que xa formemos parte dos 500 millóns de usuarios de internet rexistrados na base de datos da empresa Acxiom, e catalogados en setenta segmentos ben diferenciados, segundo preferencias e intereses, dentro do proxecto PersonicX, capaz de predicir máis de tres mil reaccións de cada un de tales usuarios diante de diferentes estímulos.
Unha das vertentes máis ameazantes da circulación indiscriminada de todo este caudal de datos persoais é a relacionada coa súa utilización política, na base do escándalo que agora salpica a Facebook polo traspaso fraudulento de datos desde esta compañía á sinistra Cambridge Analytica (CA). Empresas coma esta, ó servizo da nova dereita populista, dedícanse a estimular persoalmente a usuarios co perfil axeitado para dirixir o seu voto a unha opción determinada, sen miramentos de ningún tipo  cando é preciso utilizar datos ou noticias falsas para conseguir o fin que se propoñen. Christopher Wayle, un dos cerebros creadores de CA e agora decidido a facer públicos tales comportamentos,  non dubida en relacionar a vitoria de Trump nos EE UU ou a do Brexit no Reino Unido con estas estratexias ilexítimas, que ameazan nada menos que con destruír a democracia representativa. De feito, é probable que xa estea máis adulterada do  que a vostede e a min nos parece.
Si, aparentemente internet, que é un invento magnífico, ofrece moitas cousas gratuítas. Pero conviría saber que o acto  máis importante da vida é pagar. Porque nada acaba resultando máis caro có que se nos ofrece de balde.

Artigo publicado no diario La Región o domingo 1 de abril do 2018.


No hay comentarios: