A Alfred
Nobel (1833-1896), fundador dos premios homónimos, coñéceselle sobre todo por
selo inventor da dinamita. E hai moita xente que pensa que o seu legado foi un
xeito de compensar o mal que lle fixo á humanidade co seu invento. Pero
permítanme que lles diga que é unha forma de pensar cativa e malvada, coma se
culpamos das mortes por arma branca a quen inventou os coitelos. Porque a
bondade ou a maldade non están na natureza dos inventos, senón no seu uso; así,
o da dinamita resulta utilísimo nas obras de enxeñaría, pero asasino cando mata
á xente.
Conviría
saber que Nobel, ademais de químico e inventor excepcional, foi un home
tremendamente culto e sensible, de educación exquisita: dominaba cinco idiomas,
tiña paixón pola literatura e preocupábase polo benestar humano e a paz mundial.
Pero tamén foi un home solitario e melancólico, inmensamente rico e bastante
infeliz. Nunha ocasión, escribiu este lacónico autoretrato: «Pobre criatura
medio viva. Maiores méritos: ter as uñas limpas e non ser unha carga para
ninguén. Maiores defectos: non ter unha familia, nin bo humor nin bo estómago.
Maior preocupación: non ser enterrado vivo. Feitos importantes da súa vida:
ningún».
Cando morreu,
Nobel deixou unha inmensa fortuna, duns 33 millóns de coroas. De acordo co seu
testamento, para a familia foron apenas cen mil, e o resto foi investido co fin de distribuír os intereses entre cinco
premios anuais -de física, de química, de medicina, de literatura e da paz- que debían ser concedidos a aqueles que no ano
anterior «houberan outorgado maior beneficio á humanidade». Os premiados de
física e de química serían designados pola Academia Sueca de Ciencias, os de medicina
polo Instituto Karolinska, os de literatura pola Academia Sueca da Lingua e os
da paz por un comité de cinco persoas do Parlamento de Noruega.
Falouse moito estes días dos Nobel. En concreto
do escándalo por denuncias de abusos sexuais contra o home dunha académica
sueca, o que levou a pospoñer a concesión do premio de literatura deste ano ata
o que vén, cando se entregarán os galardóns de 2018 e de 2019. A raíz de todo isto
tense estendido unha sombra de sospeita sobre os Nobel, aproveitada por algúns
para lembrar que en tódolos sitios cocen fabas, pero tamén para xustificar, tacitamente,
as corruptelas e amaños que a miúdo se coñecen sobre premios, maiormente literarios,
que se conceden en España. E a comparación resúltame odiosa.
O primeiro
que cumpre dicir é que os premios Nobel non lle custan un céntimo ós contribuíntes
suecos, a diferenza do que sucede aquí con algúns dos premios máis xenerosos,
que pagamos todos: Cervantes, Príncipe de Asturias, etc. O segundo, que na
concesión dos Nobel non existen intereses comerciais, os que priman cando os
premios son unha estratexia publicitaria máis: Planeta, Nadal, etc. Ademais, no caso dos Nobel, quen pon os cartos
(a Fundación Nobel) nada ten que ver na selección dos premiados. O problema,
hai que subliñalo, afecta exclusivamente á Academia Sueca, e nin sequera a un
dos seus membros, senón á súa parella. Aínda así, as simples sospeitas de
filtracións, que non de amaño dos premios, así coma a falta de atención a
denuncias previas sobre o acosador, foron suficientes para que dimitisen seis
dos dezaoito académicos. En fin: comparen co que adoita suceder en España en
casos semellantes e verán que calquera
parecido é pura coincidencia.
Artigo publicado no diario La Región o domingo 13 de maio do 2018.
No hay comentarios:
Publicar un comentario