Mostrando entradas con la etiqueta Filosofía. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Filosofía. Mostrar todas las entradas

sábado, 23 de diciembre de 2017

Savater


Parece que este tempo outonizo se me dá polos filósofos: hai quince días escribía de Emilio Lledó e hoxe de Fernando Savater. Talvez por aquilo que dicía Maupaussant de que o outono é a estación máis propicia para a reflexión espiritual, que está no cerne do filosofar.
E creo non esaxerar se digo que Savater é o intelectual máis relevante da España dos últimos anos. Ata tal punto que considero que en ningún estudo serio sobre a actual democracia española se podería prescindir da súa obra. Sería coma tratar de analizar a España do primeiro terzo do século XX esquecéndose de Ortega ou de Unamuno. E digo isto porque  Ortega e Unamuno gardan estreitas semellanzas con Savater. Os tres, como autores, móvense nese campo fronteirizo, tan fecundo coma fermoso, que hai entre a filosofía e a literatura, no que nin sequera os pensamentos máis profundos prescinden da estética literaria. Porque os tres, talvez antes que nada, son grandes escritores. Pero, ademais, os tres se caracterizan polo seu papel de activistas políticos, de pensadores valentes que, defendendo as súas ideas –máis ou menos acertadas-, nunca renuncian ó compromiso cívico e político coa realidade do seu país, na que participan como importantes creadores de opinión. E para comunicarse dun xeito áxil e directo cos concidadáns utilizan o medio periodístico preferentemente. Pero se en Unamuno destaca a faciana narrativa sobre a xornalística, e en Ortega a filosófica, en Savater está nos ensaios e nos artigos periodísticos o máis sobresaínte da súa produción literaria, sen menosprezar, claro está, o resto da súa obra. A min por exemplo, como educador que son, paréceme que “Ética para Amador” e “El valor de educar” son libros imprescindibles en calquera centro educativo, o primeiro para os alumnos e o segundo para os profesores; e que “Despierta y lee” pode ser un gran libro de achegamento ós clásicos da literatura, comparable ós que Calvino, Bloom ou Steiner teñen escrito sobre a mesma temática.
Estes días anda Savater moi atrafegado presentando o seu último libro: “Contra el separatismo”, un “panfleto”, segundo o define el mesmo, que chama á acción da cidadanía contra o nacionalismo separatista que ameaza a integridade do Estado. Nada novo, polo tanto, pois é ben coñecida a súa postura contra os nacionalismos excluíntes: por atentar contra o estado democrático, baseado na igualdade dos cidadáns diante da lei, por encima de calquera consideración étnica, histórica ou territorial. En consecuencia, non precisamos ler o panfleto os que seguimos a Savater, pero sempre resulta interesante estar atento ó que vai dicindo. Así que lles achego catro cousas que entresaquei do que lle escoitei: a primeira sobre a aplicación do artigo 155 en Cataluña: «Nunca debe de preocuparnos que el Estado haga cumplir la ley. Cuando hay que preocuparse es cuando permite que no se cumpla»; a segunda sobre as recorrentes chamadas ó diálogo: «A veces se olvida que la ley, en un estado democrático, es el resultado de un diálogo. Y que nace, sobre todo, para ser aplicada cuando el diálogo no conduce a nada.»; a terceira sobre o silencio de moitos intelectuais diante do desafío: «No todos los intelectuales tienen opiniones dignas de ser escuchadas, la mayoría tienen la inteligencia suficiente para hacer su novelita o su peliculita, pero no van mucho más allá.»; e a cuarta sobre a convocatoria de eleccións para o próximo día 21: «Un error. Son muy precipitadas.», o mesmo que penso eu.
En fin, un poderá estar de acordo ou non coas opinións de Savater, pero do que ninguén  pode acusalo é de non falar clariño. Como devoto que é de Camus, e de Orwell.

Artigo publicado no diario La Región o domingo 26 de novembro do 2017.

Emilio Lledó


Somos moi dados a homenaxear ós autores mortos, en liña co negocio da “necrofilia cultural”, pero menos ós vivos. Aínda que tamén pode influír nesta práctica a escaseza de auténticos grandes da cultura vivos. Por iso resulta singular, e meritoria, a coincidencia de moitos medios en celebrar os noventa anos de Emilio Lledó, que son os noventa anos dun filósofo, ou, mellor dito, dun profesor de filosofía, que é como lle gusta que o recoñezan. Porque se fosen os noventa anos dun poeta, dun novelista ou dun músico, non me estrañaría tanto a concorrencia na gabanza. Pero tratándose dun profesor de filosofía... E, non obstante, poucas homenaxes haberá tan merecidas coma esta.
Eu cheguei a Emilio Lledó a través do seu libro “El silencio de la escritura”, que lin pouco despois de “El silencio de los libros” de George Steiner, nunha época na que, interesado polas esencias da linguaxe, descubrín que esa busca debía facerse partindo do silencio. Nese libro analiza Lledó a relación entre escritura e memoria, para concluír que «somos linguaxe e memoria», apenas máis nada, e que «a escritura foi ese gran invento capaz de vencer a claudicación diante do tempo», dadas as limitacións  que impoñía o efémero da vida e a fraqueza da memoria na época de exclusiva comunicación oral. Pero os enfoques de Lledó sempre van acompañados de numerosas  referencias clásicas, especialmente do mundo grego –Platón, Aristóteles, Homero, ...-, perfectamente situadas na base das súas argumentacións. E nótase, ademais, a  formación complementaria de filólogo clásico, así como de tradutor do grego e do latín, na súa excelente prosa e no seu interese por indagar no sentido das palabras, nas etimoloxías, na hermenéutica dos textos. Por iso, para calquera amante da gran cultura, as lecturas de Lledó sempre resultan deliciosas e nutricias.
Pero, máis alá dos seus libros, se algo me cativou de Lledó foi o seu relato vital. Emocióname esa historia que sempre conta de don Francisco, o seu primeiro e amado mestre, en Vicálvaro, cando a República, que lles facía ler unhas páxinas do Quijote cada semana, e logo convidábaos a escribir suxestións sobre a lectura; porque ese relato é común e principal para todos os que tivemos a sorte de ter un mestre semellante a ese don Francisco. E a historia válelle, por unha banda, para defender o cultivo da aprendizaxe da liberdade –esencia de calquera tipo de educación-, e pola outra, para denunciar os grandes defectos do noso sistema educativo, no que apenas se convida ós rapaces a pensar, a discorrer, a entusiasmarse co coñecemento: tan só a chapar apuntes de infinitas materias e a facer exames; tristísima realidade que el contrapón á que atopou en Heidelberg, cidade na que completara a súa formación sendo mozo. E isto é moi grave, porque tal como nos lembra a miúdo: «o ser humano é o que a educación fai del», segundo a coñecida proposición kantiana.
Tampouco lle gustan a Lledó os lugares comúns e as frases feitas: «que son coma grumos que se forman no cerebro, e as neuronas precisan fluír libres». Así, non lle preocupa tanto a “liberdade de expresión”, inútil para quen só é capaz de dicir imbecilidades, coma a “liberdade de pensamento”; e opina que a maior fonte de corrupción está na “corrupción da mente”. Xunto á xusta pretensión do “benestar” persoal, propugna unha maior ansia por alcanzar un virtuoso “benser”. E en vez de concederlle tanta importancia á “lingua materna”, que non deixa de ser un elemento fortuíto da identidade, recomenda fixarse máis na “lingua matriz”, propia e definitoria de cada un.
En fin. Parabéns don Emilio. E grazas por facilitarnos un diálogo enriquecedor. Coma os clásicos. 

Artigo publicado no diario La Región o domingo 12 de novembro do 2017.

lunes, 16 de enero de 2017

Gran Cañón


Gústanme as películas escritas e dirixidas por Lawrence Kasdan, desde aquela primeira e magnífica Fuego en el cuerpo (1981), con William Hurt e Kathlen Turner. Logo virían outras notables coma Silverado (1985) ou El turista accidental (1988), pero a que se considera a súa obra mestra é Gran Cañón (1991), aínda que o guión talvez dese para algo máis.
Lembrei estes días esa película, que trata do azaroso que resulta sobrevivir por enriba do fondo violento e deshumanizado da sociedade. Sobre ese fondo, exemplificado na cidade de Los Ángeles a principios dos noventa, media ducia de protagonistas de diversas clases sociais, desde un rico produtor de cine ata un humilde condutor de camión, pasando por un avogado de clase media, tratan darlle sentido ás súas vidas. Kasdan vainos mostrando como debaixo da superficie aparentemente segura da sociedade da opulencia, existen diversas e ameazantes faias que as clases medias e altas, instaladas no seu cómodo benestar, prefiren ignorar; ata que un día un feito traumático lles ensina o milagroso que resulta seguir vivo ó remate do día. Kasdan non propón solucións, simplemente convida por boca do máis humilde dos protagonistas, o camioneiro, a ir a ver o Gran Cañón, a gran rachadura, pois como di: «cando estás alí dáste conta da merda que somos e do absurdo que resulta darlle tanta importancia á maioría das cousas». 
E foi unha visita ó meu “Gran Cañón” a que me fixo lembrar a película: porque todos podemos ter o noso “Gran Cañón” particular. O meu está aquí, moi cerca de onde vivo, na lomba dos montes da Madanela, que separa as terras do Irixo das do Carballiño. Desde alí tense unha das mellores vistas da vila do Carballiño, e máis ó lonxe divísanse case tódalas serras de Ourense, desde a Martiñá ó Suído, pasando por Meda, Manzaneda, San Mamede, Larouco, Leboreiro,... É un exercicio moi formativo subir ós montes, sen ningún espírito de conquista, tan só para mirar, observar e meditar. E estes días,  de néboa nos vales, o espectáculo resultaba grandioso. Era coma se o mar océano se houbera elevado uns douscentos metros sobre o seu nivel e tivese  penetrado polo Miño arriba ata convertelo nunha enorme ría. Mirando, fixábame eu, tomando como referencia o xeitoso e inconfundible picacho do Coto de Novelle, onde estaría situado o Ribeiro de Avia, e Leiro, e a miña nativa parroquia de San Clodio.  E todo iso resultaba ser apenas nada naquel mar de néboa mesta. Resultaba incrible que tantos séculos de historia, tantas xentiñas e tantos traballos, tantas alegrías e tantas xenreiras, tantos éxitos e tantos fracasos, ocupasen aquel nada asolagados no océano da néboa... Josep Pla, unha das miñas amizades intelectuais máis firmes, dicía que unha das poucas conviccións que tiña era a da enorme magnitude da nosa ignorancia, e que non se cansaba de ler os Ensaios de Montaigne, porque tiña o gran humanista francés unha idea moi precisa da insignificante posición do home sobre a terra. E xusto iso é o que percibe un cando observa o mundo desde calquera “Gran Cañón”.
Comeza un novo ano. Pasará o inverno e coa primavera iranse disipando as néboas, despois chegará a plenitude do verán, e máis tarde retornarán as douradas luces do outono, preludio dunha nova invernía. E dentro dese decorado cíclico e climático seguirá transcorrendo a oscilante, azarosa e fuxidía vida dos homes; no medio da máis absoluta indiferenza cósmica. Por iso nunca convén inchar moito o peito.


Artigo publicado no diario La Región o domingo 8 de xaneiro do 2017

sábado, 17 de diciembre de 2016

A árbore da ciencia


Descubrín a Baroja no instituto. Na antoloxía de textos literarios de Lázaro Carreter viña un fragmento de Las inquietudes de Shanti Andía, e como me gustara mercara o libro.  Pero despois, na universidade, apenas se lía novela española, salvo que foses de filoloxía. O que se levaba daquela era ler a Hermann Hesse, a Andre Gide, a Henry Miller, a Albert Camus… E cando regresei á narrativa hispana, coa carreira xa rematada, fíxeno coa xeración do 98, pero con Unamuno. A Baroja retomeino máis tarde, e creo que foi polo seu retrato. Lembrábame ó meu avó materno, o avó Emiliano, quen, coma o escritor vasco,  adoitaba ir enfundado nun pesado e deslucido abrigo, case sempre levaba a barba duns días e nunca espía a boina. Tamén compartía con Baroja  a expresión túzara e sombría, pero a luz da mirada delataba en ambos unha especial sensibilidade e un fondo oculto de tenrura e  romanticismo.

Celébrase este ano o sesenta aniversario da morte de Baroja:  faleceu o 30 de outubro do 56, por certo, dous días despois da primeira emisión de televisión en España, a efeméride que recordaba a semana pasada. E o caso é que non quería que rematase este ano sen escribir algo sobre el.

Teño pensado que se eu tivese algún tipo de xenio narrativo, que non o teño, Baroja debería ser o meu modelo. Pero non só por cuestión de gustos literarios, que tamén, senón porque, en boa medida, creo compartir con el o xeito de ver o mundo. Pode que algúns pensen que o mundo en xeral e España en particular cambiaron moito desde que Baroja escribiu. Si e non. É certo que nos aspectos estritamente materias o mundo de hai cen anos en pouco ou en nada se parece ó actual, pero nos ámbitos máis espirituais talvez non cambiamos tanto como pensamos. Ademais, os problemas de fondo de España veñen a ser os mesmos que Baroja denunciaba: inmoralidade e corrupción estendida na vida pública, unha base de inxustiza social alta e perenne, uns nacionalismos excluíntes que minan a realización do proxecto común, un sistema educativo ineficiente, un odio innato contra todo aquilo que é singular e diferente... En fin, todo iso que conduce a calquera español medianamente lúcido ó desencanto, ó pesimismo e ó illamento. Baroja escribía: «La preocupación ética me ha ido aislando del ambiente español, convirtiéndome en uno de tantos solitarios Robinsones con chaqueta y sombrero que pueblan las ciudades».

E sucedeu que canto máis foi coñecendo Baroja ó espírito humano en xeral, e os comportamentos sociais dos españois en particular, máis  pesimista se foi volvendo. Comprendeu que coa boa fe e coa verdade, nun mundo onde o que reina é a mentira, o egoísmo e o cinismo, non só non se consigue nada, senón que son esas virtudes as que impiden o trunfo de quen as practica. E ó final, tal como lera en Schopenhauer, comprobou que o coñecemento só lle engade dor ó individuo. Por iso, en El árbol de la ciencia, a súa obra mestra, que é novela imprescindible e en gran medida autobiográfica, o tío Iturrioz, home experimentado e de moito caletre, lémbralle a Andrés Hurtado, protagonista e arremedo de Baroja, como no Xénese  fala das dúas árbores do paraíso: a da vida, inmensa e frondosa, e a da ciencia, que non detalla como é, talvez por ser mesquiña e triste; e como Deus lle dixera a Adán que podía comer de todo o que alí tiña, excepto da árbore da ciencia, porque o día que comese dela morrería... Que vén a ser o mesmo que se pode ler no Eclesiastés, ese gran libro sapiencial da Biblia: «moito saber, moita molestia// e canta máis ciencia, máis sufrir.».

Aínda así, Baroja non renunciou ó coñecemento: pagou o alto prezo de resultar odioso a tódalas seitas e entre á felicidade dos animaliños e a insatisfacción dos sabios escolleu o último. 

Artigo publicado no diario La Región o domingo 11 de decembro do 2016

viernes, 8 de noviembre de 2013

No centenario de Albert Camus


  A quen lle soan os nomes de Saul Bellow, Henrik Pontoppidan ou Wole Soyinka? Pois todos foron Nobel de literatura. Pero sabemos de Proust, Kafka ou Borges, e ningún o foi. Porque nin sequera este premio di gran cousa dun escritor: soamente a permanencia da súa obra di algo. E iso é o que acontece con Albert Camus, o autor do Estranxeiro e un dos Nobel máis lembrados, que onte cumpriría cen anos.
Por que nos sigue atraendo tanto Camus? Coido que hai dúas razóns fundamentais: a primeira, que as cuestións que propón nas súas obras, arredor dos problemas da existencia –a falta de liberdade, a inxustiza, a infelicidade, a morte…- e do xeito de encaralos, son universais e atemporais; a segunda, que coñecía o segredo de como disparar as palabras directamente  ó corazón do lector. Camus talvez non foi un gran contador de historias. Foi máis ben un filósofo humanista, ou viceversa, que utilizou a novela, o teatro, o ensaio e o artigo periodístico, para extraer as súas ideas sobre a existencia e para emocionarnos co seu xeito de comunicárnolas. No que respecta á novela –xénero con centro gravitacional no “sentido da vida”-, el sabía ben o que quería: «os grandes novelistas son novelistas filosóficos». E iso mesmo foi el. Non chegou a onde Tolstoi, Sthendal ou Proust, pero poucas novelas superan á Peste desde o punto de vista filosófico, e menos desde o alegórico. Ou moito me equivoco, ou a súa obra, especialmente A Peste, seguirá xerminando nas mentes das xeracións deste século, e ata pode que con máis forza ca na segunda metade do XX, cando a euforia da última victoria sobre “a besta” aínda estaba viva. Pero a liberdade e a xustiza, cando non a propia vida, sempre están en perigo: o microbio, deixou escrito, sempre está aí; mentres, a saúde, a integridade e a pureza dos individuos e da sociedade son obra da vontade, da rebeldía e da solidariedade. Por iso o pensamento de Camus sempre resultará pertinente e nunca caducará.
Pero son máis as leccións que podemos sacar da vida e da obra de Camus, desde o seu humilde berce en Alxeria -que nunca esqueceu-, ata a súa prematura morte en accidente –pola que sempre se lembrará coma un home novo-, pasando pola importancia que sempre lle concedeu ós mestres –o Nobel dedicoullo a Louis Germain, o seu de primaria- e ó coñecemento -«o mal que existe no mundo case sempre vén da ignorancia»-. Pero a maioría dos grandes valores, pensaba, con ser fundamentais, non son absolutos, deben estar temperados pola dimensión humana das cousas: «amo a xustiza, pero defendería a miña nai antes cá xustiza». Na condición humana, dinos, hai unha absurdeza fundamental, si, pero a miúdo acompañada da máis marabillosa e inexplicable grandeza, polo que non conduce a nada negalo todo. Hai vítimas e verdugos, asegura, pero un debe estar sempre do lado das vítimas. Para o periodismo defendía catro principios fundamentais: lucidez, desobediencia, ironía e obstinación; e nun artigo de 1939 escribía algo que debería merecer gran atención: «O periodismo sempre deberá rexeitar algo que ningunha forza lle pode facer aceptar: o servicio á mentira».
Non se precisan grandes actos nin fanfarras para lembrar a Camus. A mellor homenaxe que se lle pode facer, coma a calquera escritor, redúcese a reler os seus textos. El mesmo apuntaba sobre un dos que máis admiraba: «todo o arte de Kafka consiste en que obriga ó lector a reler». Hai que dicir que Camus tamén deu con ese difícil arte dos elixidos. Por iso, xustamente, xa nunca daremos por rematada a lectura da súa obra.

Artigo publicado no diario "La Región" o 8 de novembro do 2013. Pincha aquí