Mostrando entradas con la etiqueta Literatura. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Literatura. Mostrar todas las entradas

miércoles, 28 de junio de 2017

Varia de xuño

Cheo de luz e de claridade xuño é sinónimo de tempo alegre. Por iso deberiamos estar falando das cereixas, das cacharelas do San Xoán, da clase única dos cativos,  do fin de curso, da volta á praia, e se me apuran ata dos premios e galardóns que a esgalla se reparten polo país ó chegar o bo tempo. Pero neste mundo no que nos tocou vivir, a pesar da cantidade de analxésicos que a toda hora se nos dispensan, resulta difícil escapar da tensión, da preocupación e ata do medo que nos transmite a realidade circundante, sempre irrespectuosa con calquera tipo de calendarios.
Neste senso, cando escribía o outro día sobre a importancia dos bancos para sentarse, xa tiña detrás da orella o intranquilizador runrún da probable quebra dun banco do dos outros: o Banco Popular, dono desde non había tanto do Pastor, o derradeiro símbolo do dinamitado sistema financeiro galego. Fagan memoria: Caixa de Aforros Provincial, Caixa Rural, Caixa Galicia, Banco Gallego, Banco do Noroeste, ...  Si, poderían ser nomes para a crónica do fracaso e do saqueo dun país.  Pero non pasa nada: “Vivamos coma galegos”!
Outra nova que nos sobresaltou especialmente foi a do atentado de Londres. E tódolos medios destacaron o comportamento heroico de Ignacio Echeverría, unha das vítimas mortais, que era orixinario das Pontes. A sorpresa negativa veu do comportamento inhumano das autoridades británicas, porque, aparte da inexplicable tardanza na identificación do cadáver de Ignacio, non houbo nin un só xesto público de pésame nin de recoñecemento da heroicidade, o que fai sospeitar que o Reino Unido xa non é a democracia exemplar que noutro tempo foi. Pero, no medio de todo, fixeime noutro detalle: cando ó pouco do atentado os medios comezaron a entrevistar a españois que presenciaran a masacre, o acento fixo facilmente recoñecibles a unha maioría de galegos. Porque, aínda que se evite dicilo, estamos noutra desas fases, tan frecuentes na nosa historia, de expulsión de compatriotas mozos que non poden atopar un traballo na súa Terra: evidencia clara dese fracaso que non cesa. Por certo, agora que tan entusiasmados estamos co inglés, poderiamos sacarlle a Trintxerpe, o barrio obreiro de Pasaia pegado a  Donostia, o centenario título de “Quinta provincia galega”, que xa non lle pertence, e pasarllo en solemne celebración a Londres, como lexítima herdeira do galardón. 
E falando de patrias fracasadas, non podía pasar por alto outra triste nova deste mes: a do pasamento de Juan Goytisolo, un dos máis grandes escritores españois do século XX, que abominaba de calquera patria terreal en favor da ingrávida das letras: «Mi patria es el español y mi nacionalidad la cervantina». Amante da liberdade, foi azoute constante do mundo da cultura oficial española, polo que resulta fácil entender que non tivese moitos amigos nese ámbito. Os seus mestres sempre os atopou entre os perseguidos, os desterrados e os exiliados: Fernando de Rojas, Cervantes, Blanco White, Américo Castro, Machado, Cernuda, ..., Valente. Vello, enfermo e falto de recursos, semella que para poder darlle estudos ós tres  afillados que tiña en Marrocos, a terra na que viviu o seu exilio voluntario, claudicou  e aceptou o Premio Cervantes no 2014. Pero non por iso deixou de alancear, emulando ó Esforzado Cabaleiro, ós actuais esbirros da Santa Irmandade cun incendiario discurso de aceptación, no que tamén deixou este recado para os que escribimos: «Las razones para indignarse son múltiples y el escritor no puede ignorarlas sin traicionarse a si mismo. No se trata de poner la pluma al servicio de una causa, por justa que sea, sino de introducir el fermento contestatario de esta en el ámbito de la escritura».

Artigo publicado no diario La Región o domingo 11 de xuño do 2017.


martes, 13 de junio de 2017

La Bruyere


Algunhas veces formuláronme esa pregunta tan tópica sobre que cinco ou dez libros levaría eu a unha illa deserta, e téñome fixado que nas respostas raramente selecciono libros contemporáneos, excepto, se acaso, un manual de supervivencia. Entre os que sempre cito están: a Biblia, Don Quijote, os Ensaios de Montaigne, os Tratados Morais de Séneca e os Caracteres de La Bruyere.
Pitágoras pensaba que a populosa asemblea congregada nun estadio era semellante á do teatro da vida, pois nela estaban representadas as tres clases fundamentais de homes: os que non paran de  exercitarse para alcanzar a gloria, os que practican o comercio para obter ganancias e os que, sendo pacíficos espectadores da vida, investigan a razón das cousas tratando de sacar ensinanzas proveitosas para ordenar a súa. Calquera lector atento verá que os meus autores favoritos están sempre dentro do terceiro grupo de Pitágoras: estano os autores dos libros bíblicos, e estao Cervantes, Montaigne, Séneca ou La Bruyere. E a razón desas seleccións, aparentemente anticuadas, reside en que, se ben o mundo leva cambiado moito desde que é mundo, os homes, no esencial, seguen a ser os mesmos, coas súas virtudes e cos seus defectos; por iso os libros dos grandes moralistas, coma Plutarco, Séneca, Montaigne ou La Bruyere, sempre estarán vixentes, especialmente en tempos corruptos coma os que vivimos. Porque, detrás das cambiantes mascaras que, ó longo da historia, teñen utilizado os que viven de enganar ó próximo, sempre atopamos os mesmos tipos: o ambicioso, o hipócrita, o adulador, o malévolo, o fantasma, o tirano, o ingrato...  E se os moralistas gregos e latinos se centraron máis na exploración da virtude, foron os franceses do XVII e do XVIII os que, mediante a crítica das costumes e da dobre moral, analizaron mellor a omnipresente presenza do vicio e da corrupción detrás dos múltiples disfraces das virtudes aparentes;  unha tarefa na que destacou La Bruyere, que deixou escrito: “Coñecer a verdadeira categoría dun home é moi difícil: o velo da modestia cubre a miúdo o mérito, e a máscara da hipocrisía tapa case sempre a malignidade”.
La Bruyere (1645-1696), que se movía pola corte de Luís XIV e coñecía moi ben o mundo dos poderosos, foi un elegante e discreto pintor de todo ese Theatrum Mundi que é a sociedade, e os seus Caracteres son un clásico atemporal de lectura obrigada, á altura do Príncipe de Maquiavelo ou dos Ensaios de Montaigne. Pero para min ten La Bruyere outro atractivo engadido, o de formar parte do selecto grupo de autores ós que lles bastou con escribir un só libro para consagrarse, coma a Lampedusa (O Gatopardo) ou a Salinger (O garda entre o centeo). Porque consideraba que non se trata de escribir moito, senón o preciso, que é pouco, e ben, que é moi difícil. Viña a dicir: non lle fagamos perder o tempo á xente con libros innecesarios, habendo tantos que ler imprescindibles.
Nese senso, o primeiro capítulo dos Caracteres, titulado “As obras da intelixencia”, debería ser preceptivo para todo aquel que pense en escribir algunha obra de creación literaria. Así que vou rematar cunha pequena escolma de advertencias espigadas dese capítulo: 1) “Todo está dito e un non fai outra cousa ca chegar tarde”; 2) “Hai cousas nas que a mediocridade resulta insoportable: a poesía, a música, a pintura, a oratoria”,  e 3) “A gloria e o mérito de certos homes estriba en escribir ben; a de outros consiste en non escribir”.

Artigo publicado no diario La Región o domingo 4 de xuño do 2017


miércoles, 25 de enero de 2017

San Amaro


Non hai tempo mellor para ler vidas de santos ca este de xaneiro, que, polas súas inclemencias climáticas, é o que máis convida ó recollemento e á lectura. Ocorre tamén que, no meu caso, teño certa debilidade polos santiños do inverno. Nalgúns lugares de España, esta semana que comezou co San Mauro e co San Pablo Eremita (15) e remata agora co San Vicente (22) coñécese como a dos santos barbudos, e está reputada como a máis fría do ano. Aí están, ademais, San Marcelo (16), San Antón Abade (17) e San Sebastián (20). Pero o meu ciclo esténdese algo máis, pasa por San Xoán Crisóstomo (27) e Santo Tomás (28), e chega á Purificación da Nosa Señora, o 2 de febreiro, e ó San Blas, o 3, de quen son especialmente devoto porque fun ofrecido de neno por miña nai, por causa dunha espiña de bacallau que se me atravesara na gorxa.
Pero de quen quero escribir hoxe é doutro santo, de San Amaro, que tamén se celebra o 15 de xaneiro, pero que se confunde habitualmente con San Mauro. Aínda que nada teñen que ver. San Amaro é un santo lendario que nunca foi recoñecido pola igrexa, pero que gozou de moita devoción en Galicia. Basta ver o número de lugares e capelas que levan o seu nome, a pesar de que non ser poucos os casos nos que o seu padroado foi substituído polo de San Mauro. Por iso foi un nome relativamente frecuente na Galicia medieval, e de aí que exista o apelido patronímico Amaro. En concreto, nun padrón de San Clodio de 1580, Amaro aínda estaba entre os nomes máis frecuentes de varón; pero desde mediados do XVI as normas de Trento xa obrigaban o bautizo con “nombres de santos y santas que están en el cielo”, segundo lembraba o bispo de Ourense don Francisco Manrique ós párrocos nas constitucións sinodais de 1544. E debeu de ser a partir desa época cando se comezou a tapar a San Amaro con San Mauro e cando desaparecen os Amaro da onomástica persoal galega.
Non obstante, “A vida do benaventurado San Amaro” foi un dos relatos máis difundidos na Idade Media por toda a península Ibérica, e aínda se mantén como lenda folclórica nalgunhas partes de Galicia. A lenda conta que un santo varón, de nome Amaro, virtuoso e de boa familia, preguntaba a tódolos peregrinos que atopaba se sabían como chegar ó Paraíso Terreal. E unha noite unha voz celeste mandoulle que saíse ó mar e que Deus o guiaría. Pasados setes meses desde o embarque chegou á illa de Terra Deserta, onde as mulleres eran fermosas e os homes feos. Pronto a mesma voz que oíra mandoulle embarcar de novo, e pasado o mar vermello chegou á terra de Fonte Clara, onde a xente era moi boa e moi guapa, e vivía arredor de trescentos anos. Pero de novo a voz lle esixiu que partira, non fose que se acostumase a vivir alí e xa non quixese buscar o Paraíso. Despois de múltiples aventuras chegou ó Val de Flores, onde coñeceu a Leonatis, quen lle indicou que debía deixar nese lugar ós seus amigos e seguir só ata un mosteiro de mulleres situado na base dunha montaña. Alí estaba Baralides, unha santa muller que vira o Paraíso e incluso trouxera un par de ramos floridos que tiñan o poder de converter calquera pena en alegría. Desde alí o santo, despois de escalar a montaña, chegou a un val onde había un castelo precioso con catro torres, e por debaixo de cada unha saía un gran río. Quixo entrar no castelo, pero un garda impediullo, aínda que lle deixou ver o interior desde a  entrada. Deuse conta entón que estaba vendo o desexado Paraíso. O garda ofreceulle levar froitas do mesmo, pero o santo preferiu un saquiño de terra.
Cando regresou a onde deixara ós compañeiros, atopou alí unha gran cidade e que non coñecía a ninguén: pasarán máis de trescentos anos desde que se fora, aínda que a el lle pareceran só uns días. Acabou morrendo nesa cidade, sendo soterrado no mosteiro que alí fundou.


Artigo publicado no diario La Región o domingo 22 de xaneiro do 2016.

sábado, 17 de diciembre de 2016

A árbore da ciencia


Descubrín a Baroja no instituto. Na antoloxía de textos literarios de Lázaro Carreter viña un fragmento de Las inquietudes de Shanti Andía, e como me gustara mercara o libro.  Pero despois, na universidade, apenas se lía novela española, salvo que foses de filoloxía. O que se levaba daquela era ler a Hermann Hesse, a Andre Gide, a Henry Miller, a Albert Camus… E cando regresei á narrativa hispana, coa carreira xa rematada, fíxeno coa xeración do 98, pero con Unamuno. A Baroja retomeino máis tarde, e creo que foi polo seu retrato. Lembrábame ó meu avó materno, o avó Emiliano, quen, coma o escritor vasco,  adoitaba ir enfundado nun pesado e deslucido abrigo, case sempre levaba a barba duns días e nunca espía a boina. Tamén compartía con Baroja  a expresión túzara e sombría, pero a luz da mirada delataba en ambos unha especial sensibilidade e un fondo oculto de tenrura e  romanticismo.

Celébrase este ano o sesenta aniversario da morte de Baroja:  faleceu o 30 de outubro do 56, por certo, dous días despois da primeira emisión de televisión en España, a efeméride que recordaba a semana pasada. E o caso é que non quería que rematase este ano sen escribir algo sobre el.

Teño pensado que se eu tivese algún tipo de xenio narrativo, que non o teño, Baroja debería ser o meu modelo. Pero non só por cuestión de gustos literarios, que tamén, senón porque, en boa medida, creo compartir con el o xeito de ver o mundo. Pode que algúns pensen que o mundo en xeral e España en particular cambiaron moito desde que Baroja escribiu. Si e non. É certo que nos aspectos estritamente materias o mundo de hai cen anos en pouco ou en nada se parece ó actual, pero nos ámbitos máis espirituais talvez non cambiamos tanto como pensamos. Ademais, os problemas de fondo de España veñen a ser os mesmos que Baroja denunciaba: inmoralidade e corrupción estendida na vida pública, unha base de inxustiza social alta e perenne, uns nacionalismos excluíntes que minan a realización do proxecto común, un sistema educativo ineficiente, un odio innato contra todo aquilo que é singular e diferente... En fin, todo iso que conduce a calquera español medianamente lúcido ó desencanto, ó pesimismo e ó illamento. Baroja escribía: «La preocupación ética me ha ido aislando del ambiente español, convirtiéndome en uno de tantos solitarios Robinsones con chaqueta y sombrero que pueblan las ciudades».

E sucedeu que canto máis foi coñecendo Baroja ó espírito humano en xeral, e os comportamentos sociais dos españois en particular, máis  pesimista se foi volvendo. Comprendeu que coa boa fe e coa verdade, nun mundo onde o que reina é a mentira, o egoísmo e o cinismo, non só non se consigue nada, senón que son esas virtudes as que impiden o trunfo de quen as practica. E ó final, tal como lera en Schopenhauer, comprobou que o coñecemento só lle engade dor ó individuo. Por iso, en El árbol de la ciencia, a súa obra mestra, que é novela imprescindible e en gran medida autobiográfica, o tío Iturrioz, home experimentado e de moito caletre, lémbralle a Andrés Hurtado, protagonista e arremedo de Baroja, como no Xénese  fala das dúas árbores do paraíso: a da vida, inmensa e frondosa, e a da ciencia, que non detalla como é, talvez por ser mesquiña e triste; e como Deus lle dixera a Adán que podía comer de todo o que alí tiña, excepto da árbore da ciencia, porque o día que comese dela morrería... Que vén a ser o mesmo que se pode ler no Eclesiastés, ese gran libro sapiencial da Biblia: «moito saber, moita molestia// e canta máis ciencia, máis sufrir.».

Aínda así, Baroja non renunciou ó coñecemento: pagou o alto prezo de resultar odioso a tódalas seitas e entre á felicidade dos animaliños e a insatisfacción dos sabios escolleu o último. 

Artigo publicado no diario La Región o domingo 11 de decembro do 2016

lunes, 18 de julio de 2016

Eloxio do silencio


Remataba a última columna lembrando a importancia que Bertrand Russell concedía ó que el denominaba coñecemento inútil; concesión que, por certo, nada tiña de menosprezo para o coñecemento útil, que tamén consideraba imprescindible. Nun ensaio no que o filósofo se ocupaba deste tema escribía: «Cando a actividade consciente se concentra por enteiro nalgún propósito definido, o resultado final, para a maioría da xente, é o desequilibrio, acompañado por algunha forma de alteración nerviosa». Por iso é tan necesario “desconectar” con certa frecuencia das ocupacións e preocupacións que ameazan facerse co control total do noso tempo; e de aí a importancia, persoal e social, de que a xente poida dispor duns tempos xenerosos de descanso e de vacacións, cousa  nada fácil nunha sociedade dominada polo principio do éxito e do máximo beneficio (material). 

Escribir con algún fin distinto do de facer pasar un rato agradable ós parroquianos resulta case sempre inútil. Sabíao ben Cioran cando escribía que «digamos o que digamos todo vai seguir igual»; e creo que Cioran foi optimista nisto. A maiores, escribir algo con certo sentido e “a contrafío”, respectando un principio de Wittgenstein que establece que non todo o que se pode pensar se pode dicir, é traballoso, alomenos para min. Porque ás veces, como escribira Beckett, «ata as palabras nos abandonan», e iso sempre resulta doloroso para quen escribe, aínda que sexa unha sinal inequívoca da misericordia de Deus para algúns dos seus coñecidos ... Pero non debe de preocuparnos o silencio literario; ó contrario, tamén resulta beneficiosa a “desconexión”, sexa temporal ou definitiva, coa escritura, tanto para o propio escritor coma para os seus lectores, que así poden dispor dun tempo extra para a realización de cousas máis interesantes, incluída a lectura dos mellores. Ó fin e ó cabo, nos varios milenios que os home levan pensando e espreméndose os miolos, xa se ten escrito case todo o que se podía escribir, de xeito que a maioría do que agora se publica apenas consiste, no mellor dos casos, na repetición de cousas que xa están ditas, e non ten máis fin có de alimentar o mercado e a fogueira das vaidades.

George Steiner, un dos máis afamados teóricos da literatura comparada e pioneiro explorador das limitacións da linguaxe para expresar a realidade intelectual, é un gran defensor do silencio en xeral, e do literario en particular. Steiner di que só no silencio podemos aprender o esencial. E por iso recomenda unha maior dedicación á vida contemplativa, da que tamén forma parte a lectura, que non é máis ca un xeito, tan obrigado coma incompleto, de contemplar o mundo. Así que, in angello cum libello, ‘nunha esquiniña cun libriño’, que era como lle gustaba pasar o veraneo a Unamuno, lendo un bo libro e ollando para unha paisaxe da alma que nos leve a relembrar os sinuosos camiños da vida... E se lles interesa a literatura do silencio, ata me atrevo a recomendarlles un par de libriños:  o ensaístico “Lenguaje y silencio” de Steiner, e o narrativo “Bartleby y compañía” de Vila-Matas.

Conclúo. Escribindo ou falando pódese ter razón, pero con Kafka apréndese  que «ás veces un ten razón cando cala», e co meu querido W. Benjamin que «o máis importante que hai que dicir non sempre se proclama en alto»… Por iso, boa parte das verdades necesarias terá que buscalas cada un no murmurio dos “sons do silencio”, coma naquela inesquecible canción de Simon and Garfunkel… Felices vacacións e ata outra.

Artigo publicado no diario La Región o domingo 17 de xullo do 2016.



martes, 3 de mayo de 2016

Cervantes: cuarto centenario


Estamos no cuarto centenario de Cervantes e hai queixas pola escasa relevancia das celebracións en España, sobre todo ó comparalas coas organizadas en Inglaterra na honra de Shakespeare, quen, como sabemos, faleceu na mesma data: 23 de abril de 1616. Pero polo menos conmemórase, porque en 1916 un decreto de Romanones suspendera tódolos actos previstos na honra de Cervantes; xustificárase a decisión no estado de guerra que vivía Europa, pero Inglaterra estaba inmersa nela e mantivo as homenaxes a Shakespeare. E nin que dicir ten que tampouco se celebraron honras en 1716 nin en 1816, porque este tipo de celebracións son posteriores: viñeron da man do nacionalismo. Considérase que foi o centenario do nacemento de Schiller, celebrado en Alemaña en 1859, a primeira conmemoración dun escritor como heroe nacional; en 1880 sería Portugal quen conmemoraría o terceiro centenario de Camoes, e España, por non ser menos, celebraría en 1881 o segundo de Calderón de la Barca. 
  Pero o caso de Cervantes era distinto. Para comezar, o seu Quijote non foi apreciado academicamente como obra xenial en España ata ben entrado o século XIX. Ben sabido é que Lope de Vega escribira que non coñecía poeta «tan malo como Cervantes, ni tan necio que alabe a don Quijote», e que o Padre Feijoo nin sequera mencionaba a Cervantes no seu ensaio “Glorias de España”. De feito, a valoración do Quijote como clásico viría de fóra, sobre todo de Inglaterra, onde merecera os maiores eloxios de Thomas Percy, de Samuel Johnson ou de Laurence Sterne en pleno século XVIII, cando aquí poucos recoñecían o seu mérito, e os que o facían corrían o risco de ser acusados de antipatriotas por deixar en peor lugar a Lope e a Calderón. 
  Serían os desastres de Cuba e Filipinas de 1898, co golpe que significaron para o orgullo patrio, os que levarían ós escritores do 98 a proclamar a superioridade da relixión e das creacións artísticas sobre a ciencia. E nese esquema nacionalista, de matiz antieuropeo e antimoderno, o Quijote, vista a admiración que espertaba fóra, serviu de bálsamo para as derrotas: eles terían a ciencia -¡Que invente ellos!, dicía Unamuno-, pero nós tiñamos unha novela que ningún outro país fora capaz de crear. Foi así como o Quijote pasou a converterse na “Biblia nacional de la religión patriótica de España”, en palabras do mesmo Unamuno. E foi así tamén como, fronte á tradicional celebración do pasamento do autor, optouse por conmemorar o terceiro centenario da publicación da primeira parte da novela, en 1905, centrando o protagonismo na obra e deixando nun segundo plano ó autor, conseguindo así que o Quijote se aproximase a esas produccións anónimas que, como o romanceiro ou o dereito consuetudinario, parecían expresar mellor o carácter da nación. Sería Ortega o primeiro en rebelarse contra a interpretación romántica e nacionalista do Quijote, denunciando a marxinación do autor respecto da obra; pero foi Américo Castro quen verdadeiramente deixou en evidencia as interpretacións reductoras, desentrañando a realidade conflictiva que sutilmente reflicte a obra, realidade marcada pola intolerancia e a represión na que se desenvolve a vida  de Cervantes debido á súa condición de cristián novo. 
  O tema do Quijote, dicía Américo Castro, non é outro cá «dificultade mesma de existir […] a expresión da conciencia de estar vivindo en perenne conflicto»… Trátase do conflicto eterno que se desata entre quen está decidido a ser quen é  –«Yo sé quién soy!»- e os que se empeñan en que non o sexa… E de aí a universalidade e a intemporalidade da magna e inesgotable obra.

Artigo publicado no diario La Región o domingo 1 de maio do 2016.

domingo, 18 de octubre de 2015

A literatura e as fronteiras



A semana pasada coñecíase o nome da premiada este ano co Nobel de literatura: Svetlana Aleksiévich. Periodista e escritora recoñecida nos países do centro e do norte de Europa pero practicamente descoñecida en España, é un claro exemplo do que Claudio Magris denomina escritores de fronteira. Dise que é bielorrusa, xa que esa é a súa nacionalidade, pero residía ultimamente en Alemaña e naceu en Ucraína, cando esta aínda formaba parte da Unión Soviética. A historia recente e a súa mirada crítica, tanto da Rusia de Stalin coma da de Putin, que se estende tamén á autoritaria Bielorrusia de Lukashenko, tenlle feito experimentar en carnes propias a odisea das fronteiras: que se cruzan, pero que logo se trasladan, desaparecen, volven a aparecer… Fronteiras que saben moito de exilios, de intimidacións, de medos, de violencias, de crimes… Non obstante, escribe Magris, as fronteiras, comezando polas da propia casa, son necesarias; porque sen elas non habería posibilidade de distinción nin de identidade, nin se podería conformar ningún tipo de individualidade, nin persoal  nin colectiva. E nada coma as terras de fronteira para propiciar a creación literaria; porque a boa literatura sempre escolle xogar na fronteira, na raia dun conflicto con dous ou máis lados.

As fronteiras de Svetlana son múltiples, pero por encima das xeográficas e das políticas que a definen sobresae outra, a que xunta e separa dous territorios en permanente conflicto dentro do ser humano: o da utopía e o do desencanto. A súa utopía, xunto coa de millóns de cidadáns da extinta Unión Soviética, entrevira nos noventa unha nova vida dentro dun socialismo democrático e máis humano. Vinte anos despois, o seu desencanto e o de tantos outros confirma que nada diso chegou, e algo peor: que o autoritarismo e os nacionalismos  volven campar por eses territorios e contan cun maioritario apoio social. A obra de Svetlana, conxunto de crónicas de diversos momentos dramáticos da Unión Soviética (II Guerra Mundial, Guerra de Afganistán, Chernobil),   construídas coas narracións directas dos protagonistas que máis sufriron neles, denuncia tanto o fracaso da utopía comunista como o da anhelada saída democrática,  unha saída que Svetlana considera moi complicada para as xeracións que ela chama do “homo sovieticus”, formadas por persoas as que «lles ensinaron a morrer polo país, pero non a ser felices».

E non deixa de sorprender que, á vista de todo iso, a fronteira na que máis se fixaron os medios de comunicación despois da concesión do galardón fose na da literatura co periodismo; presentando este Nobel como o  primeiro que premia un traballo periodístico. Esta última presentación resulta ademais discutible: Hemingway, premiado en 1954, tamén era reporteiro e as súas novelas sobre a guerra civil española teñen un indubidable fondo periodístico, o mesmo cós relatos sobre o Gulag de Solzhenitsy, premiado en 1970. E sobre a discutida fronteira entre literatura e periodismo, en España sabemos ben ata que punto ten resultado permeable e productiva na nosa historia literaria:  Larra, Azorín, Ortega, D´Ors, Gómez de la Serna, Camba, Pla, Cunqueiro, Delibes, Umbral,... De feito, coido que foi Umbral quen resolveu de xeito definitivo este dilema de se o periodismo é ou non é literatura: primeiro, proclamando a Quevedo como o seu inventor; e segundo, concedéndolle  a categoría de xénero literario con todas as da lei e con tres fins moi concretos: «mantener a los ciudadanos avisados, a las putas advertidas y al Gobierno inquieto».

Artigo publicado no diario La Región o sábado 17 de outubro do 2015

viernes, 11 de septiembre de 2015

O sol do membrillo


Para un natural do Ribeiro, setembro debería selo tempo das uvas e das vendimas, como o fora para os revolucionarios franceses, cuxo calendario comezaba no equinoccio de outono e tiña por primeiro mes o vendémiaire ‘vendimeiro’. Non obstante, a apreciación do tempo é relativa: depende do estado do observador. E para min, desde hai anos, setembro pasou de ser un tempo de vendimas –paradigma do tempo feliz- a ser un tempo de membrillos. Nas froitas, coma en todo, hai un grao de complexidade diverso: as cereixas e as uvas poderíamos dicir que son froitas evidentes, e por iso están entre as preferidas dos nenos; pero outras, coma as peras, as mazás, ou as pavías, xa son máis complexas. E é moi raro que un cativo ou mesmo un mozo sintan interese polos membrillos, que é froita demasiado sutil para esas idades.
No enxido da casa de San Clodio había un membrilleiro. No seu tempo, miña nai repartía un membrillo por cada caixón dos armarios e das cómodas da casa, para que a roupa ulise ben; e meu pai sempre gardaba unha ducia deles para ferver co viño branco, que melloraba así en aroma e clarificación. Os membrillos collíanse con bo tempo, no minguante, sen madurar de todo, pois pronto podrecen na árbore se o tempo humedece; logo, antes de gardalos, limpábanse coidadosamente cun pano. Penso que foi cando tiven que realizar esa labor cando comecei a aprezar os membrillos: unha vez eliminada a súa superficie velosa, o que aparecía diante dos ollos parecíase pouco ó froito que estaba pendurado da árbore, para semellar máis ben unha mazá de ouro. Pasados os anos, o máis perfecto dos membrillos da colleita sempre ía parar á miña mesa de traballo. E nas fonduras do inverno gustábame coller ese membrillo para cheiralo e acaricialo; porque a súa lisura, a súa cor e o seu aroma devolvíanme ós días máis luminosos… E cando comezaba a podrecer, xa se ventaba unha nova primavera. Debeu ser nesa época cando comecei a entrar no tempo dos membrillos, un tempo no que un descubre estar inmerso cando un día, de repente, se dá conta que o seu sol xa non quenta coma antes,  e que xa non pasa de ser un doce, e mentirán, sol de setembro. É o «sol del membrillo», o que reza nun verso dun dos máis celebrados poemas de Claudio Rodríguez, “Incidente en los Jerónimos”; sol de fermosísima luz, pero tan fuxidía coma traidora; a mesma luz que trataron de capturar eses dous grandes artistas eremitas que son Antonio López e Víctor Erice, o primeiro co pincel e o segundo coa cámara de cine.
Pero talvez ninguén coma Cunqueiro teña penetrado nos segredos dos membrillos e dos seus tempos; nin Plutarco, cando relata como as noivas gregas mordían un para perfumar os primeiros bicos; nin al-Mushafi, o poeta cordobés do século X que lle dedica un fermoso poema, no que di dos membrillos que teñen a dozura dunha amada; nin sequera Shakespeare, cando pensa en poñer doces de membrillo nas vodas de Xulieta. Cunqueiro, nas “Mocedades de Ulises”, converte ó membrillo nin máis nin menos ca no símbolo de Ítaca. Euriclea, a nai de Ulises, metera un membrillo da horta familiar nas alforxas do heroe antes de que este partira; e aquel membrillo, cuxo aroma non aprezara Ulises en Ítaca, comeza a recender magnífica e milagrosamente para el cando se ve separado da terra e vai cumprindo anos... 
Os grandes temas da literatura e das artes en xeral, que son os propios da vida, contra o que se acostuma pensar, son apenas uns poucos. É un deles, como sabía ben Cunqueiro, ten que ver con este doce sol de setembro, con este sol do membrillo.

Artigo publicado no diario La Región o venres 11 de setembro do 2015

viernes, 8 de noviembre de 2013

No centenario de Albert Camus


  A quen lle soan os nomes de Saul Bellow, Henrik Pontoppidan ou Wole Soyinka? Pois todos foron Nobel de literatura. Pero sabemos de Proust, Kafka ou Borges, e ningún o foi. Porque nin sequera este premio di gran cousa dun escritor: soamente a permanencia da súa obra di algo. E iso é o que acontece con Albert Camus, o autor do Estranxeiro e un dos Nobel máis lembrados, que onte cumpriría cen anos.
Por que nos sigue atraendo tanto Camus? Coido que hai dúas razóns fundamentais: a primeira, que as cuestións que propón nas súas obras, arredor dos problemas da existencia –a falta de liberdade, a inxustiza, a infelicidade, a morte…- e do xeito de encaralos, son universais e atemporais; a segunda, que coñecía o segredo de como disparar as palabras directamente  ó corazón do lector. Camus talvez non foi un gran contador de historias. Foi máis ben un filósofo humanista, ou viceversa, que utilizou a novela, o teatro, o ensaio e o artigo periodístico, para extraer as súas ideas sobre a existencia e para emocionarnos co seu xeito de comunicárnolas. No que respecta á novela –xénero con centro gravitacional no “sentido da vida”-, el sabía ben o que quería: «os grandes novelistas son novelistas filosóficos». E iso mesmo foi el. Non chegou a onde Tolstoi, Sthendal ou Proust, pero poucas novelas superan á Peste desde o punto de vista filosófico, e menos desde o alegórico. Ou moito me equivoco, ou a súa obra, especialmente A Peste, seguirá xerminando nas mentes das xeracións deste século, e ata pode que con máis forza ca na segunda metade do XX, cando a euforia da última victoria sobre “a besta” aínda estaba viva. Pero a liberdade e a xustiza, cando non a propia vida, sempre están en perigo: o microbio, deixou escrito, sempre está aí; mentres, a saúde, a integridade e a pureza dos individuos e da sociedade son obra da vontade, da rebeldía e da solidariedade. Por iso o pensamento de Camus sempre resultará pertinente e nunca caducará.
Pero son máis as leccións que podemos sacar da vida e da obra de Camus, desde o seu humilde berce en Alxeria -que nunca esqueceu-, ata a súa prematura morte en accidente –pola que sempre se lembrará coma un home novo-, pasando pola importancia que sempre lle concedeu ós mestres –o Nobel dedicoullo a Louis Germain, o seu de primaria- e ó coñecemento -«o mal que existe no mundo case sempre vén da ignorancia»-. Pero a maioría dos grandes valores, pensaba, con ser fundamentais, non son absolutos, deben estar temperados pola dimensión humana das cousas: «amo a xustiza, pero defendería a miña nai antes cá xustiza». Na condición humana, dinos, hai unha absurdeza fundamental, si, pero a miúdo acompañada da máis marabillosa e inexplicable grandeza, polo que non conduce a nada negalo todo. Hai vítimas e verdugos, asegura, pero un debe estar sempre do lado das vítimas. Para o periodismo defendía catro principios fundamentais: lucidez, desobediencia, ironía e obstinación; e nun artigo de 1939 escribía algo que debería merecer gran atención: «O periodismo sempre deberá rexeitar algo que ningunha forza lle pode facer aceptar: o servicio á mentira».
Non se precisan grandes actos nin fanfarras para lembrar a Camus. A mellor homenaxe que se lle pode facer, coma a calquera escritor, redúcese a reler os seus textos. El mesmo apuntaba sobre un dos que máis admiraba: «todo o arte de Kafka consiste en que obriga ó lector a reler». Hai que dicir que Camus tamén deu con ese difícil arte dos elixidos. Por iso, xustamente, xa nunca daremos por rematada a lectura da súa obra.

Artigo publicado no diario "La Región" o 8 de novembro do 2013. Pincha aquí