Algunhas
veces formuláronme esa pregunta tan tópica sobre que cinco ou dez libros levaría
eu a unha illa deserta, e téñome fixado que nas respostas raramente selecciono libros
contemporáneos, excepto, se acaso, un manual de supervivencia. Entre os que
sempre cito están: a Biblia, Don Quijote, os Ensaios de Montaigne, os Tratados
Morais de Séneca e os Caracteres de La Bruyere.
Pitágoras
pensaba que a populosa asemblea congregada nun estadio era semellante á do
teatro da vida, pois nela estaban representadas as tres clases fundamentais de
homes: os que non paran de exercitarse
para alcanzar a gloria, os que practican o comercio para obter ganancias e os
que, sendo pacíficos espectadores da vida, investigan a razón das cousas tratando
de sacar ensinanzas proveitosas para ordenar a súa. Calquera lector atento verá
que os meus autores favoritos están sempre dentro do terceiro grupo de
Pitágoras: estano os autores dos libros bíblicos, e estao Cervantes, Montaigne,
Séneca ou La Bruyere. E
a razón desas seleccións, aparentemente anticuadas, reside en que, se ben o
mundo leva cambiado moito desde que é mundo, os homes, no esencial, seguen a
ser os mesmos, coas súas virtudes e cos seus defectos; por iso os libros dos
grandes moralistas, coma Plutarco, Séneca, Montaigne ou La Bruyere, sempre
estarán vixentes, especialmente en tempos corruptos coma os que vivimos. Porque,
detrás das cambiantes mascaras que, ó longo da historia, teñen utilizado os que
viven de enganar ó próximo, sempre atopamos os mesmos tipos: o ambicioso, o
hipócrita, o adulador, o malévolo, o fantasma, o tirano, o ingrato... E se os moralistas gregos e latinos se
centraron máis na exploración da virtude, foron os franceses do XVII e do XVIII
os que, mediante a crítica das costumes e da dobre moral, analizaron mellor a
omnipresente presenza do vicio e da corrupción detrás dos múltiples disfraces
das virtudes aparentes; unha tarefa na
que destacou La Bruyere ,
que deixou escrito: “Coñecer a verdadeira categoría dun home é moi difícil: o
velo da modestia cubre a miúdo o mérito, e a máscara da hipocrisía tapa case
sempre a malignidade”.
Nese senso,
o primeiro capítulo dos Caracteres, titulado “As obras da intelixencia”,
debería ser preceptivo para todo aquel que pense en escribir algunha obra de creación
literaria. Así que vou rematar cunha pequena escolma de advertencias espigadas
dese capítulo: 1) “Todo está dito e un non fai outra cousa ca chegar tarde”; 2)
“Hai cousas nas que a mediocridade resulta insoportable: a poesía, a música, a
pintura, a oratoria”, e 3) “A gloria e o
mérito de certos homes estriba en escribir ben; a de outros consiste en non
escribir”.
Artigo publicado no diario La Región o domingo 4 de xuño do 2017
No hay comentarios:
Publicar un comentario