domingo, 18 de junio de 2017

Cambio climático

Comprobo cada ano como moitos alumnos chegan a 3º da ESO (14 anos) ignorando a composición da atmosfera: un 78% de nitróxeno, un 21% de osíxeno e o 1%  restante a repartir entre gases nobres e dióxido de carbono fundamentalmente. E dado que agora a Física e Química xa non é obrigatoria despois de 3º da ESO, aposto que un bo número de españois, algúns con carreira e todo, carecen dese coñecemento fundamental que antes posuía calquera rapaz de dez anos cando entraba no instituto. Pregúntome entón que idea pode ter toda esa xente do cambio climático. Seguramente a mesma que pode ter Trump, un home  que é incapaz de citar media ducia de libros que teña lido,  pero que “figura” como autor de títulos tan reveladores do espírito desta época coma “Pensar coma un multimillonario” ou “Como facerse rico”; o mesmo home que ostenta a presidencia do país máis poderoso do mundo e que se comporta coma un energúmeno nas reunións con outros líderes mundiais: proba concluínte da falsidade dese lugar común que di que “os votantes nunca se equivocan”.
E escribo isto porque podería sorprender que cando un 99% da comunidade científica está convencida de que a causa principal do quecemento global reside no aumento da concentración na atmosfera dos gases de efecto invernadoiro, nomeadamente do dióxido de carbono, aínda haxa unha maioría de persoas, Trump entre elas, que non acrediten tal cousa. Non obstante, a min non me sorprende en absoluto. Realizo unha proba a miúdo: solicito a toda unha clase que elixan entre dúas estratexias, unha acertada e outra errónea,  diante dun problema de dificultade moderada. O resultado máis frecuente consiste en que a maioría decántase case sempre  pola solución errónea, mentres só a minoría escolle a axeitada. Pois ben, sospeito que diante dos problemas reais as respostas dos cidadáns, en ausencia dunha formación adecuada, son semellantes, con dous agravantes: primeiro, a publicidade que das condutas erróneas fan os grupos que se benefician delas adoita ser moi agresiva; e segundo, os que máis saben case nunca gozan da simpatía dos máis ignorantes. Por iso recomendaría eu gravar encima da porta de entrada dos colexios esta sentencia do cronista da Peste de Camus: “Case todo o mal que existe no mundo provén da ignorancia”.
Nun tempo no que parece obrigado ser chistoso, son bastantes os que buscan e explotan o lado divertido das condutas de Trump, pero hai relatos que comezan na comedia e acaban no terror. A decisión do presidente de retirar a EE UU do acordo de París sobre o cambio climático indica xusto nesa dirección. O quecemento global non é unha película de ciencia ficción nin unha confabulación contra América, como parece pensar Trump: é unha realidade que está aí e que pronto non terá volta de folla. As consecuencias catastróficas para o Planeta e para todos os que o habitamos non son profecías baleiras ditadas por un grupo de iluminados, son predicións científicas elaboradas polos investigadores máis relevantes. Reflexionen: alguén seguiría vivindo tan tranquilo se mañá lle dixesen os mellores médicos que ten un 90% de posibilidades de contraer certa enfermidade grave se non cambia o seu estilo de vida? Negaríase a seguir o réxime recomendado coa escusa de que é caro ou de que algún outro médico lle dixo que non corría perigo? Pois xusto iso é o que está facendo Trump movido polo seu desprezo da ciencia e da razón. Pero claro, non se trata da súa propia saúde, trátase da da Terra no seu conxunto. E en espíritos narcisistas e megalómanos resulta característica  a incapacidade de ver máis alá do propio corpo e da propia vida.


Artigo publicado do diario La Región o domingo 11 de xuño do 2017.

No hay comentarios: