Mostrando entradas con la etiqueta Cunqueiro. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Cunqueiro. Mostrar todas las entradas

jueves, 4 de enero de 2018

Pasan os anos

Imaxinen vostedes o mundo antes da civilización. Daquela non había nin  anos vellos nin anos novos, nin entroidos nin coresmas,  nin meses de maio nin de setembro, nin tan sequera sábados ou domingos. Porque desde un punto de vista físico ou astronómico, todos os días son iguais: unha simple e repetitiva intermitencia de luz e  escuridade. Así que o tempo, ou máis concretamente o tempo medible, é un invento da humanidade. A civilización, convén sabelo, consiste en boa parte en darlle contidos a ese tempo inventado, enchéndoo con diversas celebracións, que xunto con outras convencións son as que lle dan certo orde e sentido á nosa existencia. Por iso, unha característica común a tódalas civilizacións é a adopción dun calendario. Tal calendario, celebrativo e festivo fundamentalmente, evita de paso ter que reflexionar sobre a asombrosa indiferenza con que os acontecementos siderais contemplan a nosa vida, sinal clara da infinita insignificancia cósmica da mesma. E hai que recoñecer que no de ir ocupando o calendario con  diversas festividades ninguén ten superado á Igrexa. Se acaso agora, a nova relixión, que é o consumismo, vai conseguido significativos avances, coma en Galicia fixando a celebración de paparotas, pero calquera comparación co grao de refinamento cultural da Igrexa resulta ridícula.
Chegados á Noitevella, que nos últimos anos se ten erixido na máis grande celebración laica de orde mundial, un pode preguntarse que se festexa máis, se o fin do ano vello ou a entrada do ano novo. Haberá opinións para tódolos gustos, pero a min paréceme que, podendo, debemos festexar as dúas cousas. Non obstante, na literatura, as adiviñas sobre o ano novo resultan moi superiores ás reflexións sobre o vello. E parece xusto: o ano que pasou, xa pasou, e o seu relato aínda non tivo o repouso necesario para gozar do  encanto literario; mentres, o ano novo chega cargado de ilusións, de incertezas e de soños, é dicir, do que constitúe a materia prima da literatura.
Sobre todo isto escribiu moito e ben Cunqueiro. E das historias da entrada de ano gústame unha súa sobre todas. Conta como unha mañá dun esquecido día do outono de 1642, Luscinda Lopes, portuguesa natural do bispado de Braga pero residente en Lisboa, observou que lle nacera un gran no nariz. Ata aí nada extraordinario. Pero á semana o gran xa tiña o tamaño dunha noz; ó mes o dun melonciño invernizo, e no Nadal o dun enorme cabazote. Foi así que os médicos, unha vez obtido o preceptivo permiso da curia eclesial, decidiron intervir. A extirpación daquela descomunal vinchoca programouse no hospital de San Martín, sito na desaparecida Praza do Martirio, para a tardiña do 31 de decembro daquel ano do Señor de 1642. Pero a cousa demorou, e xusto cando o cirurxián encargado, doutor Cardoso, se dispoñía a usar o bisturí, o gran rebentou. E no medio do asombro máis absoluto da concorrencia, do gran saíu un homiño rubio e bigotudo. Diante disto, o canonista enviado pola curia para vixiar a operación preguntoulle ó aparecido: Quen es e que fas aquí?  Ó que este respondeu afouto e cheo de razón: «Non tiña que entrar agora o ano 1643? Pois por algún sitio tiña  que entrar!»...  E pegando un brinco saíu voando pola cheminea.
Xa ven entón que os anos entran por onde menos se esperan. Pero sobre o que van traer, ata o mesmo Cunqueiro opinaba que, a pesar da moita literatura ó respecto, nada se podía profetizar. Aínda así, hoxe polo menos, convén ser optimista, e tratar de aproveitar o mellor posible esta fermosa noite. E non esquecer, especialmente os novos, uns famosos versos de Robert Herrick: «tomade as rosas mentres podades/  que rápido o tempo voa». Feliz ano.

Artigo publicado no diario La Región o domingo 31 de decembro do 2017.

domingo, 24 de diciembre de 2017

Nadal

Ningún tempo se celebra coma o Nadal. Desaparecen unhas festas e aparecen outras, pero o Nadal  permanece coa mesma forza e luminosidade que sempre o caracterizou. Certo que vai cambiando a forma de celebralo, e ata resulta indiscutible que o vamos adulterando no seu significado máis auténtico, pero o que ninguén pode dicir é que corra perigo de perderse.
O outro día lía o que escribira o “Tío Marcos da Portela” (Lamas Carvajal), nos anos 1883 e 1884, sobre a noiteboa no rural galego daqueles tempos, e pensaba que, con pequenas diferenzas, viña a ser a mesma que se viviu en Galicia ata finais dos anos sesenta. Era unha noiteboa moi humilde, na que o bacallau era o manxar das ceas nas casas dos pobres, que eran case todas, e o turrón apenas se cheiraba;  pero reinaba esa alegría inconmensurable que nace das familias  xuntas, da ilusión dos cativos, que son os verdadeiros reis do Nadal, e do canto das panxoliñas arredor do lume da lareira, entre copas de licor café e xerras de viño con azucre. Unha alegría que, como nos facía saber o “Tío Marcos”, aínda que pareza un paradoxo, resultaba ser inversamente proporcional á riqueza das familias. Pero a Navidá está chea de paradoxos, comezando polo de que trata da historia dunha familia sen fogar que se celebra en todos os fogares.
Non obstante, nos últimos cincuenta anos o Nadal ten cambiado moito; fundamentalmente, porque perdeu autenticidade. Hai moita luminaria nas vilas e nas cidades, celébranse moitas paparotas e os regalos xa non se sabe onde metelos. Pero trátase dun negocio:  o da  “posta en valor” do Nadal. Na realidade, unha convenienzuda magnificación do accesorio en prexuízo do esencial. O Nadal, sabémolo todos, é agora a festa anual do consumismo; e eu estou co W. Benjamin que afirmaba que «detrás do consumidor puro está o explotador puro». Porque, cando o único principio que rexe na  sociedade é o do beneficio, as relacións autenticamente humanas por forza teñen que desaparecer. No famoso conto de Dickens ó avaro e repelente Mr. Scrooge non lle gustaba nada o Nadal; hoxe, os seus simpáticos herdeiros adoran este tempo: promoven desfiles de Navidá e de  Reis, contratan a centos de Papás Noel en precario e fanse inmensamente ricos... 
É Noiteboa, unha boa noite para contar historias. Unha das que máis me gusta aprendina de Cunqueiro. Conta como  Deus mandou moer unha estrela e repartiu o seu  flamíxero po entre a xente. Ese foi o primeiro fogo que habitou nos homes. Pasado un tempo, co po que lle sobrara, Deus fixo a estrela que guiou ós Reis Magos ata o presebe de Belén... E como esta noite tampouco debe faltar unha panxoliña, aquí lles deixo un par de estrofas da que cantabamos na misa do galo de San Clodio, xusto cando se ía bicar o Neno e se descubría o monumental nacemento que facían os rapaces.

Pola media noite
Cando o galo canta
Nunha vila santa
Que se chama Belén

Nunhas pobres pallas
Nun pobriño establo
Naceu malpocado Xesús
Xesús  noso ben


Bo Nadal. 


martes, 4 de julio de 2017

Adiós ríos, adiós fontes


É ben sabido que a época do “desarrollismo español” comezou coa entrada dos chamados tecnócratas nos gobernos de Franco, a finais dos cincuenta. Desa época quedoume na cabeza unha definición de tecnócrata: “Home capaz de demostrar que importar area no deserto pode ser un bo negocio”. Vista desde a perspectiva do tempo, a definición correspondíase mellor coa de economicista, pero hai que considerar que a tecnocracia franquista foi en gran medida unha adaptación das ideas economicistas que comezaran a imperar despois de 1945. E pensara eu nunha versión galega da definición: “Home capaz de demostrar que importar auga en Galicia pode ser un bo negocio”. Porque se algunha cousa sobraba en Galicia, aparte de necesidades, era auga. Ninguén no seu xuízo pensaba nos anos sesenta ou setenta, incluso nos oitenta, que nun prazo relativamente curto a maioría dos galegos terían que mercar a auga para beber. Había, si, augas embotelladas, coma as de Fontenova ou as de Mondariz, pero entendíase que eran máis ben para quen tiña algún tipo de doenza. Porque a xente, maiormente, bebía a auga das numerosas e marabillosas fontes que había repartidas por tódalas parroquias, vilas e cidades de Galicia; un patrimonio riquísimo cuxa conservación, xunto coa dos camiños, sempre figurara como primeira obriga das autoridades públicas. Pero, comproben o que queda de todo aquilo pasados apenas trinta anos.  Case nada.
Abandonáronse os mananciais, e entre as fontes: unhas desapareceron, outras secaron,  bastantes amosan o ameazador cartel de “auga sen control sanitario”  e as poucas das que aínda se pode beber adoitan estar  conectadas á traída pública, cuxa auga, aínda cumprindo cos mínimos de potabilidade, poucas veces lembra á saborosa e fresca que se podía beber en calquera fonte do país de antano.
Son bastantes os que pensan que beber auga embotellada é un signo de progreso e de salubridade. Pero non é nada diso, tan só unha sinal máis do éxito do novo paradigma do culto do privado e do descoido e privatización do público. Porque poucas actividades hai menos racionais en relación co respecto ó medio ambiente cá venda e consumo de auga embotellada, tanto pola contaminación que supón o seu envasado en materiais plásticos coma pola cantidade de combustible que se gasta no seu transporte. Con moito menos gasto poderiamos ter conservado as nosas fontes e os nosos mananciais, e as redes públicas de captación e distribución da auga poderían estar en bastante mellor estado. Pero iso atentaría contra un gran negocio privado, que tamén axuda a sustentar o paradigma. E agora, ademais da perda da auga para beber, chegan os efectos das secas, consecuencia da diminución de precipitacións, si, pero tamén dunha xestión defectuosa dos nosos recursos hídricos, que seguen sendo moi abundantes.
A ningún elemento aristotélico debe máis a nosa natureza de galegos cá auga. Somos un país de auga. Por iso a nosa filosofía e a nosa poética son acuosas. Aínda sen ter lido  a Heráclito ou a Manrrique, calquera galego sabe que a vida é o río que nos leva, e que o destino do home é o da auga que corre. E cando soñamos, soñamos cunha casiña no medio dun val ameno que mira para un regatiño que corre alegre á sombra dos amieiros, coa fonte limpa que nos cura de tódolos males ou co baño purificador nas augas transparentes da infancia... Como escribira unha vez Cunqueiro, tendo diante o libro de Otero sobre o Padre Feijóo e pensando na vista que o sabio tivera do Miño desde a súa casa natal de Casdemiro: «a presenza da auga, sor pura e casta, é unha caricia perfecta para a mente do home feliz. E tamén para a do grave, coma Feijóo». Amor de auga.

Artigo publicado no diario La Región o domingo 25 de xuño do 2017.

sábado, 4 de junio de 2016

De peixes e pescantíns


Escribía o outro día de paxaros, pero este tamén é tempo de peixes e de pescantíns. En Galicia, e máis na Galicia interior, todos os que temos unha certa idade estamos asociados a un río; pode ser un humilde regatiño ou un río de maior entidade, pero un río ó fin e ó cabo, con todas as filosofías e todas as  poéticas que lle son propias. E con ese río, onde botamos os primeiros barcos de xoguete, onde aprendemos a nadar e onde fixemos algunhas das  primeiras aventuras exploratorias, sentímonos identificados de por vida. Pero esta identificación falta nos novos, porque se perdeu o contacto íntimo cos ríos, e coido que iso é unha gran perda.
O meu río da infancia e da adolescencia, e polo tanto o meu verdadeiro río, é o Avia. Gardo memoria de cada un dos seus recunchos. Por iso cando leo ou escoito a palabra “río”  vexo o Avia, o mesmo que cando a palabra é “nai” teño a feliz imaxinación da miña. Daquel río da infancia e da adolescencia lembro a maxia das viaxes en piragua; en especial cando, no medio da verde soidade dos amieiros e entre os trilos dos paxariños, un deixaba de remar e aproximaba a cara á pel da auga, ata chegar a rozala, para así poder observar mellor o enigmático transcorrer da vida asolagada: das troitas, das bogas, dos peixes, das anguías, que se movían por tódolos lados. Tamén lembro tardes soleadas de abril e maio en Ribadavia, na época do Instituto, cando íamos a tumbarnos á beira do río para observar o grandioso espectáculo da loita heroica de miles de troitas contra a lei da gravidade, tratando de superar a presa da Beronza. Daquela, o primeiro exercicio de pesca para os nenos adoitaba consistir en atrapar unha anguía cunha fisga feita dunha estaca cun garfo atado na punta; e logo viñan as primeiras experiencias, tamén obrigadas, con cana, sedal e anzol. Pero non facía falta ir nunha lancha nin ir de pesca para observar a numerosa poboación de peixes e anguías que daquela tiña o río. Bastaba pararse ó cruzar unha ponte ou unha pontella e mirar para as augas, nese acto case instintivo ó que o reformador español Juan de Valdés asignaba grande importancia definitoria, pois opinaba  que os ríos e os seus habitantes foran feitos para que os contemplaran os sabios e para que non reparasen neles os imbéciles… Hoxe case nada queda de todo aquilo. Cruzo con frecuencia o Arenteiro e o Avia, e ás veces, no rutineiro exercicio observatorio, non son capaz de divisar nin un só peixe, aínda permanecendo catro ou cinco minutos na vela.
Que pasou? Que entremedias viñeron os embalses e a contaminación das augas: acabáronse os sábalos (que subían polo Miño ata Francelos, lexítima capital histórica da pesca de Ourense), as lampreas (que eu aínda vin pescar na Ponte San Clodio) e as anguías, e diminuíron unha barbaridade as troitas e os peixes… Así que os efectos do “progreso” foron especialmente perversos cos ríos. Curiosamente, os índices de calidade das augas en xeral non son malos: pero os embalses alteraron equilibrios e comportamentos das especies acuáticas que nada teñen que ver cos parámetros que se miden.
Nunca me afeccionei á pesca, talvez pola pouca maña que demostrei nas primeiras tentativas; pero sempre admirei ós pescadores, que tanto practican a virtude da paciencia como exercitan a sabedoría da contemplación. E gústame escoitar os seus relatos, igual cós dos cazadores, paradigmas os dous do arte da narración. Por iso me pesa non ser pescantín, sobre todo despois de lerlle a Cunqueiro que de haber existido en Galicia un Isaac Walton, aquel “perfecto pescador de cana” inglés, coetáneo de Shakespeare, seguramente houbera escollido o Avia para pescar…

Artigo publicado no diario La Región o domingo 29 de maio do 2016.

viernes, 11 de septiembre de 2015

O sol do membrillo


Para un natural do Ribeiro, setembro debería selo tempo das uvas e das vendimas, como o fora para os revolucionarios franceses, cuxo calendario comezaba no equinoccio de outono e tiña por primeiro mes o vendémiaire ‘vendimeiro’. Non obstante, a apreciación do tempo é relativa: depende do estado do observador. E para min, desde hai anos, setembro pasou de ser un tempo de vendimas –paradigma do tempo feliz- a ser un tempo de membrillos. Nas froitas, coma en todo, hai un grao de complexidade diverso: as cereixas e as uvas poderíamos dicir que son froitas evidentes, e por iso están entre as preferidas dos nenos; pero outras, coma as peras, as mazás, ou as pavías, xa son máis complexas. E é moi raro que un cativo ou mesmo un mozo sintan interese polos membrillos, que é froita demasiado sutil para esas idades.
No enxido da casa de San Clodio había un membrilleiro. No seu tempo, miña nai repartía un membrillo por cada caixón dos armarios e das cómodas da casa, para que a roupa ulise ben; e meu pai sempre gardaba unha ducia deles para ferver co viño branco, que melloraba así en aroma e clarificación. Os membrillos collíanse con bo tempo, no minguante, sen madurar de todo, pois pronto podrecen na árbore se o tempo humedece; logo, antes de gardalos, limpábanse coidadosamente cun pano. Penso que foi cando tiven que realizar esa labor cando comecei a aprezar os membrillos: unha vez eliminada a súa superficie velosa, o que aparecía diante dos ollos parecíase pouco ó froito que estaba pendurado da árbore, para semellar máis ben unha mazá de ouro. Pasados os anos, o máis perfecto dos membrillos da colleita sempre ía parar á miña mesa de traballo. E nas fonduras do inverno gustábame coller ese membrillo para cheiralo e acaricialo; porque a súa lisura, a súa cor e o seu aroma devolvíanme ós días máis luminosos… E cando comezaba a podrecer, xa se ventaba unha nova primavera. Debeu ser nesa época cando comecei a entrar no tempo dos membrillos, un tempo no que un descubre estar inmerso cando un día, de repente, se dá conta que o seu sol xa non quenta coma antes,  e que xa non pasa de ser un doce, e mentirán, sol de setembro. É o «sol del membrillo», o que reza nun verso dun dos máis celebrados poemas de Claudio Rodríguez, “Incidente en los Jerónimos”; sol de fermosísima luz, pero tan fuxidía coma traidora; a mesma luz que trataron de capturar eses dous grandes artistas eremitas que son Antonio López e Víctor Erice, o primeiro co pincel e o segundo coa cámara de cine.
Pero talvez ninguén coma Cunqueiro teña penetrado nos segredos dos membrillos e dos seus tempos; nin Plutarco, cando relata como as noivas gregas mordían un para perfumar os primeiros bicos; nin al-Mushafi, o poeta cordobés do século X que lle dedica un fermoso poema, no que di dos membrillos que teñen a dozura dunha amada; nin sequera Shakespeare, cando pensa en poñer doces de membrillo nas vodas de Xulieta. Cunqueiro, nas “Mocedades de Ulises”, converte ó membrillo nin máis nin menos ca no símbolo de Ítaca. Euriclea, a nai de Ulises, metera un membrillo da horta familiar nas alforxas do heroe antes de que este partira; e aquel membrillo, cuxo aroma non aprezara Ulises en Ítaca, comeza a recender magnífica e milagrosamente para el cando se ve separado da terra e vai cumprindo anos... 
Os grandes temas da literatura e das artes en xeral, que son os propios da vida, contra o que se acostuma pensar, son apenas uns poucos. É un deles, como sabía ben Cunqueiro, ten que ver con este doce sol de setembro, con este sol do membrillo.

Artigo publicado no diario La Región o venres 11 de setembro do 2015

sábado, 5 de septiembre de 2015

Odonimia hispánica


A odonimia, do grego odós ‘camiño’ e ónoma ‘nome’,  é a parte da toponimia que se ocupa dos nomes das rúas e das vías públicas en xeral. Parece cousa inocente pero non o é, e pode ter certo interese escribir algo sobre ela.
Este verán, xusto cando saía de Galicia en viaxe vacacional, falaban na radio das intencións da alcaldía de Madrid de cambiar os nomes con referencias franquistas de máis dun cento de rúas; logo, en diversas vilas e cidades do solar hispano, comprobei que non son poucos os odónimos que aínda conmemoran a Franco, a José Antonio, á División Azul, etc. Pero, na emisora galega que eu escoitaba, a polémica centrábase en Álvaro Cunqueiro, cuxo nome, xunto co doutros escritores non menos admirados por min, coma Josep Pla ou Julio Camba, aparecía na lista dos das rúas que se deberían rebautizar, e os tertulianos poñían o grito no ceo diante do que consideraban un grave despropósito. E concordo en que sería un despropósito rebautizar tales rúas con nomes doutros “ilustres”. Pero non consideraría tal borrar eses nomes –e moitos máis- do rueiro de Madrid e de outros rueiros; ó contrario, podería ser un grande acerto e ata unha sinal de consideración cos escritores. E talvez agora debería explicarme.
En 1923, Camille Julien, historiador e académico francés, pronunciaba unha conferencia no concello de París con este significativo título: “Ne touchez  pas aux noms des rues”, que eu traduciría por “Deixade en paz o nome das rúas”. C. Julien trataba de defender o respecto pola tradición á hora de nomear as rúas, tradición que consistía, en Francia e en tódolos sitios, en que as rúas tomaban o nome do seu aspecto, dos seus monumentos ou da súa historia, pero «xamais se comprendería antigamente que unha rúa ou unha praza levase o nome dalgún episodio actual ou dalgún personaxe da historia […] Porque a razón do nome sempre era local e topográfica». Pero esa tradición comezou a rachar en Francia no século XVII, primeiro para homenaxear á realeza e logo á nobreza e ó clero; de aí centos de rúas dedicadas ó rei,  ó dauphin, a  condes, duques, bispos, arcebispos… Coa revolución xa foi a hecatombe; a nomenclatura de reis, nobres, santos, bispos, ..., e tamén a tradicional, viuse substituída pola das grandes ideas e a dos grandes homes: Concorde, Revolutión, Esprit des Lois, Voltaire, Montesquieu, … E a cada cambio político, novo nomenclátor e novas controversias. E en España, que sempre tivo en Francia o primeiro referente, pasou exactamente o mesmo; nisto foron máis comedidos os ingleses, máis respectuosos coa tradición –utilizan placas conmemorativas, pero non tocan os nomes das rúas-, e os americanos, defensores en xeral das neutras nomenclaturas sistemáticas –caso de Manhattan-, aínda que as conmemorativas estean gañando peso.
Eu estou cos que consideran que no acto de nomear as rúas hai moito de apropiación do dominio público por parte do poder, e de vontade política para impoñer un determinado relato histórico e ideolóxico; por iso concordo con P. Bordieu, que observaba unha violencia intrínseca no monopolio do estado para lexitimar tales nomes. E vería ben calquera estratexia que tratase de ir reducindo os nomes conmemorativos dos nomenclátores urbanos, limitándoos ós que gardasen relación directa coa historia da rúa. Porque a odonimia conmemorativa é un instrumento de manipulación política moi potente; e o poder, por cada nome que merece unha lembranza, adoita meter un cento de matute… Por iso alguén chegou a escribir, talvez con razón, que se un quere descubrir algún dos máis grandes caciques da historia dun país, deberá comezar por estudar o nomenclátor das rúas das súas cidades.

Artigo publicado no diario La Región o venres 4 de setembro do 2015.

viernes, 29 de noviembre de 2013

Tempo de mazás


Pasou a vendima; colléronse as peras, os membrillos e as castañas. Agora retornamos a un tempo de mazás. Non é un tempo fixo, nin continuo; pode comezar en setembro e chegar ata o Nadal. Dura o que duran as mazás penduradas das maceiras. Polo medio van quedando outros tempos máis fuxidíos: o dos cogomelos, o das noces, o dos magostos... Acostuma ser un tempo do sur, húmido e chuviñento, de nubes baixas que corren, de néboas a media altura que se deteñen; pero tampouco falta o sol outonizo, nin as xeadas e as neboeiras cando xa se encamiña ó seu remate. É un tempo de vagar: o mellor do ano para camiñar polas aldeas, para parolar coa xente, para ler e para soñar.
A terra na que vivo, por causa dunha declinación xermanizante gusta de rimar con mazás: Godás, Madarnás, Lobás, Nonás, Garabás, Miomás…E os meus paseos adoitan transcorrer por Veiga, a máis mazanceira das parroquias do Carballiño. Aquí entenden de cousas importantes: de mazás do inverno, tabardillas e camoesas; de peros reais, roibos e repinaldos. Non confunden os peros coas mazás: os peros son máis altos ca grosos, ó revés das mazás. Tamén entenden de sidras e de riquilantes, e lembran cando lles vendían mazás ós asturianos. Agora, as maceiras, a maioría entradas en anos, coma os donos, camban e resisten como poden os achaques da idade. E dá unha inmensa pena ver o seu traballoso froito estrado polo chan. Adoito coller un par de mazás cando vou paseando, para comelas ou simplemente para apalpalas e ulilas. Gústame que estean molladas, pois a auga disolve e concentra as súas esencias perfumadas. Hai un famoso poema francés de Lucie Delarue-Mardrus que comeza con este verso: «todo o aroma do meu país está nunha mazá». E os colores, e as formas, e as texturas. Unha mazá é coma un país en miniatura.
Non existe froita máis universal cá mazá, nin ningunha atesoura o seu simbolismo. Na mitoloxía grega as «mazás das Hespérides» proporcionaban a inmortalidade, e a «mazá da discordia» desatou a guerra de Troia; no Cristianismo, Eva e Adán probaron da «mazá prohibida» e derramaron sobre a nutrida descendencia tódolos castigos de Deus; na ciencia, a inspiración para o coñecemento non chegou coa caída dun ourizo ou dun figo senón coa da «mazá de Newton». Saúde, beleza, desexo, coñecemento... todo colle nunha mazá. Para Neruda, o acto máis simple da terra era morder unha mazá. Discrepo. É pracenteiro e común, pero non é simple. Ó contrario, tal vez sexa un dos actos máis complexos e suxestivos da existencia: entendérono moi ben en «Apple».
En Galicia aínda está por facer o eloxio das mazás. Algunha atención lles prestou Cunqueiro, pero pouca: non falou das virtudes incomparables da súa compota, nin desa sobremesa propia de reis que é a empanada de mazás. Apuntou, iso si, que soñar con mazás é proba inequívoca de desexo carnal; e penso eu que aquela fermosa costume de gardar as mazás estendidas sobre arpilleiras polos fallados, que inundaba coas fragancias dos pumares as alcobas dos nosos avós, algo tería que ver co alto índice de familias numerosas que se daba en Galicia, ... e ata coa inclinación ó canto das nosas devanceiras e devanceiros. Non, xa non apreciamos no que valen as mazás, talvez o froito que mellor nos representa. Entregados ó eloxio do exótico e do fugaz, esquecemos a miúdo a riqueza do común, do cotiá, do próximo; e que ós paraísos perdidos foise maiormente andando. Nun tempo de mazás.

Artigo publicado no diario "La Región" o día 29 de novembro do 2013

martes, 8 de octubre de 2013

Tempo de vendima

Vendima no Ribeiro (1945) de galiciaunica.es

Otero Pedrayo consideraba a vendima como paradigma do tempo feliz. Pensaba, ademais, que era tempo  propicio para ler a Teócrito e a Virxilio. Porque o conxunto de traballos e rituais da vendima xa están nos clásicos: Homero, Hesiodo, Anacreonte, Teócrito, Virxilio…, todos lle cantan á vendima o canto do tempo feliz. Cando un le: «os mozos e as doncelas/ en cestas acuguladas/ van as vendimadas uvas / levando para as tinallas /../ ao nume da vendima/ coros alegres cantan», podería pensar en calquera vendima de hai algúns anos, pero estes versos da “Oda ó viño” foron escritos por Anacreonte seis séculos antes de Cristo. Logo, o cristianismo, ó recoller boa parte do antigo e riquísimo simbolismo das vides e do viño, común a diversas culturas, e converter en dogma a transformación eucarística do viño en sangue de Cristo, achegaría á xente moitas metáforas e parábolas relacionadas con este tema, destacando sempre o carácter alegre e festivo da vendima: «e saíndo ó campo, vendimaron as viñas, pisaron as uvas e fixeron unha festa» (Xuíces; 9,26). As escenas de vendima que se representan no mosaico do mausoleo de Santa Constanza, en Roma, unha obra do século IV, en pouco se diferencian das tradicionais vendimas de Galicia: as vendimadoras cortando os acios con ganchelas ou coitelas, os carrexóns levando ó lombo os cestos culeiros acugulados, o carro de bois coa súa tinalla de madeira para o transporte das uvas, os pisóns exercendo o seu oficio no lagar… Asombra esa constancia milenaria das labores e dos símbolos, pero son os “canteiros” (‘pedras prismáticas sobre as que se colocan as cubas’) nos que asentaron as liturxias da vendima, por esa razón perdurables co decorrer do tempo. Por todo iso, coma os clásicos, os nosos poetas celebraron o tempo feliz da vendima: «Arde en bulla o Ribeiro/…/É o tempo da colleita/…/Nos eidos, ¡qué alegría!/ Nas adegas, ¡qué bullas e que afáns!/ Nos lagares, ¡qué louca algarabía!/ ¡Qué sana toleiría/ nas horas dos seráns!», cantaba don Eladio no seu poema “A Vindima”; e Samuel Eiján, nos traballados versos de “Vida Sanclodiana”, definía aquelas vendimas do pobo: « La vendimia es…la calma regalada/ de pueblo humilde, manso, agradecido/.../ Es…el júbilo grato, placentero,// Es…la gran solución, firme, brillante,/ del problema peor de la existencia,/ que asegura al hogar pan abundante/…/ y promete al vivir tiempos mejores/». E así lembro eu as vendimas no Ribeiro.

Pero, pasemos ó tempo de hoxe. Estou en San Clodio, parroquia natal don Eladio e do padre Eiján, e tamén miña. Leo a Cunqueiro á sombra dunha parra. Ó meu alcance está un acio de dourada treixadura de vagos diamantinos. É tempo de vendima: estamos na forza dela! Todo semella fermosísimo: o aire é de seda, o ceo dun azul intenso; nas follas, os verdes comezan a deixarlle paso ós amarelos; zoan as avespas arredor dunha cepa albilla, e uns xilgaros comen con fruición as sementes dunhas caléndulas; recende a pexegos e a membrillos… Pero, onde vai aquela bulla e aquelas trafegas dun pobo na vendima? A maioría das casas aparecen pechadas; as vellas cubas, os embudos da pisa, os culeiros e as barcaletas van cedendo ós ataques dos vermes na escuridade das bodegas baldías. Non se escoitan ataruxos, nin pasa ningún grupo de vendimotas pola Praza. As mimosas, os piñeiros e os carballos continúan derrotando, nos socalcos, ós antano ordenados e poderosos exércitos das viñas, e pronto atacarán ó nobre casarío. Un tractor cargado de uvas, con destino nunha bodega circunstancial, racha o silencio e a soidade da tarde. Insensible ó acontecer, a maioría da veciñanza descansa na paz do cimiterio parroquial, libre das preocupacións deste tempo decadente… Resoan uns versos do poeta amado roubado na flor da existencia: ¡Sacras terras do noso impar Ribeiro/…/ antonte berce e hoxe cemiterio!

Artigo publicado no diario La Región o 8 de outubro do 2013. Pincha aquí.

martes, 17 de septiembre de 2013

En busca do tempo presente

Nova York nos anos trinta

Comeza un novo curso. Entran os rapaces nas aulas: alegres, faladores, esperanzados; felizmente ignorantes do tempo. Mentres, o profesor, lembra unhas palabras de Unamuno: «El tiempo: he aquí la tragedia.»; porque o tempo é algo complicado. Para Séneca había tres tempos: presente, pasado e futuro. Deles, o presente era brevísimo, o futuro dubidoso e o pasado o único certo. Antes, para os estoicos,  o presente non era que fose breve: nin sequera existía, non era máis có punto de unión do pasado co futuro. Pero chegou San Agustín e deulle a volta a todo: o presente era a única realidade incuestionable. Non había pasado nin futuro, soamente presente: o presente das cousas pasadas, o presente das cousas presentes e o presente das cousas futuras. Agora ben, o tempo de San Agustín era un tempo psicolóxico e subxectivo, distinto do cosmolóxico, obxectivo e medible, único considerado ata entón. Nos anos trinta do século pasado o filósofo alemán Walter Benjamin engadiría unha terceira clase de tempo: o histórico. Coma San Agustín, Benjamin consideraba o presente como única realidade indiscutible, pero o seu presente xa non era espiritual, tratábase dun presente de coñecemento, dun “tempo do agora” do que partía a percepción do pasado e do futuro. Resulta moi suxestiva a tese de Benjamin: diferencias fundamentais entre individuos e entre colectividades (chámense vilas, cidades, países…) terían moito que ver co distinto peso que lle asignan a cada un dos tres compoñentes temporais do presente. Tense dito case todo sobre os individuos a este respecto, pero moito menos sobre as colectividades e o xeito que teñen de percibir o tempo. Talvez un dos primeiros en intuír a importancia de tal relación fose o periodista galego Julio Camba, que escribía en xaneiro de 1931: «Nueva York…me atrae… por su sacrificio constante del pasado y del porvenir al momento presente... Nueva York es, ante todo, el momento presente... Nos atrae porque uno no puede vivir al margen del tiempo.». Hoxe poderíase escribir o mesmo, coa diferenza de que agora, no mundo global, son moitas as cidades e os países que, xunto con Nova York, se atopan no centro do tempo: Tokio, Amsterdam, Sidney, Shangai... Alemaña, Finlandia, Corea, China... Noutro grupo estarían as cidades e os países ancorados no pasado. Claudio Magris ten reflexionado moito sobre este aspecto do tempo; fala en Danubio da cidade alemana de Regensburg, un centro vital do antigo Sacro Imperio Romano, incapaz de liberarse do eloxio e da nostalxia do pasado, de «una gloria que sólo se puede recordar y nunca poseer, que siempre ha sido y nunca es». Lendo isto e buscando paralelismos, ó xeito de Cunqueiro, resulta imposible non pensar en Ribadavia, en Santiago, en Galicia..., ou mesmo en España. Porque, cargados de pasado, lixeiros de presente e exentos de futuro, levamos séculos vivindo á marxe do tempo, aínda que ás veces nos disfracemos coa máscara da modernidade. Aí radica a verdadeira crise, unha crise perpetua que, con síntomas ou sen eles, sempre está aí, coma o microbio da Peste de Camus. Iso é o que nos leva a ter que coller as maletas a cada pouco, pero non para buscar un futuro, como sempre se dixo, tan só para buscar o presente. Aquí, empeñados no inútil intento de construír futuro sobre o pasado mítico, o presente adoita resultar tan escaso que non dá para todos. Habería que dilatar o presente, e nas aulas antes ca en ningún sitio. O malo é a magnitude das forzas internas que empuxan en contra. A pesar de todo, situar ós novos no tempo presente sería tarefa de gran urxencia; porque, como deixou escrito Vasili Grossman en Vida e destino: «o tempo non amará nunca ós fillos dun tempo pasado».
Os rapaces xa están acomodados. Diante do profesor atópase a principal fonte de riqueza do país: a intelixencia. Desperdiciala é un pecado... Maduran os membrillos. Comeza un novo curso. 

Artigo publicado no diario "La Región" o 16 de setembro do 2013.