Abandonáronse
os mananciais, e entre as fontes: unhas desapareceron, outras secaron, bastantes amosan o ameazador cartel de “auga
sen control sanitario” e as poucas das
que aínda se pode beber adoitan estar conectadas á traída pública, cuxa auga, aínda
cumprindo cos mínimos de potabilidade, poucas veces lembra á saborosa e fresca
que se podía beber en calquera fonte do país de antano.
Son
bastantes os que pensan que beber auga embotellada é un signo de progreso e de
salubridade. Pero non é nada diso, tan só unha sinal máis do éxito do novo
paradigma do culto do privado e do descoido e privatización do público. Porque
poucas actividades hai menos racionais en relación co respecto ó medio ambiente
cá venda e consumo de auga embotellada, tanto pola contaminación que supón o
seu envasado en materiais plásticos coma pola cantidade de combustible que se
gasta no seu transporte. Con moito menos gasto poderiamos ter conservado as
nosas fontes e os nosos mananciais, e as redes públicas de captación e
distribución da auga poderían estar en bastante mellor estado. Pero iso
atentaría contra un gran negocio privado, que tamén axuda a sustentar o
paradigma. E agora, ademais da perda da auga para beber, chegan os efectos das
secas, consecuencia da diminución de precipitacións, si, pero tamén dunha
xestión defectuosa dos nosos recursos hídricos, que seguen sendo moi
abundantes.
A ningún
elemento aristotélico debe máis a nosa natureza de galegos cá auga. Somos un
país de auga. Por iso a nosa filosofía e a nosa poética son acuosas. Aínda sen
ter lido a Heráclito ou a Manrrique, calquera
galego sabe que a vida é o río que nos leva, e que o destino do home é o da
auga que corre. E cando soñamos, soñamos cunha casiña no medio dun val ameno
que mira para un regatiño que corre alegre á sombra dos amieiros, coa fonte
limpa que nos cura de tódolos males ou co baño purificador nas augas
transparentes da infancia... Como escribira unha vez Cunqueiro, tendo diante o
libro de Otero sobre o Padre Feijóo e pensando na vista que o sabio tivera do
Miño desde a súa casa natal de Casdemiro: «a presenza da auga, sor pura e casta,
é unha caricia perfecta para a mente do home feliz. E tamén para a do grave,
coma Feijóo». Amor de auga.
Artigo publicado no diario La Región o domingo 25 de xuño do 2017.
Artigo publicado no diario La Región o domingo 25 de xuño do 2017.
No hay comentarios:
Publicar un comentario