Non hai
tempo mellor para ler vidas de santos ca este de xaneiro, que, polas súas
inclemencias climáticas, é o que máis convida ó recollemento e á lectura. Ocorre
tamén que, no meu caso, teño certa debilidade polos santiños do inverno. Nalgúns
lugares de España, esta semana que comezou co San Mauro e co San Pablo Eremita
(15) e remata agora co San Vicente (22) coñécese como a dos santos barbudos, e
está reputada como a máis fría do ano. Aí están, ademais, San Marcelo (16), San
Antón Abade (17) e San Sebastián (20). Pero o meu ciclo esténdese algo máis,
pasa por San Xoán Crisóstomo (27) e Santo Tomás (28), e chega á Purificación da
Nosa Señora, o 2 de febreiro, e ó San Blas, o 3, de quen son especialmente
devoto porque fun ofrecido de neno por miña nai, por causa dunha espiña de
bacallau que se me atravesara na gorxa.
Pero de quen
quero escribir hoxe é doutro santo, de San Amaro, que tamén se celebra o 15 de
xaneiro, pero que se confunde habitualmente con San Mauro. Aínda que nada teñen
que ver. San Amaro é un santo lendario que nunca foi recoñecido pola igrexa,
pero que gozou de moita devoción en Galicia. Basta ver o número de lugares e
capelas que levan o seu nome, a pesar de que non ser poucos os casos nos que o
seu padroado foi substituído polo de San Mauro. Por iso foi un nome
relativamente frecuente na Galicia medieval, e de aí que exista o apelido
patronímico Amaro. En concreto, nun padrón de San Clodio de 1580, Amaro aínda
estaba entre os nomes máis frecuentes de varón; pero desde mediados do XVI as
normas de Trento xa obrigaban o bautizo con “nombres de santos y santas que
están en el cielo”, segundo lembraba o bispo de Ourense don Francisco Manrique
ós párrocos nas constitucións sinodais de 1544. E debeu de ser a partir desa época
cando se comezou a tapar a San Amaro con San Mauro e cando desaparecen os Amaro
da onomástica persoal galega.
Non
obstante, “A vida do benaventurado San Amaro” foi un dos relatos máis
difundidos na Idade Media por toda a península Ibérica, e aínda se mantén como
lenda folclórica nalgunhas partes de Galicia. A lenda conta que un santo varón,
de nome Amaro, virtuoso e de boa familia, preguntaba a tódolos peregrinos que
atopaba se sabían como chegar ó Paraíso Terreal. E unha noite unha voz celeste
mandoulle que saíse ó mar e que Deus o guiaría. Pasados setes meses desde o
embarque chegou á illa de Terra Deserta, onde as mulleres eran fermosas e os
homes feos. Pronto a mesma voz que oíra mandoulle embarcar de novo, e pasado o
mar vermello chegou á terra de Fonte Clara, onde a xente era moi boa e moi
guapa, e vivía arredor de trescentos anos. Pero de novo a voz lle esixiu que
partira, non fose que se acostumase a vivir alí e xa non quixese buscar o Paraíso.
Despois de múltiples aventuras chegou ó Val de Flores, onde coñeceu a Leonatis,
quen lle indicou que debía deixar nese lugar ós seus amigos e seguir só ata un
mosteiro de mulleres situado na base dunha montaña. Alí estaba Baralides, unha
santa muller que vira o Paraíso e incluso trouxera un par de ramos floridos que
tiñan o poder de converter calquera pena en alegría. Desde alí o santo, despois
de escalar a montaña, chegou a un val onde había un castelo precioso con catro
torres, e por debaixo de cada unha saía un gran río. Quixo entrar no castelo,
pero un garda impediullo, aínda que lle deixou ver o interior desde a entrada. Deuse conta entón que estaba vendo o
desexado Paraíso. O garda ofreceulle levar froitas do mesmo, pero o santo
preferiu un saquiño de terra.
Cando regresou
a onde deixara ós compañeiros, atopou alí unha gran cidade e que non coñecía a
ninguén: pasarán máis de trescentos anos desde que se fora, aínda que a el lle
pareceran só uns días. Acabou morrendo nesa cidade, sendo soterrado no mosteiro
que alí fundou.
Artigo publicado no diario La Región o domingo 22 de xaneiro do 2016.
No hay comentarios:
Publicar un comentario