O adxectivo «agónico» procede do substantivo «agonía»: ‘angustia do
moribundo, estado que precede á morte’, pero tamén, e antes, ‘loita, combate’.
Coma todas as palabras da súa familia léxica, vén en última instancia do termo
grego «Agón», que era entre os antigos helenos o lugar do Olimpo onde se
reunían os deuses, pero pronto significou tamén ‘loita, combate’, dado o
carácter pouco amigable que tiñan as relacións entre as divindades. De aí que
no teatro clásico o «agón» fose o conflito dialéctico sobre o que se estruturaba
a obra, o mesmo que «protagonista» era o que comezaba a discusión e
«antagonista» o que se opoñía. Así, a relación entre os dous significados
principais de «agonía» enténdese agora facilmente, pensando que quen «agoniza»
mantén unha tráxica contenda coa morte.
Vén ó caso todo isto porque dous importantes intelectuais españois do
século XX, Sánchez Ferlosio e Lain Entralgo, prestáronlle gran atención a este
adxectivo que, na situación actual, talvez resulte obrigado recordar.
Sánchez Ferlosio diferenza entre un tempo consuntivo e un tempo agónico. O
primeiro é o tempo da felicidade -o do xogo dos nenos, o do traballo creativo,
o do amor...- no que cada instante se vive plenamente no seu presente, liberado
do peso do pasado e da incerteza angustiosa do futuro. O segundo, que denomina agónico
ou adquisitivo, é un tempo tenso, sen presente, no que cada instante só existe
en función do pasado e do futuro: é o tempo das metas marcadas, o dos deportes
de competición, e tamén o característico da historia; un tempo que pode traer
satisfaccións, pero nunca a felicidade. Dicía
Hegel que a historia non era terra propicia para a felicidade; e remacha
Ferlosio que tampouco o é a vida entendida coma unha competición. A ideoloxía
competitiva en calquera ámbito, o culto da excelencia, a preparación intensiva
para ser os mellores, a cobiza por ser os máis ricos,... Trátase de “valores”
que, entendidos como absolutos, converten o tempo en fundamentalmente agónico,
conflitivo e infeliz.
Laín Entralgo, que formou con Unamuno, Ortega, Américo Castro e Sánchez
Albornoz o grupo de autores que máis indagaron no problema do ser e da natureza
de España e dos españois, escribía en 1997, con case noventa anos, un magnífico
ensaio que levaba por título de “El sentimiento agónico de España”. Comezaba
lembrando un soneto de Quevedo: «Miré los muros de la patria mía,/ si un tiempo
fuertes, hoy desmoronados,/ de la carrera de la edad cansados,/ por quien
caduca ya su valentía/...», que fora escrito en 1643, cando o poeta, vello,
desenganado e perseguido, asistía o declinar de España: o Corpus de Sangue e a
guerra de Cataluña, a rebelión e separación de Portugal, a paz de Westfalia...
Despois repasa Entralgo o sentimento agónico na España de finais do XIX e
principios do XX, en Menéndez Pelayo, en Unamuno, en Ortega, en Machado... Pero
en ningún dos dou casos, advertía, España acabou fenecendo. Agora ben, na
conclusión escribía: «En el siglo XXI, ¿qué va a ser de España? ¿Se producirá
en ella una paulatina desintegración? ¿Se alcanzará la realidad de una nueva y
más satisfactoria convivencia? España vive y, en determinados aspectos de su
existencia, vigorosamente. Pero ¿hacia dónde va? Yo no lo sé.».
Artigo publicado no diario La Región o domingo 20 de maio do 2018.
No hay comentarios:
Publicar un comentario