En maio do
68 eu era un adolescente que cursaba o bacharelato no instituto de Ribadavia. E
non lembro ter noticia do que estaba sucedendo cos estudantes nas rúas de París.
Nin sequera dos disturbios do mesmo tipo que acontecían aquí, na Universidade
de Santiago. O único conflito do que sabía era o do embalse de Castrelo de Miño,
e iso porque algunha vez, ó pasar por San Paio, no autobús do Cabanelas,
viramos á Garda Civil montada en cabalos dirixirse a Castrelo. Daquela España era
un país domesticado no que tanto a xente
coma os medios sabían ben do que conviña falar e do que non. Aquel ano
informárase abundantemente do asasinato de Martin Luther King e do de Robert
Kennedy, o mesmo ca da ocupación de Checoslovaquia polos tanques rusos ou da
matanza de estudantes en México, pero pouco dos sucesos de París e nada dos
disturbios nas universidades españolas.
Na primavera
do 68 as noticias que máis atención mereceran foran: o trunfo de Massiel en
Eurovisión cantando o La, La, La, a canción
que Serrat se negara a cantar en castelán, e a eliminación do Real Madrid -de
Amancio, Velázquez, Gento...- polo Manchester United –de Stiles, Best, Bobby
Charlton...- nas semifinais da Copa de Europa. Porque no fondo, tampouco
cambiamos tanto...
Pero a pesar
de toda esa ignorancia respecto do que pasaba, boa parte dos da miña xeración,
e incluso dos da posterior, somos fillos políticos do Maio Francés, tanto ou
máis cós que xa eran mozos daquela: porque a chegada e asimilación das ideas,
modas e costumes do movemento tardaron
un tempo en producirse en España.
Aínda así,
convén sinalar que o Maio Francés é un concepto enganoso, coma gran parte dos
conceptos históricos. Na realidade, o movemento sitúa as súas raíces lonxe de
Francia, concretamente nos EE UU. Hai que ir á xeración beat, á guerra de
Vietnam, ó hippismo e ós disturbios na Universidade de Berkeley (California) do
ano 1964, para entender a orixe da protesta estudantil que acabou estendéndose por Europa no 68, non só
por Francia, aínda que a crise política que desatou nese país fose a máis
importante de todas.
De que se trataba? Non é fácil dar unha resposta
concisa, porque a revolución poderiamos dicir que tivo un gran pluralismo
semántico. Pero hai algo fundamental: a sociedade, logo das guerras da primeira
metade do século e do paso de millóns de persoas pola disciplina militar,
estaba moi xerarquizada e moi centrada no progreso material, pero esquecida do
home e da súa natural aspiración á
liberdade e á felicidade. O progreso, como ensinara Freud, viña en gran medida
de reprimir os instintos da xente, especialmente os apetitos sexuais. E a
mocidade xa non estaba disposta a aturar os sacrificios e represións que
pasaran os seus pais. Quería vivir a vida e ser feliz. Para que tanto progreso
e tanto consumo se os homes continuaban sendo infelices e os mozos seguían
sendo enviados a morrer ós campos de batalla? De aí vén a contracultura do
hippismo. Se a cultura traía opresión, a liberdade debería vir da
contracultura: levar o pelo largo, consumir drogas, ir mal vestidos, practicar
o sexo libremente, non mover unha palla, meditar, pintar, cantar, admirar a
natureza... Tratábase de ser libres para facer o contrario cás persoas “normais”...
Claro que era unha utopía! Pero conviría saber que bastante do mellor da nosa
sociedade, sinaladamente no ámbito das liberdades persoais, vén daquela utopía
do Maio do 68.
Artigo publicado no diario La Región o domingo 6 de maio do 2018.
1 comentario:
Somentes unha corrección;
" A G. Civil montada en cabalos" = G.C. dacabalo.
O outro é castelanismo.
Publicar un comentario