Contraetiqueta identificadora da D.O. Ribeiro
Dicionario da Real Academia Galega: «Ribeirao: adx.1. Do Ribeiro e dos seus habitantes. // s. 2. Persoa natural ou habitante do Ribeiro.».
Sucedeu este verán, nun xantar de amigos. Cando chegamos ó restaurante, a mesa xa estaba posta e o viño nela. Por iso de que son ribeirao, servíronme un grolo para que probara. O viño, de marca para min descoñecida, non me pareceu malo, pero disto de ser un bo catador. Foi no medio do xantar, nun intre no que me fixei na botella, cando notei algo raro nela; ó collela descubrín a razón: no fondo da etiqueta, debaixo da marca, non poñía Ribeiro; parecía que poñía iso, pero había unha vocal a maiores. Logo, a ausencia da contraetiqueta oficial confirmou que non era Ribeiro. Lembrei outro caso parecido, de hai bastantes anos; daquela a marca era Riveliño, unha marca que no inconsciente todos lían Riveiriño, excepto os que adorábamos o xogo de Rivelino, un magnífico xogador do Brasil. É ben coñecido o meacnismo cerebral que nos leva a confundir dúas palabras semellantes, sempre que a primeira e a última letra das mesmas conincidan. Pensaba que estas trangalladas eran cousa do pasado, pero enganábame; non porque confiase na extinción dos trampulleiros, caste que nunca escasea, senón porque cría que a labor policial dos órganos competentes non decaera. Esta non é unha cuestión menor: a protección contra este tipo de usurpacións sempre figurou entre os obxectivos fundamentais dos consellos reguladores das denominacións de orixe. Convén saber, por exemplo, que dúas das denominacións máis prestixiosas de España, como son Rioxa e Priorado, coinciden en establecer, nada menos que no artigo 2 dos seus regulamentos, a protección contra estas prácticas con case idéntica redacción: «Queda prohibida la utilización en otros vinos, de los nombres, las marcas,
los términos… que, por su similitud fonética o gráfica con los protegidos,
puedan inducir a confusión con los que son objeto de este Reglamento». En
consecuencia, sorpréndeme que o vixente regulamento da D.O. Ribeiro, do 2009,
non conteña un artigo semellante, e que descanse totalmente, a este respecto,
na lexislación complementaria; porque tal artigo si estaba no regulamento de
1976; era o 53, que dicía exactamente o mesmo cós dous antes citados. Paréceme
sintomática esa ausencia; tanto coma que no texto vixente sempre figure a
función de promoción diante da de protección e defensa da Denominación, cando
foi esta última a principal razón de ser dos consellos reguladores. A efectos
comparativos, pódese comprobar como no regulamento da D.O. Rioxa nin sequera se
contempla a función de promoción. Pregúntome: non será que aquí, centrados na
promoción dos viños máis excelentes e dos mercados máis exóticos, nos
esquecemos da defensa dos viños de gama media, dos mercados máis próximos e dos
propios ribeiraos? Pois conviría que
se soubera que estes últimos viños e mercados representan cerca do 90% do
consumo total de Ribeiro. No Consello, que coñecen ben os números, tamén deben
saber que as accións que lle corresponde realizar deberían respectar a
realidade porcentual apuntada. Lembrar isto cando se di que arredor de dous
millóns de quilos de uvas de pequenos productores ribeiraos, coa vendima xa encima, aínda non teñen comprador nin
prezo, paréceme unha obriga. E que se inche un pouco menos o peito, co fin de
dobrar un pouco máis o lombo, paréceme outra.
Artigo publicado no diario "La Región" o 24 de setembro do 2013. Enlace.
No hay comentarios:
Publicar un comentario