Ninguén sabe o que vai pasar este xa fatídico 1-O da historia de España e
de Cataluña, pero o que desexamos case todos é que pase en paz. Mentres,
resulta case imposible situarse á marxe
do gran problema no que nos meteron. Porque, tal como di o historiador Álvarez
Junco, isto nace dun conflito entre as elites políticas, basicamente
barcelonesas e madrileñas, competindo por apropiarse de competencias e
recursos. Foron elas as que encirraron ó pobo, e agora estamos onde estamos. O
pobo, en xeral, salvo catro exaltados, o que quere é tranquilidade e benestar,
pero as elites son conscientes de que tampouco é tan difícil mobilizalo
apelando a sentimentos e paixóns enquistadas. Os políticos responsables, que
saben que non todo está permitido para tombar ó contrario, abstéñense de tocar
certos rexistros. Pero cando medra a irresponsabilidade da clase política, como
ten medrado en España, abandónase ese principio e calquera cousa pode suceder.
Dito isto, subliño que a responsabilidade principal do que está pasando
correspóndelle ó goberno da Generalitat.
E nestes días de voraxe informativa, cando escoitaba as opinións dalgúns
dos manifestantes que tomaron as rúas de
Cataluña, lembreime de Josep Pla (1897-1981), un dos máis grandes escritores
que ten dado Cataluña e referencia intelectual permanente para min.
Aparte da admiración mutua por Montaigne, Proust, Baroja ou Machado, comparto
moitas das ideas do Pla maduro e experimentado -menos do Pla mozo-, pero a máis
importante talvez sexa a do escepticismo respecto dos homes. «Non creo moito
nos seres humanos» e «Este mundo resulta
incompatible coas persoas honradas» son dúas sentencias de Pla que subscribo
totalmente. E asombroume ver como estudantes universitarios que apenas entraran
na primavera da xuventude xa tiñan totalmente claras as raíces e as saídas do
irresoluble problema de Cataluña, o mesmo cós adultos consultados. Pla,
lembrando a súa xuventude, escribira: «Ós vinte anos tense unha visión moi
simplista das cousas»; e sobre Barcelona e os barceloneses apuntara algo que
agora resulta común en calquera sitio: «Esta é unha cidade na que todo o mundo
o sabe todo». Mal o ten entón a razón traballada (non hai outra) nesta contenda.
Entusiasmados, os entrevistados falaban da república ideal que van crear:
democracia perfecta, traballo para todos, servizos sociais inmellorables, corrupción
cero, ...: unha Arcadia feliz. E outra vez Pla, nesta ocasión contestando a
alguén que lle falaba mal da monarquía: «Se vostede me di que a monarquía é unha
merda eu contéstolle con obxectividade total que a república tamén o é. As
obras dos homes son o que son, e non poden ser outra cousa».
Tamén saía o tema do inxusto trato económico a Cataluña. E Pla, que coñecía
moi ben a historia do seu país, xa tiña resposta para esta vella cuestión e
para a asociada en favor da independencia: «A riqueza catalá parte de Joan
Güell y Ferrer, impulsor do proteccionismo en España; desde entón Cataluña é un
país inmensamente rico, groseiro e espantoso»; «O catalanismo non debería prescindir de España:
os cataláns fabrican moitos calzoncillos, pero non teñen suficientes cus».
Pla sabía moito da política e dos políticos cataláns, pasara polo
nacionalismo e incluso polo independentismo, pero despois dos sucesos da II República
e da total falta de lealdade de Esquerra con España, acabou repudiando o
catalanismo político (que non o cultural) e posicionándose en contra de calquera
variante do irredentismo e do vitimismo catalán.
Apunte final: desde 1969 entrégase en Cataluña o
Premio de Honor das Letras Catalás. A Josep Pla, o seu escritor máis universal,
nunca se lle concedeu.
Artigo publicado no diario La Región o domingo 1 de outubro do 2107.
No hay comentarios:
Publicar un comentario