Talvez debería escribir sobre outras cousas e deixar o tema de Cataluña.
Pero cando algún perigo ameaza debemos enfrontarnos a el: asubiar e mirar para
outro lado non serve de nada. De feito, unha boa parte da gravidade do problema
que temos vén diso: de que os primeiros obrigados a atallalo miraron para outro
lado demasiado tempo. Agora entramos noutra semana crucial, na que ninguén sabe
que vai pasar. Confiemos en que, coma ata agora, nada do que suceda sexa
irreparable.
E aínda que case todo está dito, quixera insistir na idea do historiador
Álvarez Junco que recollía no meu artigo de hai quince días, porque me parece
moi importante: que esta fase aguda do
conflito catalán non nace do pobo de Cataluña, como pensa moita xente, senón
dun enfrontamento entre as elites políticas, sinaladamente barcelonesas e
madrileñas, que, incapaces de resolvelo nas institucións, acabaron
transferíndollo á xente.
Hai uns datos que apenas se manexan e que a min me resultan moi significativos.
O Centro d´Estudis d´Opinió (CEO), dependente da Generalitát de Cataluña e polo
tanto libre de sospeitas de españolismo, publicaba o último barómetro sobre as
opinións políticas dos cataláns en xullo deste ano; é dicir, noutronte. E, que
nos dicía ese barómetro? Primeiro: un 35% dos cataláns quería que Cataluña fose
un Estado independente, un 31% decantábase por que seguise sendo unha
Comunidade Autónoma, un 22% por que fose un Estado dentro dunha España Federal
e un 8% non sabía ou non contestaba. Segundo: un 39% das persoas entrevistadas
sentíanse tan catalás coma españolas, un 23% exclusivamente catalás, un 22% máis catalás
que españolas, un 7% máis españolas ca catalás e un 5% exclusivamente
españolas. En suma, que a maioría dos cataláns non estaba pola independencia e
que o sentimento dunha nacionalidade
catalá exclusiva tamén era minoritario. Curiosamente, tan só dous meses
despois, está moi estendida a crenza contraria: que os independentistas son
maioría en Cataluña. Non obstante, o
certo é que seguirán sendo aproximadamente os mesmos. Porque a xente non cambia
os seus sentimentos de identidade dun día para outro. Así o demostran todas as
análises históricas deste tipo de cuestións. Cando, por exemplo, estudamos como evolucionou a maioría parcial dos que se
senten tan cataláns coma españois, vemos que o 39% actual era un 39,5% hai dez
anos, e un 35% hai vinte e cinco; é dicir, que apenas houbo unha variación
significativa de tal sentimento en todo un cuarto de século. O que si parece
que medrou nos dous últimos meses, en case vinte puntos, foi a proporción dos
que pensaban que se debía realizar un referendo. Pero iso non é un sentimento:
é un estado de opinión, e as opinións si que varían, rápida e facilmente: hoxe
nun sentido e mañá no contrario.
Reclaman os soberanistas, incansables, ese “dereito
a decidir” que tan ben soa a oídos incautos, pero que ningunha democracia recoñece
do xeito absoluto que o pretenden. E reclamaría eu, se mo permiten, un dereito
que tampouco aparece en ningunha constitución, pero que debería figurar en
todas: o dereito dos cidadáns a que os deixen tranquilos. Ós políticos elíxense
e págaselle, fundamentalmente, para que resolvan problemas, non para que os
creen. E á maioría absoluta da cidadanía xa nos chega ben cos contratempos que
nos trae o azar da vida... Eu, se queren que lles diga, o que sinto nestes días
é unha profunda envexa. De quen? Dos
cidadáns europeos que se levantan cada día sen temor a que ningún político
iluminado poña en perigo o marco político e territorial no que se desenvolve a
súa existencia. Pero xa se sabe: Spain is different.
Artigo publicado no diario La Región o domingo 15 de outubro do 2017.
No hay comentarios:
Publicar un comentario